17/06/20

Os goleadores costeiros no século XXI (2000-2020)

Vinte temporadas, vinte anos do século XXI para contabilizar os máximos goleadores naturais da Costa. Desde a temporada 2000-01 ata a 2019-20 pasaron polas nosas ligas moitos goleadores, pero hai varios que destacan. Non é sinxelo facer unha clasificación. Primeiro, porque non se compite sempre na mesma categoría, e as diferenzas son notables cando se compara unhas con outras. Pero meter goles é complicado, sexa onde sexa. Outra dificultade é ter os datos certos. Aquí valémonos, fundamentalmente, das crónicas que José Manuel Ferreiro publicaba na edición de Carballo de La Voz de Galicia, mais tamén nos tivemos que apoiar nas crónicas de Que Pasa Na Costa ou nos datos da propia Federación Galega de Fútbol, sobre todo nos últimos anos. A bo seguro que os números que aquí figuran non son fixos ao cento por cento, pois en máis dunha temporada faltan partidos dos que non puidemos coñecer os goleadores, pero creo que o resultado final non debe de andar moi lonxe da realidade. As nosas desculpas aos que lles "roubamos" goles, pero case todos han de ter algún goliño de menos.
Gelucho Romar patrocinou os máximos goleadores da Costa
durante moitas temporadas. [Foto: Ana García-La Voz]

Escollemos este período de tempo por termos máis medios de consulta e máis seguridade, co importante apoio que foi a creación dos premios aos máximos goleadores, que a través das páxinas de La Voz de Galicia foron patrocinando, primeiro a empresa "Groupama Seguros" de Coristanco, e despois, durante máis tempo, a baiesa Gelucho Romar. Nos últimos anos a ceense "Máis Deporte" continuou cos trofeos. 
máisdeporte segue coa tradición de
premiar os máximos goleadores.
[Foto: Jorge Parri]
Evidentemente, aquí non figuran os grandes goleadores dos anos noventa que daban neste século as súas últimas tardes de gloria. É o caso do fisterrán Isidro (o "homijol" que lle chaman na súa terra), os irmáns Domingo e Augusto, o muxián Weri, o camariñán Pepucho, o ceense Floreal, o zasense Felipe, etc. etc. Tamén hai moitos que van figurar nestas listaxes que non van ver reflectidos todos os goles que marcaron, pois non van aparecer os que conseguiron antes da temporada 2000-01. Futbolistas de entre dous séculos moi destacados como Mino, Guillermo, os irmáns Marco e César do Cabo, Óscar, Piti, José Puenteceso... e outros que deixan sen contabilizar un bo saco de goles dos inicios das súas carreiras (Doro, Leo, Alejandro, Litos, Pedro, Míchel, Manoliño ou Martín). Pero como non podemos facer unha clasificación dos goleadores de toda a historia da Liga da Costa pola falta de datos, por algún lado tiñamos que cortar e usamos o cambio de século para isto. 

