22/06/19

SD Esteirana e SD Cabana na Copa da Costa

Mañá 23 de xuño de 2019 celébrase a final da 56ª Edición da Copa da Costa no Campo Municipal do Conco, en Dumbría, e terá como contendentes á SD Esteirana e á SD Cabana. Dous clubs históricos da Liga da Costa, pois levan competindo desde 1971 e 1981, respectivamente. Imos agora facer un repaso dos dous conxuntos pola historia na Copa da Costa, na que os dous chegan por cuarta vez a unha final, e un deles levantará este domingo o seu segundo trofeo copeiro.

S.D. ESTEIRANA

O equipo esteirán foi fundado en 1971, ou máis ben sería dicir federado pois xa competía de xeito oficioso na Copa da Ría de Muros -co nome de Esteiro CF-. Entra a competir na Liga da Costa e a súa primeira participación na Copa da Costa é na súa 9ª edición, na da temporada 1971-72. De aquí á actualidade participou en 45 edicións, polo tanto houbo tres campañas nas que non o fixo: a 1977-78 (por estar disputando a promoción de ascenso), a 1988-89 (retirouse despois do sorteo) e na 2000-01. Nas 44 edicións que disputou caeu eliminado 2 veces na rolda previa, 19 veces nos dezaseisavos de final, 12 veces nos oitavos, 7 veces nos cuartos, 1 nas semifinais (2017-18) e chegou á final en tres ocasións: na 1973-74 perdeu ante o Noia SD (que gañou os dous encontros polo mesmo resultado: 3-2 en Noia e 2-3 en Esteiro); na 1974-75 proclamouse campión ao vencer á SCD Malpica (os esteiráns venceron 0-3 en Malpica e 5-2 en Esteiro); e na 1976-77, na que perdeu co Outes FC (estes gañaron 2-0 na Serra e 1-2 en Esteiro).
Ata o día de hoxe a Esteirana presenta os seguintes números na Copa da Costa: 157 partidos xogados, con 51 vitorias, 36 empates e 70 derrotas; marcou 284 goles e encaixou 302. Disputou un total de 81 eliminatorias, das cales gañou en 38, e competiu contra 42 rivais. O rival ao que máis veces se enfrontou na Copa da Costa foi á UD Corcubión (5 eliminatorias, con 2 favorables á Esteirana); séguenlle o UC Cee (4, con 2 vencidas cada un), CF Porteño (4, tamén dúas vencidas cada un) e Corme CF (4, e este ano foi a primeira vez que gañou a Esteirana).

S.D. CABANA

O equipo cabanés foi fundando en 1981 e empeza a competir esa temporada na Liga da Costa, iniciando a súa participación na Copa da Costa na súa 19ª edición (1981-82). Desde aquí ata hoxe leva 37 edicións, non disputando a da campaña 2004-05 na que o club bergantiñán deixou a competición. Nas 36 edicións nas que participou caeu eliminado 16 veces nos dezaseisavos de final, 9 veces nos oitavos, 6 veces nos cuartos, 2 nas semifinais (1991-92 e 1992-93), e chegou á final en 3 ocasións: na 1984-85 perdeu no lanzamento de penaltis fronte á SCD Malpica (1-1 en Cabana e 4-4 en Malpica -como vedes, aínda non se premiaba marcar máis goles fóra da casa-); na 2001-02 perdeu contra o Xallas FC (0-0 en Cabana e vitoria xalleira por 2-1 en Santa Comba); e na 2002-03 por fin venceu ao gañar na final á UD Carnota (vitoria cabanesa 1-2 en Carnota e 1-0 en Neaño).
Ata o momento, o Cabana presenta os seguintes números na Copa da Costa: 156 partidos disputados, con 71 vitorias, 32 empates e 53 derrotas; marcou 312 goles e encaixou 258. Xogou 80 eliminatorias, das que gañou 44, e tivo un total de 37 rivais. O rival que máis veces tivo diante foi á SD Laxe (6 eliminatorias, con tres vitorias para cada un); séguenlle a SD Soneira (5, con unha vitoria cabanesa) e Sp. Zas (5, con catro vitorias cabanesas); tras eles, con 4 están Carnota (dúas vitorias), Malpica (tres vitorias), Camariñas (este ano logrou a prjmeira vitoria) e San Lorenzo (unha vitoria).

