09/12/17

A (M)ARCA DE NOÉ

É ben certo o dito de que en Fisterra dáslle unha patada a unha pedra e sae un futbolista. E foron moitos os que saíron, e moitos os que triunfaron no mundo do fútbol, chegando algún mesmo á 1ª División, pero ningún deles se mantivo tantas temporadas en categoría nacional como Noé. A súa marca de partidos xogados na 3ª División (591) vai ser difícil de superar, e todos eles no mesmo equipo, o CCD Cerceda. Pero antes disto houbo outros equipos e outras ligas.
UD Corcubión xuvenil 93-94 con Noé man en terra
[Foto cedida por Manín]
Celestino Noé López López naceu en Fisterra o 17 de xuño de 1977, polo que acaba de chegar aos 40 anos. Lonxe queda a temporada 1993-94 cando Noé, como foi coñecido futbolisticamente, debutaba na Liga da Costa sendo aínda xuvenil de primeiro ano. Facíao na UD Corcubión, a onde chegara da man do míster Manín, xunto con outros rapaces fisterráns, do cadete da SD Fisterra. Co equipo corcubionés proclamaríase campión da liga costeira xuvenil, conseguindo subir á Liga Galega nunha fase de ascenso na que mesmo chegaron á final, que perderían co Chapela de Redondela. Noé foi o máximo goleador daquel equipo xuvenil e o seu adestrador definíao nun especial asinado por José Manuel Ferreiro en La Voz de Galicia (18·4·94) como "un xogador hábil, con moita velocidade e de fácil remate con ambas pernas".