A CLASIFICACIÓN GLOBAL
Clasificación global dos goleadores da Costa
[pica na foto para agrandar]
Luis Giance
Figuran nesta clasificación os goles obtidos polos nosos futbolistas independentemente da categoría na que militasen. Isto, como dixemos, pode non ser obxectivo para subliñar a capacidade goleadora dos xogadores, por canto non é o mesmo marcar na 3ª Autonómica que na Preferente, por poñer un exemplo, pero avala unha traxectoria de varios anos marcando goles que fan que ao final, xogues onde xogues, acabes convertido nun "home-gol". No cadro podedes ver os datos do goleador, os goles conseguidos, as temporadas que disputou neste período (recorda, século XXI), a media de goles por temporada, e os goles desglosados nas categorías que xogou.
Polo tanto, o goleador costeiro deste século XXI é LUIS, xogador cabanés que militou case toda a súa carreira no CD Nantón. Un home que superou os 300 goles na súa traxectoria (xa marcara algún o século pasado), que é toda unha institución no noso fútbol. Algo máis da metade dos seus goles foron conseguidos na 3ª Autonómica, mais tamén suma unha boa cifra na 2ª, nas 16 temporadas que lle contabilizamos (retirouse na 2015-16).
Alejo Cambón
A segunda posición é para un goleador só do século XXI, o cormelán ALEJO, un auténtico "One Club Man", pois a súa carreira só tivo de momento un único club, o Corme CF. Xa marcando goles na Liga da Costa como xuvenil, desde a temporada 2008-09 suma xa 12 campañas, nas que leva 243 goles, cunha media superior aos 20 goles por temporada. Os 56 goles da 2016-17 puxeron en perigo o récord do fisterrán Isidro da 1991-92 (61 goles). As súas cifras na 2ª Autonómica son escalofriantes, pero tamén marcou moitos na 1ª Autonómica.
Toniño Facal
Terceiro posto do podio para outro "One Club Man", o coristanqués TONIÑO, que acumulou nas 13 temporadas que xogou a cifra de 235 goles, todos eles na SD Coristanco, e case todos na 3ª Autonómica.
Case poderiamos falar de empate técnico co seguinte da lista, pois un gol menos, 234, lle contabilizamos ao eterno veterano da Liga da Costa do século XXI. Leoncio Picallo, LEO, xa empezou a marcar goles mediada a década dos noventa, e superando a cifra dos 300. Neste século destacou como goleador do Cee, mais non foi, nin moito menos, o único club. E tampouco foi a 2ª Autonómica a única categoría na que xogou, e na que marcou a maioría dos goles, senón que a 1ª e a Preferente tamén puideron disfrutar da súa definición cara á portería. Este corcubionés é o único dos vinte primeiros clasificados que disputou as 20 temporadas.
Leo, Vituco e Adrián Makaay ocupan o 4º, 5º e 6º posto

No quinto posto figura un caionés que tamén compartiu varios vestiarios e varias categorías: Club do Mar, At. Arteixo, Laracha, Ponteceso, Soneira... ata as últimas experiencias en Lira ou Malpica, por exemplo son a bagaxe de VITUCO en 19 temporadas. Supera os 200 goles, con cifras semellantes na 1ª e na 2ª Autonómica, aínda que tamén ten goles na Preferente.
Similares números ten o fisterrán ADRIÁN MAKAAY, pero en tan só 13 campañas. Tamén son varias as categorías (da 3ª División á 2ª Autonómica) e varios os clubs (Fisterra, Dumbría, Soneira, Betanzos, Laracha, Arousa...). Os seus goles repártense fundamentalmente entre a Preferente e a 1ª Autonómica, aínda que o ano que "baixou de categoría" non lle foi tan mal.
A seguir veñen dous baiseses que superaron os 200 goles. O primeiro deles é MARTÍN MC, outro destacado "One Club Man", que tamén é un goleador do Século XXI. No CD Baio marcou 207 goles en 12 temporadas entre a 1ª e a 2ª Autonómica.
Completan os dez primeiros clasificados: Martín MC,
Guillermo, David Blanco e Pablo Muíño
GUILLERMO é un goleador por excelencia, que xa empezou a marcar mediada a década dos noventa. Ser quen de conseguir máis de 300 goles entre 3ª División e Preferente dan bo testemuño. Neste século supera os 200 nas 11 temporadas que xogou en diferentes equipos (Bergantiños, Malpica, Betanzos, Cerceda, Vilalbés, Montañeros, Ordes...), máis da metade deles na Preferente, un bo número na 3ª División e mesmo logrou unha boa cifra na única campaña que disputou na 2ª Autonómica co CD Baio. 
O cabanés DAVID BLANCO tamén pasou por varios equipos e varias categorías para achegarse aos 200 goles na súa carreira. Cabana, Malpica, Santa Comba, Sp. Sada, Sp. Zas, Baíñas... foron algúns dos seus equipos, e boa parte dos goles logrounos na 2ª Autonómica. O mesmo lle sucede ao baiñán PABLO MUÍÑO, que practicamente empata con Blanco en número de goles, e tamén xogou desde a Preferente ata a 3ª Autonómica, en Dumbría, Sp. Zas ou Baíñas, nas 14 temporadas.
José Carlos Llanero, Víctor Vilar e Róber Pladur
Empatados a goles e a temporadas están o fisterrán José Carlos LLANERO e o oleiro VÍCTOR: 182 goles en 14 campañas. Iso si, temos que facer unha observación, pois ao primeiro non lle sumamos os goles logrados durante a súa experiencia na 2ª B (At. Madrid B, Sporting B, Orihuela e Águilas) por non dispoñer de datos fiables. Reparte os seus goles entre a 2ª Autonómica e a 1ª, marcados entre o Dumbría e o UC Cee, aos que hai que sumar os de categoría nacional no Compostela. Víctor Vilar militou na SCD Buño e entre a 2ª e a 3ª Autonómica logrou achegarse aos 200 goles.
RÓBER PLADUR leva 12 temporadas marcando goles en distintas categorías e clubs, aínda que fundamentalmente na Esteirana e na 2ª Autonómica. Outro goleador excepcional foi o berdillés ÓSCAR, que xa marcaba goles a comezos da década dos noventa e seguiuno facendo na seguinte e mesmo volveu marcar tras unha primeira retirada. A 1ª Autonómica foi a súa categoría preferida, na que militou en varios clubs (San Lorenzo, Baio, Cabana, At. Arteixo, Malpica).
Óscar, Javi Suárez e Martín
JAVI SUÁREZ é outro dos goleadores do séc. XXI que militou en varios equipos e categorías (da Preferente á 3ª Autonómica), mais foi na Liga da Costa na que máis converteu. O baiés MARTÍN acumula goles na súa conta desde mediados da década dos noventa, e neste século, sempre no CD Baio, seguiu marcando goles tanto en 1ª Autonómica como na 2ª para chegar aos 162.
Manoliño, Aitor, Juan Carlos e Yanki completan os 20
O loureán MANOLIÑO xa marcaba goles tamén nos últimos anos do anterior século, e neste chegou ata os 161 a pesar de exercer tamén como colexiado. A maioría dos seus tantos foron na 3ª Autonómica, aínda que conta cun bo número na 2ª Autonómica. O pindexo AITOR combinou o fútbol co fútbol sala e iso seguro que lle impediu sumar máis goles na súa carreira, aínda que os 150 non están mal, logrados entre a 1ª, 2ª e 3ª Autonómica. As mesmas categorías que disputou o porteño JUAN CARLOS, alcumado "O Vello", que logrou en varios clubs ao longo da súa carreira. E se de varios clubs falamos temos que referirnos ao muradán YANKI, especialista en cambiar de club mediada a temporada e de categoría, visitándoas todas desde a Preferente ata a 3ª Autonómica, pero co gol por bandeira.
Estes son os 20 primeiros -polas nosas contas- e fóra quedaron outros bos goleadores, que han de estar na boca de todo bo afeccionado á Liga da Costa, caso dos Quique, Suso Docampo, Piti, Doro, Charro, Mané, Tasky, Kevin, Manolo do Cruceiro ou Alejandro, pero non podiamos facer unha lista interminable. Agora imos velos por categorías.

