17/06/20

Os goleadores costeiros no século XXI (2000-2020)

Vinte temporadas, vinte anos do século XXI para contabilizar os máximos goleadores naturais da Costa. Desde a temporada 2000-01 ata a 2019-20 pasaron polas nosas ligas moitos goleadores, pero hai varios que destacan. Non é sinxelo facer unha clasificación. Primeiro, porque non se compite sempre na mesma categoría, e as diferenzas son notables cando se compara unhas con outras. Pero meter goles é complicado, sexa onde sexa. Outra dificultade é ter os datos certos. Aquí valémonos, fundamentalmente, das crónicas que José Manuel Ferreiro publicaba na edición de Carballo de La Voz de Galicia, mais tamén nos tivemos que apoiar nas crónicas de Que Pasa Na Costa ou nos datos da propia Federación Galega de Fútbol, sobre todo nos últimos anos. A bo seguro que os números que aquí figuran non son fixos ao cento por cento, pois en máis dunha temporada faltan partidos dos que non puidemos coñecer os goleadores, pero creo que o resultado final non debe de andar moi lonxe da realidade. As nosas desculpas aos que lles "roubamos" goles, pero case todos han de ter algún goliño de menos.
Gelucho Romar patrocinou os máximos goleadores da Costa
durante moitas temporadas. [Foto: Ana García-La Voz]

Escollemos este período de tempo por termos máis medios de consulta e máis seguridade, co importante apoio que foi a creación dos premios aos máximos goleadores, que a través das páxinas de La Voz de Galicia foron patrocinando, primeiro a empresa "Groupama Seguros" de Coristanco, e despois, durante máis tempo, a baiesa Gelucho Romar. Nos últimos anos a ceense "Máis Deporte" continuou cos trofeos. 
máisdeporte segue coa tradición de
premiar os máximos goleadores.
[Foto: Jorge Parri]
Evidentemente, aquí non figuran os grandes goleadores dos anos noventa que daban neste século as súas últimas tardes de gloria. É o caso do fisterrán Isidro (o "homijol" que lle chaman na súa terra), os irmáns Domingo e Augusto, o muxián Weri, o camariñán Pepucho, o ceense Floreal, o zasense Felipe, etc. etc. Tamén hai moitos que van figurar nestas listaxes que non van ver reflectidos todos os goles que marcaron, pois non van aparecer os que conseguiron antes da temporada 2000-01. Futbolistas de entre dous séculos moi destacados como Mino, Guillermo, os irmáns Marco e César do Cabo, Óscar, Piti, José Puenteceso... e outros que deixan sen contabilizar un bo saco de goles dos inicios das súas carreiras (Doro, Leo, Alejandro, Litos, Pedro, Míchel, Manoliño ou Martín). Pero como non podemos facer unha clasificación dos goleadores de toda a historia da Liga da Costa pola falta de datos, por algún lado tiñamos que cortar e usamos o cambio de século para isto. 

A CLASIFICACIÓN GLOBAL
Clasificación global dos goleadores da Costa
[pica na foto para agrandar]
Luis Giance
Figuran nesta clasificación os goles obtidos polos nosos futbolistas independentemente da categoría na que militasen. Isto, como dixemos, pode non ser obxectivo para subliñar a capacidade goleadora dos xogadores, por canto non é o mesmo marcar na 3ª Autonómica que na Preferente, por poñer un exemplo, pero avala unha traxectoria de varios anos marcando goles que fan que ao final, xogues onde xogues, acabes convertido nun "home-gol". No cadro podedes ver os datos do goleador, os goles conseguidos, as temporadas que disputou neste período (recorda, século XXI), a media de goles por temporada, e os goles desglosados nas categorías que xogou.
Polo tanto, o goleador costeiro deste século XXI é LUIS, xogador cabanés que militou case toda a súa carreira no CD Nantón. Un home que superou os 300 goles na súa traxectoria (xa marcara algún o século pasado), que é toda unha institución no noso fútbol. Algo máis da metade dos seus goles foron conseguidos na 3ª Autonómica, mais tamén suma unha boa cifra na 2ª, nas 16 temporadas que lle contabilizamos (retirouse na 2015-16).
Alejo Cambón
A segunda posición é para un goleador só do século XXI, o cormelán ALEJO, un auténtico "One Club Man", pois a súa carreira só tivo de momento un único club, o Corme CF. Xa marcando goles na Liga da Costa como xuvenil, desde a temporada 2008-09 suma xa 12 campañas, nas que leva 243 goles, cunha media superior aos 20 goles por temporada. Os 56 goles da 2016-17 puxeron en perigo o récord do fisterrán Isidro da 1991-92 (61 goles). As súas cifras na 2ª Autonómica son escalofriantes, pero tamén marcou moitos na 1ª Autonómica.
Toniño Facal
Terceiro posto do podio para outro "One Club Man", o coristanqués TONIÑO, que acumulou nas 13 temporadas que xogou a cifra de 235 goles, todos eles na SD Coristanco, e case todos na 3ª Autonómica.
Case poderiamos falar de empate técnico co seguinte da lista, pois un gol menos, 234, lle contabilizamos ao eterno veterano da Liga da Costa do século XXI. Leoncio Picallo, LEO, xa empezou a marcar goles mediada a década dos noventa, e superando a cifra dos 300. Neste século destacou como goleador do Cee, mais non foi, nin moito menos, o único club. E tampouco foi a 2ª Autonómica a única categoría na que xogou, e na que marcou a maioría dos goles, senón que a 1ª e a Preferente tamén puideron disfrutar da súa definición cara á portería. Este corcubionés é o único dos vinte primeiros clasificados que disputou as 20 temporadas.
Leo, Vituco e Adrián Makaay ocupan o 4º, 5º e 6º posto

No quinto posto figura un caionés que tamén compartiu varios vestiarios e varias categorías: Club do Mar, At. Arteixo, Laracha, Ponteceso, Soneira... ata as últimas experiencias en Lira ou Malpica, por exemplo son a bagaxe de VITUCO en 19 temporadas. Supera os 200 goles, con cifras semellantes na 1ª e na 2ª Autonómica, aínda que tamén ten goles na Preferente.
Similares números ten o fisterrán ADRIÁN MAKAAY, pero en tan só 13 campañas. Tamén son varias as categorías (da 3ª División á 2ª Autonómica) e varios os clubs (Fisterra, Dumbría, Soneira, Betanzos, Laracha, Arousa...). Os seus goles repártense fundamentalmente entre a Preferente e a 1ª Autonómica, aínda que o ano que "baixou de categoría" non lle foi tan mal.
A seguir veñen dous baiseses que superaron os 200 goles. O primeiro deles é MARTÍN MC, outro destacado "One Club Man", que tamén é un goleador do Século XXI. No CD Baio marcou 207 goles en 12 temporadas entre a 1ª e a 2ª Autonómica.
Completan os dez primeiros clasificados: Martín MC,
Guillermo, David Blanco e Pablo Muíño
GUILLERMO é un goleador por excelencia, que xa empezou a marcar mediada a década dos noventa. Ser quen de conseguir máis de 300 goles entre 3ª División e Preferente dan bo testemuño. Neste século supera os 200 nas 11 temporadas que xogou en diferentes equipos (Bergantiños, Malpica, Betanzos, Cerceda, Vilalbés, Montañeros, Ordes...), máis da metade deles na Preferente, un bo número na 3ª División e mesmo logrou unha boa cifra na única campaña que disputou na 2ª Autonómica co CD Baio. 
O cabanés DAVID BLANCO tamén pasou por varios equipos e varias categorías para achegarse aos 200 goles na súa carreira. Cabana, Malpica, Santa Comba, Sp. Sada, Sp. Zas, Baíñas... foron algúns dos seus equipos, e boa parte dos goles logrounos na 2ª Autonómica. O mesmo lle sucede ao baiñán PABLO MUÍÑO, que practicamente empata con Blanco en número de goles, e tamén xogou desde a Preferente ata a 3ª Autonómica, en Dumbría, Sp. Zas ou Baíñas, nas 14 temporadas.
José Carlos Llanero, Víctor Vilar e Róber Pladur
Empatados a goles e a temporadas están o fisterrán José Carlos LLANERO e o oleiro VÍCTOR: 182 goles en 14 campañas. Iso si, temos que facer unha observación, pois ao primeiro non lle sumamos os goles logrados durante a súa experiencia na 2ª B (At. Madrid B, Sporting B, Orihuela e Águilas) por non dispoñer de datos fiables. Reparte os seus goles entre a 2ª Autonómica e a 1ª, marcados entre o Dumbría e o UC Cee, aos que hai que sumar os de categoría nacional no Compostela. Víctor Vilar militou na SCD Buño e entre a 2ª e a 3ª Autonómica logrou achegarse aos 200 goles.
RÓBER PLADUR leva 12 temporadas marcando goles en distintas categorías e clubs, aínda que fundamentalmente na Esteirana e na 2ª Autonómica. Outro goleador excepcional foi o berdillés ÓSCAR, que xa marcaba goles a comezos da década dos noventa e seguiuno facendo na seguinte e mesmo volveu marcar tras unha primeira retirada. A 1ª Autonómica foi a súa categoría preferida, na que militou en varios clubs (San Lorenzo, Baio, Cabana, At. Arteixo, Malpica).
Óscar, Javi Suárez e Martín
JAVI SUÁREZ é outro dos goleadores do séc. XXI que militou en varios equipos e categorías (da Preferente á 3ª Autonómica), mais foi na Liga da Costa na que máis converteu. O baiés MARTÍN acumula goles na súa conta desde mediados da década dos noventa, e neste século, sempre no CD Baio, seguiu marcando goles tanto en 1ª Autonómica como na 2ª para chegar aos 162.
Manoliño, Aitor, Juan Carlos e Yanki completan os 20
O loureán MANOLIÑO xa marcaba goles tamén nos últimos anos do anterior século, e neste chegou ata os 161 a pesar de exercer tamén como colexiado. A maioría dos seus tantos foron na 3ª Autonómica, aínda que conta cun bo número na 2ª Autonómica. O pindexo AITOR combinou o fútbol co fútbol sala e iso seguro que lle impediu sumar máis goles na súa carreira, aínda que os 150 non están mal, logrados entre a 1ª, 2ª e 3ª Autonómica. As mesmas categorías que disputou o porteño JUAN CARLOS, alcumado "O Vello", que logrou en varios clubs ao longo da súa carreira. E se de varios clubs falamos temos que referirnos ao muradán YANKI, especialista en cambiar de club mediada a temporada e de categoría, visitándoas todas desde a Preferente ata a 3ª Autonómica, pero co gol por bandeira.
Estes son os 20 primeiros -polas nosas contas- e fóra quedaron outros bos goleadores, que han de estar na boca de todo bo afeccionado á Liga da Costa, caso dos Quique, Suso Docampo, Piti, Doro, Charro, Mané, Tasky, Kevin, Manolo do Cruceiro ou Alejandro, pero non podiamos facer unha lista interminable. Agora imos velos por categorías.

