25/12/17

AS COPAS DE RASO, AS COPAS DO XALLAS


"A LIGA PARA AS MULLERES, A COPA PARA OS HOMES"

Raso, no Balsiño (1967)
Con esta frase, politicamente incorrecta hoxe en día, resumía Raso os éxitos do Xallas na Copa da Costa despois de obter modestos resultados na Liga. E é que José Suárez Suárez, coñecido como Raso, foi un personaxe peculiar e visionario. Nacido na emigración arxentina en 1918, aínda que retornado de moi novo, foi empresario e funcionario do concello de Santa Comba, pero sobre todo destacou como presidente do Xallas F.C. desde a súa fundación en 1966. Xunto con outros directivos, como Ricardo Capeáns, aproveitaron o campo do Carreiro, construído como moitos outros na Costa co esforzo dos veciños, e fórono dotando pouco a pouco dos medios necesarios para a disputa de partidos oficiais: vestiarios, bancadas, etc. E tamén desenvolveron grandes iniciativas como a de conseguir as equipacións a través dunha marca comercial, como foi no seu caso "Jabones Lagarto", que lles regalou unha equipación con camiseta verde e pantalón negro, que acabaron sendo as cores do equipo xalleiro. Coa escolla do nome da comarca para bautizar o club de fútbol de Santa Comba, Xallas F.C., e as ansias dos rapaces locais por xogaren de forma federada, xa estaban dados os pasos para inscribirse na Federación Galega de Fútbol.
La Voz de Galicia, 23-10-66
E isto ocorreu en 1966, cando xa se levaban disputadas dúas temporadas da Liga da Costa sen que a vila de Santa Comba participase. Entrou a competir na temporada 1965-66, e o primeiro partido oficial do club foi o 10 de abril de 1966, no Carreiro, ante o Bergantiños B, que acabou con vitoria visitante (1-2). Acabou esta primeira temporada no 7º posto (de 11 equipos), moi lonxe do campión Muxía CF que dirixía Eduardo Toba. Pero na Copa xa foi outro conto, pois o equipo renovouse coa fichaxe de dous dianteiros composteláns, Pahiño e Nicanor, e tras librar no sorteo da rolda previa, comezou o seu camiño copeiro nos cuartos de final contra o Soneira. Sentenciou a eliminatoria na ida cunha goleada (4-0), que fixo que a volta fose un trámite en Vimianzo (perdeu 1-0). Nas semifinais tocoulle o Buño SD, que viña de rematar 3º na liga, a un punto do campión. No campo de Xaviña venceron os oleiros (2-1) e na volta no Carreiro os xalleiros tamén gañaron pola mínima (1-0), polo que o finalista decidiuse no lanzamento de penaltis -como vedes, aínda non se premiaba o valor dos goles en campo contrario-. Estivo máis atinado o Xallas na quenda e presentouse na súa primeira temporada na mesma final da Copa da Costa. O rival, nin máis nin menos, era o campión ligueiro, o Muxía CF, que xa non dirixía o futuro seleccionador español, senón o tamén xogador Tito Luaces. O 9 de outubro xogouse a ida en Muxía, e o partido sorprendentemente rematou sen goles. Sete días despois disputouse a volta en Santa Comba, na que o Xallas presentou a seguinte aliñación: Arufe; Varela I, Lema, Paredes; Villar, Castro; Atilano, Pahiño, Nicanor, Durán e Nito (obsérvese a puntuación, pois marca a disposición táctica: 1-3-2-5). Adiantouse o cadro muxián grazas a un gol de Alejandro, pero no último minuto, Pahiño, logo dun lanzamento de falta, logra o gol da igualada. 
La Voz de Galicia 25-10-66
A resolución do torneo tiña que dilucidarse nun terceiro partido, e para iso os dous contendentes escolleron o campo municipal de Vimianzo. Nos días previos puidemos ler na prensa coruñesa declaracións de xogadores e adestrador muxián dándose por claros favoritos, pero o mesmo afirmaba Raso nunha entrevista con Del Valle en La Voz de Galicia [23-10-66]. O 23 de outubro o campo de Vimianzo estaba ateigado de xente, con numerosos autobuses chegados desde as dúas vilas e afeccionados procedentes de toda a Costa. Polo Xallas FC formaron: Arufe; Varela, Lema, Paredes; Castro, Durán; Atilano, Villar, Amarelle, Pahiño e Nicanor. Aos 20 minutos Luaces II consegue marcar para os muxiáns e antes do descanso o xalleiro Varela era expulsado. Non estaban contentos os seareiros xalleiros coa arbitraxe de Díaz Sollozo e mesmo solicitaban que o seu equipo se retirase do campo. Mantívose o sentido común e o Xallas saíu no segundo tempo intentando conseguir o empate, e logrouno cun disparo de Atilano, e igualáronse as forzas ao expulsar o colexiado ao muxián Nené. Houbo que disputar unha prórroga, e mediada esta un balón solto chégalle a Amarelle, que consegue bater a Che e poñer o 2-1 que había ser definitivo. Vitoria do Xallas e primeira Copa da Costa que vai ás súas vitrinas.
Formacións do Muxia CF e Xallas FC, este en primeiro termo, en Vimianzo,
de esq. a der.: Varela, Arufe, Paredes, Castro, Lema, Durán, Atilano, Pintinho,
 Amarelle, Pahiño e Nicanor. [Foto: santacombanamemoria.es]
El Ideal Gallego, 04-10-67
Na temporada 1966-67 o Xallas FC rematou a liga xusto no medio da clasificación (5º de 9 equipos), pero renovou case todo o equipo para a Copa. Volveron Pahiño e Nicanor, xunto con outros xogadores como o portorriqueño Arana ou o noiés Matito, ex-xogador da 1ª División en equipos como o Betis, Oviedo ou Elche. Novamente librou de xogar a previa, e nos cuartos de final volveulle tocar o Soneira, pero este non era un equipo calquera, era o actual campión de liga que aproveitara a baixa do Fisterra para fichar algúns dos seus mellores homes. O 27 de agosto o Soneira impúxose en Vimianzo pola mínima (2-1), pero na volta o 3 de setembro os xalleiros golearon ao seu rival (4-0). Para as semifinais o rival foi o Muxía CF, que quería tomar o desquite da final da temporada pasada; o partido de ida disputouse coincidindo coas festas da Barca no campo da Beiramar, e os muxiáns venceron por 2-1. O 17 de setembro, en Santa Comba, o Xallas non deixou lugar ás dúbidas e varreu ao Muxía do campo (6-1). 
Gol de Matito na final contra o Negreira no Carreiro (24-9-67)
[Foto: santacombanamemoria.es]