GOLEADORES DA 3ª DIVISIÓN
Goleadores da Costa na 3ª División
Guillermo, Josito, César, Doro e Mino.
Un quinteto de luxo para o fútbol da Costa
O baiés GUILLERMO encabeza a clasificación grazas aos 66 goles marcados nas 6 temporadas que xogou nesta categoría en distintos clubs como vimos. Séguelle o zasense JOSITO, que nunha campaña máis logrou 55 (case todos no Bergantiños, club do que é o seu máximo goleador en competición nacional). O fisterrán CÉSAR do Cabo supera os 50 goles entre os marcados co Negreira e co Santa Comba. Mesmos equipos, xunto co Malpica, nos que militou o xalleiro DORO nesta categoría, para achegarse ás mesmas cifras. E completa o quinteto de luxo costeiro, o cabanés MINO, outro killer de entre dous séculos, que nas cinco temporadas que xogou na 3ª División logrou 38 goles (e un pichichi co Malpica).

GOLEADORES DA PREFERENTE
Goleadores da Costa na Preferente
Guillermo, Adrián Makaay, Doro, Vituco e Kevin
son os mellores goleadores costeiros na Preferente
Os números do baiés GUILLERMO nesta categoría son abraiantes, pois nas catro campañas que xogou neste século obtivo unha media de case 27 goles por temporada. Superou os 100 goles nestes anos e logrou varios pichichis da categoría (algo que xa conseguira con anterioridade). O fisterrán ADRIÁN MAKAAY leva xa 75 goles nas sete campañas que xogou e o xalleiro DORO acumula 66 goles. Completan o quinteto o caionés VITUCO, con 55 goles, e o mazaricán KEVIN, que marcou 25 en cinco temporadas.