GOLEADORES DA 3ª DIVISIÓN
Goleadores da Costa na 3ª División
Guillermo, Josito, César, Doro e Mino.
Un quinteto de luxo para o fútbol da Costa
O baiés GUILLERMO encabeza a clasificación grazas aos 66 goles marcados nas 6 temporadas que xogou nesta categoría en distintos clubs como vimos. Séguelle o zasense JOSITO, que nunha campaña máis logrou 55 (case todos no Bergantiños, club do que é o seu máximo goleador en competición nacional). O fisterrán CÉSAR do Cabo supera os 50 goles entre os marcados co Negreira e co Santa Comba. Mesmos equipos, xunto co Malpica, nos que militou o xalleiro DORO nesta categoría, para achegarse ás mesmas cifras. E completa o quinteto de luxo costeiro, o cabanés MINO, outro killer de entre dous séculos, que nas cinco temporadas que xogou na 3ª División logrou 38 goles (e un pichichi co Malpica).

GOLEADORES DA PREFERENTE
Goleadores da Costa na Preferente
Guillermo, Adrián Makaay, Doro, Vituco e Kevin
son os mellores goleadores costeiros na Preferente
Os números do baiés GUILLERMO nesta categoría son abraiantes, pois nas catro campañas que xogou neste século obtivo unha media de case 27 goles por temporada. Superou os 100 goles nestes anos e logrou varios pichichis da categoría (algo que xa conseguira con anterioridade). O fisterrán ADRIÁN MAKAAY leva xa 75 goles nas sete campañas que xogou e o xalleiro DORO acumula 66 goles. Completan o quinteto o caionés VITUCO, con 55 goles, e o mazaricán KEVIN, que marcou 25 en cinco temporadas.

GOLEADORES DA 1ª AUTONÓMICA
Goleadores da Costa na 1ª Autonómica
Óscar, Martín, Martín MC, Adrián Makaay e Vituco,
os cinco primeiros dos goleadores da 1ª Autonómica
O berdillés ÓSCAR é o máximo realizador costeiro nesta categoría, chegando aos 117 goles nos diferentes clubs nos que, como vimos, militou. Practicamente empatados veñen os catro seguintes, achegándose as súas cifras ao centenar. O baiés MARTÍN xogou 10 temporadas e logrou 98 goles, tres máis que o seu veciño MARTÍN MC, pero este en 6 campañas. Empatados a 95 goles están o fisterrán ADRIÁN MAKAAY e o caionés VITUCO, aínda que o primeiro marcounos en tan só catro temporadas. Grandes nomes completan a lista dos dez primeiros, como son LLANERO, RÓBER PLADUR, TASKY, ALEJO ou o cabanés LILO (un dos grandes goleadores da década dos noventa); ao igual que os que virían por detrás: Quique, Leo, Aitor, Pioto, Braulio, Charro, Doro...

GOLEADORES DA 2ª AUTONÓMICA
Goleadores da Costa na 2ª
Como eran moitos, aquí fixemos unha lista de 20 goleadores, e aínda así quedaron fóra grandes nomes. Encabeza a clasificación o cormelán ALEJO, que en 10 temporadas superou os 200 goles. Séguelle un clásico, o corcubionés LEO, que se achega a esa cifra en 14 campañas. E pecha o podio o cabanés DAVID BLANCO, que en 9 temporadas marcou 158 goles. Tras eles veñen o baiñán PABLO MUÍÑO e o fisterrán MANÉ, con 131 e 119 goles, respectivamente. Empatado practicamente con Mané está o cabanés LUIS, con 118, e despois séguenlle co mesmo número de goles os actuais xogadores do CD Baio MARTÍN MC e JAVI SUÁREZ. Tamén empatan a continuación o fisterrán LLANERO e o muradán PITI, con 107, dous máis que o malpicán CHARRO, que pecha o once inicial.
Alejo, Leo, David Blanco, Pablo Muíño e Mané,
os cinco que encabezan a clasificación dos máximos
goleadores costeiros da 2ª Autonómica
Próximos ao centenar están o esteirán RÓBER PLADUR, o oleiro VÍCTOR e o cormelán ALEJANDRO, aínda que con distinto número de temporadas. Se continuamos pola lista atopamos agora ao camariñán PEDRO, con 81 goles, o carballés SUSO DOCAMPO, con 74 ou o pindexo AITOR, con 72. Pechan esta listaxe dos vinte o caionés VITUCO, o fisterrán MARCO do Cabo e o muradán YANKI. E coma noutros casos podiamos seguir cos Martín, Juan o Vello, Bibi, Manoliño, Ancho, Braulio, Quique, Manolo do Cruceiro, Tasky...

GOLEADORES DA 3ª AUTONÓMICA
Goleadores da Costa na 3ª Autonómica
Toniño, Luis, Manoliño, Víctor e Juan Carlos,
os máximos goleadores da 3ª Autonómica
Como xa vimos na clasificación xeral, o coristanqués TONIÑO é o auténtico rei dos goleadores da 3ª Autonómica. En 12 temporadas sumou a bonita cifra de 222 goles nas filas da SD Coristanco. Na metade de campañas o cabanés LUIS chegou ata os 161 tantos, mentres que máis lonxe están MANOLIÑO, VÍCTOR ou JUAN CARLOS para completar o quinteto de clásicos.

[As fotos, que non son da mellor calidade -polo que pedimos desculpas-, foron tiradas de La Voz de Galicia (JM Ferreiro, Ana García e Jorge Parri), do Álbum de Cromos de Que Pasa na Costa, do blog de Luis Porto, e do facebook de varios equipos ou de particulares como Santi Soneira ou Santi Díaz]

22/05/20

Un médico pontevedrés namorado da Liga da Costa


A "ENVEXA" DE CARLOS REBOREDO, XOGADOR DA LIGA DO SAR QUE NON PUIDO XOGAR NA LIGA DA COSTA
Xosé Mª Lema

Carlos Reboredo, segundo pola dereita, entre Asorey (que
foi directivo do Compostela con Caneda) e Xosé Mª Lema;
completa o cadro futboleiro o cambadés Paco Fernández
O Dr. Carlos Reboredo Iglesias, natural de Touro e, na actualidade, médico anestesista nun hospital de Pontevedra, foi compañeiro meu de bacharelato nun colexio de Santiago. O ano pasado celebramos en Compostela xunto con outros compañeiros o 50 aniversario da promoción de 1969. Compartimos mesa e falamos de moitas cousas, moitos recordos daqueles anos da adolescencia, entre eles unha común afección ó fútbol afeccionado. Era o dianteiro centro indiscutible da selección do colexio nos enfrontamentos con outros colexios composteláns; cando había algún partido suspendíanse as clases e iamos todos ata o Campo das Cancelas para animar cada un ós seus. 


Un dianteiro goleador, na Liga do Sar (anos 70)
Reboredo foi o goleador do CSD Arzúa
nos primeiros anos da década de 1970
Na década seguinte, a dos anos 70, como outros fixemos na Liga da Costa, Reboredo alternaba os seus estudos universitarios con partidos dominicais na Liga do Sar, onde xogaba co Arzúa, equipo no que xogou varias temporadas, grosso modo, entre 1970 e 1975, con el como máximo goleador. Era o que se di, un “9” clásico, sempre na brecha; difícil de marcar. Con anterioridade xogara no Compostela xuvenil e mesmo participara nunha liga por toda Galicia co Victoria de Santiago. Centrado nos seus estudos de Medicina na USC fixo oídos xordos a ofertas de clubs de categoría superior, coma unha que lle chegou do Spórting de Xixón, daquela adestrado polo galego Cid Carriega, que mesmo chegara a falar co seu pai. Despois do Arzúa xogaría no Ulla e no Vedra, pero xa con pouca paixón, recoñece. Poñería máis interese cando anos despois pasou ó fútbol sala en Santiago, cando esta nova modalidade futbolística se puxera de moda: xogou na liga compostelá e tamén na galega.
Para nada se arrepentiu de ter rexeitado ofertas para xogar nalgún equipo de categoría superior, pois os estudos de Medicina eran para el (e mais para o seu pai!) prioritarios. O único pesar que lle quedou da súa época futbolística foi non ter participado nunha liga de modestos que xa no tempo en que estivo en activo empezaba a ter moita sona: a Liga da Costa. Recibira algunha que outra oferta, pero rexeitáraa.
Un reencontro e o descubrimento do libro dos 50 anos da Costa
O doutor Reboredo leu e gozou
as máis de 600 páxinas do libro
A raíz da nosa xuntanza en Santiago levou consigo para Vigo, onde ten o seu domicilio, un exemplar de 50 anos da historia do fútbol da Costa (1964-2014). Foino lendo ós poucos, e agora, con máis tempo debido ó obrigado confinamento a causa da pandemia do CoVid-19, malia que pola súa condición de médico segue acudindo diariamente ó traballo, tivo máis lecer para afondar nas súas 600 e pico de páxinas e acaba de lle dar remate.
Hai uns días escribiume verdadeiramente entusiasmado pola lectura do libro, que nunca pensei que lera ó completo capítulo a capítulo, temporada a temporada, dado que el non participara nesta Liga, xa mítica, da Costa.
Estas son as palabras que lle dedica ó libro, que reproduzo ó pé da letra, tal como o escribiu, despois de pedirlle o permiso correspondente:

Amigo Cheíño (sempre me chamou así): Teño que felicitarvos a ti e ó teu sobriño pola maravillosa historia xamais escrita, xa non solo dun deporte si non tamén das características de comportamento, de pensar, de sentir, de actuar e de caracteres propios da xente dunha parte de Galicia tan querida e apreciada non solo por todos os galegos sinón tamén polo resto de España, como é a COSTA DA MORTE. Quedei totalmente enamorado do libro e facía moitos anos que non me ría tanto leendo estas extraordinarias anécdotas. Nunca se che ten pasado pola cabeza levalo ó CINE? Ti tés contactos nese ambiente, conoces escritores e guionistas galegos extraordinarios; recorda na TVG montóns de series que triunfaron sin ser nada do outro mundo a temática que trataban, eu considero que esto podería despertar o mismo interés que ‘Fariña’, ‘Mareas vivas’ etc., etc. , pero ó mismo tempo moitísimo máis divertida. (...) O de levalo ó cine [o libro] eu creo que non é ningunha minucia; todo o contrario: dalle as voltas que que sean necesarias; esta historia grabada por capítulos ten un éxito asegurado; esto é máis da TV que para unha película convencional.
Cando saiamos deste encerro que eu son incapaz de soportar (solo salgo para ir traballar), quero quedar contigo para comer e que me reserves todas as horas que poidas de sobremesa, son tantas as persoas que reconocín [nas fotos do libro] e ademais fun mui amigo de moitos deles, incluso un do teu equipo co que compartes alineación e foto, Daniel García [da Piroga-Bamiro], con quen manteño contacto na actualidade. Sabes que [eu] conocía a Eduardo Toba? Era médico e amigo do meu pai. Mato Pet, José López que foi entrenador do Compos e compañeiro no meu equipo de fútbol sala. O dito, estamos en contacto. (...) Polo que lin o teu sobriño traballa nunha produtora de TV e ademais fixo cousas importantes. Transmítelle tamén os meus PARABÉNS. Aperta forte. Espero que entendas o meu galego”.
A lenda futbolística da Liga da Costa no resto de Galicia
Noutro what’s App anterior, o Dr. Reboredo tamén se desculpaba pola calidade do seu galego escrito, “o falado é igual, pero nótase menos”. Ó meu parecer, é moi correcto, e para nada tiña que desculparse.
A Liga da Costa na que non quixen participar foi na miña opinión o acontecemento deportivo amateur de toda Galicia durante moitos anos; moitas veces cando volvo ó pasado teño certa nostalxia de non ter participado porque estou seguro de que esa experiencia [tivera] enriquecido moito a miña vida. (...) Iso si, os pobos da comarca si que o conozo todos, incluído Baio”.
Isto escribíramo o 4 de outubro do ano pasado. Leu con verdadeiro interese a reportaxe que sobre “El fútbol del fin del mundo” se publicara no xornal madrileño El País o 22 do mesmo mes (https://elpais.com/deportes/2019/10/22/es_laliga/1571735572_391967.html?rel=rom). Tamén escoitou, non sei se todo ou en parte, o “Convivir Deportivo” que Alfonso Pardo (RG) dedicou ó fútbol da Costa (14-12-2019). Gustoulle que o seu amigo de toda a vida Fernando Vázquez (son case veciños), estivera presente na gravación en Baio do 20 de novembro. Malia vivir en Vigo desde hai moitos anos, Carlos segue sendo deportivista da cabeza ós pés, e alegrouse moito de que o de Castrofeito volvera coller as rendas do equipo coruñés.
Como non podía ser menos, cando se fixo viral en toda Galicia, a principios de marzo deste ano, o audio que o adestrador da S.D. Ameixenda fixo público para reprender a varios dos seus xogadores, envioume unha breve nota: “Cando fagades a 2ª edición do libro do fútbol da Costa tendes que meter esta anécdota”.
Este audio, famoso en toda Galicia, viña a confirmar para el que a Liga da Costa era unha fonte inesgotable de anécdotas. Estaba encantado con ela, pois acrecentaba aínda máis o que se repetía unha e outra vez no libro dos 50 anos do fútbol da Costa que estaba lendo: a mítica “lenda futbolística da Costa”, quizais xa máis valorada fóra do seu ámbito que dentro del.
Xa falando entre nós, e non só de fútbol, hai que dicir que o Dr. Reboredo é un verdadeiro namorado da Costa da Morte. Considera que a súa brava paisaxe é especial, tan distinta da da Rías Baixas onde habita, e ten unha particular admiración polas súas xentes, tan sufridas por tanta marxinación histórica, tan castigadas polos naufraxios e outras desgrazas (“e que tan pouco se queixa!”, engade). Considera verdadeiramente exemplar iso que salientamos no noso libro: que malia as rivalidades entre clubs e afeccións, ás veces con episodios violentos, cando algún membro desta ampla irmandade deportiva que vai de Malpica e Carballo á ría de Muros e Noia ten unha desgraza (un naufraxio, unha morte imprevista, un grave accidente...), non fai falla insistir para que se forme unha rede de solidariedade en toda a comunidade: envíanse mensaxes de pésame ou organízanse partidos para recadar fondos para as familias afectadas. Para este doutor orixinario das terras da Ulla, todo isto é verdadeiramente exemplar.

25/03/20

Os equipos da Costa na "Liga de Arteixo"

Antigo Campo Municipal de Arteixo
[Foto: cronicasdearteixo.blogspot.com]
A proliferación de partidos de fútbol nas pequenas vilas e aldeas galegas foi unha constante ao longo da década de 1950. Atrás quedaran os recordos da Guerra civil, e aos poucos fóronse organizando clubs e partidos no noso rural, que aínda que de xeito oficioso permitían compartir unha tarde de diversión con veciños doutras localidades, con devolución de visita obrigatoria. As festas tamén serviron de escusa para a disputa destes partidos, xa cun trofeo en xogo, e a rivalidade foise acrecentando. Xa que logo, contra o remate desta década, moitos clubs decidiron que era o momento de dar un paso adiante e organizar unha competición oficial. Foi o caso dos clubs da Costa da Morte e tamén dos da zona de Arteixo. A Federación Galega de Fútbol atendeu as peticións e propuxo un campionato de proba en 1960, no que tiñan que participar un mínimo de oito equipos en cada unha das ligas. Non deron xuntado os costeiros esa cantidade (disque pola retirada a última hora do equipo de Santa Comba), e si o fixeron os de Arteixo, que involucraron no proxecto ao concello veciño da Laracha. Logo deste ano de iniciación, na temporada 1961-62 xogaríase a primeira edición da denominada Liga de Arteixo, mentres que para que houbese competición oficial na Costa habería que agardar ata a temporada 1963-64.

A Liga de Arteixo

UD Paiosaco, o equipo que máis
veces gañou a Liga de Arteixo (10),
participou todas as temporadas (21)
Como ben dixemos esta competición de afeccionados disputouse oficialmente desde a temporada 1961-62 e os clubs que formaban parte dela pertencían aos concellos de Arteixo e da Laracha. Curiosamente, na primeira edición só participaron 4 dos oito clubs que disputaran a liga de proba do ano anterior, e estes eran o Campanal (de Loureda), o Atlético Arteixo, o Paiosaco e o Sporting Uxes. Mesmos representantes na temporada 1962-63 e mesmo campión, o Paiosaco. Increméntase a cinco os participantes na 1963-64 coa presenza do Pastoriza, que ademais ía ser o campión. Na 1964-65 inscríbense ata sete equipos novos -todos eles do concello de Arteixo-: Catuxa, Larín, Sporting Meicende, Oseiro, Penouqueira, Peñarol (de Lañas) e Suevos, e a pesar de ser 11 contra 1, o único representante do concello larachés, o Paiosaco, vai ser o vencedor. 
     
Campanal FC, gañou 1 liga, subiu
á 1ª Rexional e logo á Preferente.
Participou todos os anos, os dous
últimos co filial, o Promesas.
Tres novos participantes na temporada 1965-66, para elevar a 15 o número de participantes: Club do Mar (de Caión), Atlético Vilarrodís e Laracha; xa con tres representantes do concello bergantiñán, pero hai que facer fincapé nos 12 equipos federados que tiña un concello como Arteixo, que nesta época non contaba coa poboación que ten hoxe en día. Un novo campión nesta extensa temporada: o Penouqueira. Na temporada seguinte dúas novidades: de primeiras desaparece un equipo, o Sp. Uxes, e de segundas, a Federación decide crear dúas categorías na Liga de Arteixo en función da clasificación da campaña anterior, unha primeira con oito equipos (na que foi campión o Laracha) e unha segunda cos seis restantes (campión o Oseiro). Na 1967-68 entra a competir un novo club, arraiano, pero fóra das fronteiras dos dous concellos: o Bens, que o fará na 2ª división; na primeira o campión vai ser de novo o Laracha. Mesmos participantes nas dúas campañas seguintes xa todos reunidos no mesmo grupo e con mesmo vencedor final, o Paiosaco.
Laracha CF, o segundo con máis
Ligas de Arteixo (4). Entrou na 5ª
temporada e logo xogounas todas
E chegamos á temporada 1970-71, temporada crítica por canto a Federación vai impoñer unhas normas de obrigado cumprimento que van facer desaparecer moitos clubs; o ente federativo esixía para esta campaña que os clubs dispuxesen dun campo cunhas dimensións mínimas e vestiarios en todos eles. Con estas condicións, máis da metade dos clubs da Liga de Arteixo deixaron de competir, pois Bens, Catuxa, Club do Mar, Larín, Oseiro, Pastoriza, Suevos e At. Vilarrodís non contaban co campo requirido. Quedaban logo sete equipos en competición, o que fixo que se engadise un oitavo procedente da Liga das Mariñas, o Sporting Mesoiro, do concello da Coruña. Este ano foi campión o Laracha, mentres que na campaña seguinte, cos mesmos equipos, o vencedor foi o Paiosaco. Na temporada 1972-73 vaise incrementar a dez o número de participantes, coa baixa do Sp. Mesoiro, pero foron altas o Club do Mar caionés, que volvía á competición, e desde a Liga da Costa chegaban o Deportivo Carballo e o Ponteceso. Repetía título o Paiosaco neste ano, e ao seguinte, cos mesmos protagonistas, o vencedor era o Laracha. 
O Atlético gañou 1 Liga de Arteixo, a
penúltima, polo que só deixou de xogar
na última edición por estar en 1ª Rex.
Na 1974-75 prodúcese a baixa do Ponteceso que volve á Costa, e o campión vai ser o outro equipo costeiro, o Dep. Carballo. Aínda así, o conxunto carballés retornaría á Liga da Costa ao ano seguinte deixando a súa praza a outro retornado: o Oseiro; o campionato volvía para Paiosaco. Na campaña 1976-77 causa baixa o Peñarol de Lañas (émulo do equipo uruguaio) e a Liga ábrese a tres novos concellos, e así desde a 3ª Rexional das Mariñas chegan o Cerceda, o Dorneda e o Ordes; o campión, o Paiosaco. Na 1977-78 un novo equipo ingresa na Liga: desde Montrove-Oleiros, participa o histórico Unión Campestre, mentres que os seus veciños do Dorneda volven para a Liga das Mariñas, ao igual que fai un equipo de Arteixo por vez primeira: o Sp. Meicende; o título este ano vai para Ordes. 
O Pastoriza foi o primeiro equipo do
 concello de Arteixo en gañar a Liga
O equipo ordense ascende á 1ª Rexional e causa baixa para a temporada 1978-79, ao igual que o fai o U. Campestre, que volve ás Mariñas; pola contra, retornan o Sp. Meicende e o Sp. Mesoiro, e tamén entran dous novos equipos do concello coruñés: o Relámpago de Elviña e o Deportivo Xuvenil -os dous viñan da Liga das Mariñas-; o xuvenil deportivista acabaría por levar o título e ascender á 1ª Rexional. Na 1979-80 chegarían a ser 14 os participantes, coa baixa xa comentada do Deportivo Xuvenil, e tamén do Relámpago -volvía á Liga da Cidade- e do Sp. Mesoiro -volvía á das Mariñas-; pola contra rexurdían dous clubs: o Pastoriza e o Suevos, e creábase un cuarto equipo no concello da Laracha, o Golmar; a eles engadíase un novo equipo procedente da Liga da Costa -aínda que descendido da 1ª Rexional-: o Bergantiños. O campión desta temporada foi o Campanal, conxunto da parroquia de Loureda que participara en todos os campionatos e coñecía por fin o mel do triunfo. Na 1980-81 estarían os mesmos protagonistas, cun pequeno cambio, pois o Campanal ascendera á 1ª Rexional, pero no seu lugar deixaba un filial, o Campanal Promesas. O campión ía ser outro club que participara en todas as edicións sen alcanzar aínda os loureiros do éxito, o Atlético Arteixo. 
SRD Penouqueira, o segundo club
   do seu concello en gañar a liga
Na campaña 1981-82 van ser 13 os equipos que participen, coa baixa do Atlético arteixán polo seu ascenso á 1ª Rexional, e vai ser o Paiosaco o que se proclame campión, para sumar o seu 10º título. Esta temporada 1981-82 pódese dicir que foi a última da Liga de Arteixo. Para a campaña seguinte a Federación decidiu unir os clubs desta liga cos da Liga das Mariñas e distribuílos en dous grupos na 2ª e 3ª Rexional. Na 2ª Rexional quedaron o Laracha, Sp. Meicende, Pastoriza, Penouqueira e Suevos, mentres que na 3ª fixérono o Campanal Promesas, Club do Mar, Golmar, Larín e Oseiro; por riba deles, na 1ª Rexional estaban o At. Arteixo, Bergantiños, Campanal e Paiosaco.