Xallas FC xuvenil 94-95 con Noé anicado (2º pola dereita)
[Foto cedida por Manín]
Noé coa SD Fisterra
[Foto: JMF]
Na campaña seguinte, Manín marcha para o Xallas FC, e Noé decide acompañalo. No equipo de Santa Comba alternaría o xuvenil co sénior da Liga da Costa. O Xallas perdeu esa liga pola golaveraxe fronte ao Lira, e os fisterráns abandonan o club rumbo ao Ponteceso SD, onde xogarían esa mesma temporada a Copa da Costa. Continúan no equipo pontecesán na vindeira campaña na Liga da Costa, pero en novembro Manín é cesado, e Noé tamén se vai, no seu caso para fichar polo SD Fisterra, que militaba na 1ª Rexional. Seguiría Noé no club da súa vila natal na temporada 1996-97, na categoría provincial, onde xa destacou como gran goleador. Este mesmo ano o SD Fisterra conseguiría proclamarse campión da Copa da Costa, gañándolle na final ao Ponteceso SD, nun cadro fisterrán con futuras estrelas do fútbol galego como Llanero, César, Pesca e o propio Noé, que axiña abandonarían o equipo en busca de cotas máis altas.
Noé no Bergantiños FC
[Foto: JMF]
O destino de Noé estaba no Bergantiños FC, que na temporada 1997-98 competía tamén na 1ª Rexional. A pesar de que o club carballés non lograra o obxectivo de ascender, o bo rendemento do fisterrán faría que o CCD Cerceda se interesase por el e lle ofrecese estar a proba na pretemporada; superou o exame con boa nota -fora o máximo goleador dos partidos de preparación-, e o míster Carlos Brizzola decidiu fichalo. O 30 de agosto de 1998 Noé debutaba na 3ª División no partido Cerceda-Caselas, xogando os últimos dez minutos. Esa temporada o CCD Cerceda acabou terceiro, polo que Noé xogou a súa primeira promoción de ascenso á 2ªB. Aínda que esta primeira campaña xogou máis partidos entrando desde o banco que de titular, a partir da súa segunda temporada no Roxo xa se asentou no once inicial. Non fora esta unha boa campaña para os cercedenses, que quedaron fóra do play-off, pero Noé xogaría case todos os partidos e foi o segundo máximo goleador do equipo. Peor foron as cousas na temporada seguinte, na que o ascenso do Celta B salvou o Cerceda de descender. Melloraron na 2001-02, pero sería na temporada 2002-03 cando conseguise o primeiro título co Cerceda: campión da 3ª División. Na fase de ascenso logo perderían as opcións de subir. Volvería repetir título co Cerceda na 2003-04, e aquí prodúcese un cambio importante para Noé, pois o míster Fernández Abel pono a xogar de carrileiro, e nesa posición será o que xogue máis minutos do plantel. Novamente se lle negou o ascenso ao Cerceda, quedando fóra na primeira das novidosas eliminatorias de promoción. Esta temporada supuxo o debut do Cerceda, e tamén de Noé, na Copa do Rei; o 27 de agosto o Cerceda recibiu ao Barakaldo no Roxo sen que houbese goles, para despois perder en terras vascas.
Na temporada 2004-05 o Cerceda non cumpre os obxectivos e queda fóra da promoción, con Noé convertido en fixo no lateral dereito para os catro adestradores que tivera o equipo. Nova participación na Copa do Rei, eliminando na previa ao Castillo canario, para ter a fortuna de enfrontarse ao Deportivo da Coruña na seguinte rolda a partido único: xogouse no Roxo o 27 de outubro de 2004, con vitoria coruñesa (0-2).
Burgos CF 05-06 con Noé anicado (1º pola esq.)
Xa que co Cerceda non puido dar o salto á 2ªB, Noé decide fichar polo Burgos CF. Co lucense Fabri no banco, debuta na categoría de bronce en Zamora, o 27 de agosto. Pero a mala sorte cebaríase co fisterrán, pois despois de ser titular nas primeiras xornadas, unha lesión truncaríalle a temporada, non chegando nin a disputar a promoción de ascenso á 2ªA. Volvería para o Cerceda na 2006-07, unha temporada irregular tanto para el como para o club, pois as lesións fixeron que apenas xogase a metade dos partidos e o equipo que era líder destacado en marzo acabaría fóra dos play-off. Recuperaría a regularidade Noé na seguinte campaña sendo o segundo que máis xogou, pero o equipo novamente fracasou no intento de disputar a promoción. Si o conseguiría na 2008-09 ao rematar cuarto, pero a ilusión quedou truncada na primeira eliminatoria co Peña Sport. Noé encabezaría o apartado de minutos xogados no equipo desta temporada e tamén da seguinte, na que o Cerceda sería subcampión e disputaría unha nova promoción. Nesta desfaríase do Costa Cálida CF murciano, do CD Alfaro rioxano e perdería na última eliminatoria co CD La Muela aragonés por un só gol.
Noé pasou no Cerceda de dianteiro a lateral [Foto: JMF]
Na temporada 2010-11, o Cerceda, despois de participar na Copa do Rei -eliminado pola UD Logroñés-, gañaría outra vez a liga da 3ª División, con Noé no podio dos que máis xogaron, mais o ascenso volvéuselle resistir; tras perder na fase de campións coa UE Llagostera catalá, na segunda oportunidade eliminounos a madrileña UD Sanse. Na 2011-12 o Cerceda foi terceiro, xogando Noé menos do habitual polas lesións; iso si, estivo na promoción, na que se desfixeron do Cuarte CF zaragozano, pero non puideron co CF Fuenlabrada madrileño. Esta campaña volveron xogar a Copa do Rei, na que eliminaron a todo un CD Tenerife na primeira rolda, pero caeron na seguinte coa UE Llagostera. A temporada 2012-13 supuxo para Noé volver encabezar o apartado de minutos xogados, mais o equipo fixo unha mala campaña e acabou na zona media. Volvería aos postos altos na 2013-14, a piques de saír campión, pero tivo que conformarse co subcampionato e cun primeiro rival na promoción, o CD Tenerife B, que os deixaría fóra. Similar situación se deu na 2014-15, co Cerceda terceiro na liga, e caendo na primeira eliminatoria, neste caso coa SD Logroñés. Tras xogar menos do habitual nesta, Noé volvería ser segundo en minutos xogados na 2015-16, na que o Cerceda foi subcampión. Na promoción desfíxose do Villaralbo CF zamorano e do CD Azuqueca guadalaxareño, para xogar o ascenso co At. Sanluqueño; tras empatar en terras andaluzas parecía que este ano si se ía dar, pero o Cerceda perdeu no Roxo e escapou unha nova oportunidade. Na última temporada, Noé volveu pasar polo calvario das lesións e apenas puido participar, e mesmo tivo que ver desde o banco a súa undécima promoción, neste caso co Jerez CF estremeño.
18 anos defendendo as
cores do CCD Cerceda
[Foto: JMF]
Poñía fin aquí Noé a unha traxectoria de 24 temporadas competindo como sénior, 19 delas en categoría nacional (18 na Terceira e 1 na 2ªB) e outras cinco a nivel máis modesto (repartidas entre a Liga da Costa e a 1ª Rexional). Disputou practicamente 600 partidos ligueiros en categoría nacional, os que Noé foi titular en case o 93% deles; e os seus 591 partidos de liga co Cerceda -36 deles de promoción- supoñen a mellor marca non só do club (lonxe quedan os 349 de Souto ou os 346 de Toño), senón de toda a 3ª División galega (para ver a magnitude das súas cifras, só 21 clubs galegos teñen máis partidos que Noé na historia desta categoría). Xogou ademais oito partidos da Copa do Rei, o único xogador que participou en todos os encontros do Cerceda nesa competición (e todos os minutos, 780). E poderiamos ampliar o seu currículo falando da Copa Federación, da Copa Galicia ou da Copa Deputación, e tamén dos partidos coa Selección Galega de Afeccionados (coa que foi campión de España na temporada 2009-10 e disputou como tal a Copa das Rexións UEFA 2010-11), co que as cifras do fisterrán aumentarían aínda máis. En definitiva, estes non son máis que os rexistros, as marcas da súa vida deportiva; os recordos vividos en todos este anos tenos gardados Noé na súa arca.

2 comentarios:

  1. Celestino noé López López25/04/20, 04:21

    Muchas gracias!!! Gran trabajo y nuy completo de cosas que ni yo mismo me acordaba..un abrazo y gracias

    ResponderEliminar
  2. Con este currículum un crack desde logo, noraboa por tan bo e duro traballo, 👏🏿Felicitacións👏🏿

    ResponderEliminar

CEN ANOS DE FÚTBOL NA COSTA. 5. A CHEGADA DO FÚTBOL ÁS COMARCAS DE MUROS E DE NOIA

  O concello de Carnota: Deportivo Pindo e Carnota Apenas contamos con información de partidos de fútbol neste concello, a pesar de atopars...