GOLEADORES DA 1ª AUTONÓMICA
Goleadores da Costa na 1ª Autonómica
Óscar, Martín, Martín MC, Adrián Makaay e Vituco,
os cinco primeiros dos goleadores da 1ª Autonómica
O berdillés ÓSCAR é o máximo realizador costeiro nesta categoría, chegando aos 117 goles nos diferentes clubs nos que, como vimos, militou. Practicamente empatados veñen os catro seguintes, achegándose as súas cifras ao centenar. O baiés MARTÍN xogou 10 temporadas e logrou 98 goles, tres máis que o seu veciño MARTÍN MC, pero este en 6 campañas. Empatados a 95 goles están o fisterrán ADRIÁN MAKAAY e o caionés VITUCO, aínda que o primeiro marcounos en tan só catro temporadas. Grandes nomes completan a lista dos dez primeiros, como son LLANERO, RÓBER PLADUR, TASKY, ALEJO ou o cabanés LILO (un dos grandes goleadores da década dos noventa); ao igual que os que virían por detrás: Quique, Leo, Aitor, Pioto, Braulio, Charro, Doro...

GOLEADORES DA 2ª AUTONÓMICA
Goleadores da Costa na 2ª
Como eran moitos, aquí fixemos unha lista de 20 goleadores, e aínda así quedaron fóra grandes nomes. Encabeza a clasificación o cormelán ALEJO, que en 10 temporadas superou os 200 goles. Séguelle un clásico, o corcubionés LEO, que se achega a esa cifra en 14 campañas. E pecha o podio o cabanés DAVID BLANCO, que en 9 temporadas marcou 158 goles. Tras eles veñen o baiñán PABLO MUÍÑO e o fisterrán MANÉ, con 131 e 119 goles, respectivamente. Empatado practicamente con Mané está o cabanés LUIS, con 118, e despois séguenlle co mesmo número de goles os actuais xogadores do CD Baio MARTÍN MC e JAVI SUÁREZ. Tamén empatan a continuación o fisterrán LLANERO e o muradán PITI, con 107, dous máis que o malpicán CHARRO, que pecha o once inicial.
Alejo, Leo, David Blanco, Pablo Muíño e Mané,
os cinco que encabezan a clasificación dos máximos
goleadores costeiros da 2ª Autonómica
Próximos ao centenar están o esteirán RÓBER PLADUR, o oleiro VÍCTOR e o cormelán ALEJANDRO, aínda que con distinto número de temporadas. Se continuamos pola lista atopamos agora ao camariñán PEDRO, con 81 goles, o carballés SUSO DOCAMPO, con 74 ou o pindexo AITOR, con 72. Pechan esta listaxe dos vinte o caionés VITUCO, o fisterrán MARCO do Cabo e o muradán YANKI. E coma noutros casos podiamos seguir cos Martín, Juan o Vello, Bibi, Manoliño, Ancho, Braulio, Quique, Manolo do Cruceiro, Tasky...

GOLEADORES DA 3ª AUTONÓMICA
Goleadores da Costa na 3ª Autonómica
Toniño, Luis, Manoliño, Víctor e Juan Carlos,
os máximos goleadores da 3ª Autonómica
Como xa vimos na clasificación xeral, o coristanqués TONIÑO é o auténtico rei dos goleadores da 3ª Autonómica. En 12 temporadas sumou a bonita cifra de 222 goles nas filas da SD Coristanco. Na metade de campañas o cabanés LUIS chegou ata os 161 tantos, mentres que máis lonxe están MANOLIÑO, VÍCTOR ou JUAN CARLOS para completar o quinteto de clásicos.

[As fotos, que non son da mellor calidade -polo que pedimos desculpas-, foron tiradas de La Voz de Galicia (JM Ferreiro, Ana García e Jorge Parri), do Álbum de Cromos de Que Pasa na Costa, do blog de Luis Porto, e do facebook de varios equipos ou de particulares como Santi Soneira ou Santi Díaz]

Ningún comentario:

Publicar un comentario

CEN ANOS DE FÚTBOL NA COSTA. 5. A CHEGADA DO FÚTBOL ÁS COMARCAS DE MUROS E DE NOIA

  O concello de Carnota: Deportivo Pindo e Carnota Apenas contamos con información de partidos de fútbol neste concello, a pesar de atopars...