Equipos da Costa na Liga de Arteixo

Deportivo Carballo, 1972
Como é ben sabido, a Liga da Costa comezou a disputarse na temporada 1963-64, cos oito coñecidos clubs fundadores (Baio, Cee, Fisterra, Laxe, Poniente, Ponteceso, Porteño e San Isidro); a eles sumóuselles o ano seguinte o Buño, Muxía e Negreira. Na 65-66 outros tres novos clubs: o Bergantiños B (filial do Bergantiños da Serie A Rexional), Soneira e Xallas. Habería que agardar ata a 1969-70 para que nacesen novos clubs, neste caso o Carnota e o Deportivo Carballo; ao ano seguinte un novo club do sur, o Noia SD, e na 71-72 era a Esteirana a que se unía á Liga da Costa. En vista de que a liga ía medrando cara ao sur, os dous clubs máis ao norte, Deportivo Carballo e Ponteceso, van tomar unha determinación: solicitarlle á Federación Galega de Fútbol a súa inscrición na Liga de Arteixo. Ao mesmo tempo, fan o seu ingreso na Liga da Costa dous novos clubs: o Corcubión e o Outes. Ante a entrada deste último, o presidente do Porteño afirmaba nas páxinas de La Voz de Galicia (6.12.1972): "De seguir así, la Liga de la Costa llegará a Vigo". A pesar da retirada esta temporada do Fisterra, que o Negreira estaba pensando en ir para a Liga do Sar e o Noia soñaba co ascenso, a Federación permitiulles a Dep. Carballo e Ponteceso ir para a Liga de Arteixo.
Clasificacións finais das Ligas
de Arteixo e da Costa 1972-73.
Nesta poden verse os equipos,
cada vez máis do Sur, que motivou
a baixa de D. Carballo e Ponteceso 
Na temporada 1972-73 estes dous conxuntos bergantiñáns participan na Liga de Arteixo, completando un grupo de dez equipos. O Ponteceso SD, club fundador da Liga da Costa e participante en todos os campionatos costeiros, debutou o 21 de xaneiro de 1973 na Liga de Arteixo enfrontándose no Municipal pontecesán ao actual campión, o Paiosaco. O resultado do partido foi un claro 0-3 para os visitantes; quen contaba neste momento que este resultado ía marcar o gañador do título, pois ao remate do campionato Paiosaco e Ponteceso quedaron empatados no máis alto da clasificación, e por golaveraxe particular o cadro larachés foi o campión. Máis modestos foron os resultados do Deportivo Carballo, que debutou na casa ante o Atlético Arteixo (2-0), e rematou a liga na quinta posición, a dez puntos dos líderes. Os dous participaron tamén no torneo copeiro, que era a Copa da Coruña, da que formaban parte as ligas da Cidade, das Mariñas e de Arteixo. Cada competición tiña asignado un número de equipos clasificados para o torneo final, e á Liga de Arteixo correspondíanlle catro. Polo tanto, como eran dez equipos, catro tiveron que disputar a previa, e tocoulle ao Dep. Carballo xogar contra o Campanal, a quen eliminou no partido de desempate. Na rolda decisiva, correspondéronlles os dous equipos do concello da Laracha: o Dep. Carballo contra o Laracha, ao que lle gañou na casa (3-2), mais os laracheses remontaron na volta (3-1); e Paiosaco e Ponteceso disputaron a eliminatoria estrela entre os dous primeiros da liga, pero na Copa non houbo cor, e os paiosaquistas venceron claramente por 5-0 e 1-3. Quedaban, pois, os dous equipos costeiros eliminados.
Ponteceso SD, 1974
Mais non todo fora camiño de rosas, pois aínda non estaba mediada a competición ligueira e Del Valle escribía o seguinte nas páxinas de La Voz de Galicia (30.3.1973): "Pese a la gran campaña que están haciendo los del Puenteceso, son muchos los que añoran la Liga Costera. Para los que así piensan, el ir a la Liga de Arteijo ha sido un mal paso". Efectivamente, ao rematar a competición, o Ponteceso solicítalle á Federación volver a Liga da Costa, pero o ente federativo obriga aos dous clubs a cumprir dúas temporadas na Liga de Arteixo, para desgusto dos afeccionados pontecesáns que vían moito máis ambiente no torneo costeiro.
Clasificación final da Liga de
Arteixo 1973-74 [FGF]
Xa que logo, na temporada 1973-74 volven participar os dous conxuntos bergantiñáns na Liga arteixá, con peores resultados que a campaña anterior. O Ponteceso rematará a liga no 6º posto, con 17 puntos, a 15 do campión Laracha, mentres que o Deportivo Carballo foi 8º con tres puntos menos que os pontecesáns. Na Copa os dous tiveron que xogar a previa; o Ponteceso desfíxose do Campanal goleando xa na ida (4-1), mentres que o Dep. Carballo tivo que desfacerse do Penouqueira no partido de desempate. Novamente os equipos laracheses na seguinte rolda, neste caso ao Dep. Carballo tocoulle o Paiosaco, quen tras empatar na ida resolveu na volta; mentres que o Ponteceso deu a sorpresa ao eliminar ao campión ligueiro, vencendo nos dous encontros. Tocoulle na seguinte rolda ao Ponteceso o Ciudad Jardín, pero tras a vitoria pola mínima no Municipal (3-2), perdeu na Coruña por 4-2 e quedou eliminado.
La Voz de Galicia, 8-5-75
Este foi o último encontro na competición de Arteixo, pois o Ponteceso cumpriu o esperado, e para a campaña 1974-75 volveu á Liga da Costa. Non así o Dep. Carballo, que decidiu quedar un ano máis na Liga de Arteixo. E foille ben, porque conseguiu alzarse co título de liga, nun vibrante final, gañando no último partido ao Paiosaco e así empatarlle a puntos e obter o campionato grazas á golaveraxe e, segundo as crónicas, á boa actuación do seu porteiro Ferreiro durante toda a temporada. Na Copa, xuntáronse xa desde o principio os equipos das ligas das Mariñas e de Arteixo. Ao Dep. Carballo tocoulle na primeira rolda ao débil Sueiro culleredés, con clara vitoria na ida (6-2) que xa sentenciou o pase (2-2 na volta); na seguinte, o contrincante foi o histórico Deportivo Obrero, que conseguiu empatar en Carballo (1-1) e venceu no Condús (1-0) para eliminar a un Deportivo Carballo que se despedía así da Liga de Arteixo, pois, a pesar do título ligueiro conseguido, decidiu retornar para a Liga da Costa na temporada seguinte.
Bergantiños FC, 1981-82
Despois da experiencia destes dous clubs costeiros habería un terceiro que daría o paso de participar na Liga de Arteixo: o Bergantiños FC. O histórico club carballés, fundado en 1923, viña participando nas décadas de 1960 e 1970 nunha competición máis ou menos pechada como era a Serie A Rexional, que logo daría lugar á creación da Rexional Preferente, categoría na que militaba na 1975-76, cando foi o pechacancelas, o que o obrigou ao descenso. Así, na temporada 1976-77 o Bergantiños compite na Liga da Costa, sen alcanzar o ascenso (foi subcampión), polo que repite na 1977-78, con peores resultados: este ano a liga dividírase en dous grupos, e no Norte ocupara o 4º posto, lonxe do campión Dep. Carballo, e por detrás de Malpica e Buño. Pero para a campaña 1978-79, a Federación creara unha nova categoría, a 1ª Rexional, e nela vai participar o Bergantiños -non sabemos por que razón, seguramente por renuncia dos outros- xunto co campión costeiro do grupo Sur, a Esteirana, mentres o Dep. Carballo faino na Preferente. A temporada do Bergantiños é desastrosa e remata a liga no derradeiro posto, polo que tiña que baixar novamente.
Clasificación final da Liga de
Arteixo 1981-82 (a última) [LVG]
E a sorpresa veu cando solicita descender para a Liga de Arteixo, cando outros catro equipos de Carballo competían na Liga da Costa nesta temporada 1979-80. O Bergantiños debutou na competición arteixá o 11 de novembro de 1979, no Chorís ante o Suevos, encontro que foi suspendido polo intento de agresión de xogadores e afeccionados visitantes ao árbitro e aos policías presentes no campo, que tiveron que sacar as súas armas. Esa temporada o Bergantiños estivo arriba toda a liga, pero acabou na 3ª posición, a cinco puntos do Campanal. Na Copa tocoulle como rival na primeira rolda o Albilán de Mesía -club, por certo, fundado polo párroco muxián Pedro Santos Canosa ao fusionar o Albixoi e o Lanzá-; e tras empatar en Carballo (2-2), venceu na volta o Bergantiños (1-2). O seu seguinte rival foi o Campanal, e a pesar de gañarlle na ida (2-1) os campións ligueiros remontaron na volta (2-0). A temporada seguinte, 1980-81, foille peor, e acabou nos postos baixos, cuarto pola cola. Na Copa tocoulle co Xuvenil de Almeiras, pero retirouse antes de xogar.
Previa da final da Copa da Coruña 81-82
Volvería aos bos
resultados na 1981-82, con Miguel Lendoiro de adestrador, xa que logrou o subcampionato na liga, en dura loita co Paiosaco. Tamén tivo unha gran participación na Copa da Coruña, onde tras eliminar a Torino (de Altamira), Pastoriza, Silva, Orzán, Marino (de Mera) e Cerceda, plantouse na final de Riazor o 9 de xullo. O rival foi o Portazgo, equipo que remontou o gol inicial carballés para, con polémica, gañar o trofeo (2-1) e deixar ao Bergantiños tamén como subcampión copeiro. Con todo, os bergantiñáns este ano ascenderon á 1ª Rexional (Coruña-Mariñas-Ferrol), xusto cando a Federación poñía fin á Liga de Arteixo. Despois xa viría o seu despegue cara á arriba que chegaría ata a 2ª División B na 1987-88.