O PRECEDENTE

A pesar das moitas edicións e dos moitos partidos que os dous equipos disputaron ao longo da historia da Copa da Costa, tan só se enfrontaron nunha ocasión nunha eliminatoria. Foi na temporada 1997-98, nos dezaseisavos de final desa edición. O partido de ida xogouse o 5 de abril en Cabana e acabou en empate (1-1), con gol do actual presidente cabanés Míchel para os locais, e empate de Roque para os esteiráns. Unha semana despois disputouse o encontro de volta e os cabaneses lograron vencer por 0-1 grazas a un gol de Manoliño. Polo tanto, foi a SD Cabana quen logrou vencer no único precedente destes dous clubs na competición.

OS TÍTULOS DA COPA

Equipo da Esteirana campión da Copa da Costa 74-75
[Foto do libro de M. Torres sobre a Esteirana]
A SD Esteirana ten nas súas vitrinas unha Copa da Costa, lograda na temporada 1974-75. O seu rival na final fora a SCD Malpica, pero o conxunto esteirán logrou vencer comodamente nos dous encontros. O 13 de xullo disputouse a ida na Pedra Queimada e a Esteirana venceu claramente por 0-3, o que fixo tirar de humor a algún afeccionado malpicán ("levarán a Copa, pero perden a taquilla do partido de volta", segundo publicaba La Voz de Galicia). Neste encontro o adestrador Piam decidiu que xogasen polos esteiráns: Emeterio, Tono, Vilas, Casal I, Joaquín, Cordero, Blanco, Casal II, Mariño, Paco e José Luis. Abrira o marcador Mariño na primeira parte, e sentenciara na segunda con dous goles de José Luis. O 18 de xullo xogouse a volta no campo do Artón, e novamente venceu a Esteirana, aínda que os malpicáns puxeron o medo no corpo ao marcar dous goles na primeira media hora. Xogaron pola Esteirana: Emeterio, Tono, Cordero, Casal I, Joaquín (Fernández), Blanco, José Luis, Casal II, Mariño, Paco e Lito (Ricolo). O Malpica marcara dous goles por mediación de Periscal e Gelucho, pero Casal II lograra reducir distancias antes do descanso; logo do intervalo, empatou José Luis e axiña remonou Ricolo, para nos minutos finais poñer o definitivo 5-2 con dous goles máis de Cordero e José Luis. Evidentemente, o xuvenil José Luis foi a figura do cadro esteirán, e axiña se descubriría como a gran figura do fútbol galego que ía ser, pois ese ano xa marchou para o Deportivo da Coruña.

Once da SD Cabana na Copa da Costa que gañou na 200-03
A SD Cabana tamén logrou para as súas vitrinas a Copa da Costa, e fíxoo na súa terceira final, a disputada na temporada 200-03. O seu rival na final foi a UD Carnota, e os cabaneses impuxéronse nos dous partidos pola mínima. O 22 de xuño disputouse o encontro de ida en Lombáns cunha vitoria visitante por 1-2. Manuel Varela Bardanca dispuxo que xogasen polo Cabana os seguintes xogadores: Álex Pombo, Suárez, Fran, Chema, Ríos, Pensado (Isidro), Chino, Rubén Rama, Mino, Luis (Urbieta) e Carliños (Míchel). Adiantouse o cadro cabanés por medio de Ríos e axiña empatou Borja, pero nos minutos finais Urbieta puxo en vantaxe ao Cabana co seu gol. Na volta disputada o 29 de xuño, o Cabana venceu novamente cun solitario gol de Urbieta a pouco para o descanso, e pesar da expulsión de Torrila a falta dun cuarto de hora, aguantaron ben a vantaxe. Ese día xogaron polos cabaneses: Pombo, Suárez (Allo), Fran, Chema, Ríos, Torrila, Chino, Rubén Rama, Mino, Urbieta (Sergio) e Luis (Míchel).

CEN ANOS DE FÚTBOL NA COSTA. 5. A CHEGADA DO FÚTBOL ÁS COMARCAS DE MUROS E DE NOIA

  O concello de Carnota: Deportivo Pindo e Carnota Apenas contamos con información de partidos de fútbol neste concello, a pesar de atopars...