18/02/20

Xosé Luís Vara, da Liga da Costa a lenda do fútbol galego


O 5 de outubro de 1958 nacía en Santa Mariña de Esteiro, unha das tres grandes parroquias do concello de Muros, un neno que co tempo se había converter en figura do fútbol galego. José Luis Vara Olveira veu ao mundo nunha vila mariñeira, Esteiro, "un pueblo que no viene en el mapa, pero jugando al fútbol, ¡rediez como destaca!", como rezaba unha pancarta nun partido do Esteiro FC en 1971 na final da Copa da Ría de Muros. Desde logo que Esteiro, unha parroquia cunha poboación que roldaba os 2000 habitantes, viña no mapa, pero tamén é ben certo que o gusto polo fútbol foi moi forte nesta vila desde a terceira década do século pasado. Ben o testemuña Manuel Torres no seu libro De Esteiro Fútbol Club a S.C.R.D. Esteirana, publicado en 2006. Nel pódese ler os inicios do fútbol na ría muradá, e a primeira gran competición futbolística, a Copa da Ría de Muros, que a bo seguro foi onde o pequeno José Luis puido presenciar os primeiros partidos "serios" na súa vila, no campo-praia do Artón. "A la edad de mi hijo [6 anos] corría yo por la playa, allá en mi pueblo de Esteiro, en donde jugué unas inolvidables partidas con pelota, primero, y con balón más tarde", lembraba el anos despois (La Voz de Galicia, 22-11-1986). Os éxitos do Esteiro FC, a súa inscrición na Liga da Costa como SD Esteirana -por haber xa un Esteiro en Ferrol-, o arranxo do Artón para poder competir oficialmente, foron algúns dos acontecementos futbolísticos que o adolescente José Luis podía ver na súa vila de nacemento. Ata que chegou o día.

SD Esteirana
SD Esteirana 1973-74  [Foto: Torres, 2006]
José Luis, que ese foi o seu nome de guerra futbolístico, debutou coa camiseta da Esteirana no Campo do Balsiño de Baio, onde lograban remontar un tanteo adverso para gañar na liga de xuvenís. E facíao grazas á falsificación da súa ficha, pois aínda non tiña a idade regulamentaria para xogar, segundo nos conta Torres: "por obra e graza do noso audaz presidente [Pedro Caamaño], que fixo do ano 1958 se transformase en 1957 para convertelo en 'xuvenil'". Este ano, ademais de xogar cos xuvenís tamén o faría cos sénior da Liga da Costa. A Esteirana fixo unha boa campaña e rematou 3º na liga, lonxe do intratable Noia (equipo invicto na Liga e na Copa) e pelexando pola segunda praza co Negreira. Pero onde destacou o equipo foi na Copa da Costa, onde os homes de Pián chegaron á final logo de eliminar a Corcubión, Porteño (nos penaltis) e Cee. Os rivais na final non podían ser outros que os veciños do Noia SD. As crónicas xornalísticas desta final deixan bastante que desexar, con escasos datos e mesmo contraditorios. O encontro de ida disputouse no San Alberto noiés o domingo 14 de xullo, e os locais venceron por 3-2. Tan só El Correo Gallego ofrece as aliñacións e os goleadores, e sinala que no equipo da Esteirana xogou José Luis... dúas veces, porque figura de titular e tamén de suplente entrando no lugar de Manolito [Fuentes]. O Noia chegou ao descanso con dous goles de vantaxe, obra de Alfonso, pero na reanudación dous contrataques esteiráns acaban con dous goles de José Luis para empatar un encontro que desnivelaría o Noia con gol de Segundo. O partido de volta xogouse o xoves 18 de xullo, nun Campo do Artón a rebentar, pero con máis escaseza de información. El Correo Gallego só trae a aliñación do Noia e os seus goleadores, mentres que El Ideal Gallego só cita os autores dos goles dos dous equipos e os destacados. A aliñación titular da Esteirana temos que tirala da foto publicada por Torres na páxina 140 do seu libro, e nela non figura José Luis, nin tampouco é citado por ningunha das crónicas, polo que é posible que non xogase. O Noia impúxose polo mesmo resultado que na ida e levou a súa primeira Copa da Costa.
Nesta foto aérea de Esteiro pódese apreciar o Campo do Artón
A información dos xornais coas ligas máis modestas era neste tempo escasa, as crónicas eran moi breves e facíanse en función do resultado (e ás veces o resultado que ofrecían non era correcto, e polo tanto a crónica tampouco) e raramente se citaba ningún xogador. Por iso descoñecemos a participación real de José Luis na súa temporada de debut, con "ficha falsa", como na seguinte, na 1974-75, cando xa realmente era xuvenil. Supoñemos que xa se debeu incrementar a súa presenza no once esteirán, toda vez que eran varios rapaces novos que figuraban no seu plantel. Esta temporada ligueira foi moi semellante á anterior, cun Noia dominando, un Negreira intentando facerlle sombra e a Esteirana como terceira na clasificación nunha Liga da Costa que pasara de 11 a 14 equipos coa volta de Fisterra, Ponteceso e Laxe. Pero novamente vai ser o torneo copeiro no que vai sobresaír a Esteirana, pois tras eliminar a Laxe, Xallas e Ponteceso, presentábase outra vez na final. E o rival vai ser a SCD Malpica, que deixara fóra a Fisterra, Noia e Cee, e que tamén quería levantar a súa primeira Copa. O 13 de xullo xogouse o encontro de ida na Pedra Queimada malpicá, e a final parecía sentenciada co 0-3, con dous goles de Mariño e outro de José Luis. O venres 18 de xullo disputouse o encontro de volta no Artón, e o Malpica axiña puxo emoción con dous goles nos primeiros minutos, pero antes do descanso Casal II recurtou distancias, e na reanudación José Luis empataría o partido e botaría por terra as esperanzas visitantes, que se viñeron abaixo e encaixarían tres goles máis (obra de Ricolo, Cordero e José Luis) para o 5-2 final. Gañaba a Esteirana a súa primeira Copa da Costa e tamén o facía un rapaz de 16 anos, José Luis Vara, que fora a figura do encontro e máximo goleador dunha final da Copa que tivera entre os seus espectadores a Amancio Amaro -autor do saque de honra- e a Sertucha, de quen diría anos máis tarde José Luis que fora o seu descubridor.
Coa SD Esteirana gañou José Luis a Copa da Costa 74-75. Aí o
temos na foto da final fronte ao Malpica no Campo do Artón,
onde Amancio -na foto, anicado co neno- fixo o saque de honra
E é que o espigado esteirán estaba estudando desde os once anos no Seminario Menor de Compostela, onde o internaran seus pais para darlle ao seu fillo -único- un futuro mellor lonxe dos traballos do mar. Alí, "al chaval de Esteiro se le daba bien pegarle patadas al balón en los recreos. <<O peor de todo -dice- é que tiñamos que pedir permiso para ir xogar fóra>>. Resulta que ya le habían echado el ojo" (La Voz de Galicia, 26-1-1987). Neses partidos que xogaban os mozos seminaristas foi onde Sertucha, ex-xogador do Deportivo, se fixou nel e o recomendou para as categorías inferiores do club. O Seminario, canteira de tantos futbolistas galegos, era visita obrigada para os descubridores de talentos. Conta Torres no seu libro que o día da final tamén viñera ver a José Luis o madridista Santiesteban, que veraneaba en Sanxenxo, pero o rapaz xa estaba nas mans do Deportivo, e asina a súa ficha nas oficinas da Praza de Pontevedra. El mesmo lembra que saíu futbolista "porque lo llevaba dentro desde niño y porque tuve toda la ayuda del Deportivo, porque me trajo para La Coruña cuando tenía 15 años, por recomendación de Sertucha que me vió jugar varias veces en Santiago. Entonces el club me pagó los gastos en una pensión. Yo pude terminar en el instituto coruñés el bachillerato superior" (La Voz de Galicia, 22-11-1986).

Deportivo xuvenil e o Fabril
Apenas sen descanso da final da Copa da Costa, xa se incorporaba José Luis á disciplina do Deportivo xuvenil, que na temporada 1975-76 competía na 1ª Categoría da cidade da Coruña. Da man do seu mentor Sertucha como adestrador, o esteirán fartouse de marcar goles, algo que non pasou desapercibido para o xornalista Del Valle, que sinalaba en La Voz de Galicia (25-9-1975): "José Luis, el espigado interior del equipo juvenil del Deportivo, está demostrando ser un <<hombre gol>>. Esta cualidad rematadora ya la vino exhibiendo la temporada pasada en el Esteirana". Seguía marcando goles, a pesar de que pasara de xogar de extremo no equipo da súa vila a facelo de interior no cadro deportivista, pero as súas chegadas á área eran xa famosas na Coruña. O equipo gañou a liga sen dificultade e xogou a promoción cos campións dos outros grupos galegos. Quixo a sorte que a primeira eliminatoria fose co campión da Liga da Costa xuvenil, o UC Cee, e os ceenses deron a sorpresa ao vencer no Campo das Raíces (2-1), pero na volta en Elviña non houbo discusión e venceu o Deportivo por 6-0, con dous goles de José Luis. Tras deixar fóra ao Comercial de Lugo na seguinte rolda, quedaron sorprendentemente eliminados nas semifinais co Atlético Pontevedrés, o que lles impediu disputar o Campionato de España. José Luis, que acabou a temporada con 23 goles co cadro coruñés, xa comezara a ir convocado coa Selección Galega xuvenil contra finais de 1975, e en 1976 participa no Campionato Interrexional, nun equipo no que destacaba o xa dianteiro do Fabril, e mesmo do Deportivo nalgún encontro, o fisterrán Traba.
La Hoja del Lunes, 1-11-1976
A temporada 1976-77 comezaba co nacemento das ligas nacionais de xuvenís e o Deportivo vai estar encadrado no Grupo I. Boa temporada de José Luis, nun equipo que loitou por estar arriba, pero que no tramo final non puido engancharse ao podio e rematou no 4º posto. A esixente prensa coruñesa botoulle a culpa ao esteirán do baixón do equipo: "José Luis atraviesa un alarmante <<bache>> cuando tanto venía prometiendo. Consideramos que es peligroso creerse figura antes de tiempo y, para muchos, es lo que le viene sucediendo al de Esteiro" (Del Valle, La Voz de Galicia, 11-1-1977). Un mes despois ten a oportunidade de defenderse no mesmo xornal na primeira entrevista que lle atopamos, feita por Del Valle, na que afirma: "que nadie crea que rindo menos porque me crea un consagrado. Yo sé que necesito superarme en todos los partidos" e catalógase como "un jugador al que le gusta arrancar desde el centro y tirar a puerta cuando veo el hueco" (La Voz de Galicia, 12-2-1977). Co lanzamento á porta como grande argumento, sumaba na altura 12 goles, pero o equipo baixou o nivel, algo que el achacaba tamén a que tiveran que deixar de xogar en Riazor para facelo en Elviña. As cualidades do esteirán non pasaron desapercibidas e o 8 de maio de 1977 debuta co Fabril, que na altura estaba disputando a Rexional Preferente. Foi en Cangas do Morrazo, no partido contra o Alondras: saíu no once inicial e no minuto 59 marcou o gol que supoñía o 0-1; seis minutos máis tarde é reemprazado polo carballés Lerio e o Alondras remonta o encontro (2-1). José Luis tamén xogaría a seguinte xornada contra o Porriño (76 minutos) e o 22 de maio, tras vencer en Riazor ao Estradense por 3-0 (con gol de José Luis), proclamábase o Fabril campión. Ao cadro adestrado por José López aínda lle quedaban dous partidos que xogou enteiros o xuvenil esteirán, ante Sp. Guardés e Viveiro, para chegar aos 400 minutos co equipo fabrilista.
La Voz de Galicia, 12-2-1977
Na temporada 1977-78 xa estaba integrado na disciplina do Fabril, que competía no Grupo I da 3ª División, unha categoría que era similar á 2ªB de hoxe, pois o grupo estaba formado por equipos de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela-León (daquela existía a 2ªB, pero con só dous grupos: Norte e Sur). O debut de José Luis nesta categoría foi o 4 de setembro en Venta de Baños (1-2). Converteuse nun fixo nas aliñacións de José López, pois foi titular en 27 partidos dos 38 da temporada, nos que conseguiu marcar 5 goles. Boa campaña do filial deportivista, que rematou na 6ª posición. Esa temporada o Fabril tamén disputou a Copa do Rei, e José Luis xogou os catro partidos desta competición: na primeira rolda contra o Cacereño, da 3ª División, ao que lle gañaron en Riazor pola mínima cun gol de José Luis, e na volta empate despois da prórroga que lle daba o pase á seguinte eliminatoria, na que lle tocou o Hércules. O equipo alacantino, que militaba na 1ª División, pasou gañando con solvencia os dous partidos.
A temporada 1978-79 foi agre e doce para o esteirán, pois por unha parte tivo que cumprir co servizo militar obrigatorio, en Cartaxena e en Ferrol, o que motivou que non puidese disputar moitos partidos. De feito, co Fabril só participou en 8 partidos de liga e 1 de Copa do Rei, nun equipo fabrilista que con Luis Rodríguez Vaz de míster conseguiu salvarse logo de moito esforzo ao quedar 17º. Pero a parte alegre foi que José Luis puido debutar por fin co Deportivo, na 2ª División. Foi o 11 de marzo, en Castalia, disputando os últimos 23 minutos do Castellón-Deportivo (2-0). O adestrador era nada menos que Luis Suárez, que na xª 11 sustituíra a Enrique Mateos, e deulle a oportunidade de xogar nesa e nas dúas seguintes xornadas, ante Almería e Castilla, tamén saíndo do banco. Nun equipo no que estaban outros xogadores costeiros como Piña, Traba ou Lerio, ía destacar un porteiro que Suárez fai debutar na xª28, o betanceiro Paco Buyo. O Deportivo conseguiu salvarse do descenso por un só punto, acabando no posto 15º.

RC Deportivo
A nova década iníciaa xa integrado na disciplina do Deportivo, na 2ª División da temporada 1979-80, na que disputou 28 partidos de liga, 16 deles como titular. Non deu marcado ningún gol na liga, aínda que si marcou 1 nos catro partidos que xogou da Copa do Rei, ante Atlético Ribeira e Rácing de Ferrol. Esta foi unha campaña nefasta para o Deportivo e para o fútbol galego, pois tanto el coma o Celta descenderon á 2ª B. O conxunto deportivista comezara adestrado por García Verdugo (xª 1-30), para facerse cargo do equipo despois o andaluz Joseíto, pero nin a solvencia de Buyo na portería, nin os goles da parella atacante Castro (15 goles) e Traba (14) evitaron a debacle. Cando as cousas van mal os xogadores pagan as consecuencias, e así a José Luis acusábano de ser pouco amigo de adestrar: "yo me entrego de lleno, pues del fútbol estoy haciendo mi vida y sé que sin esfuerzo nada se consigue. Puede ser que mi cuerpo induzca a pensar que no corro, pero lo hago siempre con interés", defendíase el, para engadir sobre a afección: "al comienzo había diversidad de opiniones, ahora la afición me anima y me trata fenomenalmente" (La Voz de Galicia, 14-03-1980).
La Voz de Galicia, 22-8-1980
Tivo que xogar logo a temporada 1980-81 na Segunda B, no Grupo I. Na pretemporada, á que chegaba despois de casar, tiña unha idea fixa: "Quiero jugar. Me refiero de forma seguida e ininterrumpida", porque tiña unha espiña cravada da temporada anterior: "comencé haciéndolo bien. Pero me quitaron, y si no te alinean poco puedes demostrar. Hubo un tiempo en que perdí la confianza. Pero eso ya pasó y tengo la moral a tope" (La Voz de Galicia, 23-08-1980). Baixo as ordes de Martínez Palomar, José Luis participou en 29 partidos, 20 deles como titular, e chegou a marcar 8 goles (1 de penalti). A superioridade dos dous grandes equipos galegos foi manifesta e os dous ascenderon, cos coruñeses de subcampións. Na Copa do Rei, o sorteo quixo que na primeira rolda lle tocase o Celta, que eliminou aos deportivistas, con José Luis de titular nos dous encontros, aínda que non completos porque no segundo deles foi expulsado.
La Voz de Galicia, 5-3-1982
De volta na 1981-82 á categoría de prata, xa era un fixo no once e figura daquel Deportivo, polo que lle empezaban a chegar ofertas: "no me hago muchas ilusiones. Lo mío es trabajar y progresar en el Deportivo", aínda que "una de mis mayores ilusiones es jugar en Primera División. Creo que no iba a desmerecer" (La Voz de Galicia, 5-3-1982). Esta campaña foi titular en 35 partidos e marcou 11 goles (4 de penalti), e foi expulsado en dúas ocasións (unha delas contra o Celta). Tamén xogou 8 dos 10 partidos da Copa do Rei que disputou o equipo (ante Lugo, Arousa, Tenerife, Elx e Sporting), marcando 3 goles. Foi unha tranquila temporada, sen problemas clasificatorios, acabando na 12ª posición. Con todo, Martínez Palomar fora substituído logo da xª 11 por Luis Rodríguez Vaz, que seguiu sacando xente da canteira como Agulló ou Vicente.
A temporada 1982-83 quedaría sempre marcada na memoria de José Luis e do deportivismo. Con Arsenio Iglesias no banco, o Deportivo contaba cun equipo moi novo -o máis veterano era o oleiro Piña, con 29 anos-. O de Esteiro fai unha temporada impresionante, converténdose sen discusión no líder do equipo. Xoga en 32 partidos de liga, un deles saíndo desde o banco, e marca 16 goles (dous de penalti). Esta cifra outórgalle o Trofeo Pichichi da 2ª División, por diante de Mejías (Cádiz) e Nery (Elxe), cun gol menos, nunha lista na que estaban Mágico González (Cádiz) e Macho Figueroa (Murcia), con 14, Butragueño (Castilla), con 13, ou Paco Clos (Barça B), con 12. Durante moitos anos foi recordado como o único centrocampista gañador deste trofeo. Xogou tamén 8 partidos da Copa do Rei nas cinco eliminatorias que disputou o Deportivo (Lugo, Gran Peña, Palencia, Alcoyano e Athletic), nos que marcou seis goles. Lesionado, non puido xogar nos oitavos contra o Athletic en Riazor (0-0), pero en San Mamés din as crónicas que fora un dos mellores do partido ante uns leóns que acababan de gañar a liga, con xogadores como Zubizarreta, Goikoetxea, Urkiaga, Sarabia, Julio Salinas... A gran temporada do esteirán tamén se reflectiu no equipo, que por fin volvía loitar polo ascenso á 1ª División, e agora parecía que o tiña na man. Escapoulle unha oportunidade na penúltima xornada empatando en Linares (0-0), pero abondaba empatar na última en Riazor ante o Rayo Vallecano para lograr o obxectivo. Nunha das tardes máis negras do deportivismo, o conxunto coruñés perdía por 1-2 e esfumábase o ansiado ascenso.
A decepción da temporada anterior parecía que lle seguía afectando ao equipo na 1983-84, na que se mostraba máis irregular. Seguía Arsenio no banco, pero José Luis lesionouse a comezos da liga, e botou moito tempo fóra, con recaída incluída. Só xogou 25 partidos de liga e marcou 2 goles (1 de penalti). A súa menor contribución a bo seguro que lle afectou a un equipo que rematou 9º, aínda que a 4 puntos do ascenso, nunha liga dominada polos filiais Castilla e Athletic B, polo que ascenderon o 3º, 4º e 5º. Onde si realizou boa campaña o Deportivo foi na Copa do Rei, onde chegou aos cuartos de final, onde caeron co Real Madrid, a pesar de que os madridistas perderan en Riazor (2-1), pero no Bernabeu gañaron os brancos (3-0). José Luis xogou os dous partidos contra o Madrid, para un total de cinco na Copa (un co Ourense e dous co Castellón), sen marcar ningún gol.
José Luis, o capitán do Deportivo
Xa completamente recuperado, José Luis volve facer unha boa temporada na 1984-85, pero non así o equipo. O esteirán xogou 30 partidos de liga como titular, e marcou 13 goles (sete de penalti), mentres o equipo loitaba por eludir o descenso. O equipo de Arsenio acabou nunha 13ª posición que sabía a pouco na Coruña. Na Copa do Rei volveu toparse cun grande no seu camiño: tras eliminar a Gran Peña, Pontevedra e Linares, nos oitavos de final tocoulle o Atlético de Madrid, que non puido gañar en Riazor (1-1), pero si o fixo no Manzanares (5-2), onde José Luis marcou un gol, o segundo del nesta competición.
Caricatura de Siro
La Voz de Galicia,
24-10-1986
Cambio de rumbo no Deportivo na 1985-86 coa fichaxe de Txutxi Aranguren para o banco. José Luis segue liderando o equipo, "sueña con pasearse de blanquiazul por la primera división, <<y ya el próximo año>>", contáballe a Jesús Naya nunha entrevista, na que o xornalista afirmaba que "está triunfando, y podría haber triunfado aún más si se hubiesen materializado las ofertas que por él se hicieron procedentes de equipos de campanillas" (La Voz de Galicia, 24-10-1986). Xogou 33 partidos de liga, todos de titular, e marcou 6 goles (2 de penalti). O equipo estivo pelexando o ascenso ata o final, pero rematou a só un punto de logralo, na 6ª posición, sendo decisiva a derrota en Oviedo (1-0) na penúltima xornada. Na Copa do Rei, José Luis xogou os seis partidos e marcou 2 goles nas tres eliminatorias que disputaron os deportivistas (Rácing de Ferrol, Lugo e Lleida).
La Voz de Galicia, 26-1-1987
A temporada 1986-87 foi moi especial para José Luis, a pesar de que só xogou 28 partidos dos 44 que disputou o Deportivo nunha liga tamén especial. Un invento federativo organizou a liga en dúas fases: unha primeira que era unha liga regular de 34 xornadas, e segundo a clasificación final desta, unha segunda, cos 6 últimos formando un grupo para evitar o descenso, e os 12 primeiros loitaban polo ascenso divididos en dous grupos: nun estaban o 1º, 3º, 5º, 7º, 9º e 11º da liga regular, e no outro os clasificados nos postos pares. Partían todos os equipos nesta segunda fase cos puntos conseguidos na primeira, e os tres que sumasen máis ao final ascendían. O Deportivo, que fichara de adestador a Eusebio Ríos, fixo unha excelente liga regular, acabando 2º, a tres puntos do Valencia, e dous de vantaxe sobre o Logroñés e tres sobre o Celta. Pero o club coruñés baixou na segunda fase e acabou no 5º posto, a seis puntos do Valencia e a tres de Logroñés e Celta, que foron os que ascenderon. José Luis intervira como dixemos en 28 partidos, en todos titular menos no último, xa intrascendente, da última xornada en Riazor ante o Castellón (0-2), no que saíu desde o banco. Ese partido foi o último de José Luis coa camiseta do Deportivo e o 21 de xuño de 1987 acabábase a lenda deportivista do rapaz de Esteiro, curiosamente ante o mesmo rival co que debutara. Esta temporada marcara 8 goles (4 de penalti), sendo o último na penúltima xornada, en Malaga o 14 de xuño. O xogador de máis clase do Deportivo da década dos oitenta abandonaba o club, case pola porta de atrás. "Había espectadores que me chillaban y otros que estaban a favor. En los momentos difíciles del equipo, el aficionado quería que yo lo resolviese todo. Era un jugador más y no me salía lo que quería hacer porque no sale siempre", aínda que lle bota a culpa do fracaso do equipo e da súa saída á directiva: "perdieron los papeles", "José Luis califica su última etapa en el Deportivo de <<desastre auténtico>>" (La Voz de Galicia, 25-7-1988).

Primeira División e o Betis
Caricatura no ABC
de Sevilla, 7-3-1988
Por fin puido José Luis xogar en Primeira División, e non foi co Deportivo, senón co Real Betis Balompié da temporada 1987-88. O seu debut non puido ser mellor, porque no primeiro partido de liga, o 30 de agosto de 1987, enfrontábanse ao eterno rival, o Sevilla CF. No Sánchez Pizjuán o rapaz de Esteiro dixo aquí estou eu e marcou o primeiro gol do partido; vitoria bética como carta de presentación (1-2). Pero os comezos foron duros: "No me aclimataba bien y hacía mucho calor. Además, soy un poco tímido y eso contrasta con el carácter andaluz", dicía unha vez rematada a temporada (La Voz de Galicia, 25-7-1988). Pero pouco a pouco foi adquirindo importancia no equipo para acabar xogando 30 partidos de liga -26 como titular- e marcar 7 goles (2 de penalti), o que o converteron no seu máximo goleador a pesar de ter dianteiros como o Pato Yáñez ou Poli Rincón. Tamén xogou de titular os catro partidos da Copa do Rei (Eldense e Sabadell). Con todo, non foi un bo ano para o Betis, pois estivo sempre pelexando por non descender, primeiro con John Mortimore no banco (xª 1-21) e logo cun home da casa, Pedro Buenaventura.
A segunda temporada en Primeira, a 1988-89, foi un desastre. O Betis reforzárase con homes de gran calidade como o porteiro Pumpido, Manolo Hierro, Calderé ou López Ufarte. E José Luis empeza xogando da man do novo adestrador, Eusebio Ríos, co que xa coincidira na Coruña, pero na xª 7 cae lesionado ante o Barcelona e practicamente se lle acaba a temporada. Volveu nas últimas xornadas, pero xa testimonialmente, porque o equipo estaba sufrindo para non descender e non daba entrado nas aliñacións. O Betis queda 17º e ten que xogar a promoción de descenso fronte ao 4º da Segunda, o Tenerife; os tinerfeños conseguen un contundente 4-0 na ida, e o 1-0 do Betis da volta non chega e o equipo descende. José Luis non xogou un minuto nestes encontros, e só participara en 12 en toda a liga (un como suplente), sen marcar ningún gol. Eusebio Ríos fora despedido tras a xª 13, e tras dúas xornadas con Buenaventura, fichan a Cayetano Ré, que tampouco acaba a temporada, e volve Buenaventura para as seis últimas xornadas e mais a promoción.
José Luis no Betis
Acababa a aventura de José Luis na Primeira División e volvía á 2ª na 1989-90, co claro obxectivo de ascender. O esteirán non era tan titular como adoitaba, pois xogou 27 partidos de liga, seis deles como suplente. Por segunda temporada consecutiva non marcaba ningún gol, nin tan sequera nos catro partidos que xogou da Copa do Rei (Mallorca, Castellón -2- e Cádiz). Enfrontouse por vez primeira ao Deportivo: o 10 de setembro no Villamarín xogou os últimos 12 minutos, e o 28 de xaneiro disputou todo o encontro en Riazor: "Al principio salí algo nervioso, porque no me veía yo jugando contra el Deportivo, mi ex-equipo, después de tantos años aquí. El público estuvo fenomenal, apoyando a su equipo. Conmigo también se portó bien, y se demostró que la mayoría de la gente de La Coruña es favorable a mí" (La Voz de Galicia, 29-1-1990). A pesar do troco de adestrador -Julio Cardeñosa substituíu a Juan Corbacho na xª 33-, o Betis conseguiu o ascenso á 1ª División tras quedar 2º na clasificación, coa grande actuación de Pumpido na portería e os goles de Pepe Mel (22). Pero o camiño de José Luis esta temporada non foi de rosas, e tivo un grave enfrontamento co público, que fixo que o seu adestrador Corbacho anunciase que "no jugará más en el estadio Benito Villamarín tras las declaraciones del pasado domingo contra la afición bética. José Luis Vara manifestó el domingo que el público del Betis <<no es la mejor afición del mundo, como se está diciendo>>, y añadió que a él le <<sudaba>> el público del Betis", algo que aceptou o esteirán: "en Galicia usamos la expresión <<a min súdama>>, que quiere decir que si yo salgo a un terreno y sé desde un principio que el público, al fallar una pelota, va a comenzar a chillarme y va a influír en lo que tengo que hacer, tengo que decirle al míster que no me ponga y eso es lo que quise decir" (La Voz de Galicia, 29-3-1990). Despois deste incidente só xogaría tres partidos máis como visitante, e evidentemente ía abandonar o equipo ao remate da temporada.

Últimos equipos: Orihuela, Granada... e Xove Lago
Continuou na temporada 1990-91 na Segunda División, e facíao nun conxunto que acababa de ascender a esta categoría, o Orihuela Deportiva. José Luis mantivo uns números similares aos da última campaña no Betis, e xogou 29 partidos de liga, nos que marcou 1 gol, e outros 5 da Copa do Rei (Andorra -2-, San Roque e Español -2-). Excelente foi a actuación do equipo, que rematou na 5º posición, a só tres puntos de xogar a promoción de ascenso á 1ª, e iso que despois da xornada 7 a directiva cesara a Nando Yosu para poñer no sitio a Tomeu Llompart. Pero as contas da feira non cadraron coas do mercado e o equipo é descendido á 2ª B por impagos, o que se convertería na súa morte anunciada (desapareceu logo da temporada 1991-92).
José Luis coa camisola
do Granada CF 93-94
José Luis abandonou o conxunto alacantino e fichou nun histórico, o Granada CF, que na temporada 1991-92 militaba no Grupo IV da 2ª B. Xogou 26 partidos de liga, nos que marcou dous goles de penalti, e outros dous da Copa do Rei ante o Jaén, marcando un gol. No equipo granadino coincidiu outra vez con Juan Corbacho, aínda que este foi despedido tras a xª 24, e faise cargo do equipo José Juan Parejo para rematar a competición na 9ª posición. No equipo estaban o porteiro Notario e o central Antonio Álvarez, de quen diría o de Esteiro que fora o xogador máis profesional co que coincidira.
No Granada estaba cómodo, e iso notouse na súa segunda temporada alí, a 1992-93. Xogou 32 partidos da liga, nos que marcou 4 goles, e coa clasificación do seu equipo para disputar a promoción de ascenso á 2ª División disputou 6 partidos máis, aos que lles hai que sumar 5 da Copa do Rei (Macael -2-, Estepona e Cartagena -2-). Con outro vello coñecido no banco, Nando Yosu, o equipo granadino rematou na 3ª posición do Grupo IV, e disputou a promoción no Grupo D, no que estaban Murcia, Getafe e Barakaldo, no que non tivo moita fortuna e quedou último.
Coa pretensión de repetir o ano anterior iniciou o Granada a temporada 1993-94; para iso o club seguía confiando en Nando Yosu e fichara un dianteiro da categoría de Pepe Mel. O esteirán seguía mandando no centro do campo, disputando 29 partidos de liga, nos que chegou a marcar 7 goles (2 de penalti), e outros catro da Copa do Rei (Jaén e Almería). O Grupo IV estivo moi igualado, e un mal final de temporada (1 punto nas tres últimas xornadas) levaron ao Granada ao 6º posto, fóra da promoción de ascenso. José Luis despedíase así do fútbol profesional, xogando o seu último partido o 24 de abril de 1994 contra o At. Malagueño (2-2); antes, o 13 de marzo, marcara en Las Palmas o seu último gol (2-3).
Cando parecía unha retirada confirmada, coa súa volta para establecerse na Coruña, salta a noticia da súa fichaxe pola UD Xove Lago, club da Mariña luguesa que na campaña 1994-95 militaba no Grupo I da 3ª División. Tras disputar como titular os seis primeiros partidos de liga, decide non continuar no equipo polo cansazo de ter que desprazarse desde a cidade herculina ata Xove para adestrar toda a semana. O 9 de outubro de 1994, con 36 anos, xogara o seu último partido, na Lomba ante o Arousa, cun marcador que non lle fai xustiza (7-0). O seu último gol, e único desta temporada, fora nas Somozas, o 25 de setembro.

Adestrador
La Voz de Galicia, 2-11-95
Xa a finais de 1986 afirmaba José Luis: "estoy seguro de jugar seis temporadas más. Después seguiré en el fútbol, porque esto forma parte de mi vida" (La Voz de Galicia, 22-11-1986). Tiña claro o futuro o de Esteiro, e tras seguir xogando sete temporadas e pico, ía seguir ligado ao fútbol, xogando nos veteranos (no Piadela, xunto a ex-deportivistas como Traba ou Silvi), pero tamén desde o outro lado, desde do banco. A Escola Municipal da Coruña foi o inicio dunha carreira de adestrador que comezaba no fútbol base. Pero no verán de 1995 chégalle unha oferta dun equipo sénior e non o dubida. A SDC Ordes, que acaba de descender da 3ª División, reclama os seus servizos para a nova temporada 1996-97 na Preferente e alá vai o de Esteiro. Non debuta mal, pois o equipo remata na 5ª posición, a un só punto do 3º, pero moi lonxe do ascenso: a 18 do Vista Alegre e 10 de Lemos. Continúa no equipo na campaña 1996-97, pero as prestacións baixan e o Ordes queda no 12º posto, máis cerca do descenso que do ascenso, aínda que sen pasar apuros.
La Voz de Galicia, 11-10-97
Abandona o equipo e non atopa un novo para a temporada 1997-98, ata que unha chamada de Malpica xa iniciada a liga o leva de novo aos bancos. A SCD Malpica acababa de ascender á 1ª Rexional, pero formara un equipo con miras á Preferente e tras a xª 7 as cousas non ían ben (14º), polo que a directiva cesa ao adestrador e ficha a José Luis. Con el equipo vai cara a arriba e chega á última xornada co ascenso na man, tan só lle tiña que gañar ao Boiro, rival directo, na Pedra Queimada para logralo. Pero vencen os do Barbanza e a SCD Malpica non consegue o ansiado ascenso, quedando na 4ª posición, a tres puntos do Val e do Boiro. Pero el continuaría no equipo malpicán na 1998-99, na que seguiu a súa boa xeira e logran proclamarse campións -empatados a puntos co Bergantiños, pero con mellor golaveraxe-, grazas aos 105 goles marcados.
Non continuou José Luis en Malpica, pero non lle faltaron ofertas. A que aceptou para a temporada 1999-2000 foi a do Atlético Arteixo, equipo que acababa de descender da 3ª División, e que se postulaba como favorito nesta Preferente. Fixéronse fichaxes importantes -algunhas non puideron rematar a liga por problemas económicos-, e o equipo acabou no 6º posto, moi lonxe do ascenso (Malpica a 22 puntos e Sp. Pontenova a 13). Ese ano o At. Arteixo chegou á final da Copa da Coruña, pero perdeu en Riazor co Laracha CF (2-1), poñendo fin o de Esteiro á súa experiencia na Ponte dos Brozos.
Co Bergan no Platas Reinoso
de Baio na Copa da Costa 2001
[Foto: JM Ferreiro]
Nova etapa en Carballo que se inicia na 2000-01 co Bergantiños FC, tamén na Preferente. Moita ilusión nos carballeses por lograr o ascenso á 3ª División, pero o equipo rematou no 7º posto, a 29 puntos do Negreira e a 19 do At. Arteixo. Unha vez sen opcións na liga intentaron gañar a Copa da Costa, pero sorprendentemente perderon na final ante o CF Dumbría da 2ª Rexional. Continuou na campaña 2001-02 no equipo carballés, e esta temporada xa todo foi máis rodado e mantéñense arriba todo o ano, conseguindo o ascenso na antepenúltima xornada. En setembro de 2001 creáranse en Carballo as Escolas Luis Calvo Sanz, e José Luis vai intervir activamente nos vindeiros anos desde o posto de director deportivo. Esta mesma temporada, no mes de marzo ten que facerse cargo do equipo xuvenil do Bergantiños, ao que consegue ascender á Liga Galega.
Manteado logo de gañar a liga 01-02.
La Voz de Galicia, 7-5-2002
Na campaña 2002-03 volvía o Bergantiños á 3ª División despois de oito temporadas e facíao da man de José Luis, que consegue armar un bo bloque co que manter a categoría. 15º posto, cun punto por riba do descenso, sendo o rei do empate (17) e o menos goleador do grupo. Ese mesmo ano conseguen o título na Copa Deputación da Coruña ao gañarlle na final en Riazor ao Imperátor (2-1). A 2003-04 foi a cuarta temporada do esteirán en Carballo, e mantivo o equipo nos postos medios, sen posibilidades de disputar o play-off, e sen perigo de descenso: 10º posto. Ao final desta campaña considera que rematou un ciclo e abandona a entidade. Onde seguía involucrado era nas Escolas Luis Calvo, como director deportivo e adestrador do equipo alevín A.
La Voz de Galicia, 1-2-2005
A nova etapa lévao a uns poucos quilómetros: A Laracha. Collía un equipo que volvía á 3ª División na 2004-05 despois de varios anos, e mantívoo nos postos altos da clasificación -mesmo chegou a ser líder varias xornadas-, pero ao final non logrou entrar no play-off, quedando a tres puntos, no 5º posto. Continuou no Laracha CF na 2005-06, marcando a permanencia como obxectivo ao ter un dos presupostos máis baixos, pero o equipo axiña se colocou de novo nas primeiras posicións e o obxectivo cambiou. O seu bo facer non pasou desapercibido e no mes de febreiro soa como posible substituto dos irmáns Veiga no Racing de Ferrol, da 2ª División A. O que era un rumor converteuse en realidade no mes de abril. A directiva larachesa non lle pon ningún impedimento, a pesar de que deixaba o equipo na 3ª posición, lonxe do líder pero tamén con vantaxe sobre o 5º para así xogar a promoción. Pola contra, o Racing marchaba 20º, con 8 puntos sobre o Málaga B e 10 sobre o Eibar, e tiña a só 1 punto a Castellón e Tenerife, que era o que marcaba a permanencia. Volvía José Luis á súa categoría, na que tantos partidos xogara (270) e facíao para salvar un equipo galego. Pero as cousas non lle foron ben, nos nove partidos con el no banco só conseguiu dous empates, o último na derradeira xornada en Eibar para evitar ser penúltimo. Acabou o equipo no posto 20º, con dous puntos de vantaxe sobre o Eibar e un sobre o Málaga B, e a 14 do Tenerife, que marcou a salvación.
No banco do Rácing de Ferrol
Na temporada 2006-07 falábase dun interese do Orihuela CF -club fundado despois da desaparición do Orihuela Deportiva no que el xogara-, para ir adestrar alá. Pero non se deu a posibilidade e para sorpresa de todos, José Luis asina como adestrador do Laracha CF. Volvía confiar nel o equipo revelación das dúas últimas temporadas, que acabara xogando o ano anterior o play-off da man do director deportivo da entidade, Pedro Vila. A pesar diso, seguían cun dos presupostos máis baixos, e iso notouse pois este ano transitou polos postos perigosos, sen que José Luis lograse remedialo. Na penúltima xornada certificouse o descenso, quedando ao final no 19º posto, a seis puntos da salvación. Aínda así a confianza da directiva no míster era total e aguantouno ata o remate. Unha vez finalizada a temporada, José Luis anunciaba a súa marcha do club. Esta temporada volvera exercer as funcións que facía nas Escolas Luis Calvo, que tivera que deixar cando fichou polo Racing de Ferrol.
Na 2007-08 un novo proxecto ilusionante, o do CCD Cerceda, equipo que levaba varios anos na elite da 3ª División sen lograr o ascenso. Mantívéronse nos postos altos, e aínda que axiña perden a posibilidade de saíren campións por canto o Ciudad de Santiago se dispara na táboa, seguen na pelexa por entrar no play-off. Un punto foi o que lle faltou ao equipo para entrar, ocupando a 5ª posición. Malia todo, antes de rematar a temporada xa lle renovaran para a seguinte. Xa a estaba planificando, cando, o 11 de xuño de 2008, anuncia que ten que deixar o banco do Cerceda por motivos de saúde, abandonando tamén o seu labor nas Escolas Luis Calvo.
La Voz de Galicia, 24-4-2009
O cancro cortaba a traxectoria deste home que vivira por e para o fútbol, e o 23 de abril de 2009 falecía na Coruña, á idade de 50 anos. Sucedéronse as homenaxes do fútbol galego -parece que o máis reacio a facela fora Lendoiro no Deportivo-. O trofeo internacional de fútbol-7 de Carballo que organizaban as Escolas Luis Calvo pasouse a denominar "Memorial José Luis Vara", mentres que o novo campo de fútbol de Esteiro, o campo da Salina, por acordo unánime da corporación municipal muradá denomínase desde entón "Campo Xosé Luís Vara". Os seus restos repousan no cemiterio de Esteiro, na vila que o viu nacer e que o viu crecer para o fútbol, preto do seu campo do Artón, onde empezou a converterse nunha lenda do fútbol galego.


Copa da Costa. Palmarés e partidos xogados por cada club

O xalleiro Arana levanta un dos primeiros trofeos da Copa da Costa      Esta temporada dispútase a edición número 60 da Copa da Costa, que ...