Presentábase o cadro xalleiro na súa segunda final consecutiva e o seu rival vai ser o subcampión ligueiro, a SD Negreira. O partido de ida dispútase no Carreiro o 24 de setembro, nunha tarde con temporal de chuvia e vento que fixo que a asistencia fose menor da agardada. Contan as crónicas que foi un partido igualado, pero que a eficacia dos dianteiros locais deixou case sentenciada a final. Xogaron polo Xallas FC: Arufe; Lema. Rá, Puchini; Creo, Ventura; Nicanor, Rivera, Matito, Pahiño e Arana. No minuto 17 Rivera marca o primeiro gol para os locais, pero só tres minutos despois empata Juanciño; no 34 volve Rivera poñer por diante aos seus, e no minutos 40 unha discusións entre porteiro e defensas visitantes con xogadores locais co balón en xogo remata co gol do máis listo, Ventura, para poñer o 3-1 co que se chegou ao descanso. No segundo tempo aumentaría o Xallas o marcador cun gol de cabeza de Matito no minuto 85, dous despois de que o Negreira perdese por expulsión ao central Cartagena. A volta disputouse o 1 de outubro no campo do Cepelo, nunha tarde de verdadeiro verán que levou moita xente a presenciar o partido, a pesar da vantaxe que levaba o Xallas do encontro de ida. E a renda aumentaría no minuto 18, cun gol de Rivera, co que se chegaría ao tempo de lecer; na continuación a SD Negreira conseguiría darlle a volta ao marcador e polo menos acabou gañando o partido, con goles de Vilas (minuto 73) e Tomé de penalti (minutos 78), e poñer o 2-1, resultado co que perdeu todos os seus partidos como visitante o Xallas nesta edición da Copa. Os protagonistas do partido de volta por parte xalleira foron: Arufe; Puchini, Rá, Lema; Creo, Ventura; Chislengo, Rivera, Matito, Arana e Varela.
Equipo do Xallas FC na final da Copa da Costa en Negreira:
Arufe, Varela, Puchini, Rá, Aparicio, Ventura, Amarelle; Nicanor,
Rivera, Matito, Pahiño e Arana. [Foto: santacombanamemoria.es]


El Ideal Gallego, 08-10-68
Na temporada 1967-68 o Xallas fixo unha pobre Liga da Costa, rematando antepenúltimo, polo que os afeccionados tiveron que agardar polo trofeo copeiro. Como se xa fose tradición, o Xallas libra da previa e xoga os cuartos de final contra o Soneira, que non os viu na eliminatoria: 6-0 en Santa Comba e 0-3 en Vimianzo; nas semifinais o rival do Xallas vai ser o Fisterra, e nova dobre vitoria dos xalleiros: 4-2 no Carreiro e 1-3 en Fisterra. Comentaba Del Valle na súa sección "Antena Regional de los Modestos" en La Voz de Galicia: "los vestuarios del nuevo campo de Finisterre están sin techo. Primero la lluvia los sorprendió con las uralitas sin poner, luego la 'ducha' fue a cargo del Xallas de Santa Comba que los 'bañó' en su propio campo. ¡Vaya equipo que tiene el Xallas! Esto se lo oíamos a uno que los vio jugar en plan de campeones como acostumbran a hacerlo en la Copa. ¿Con tanta 'copa' no se marearán los muchachos de Santa Comba?". E é que en catro partidos, o Xallas case lograra os mesmos goles que en toda a liga. Na final o rival vai ser a SD Buño, que acabara 4º na liga, e o partido de ida dispútase o 29 de setembro no campo de Xaviña, con moito público que comprobou asombrado como os oleiros derrotaban sorprendentemente aos ¿mareados? xalleiros cun amplo marcador de 3-0, grazas aos goles conseguidos por Cances (minuto 3), José Luis (minuto 80) e Novo (minuto 85), aínda que a dicir das crónicas a mala actuación do gardameta xalleiro tivera que ver moito no resultado final, ao que tamén lle engade Emilio Amado en El Ideal Gallego os erros tácticos cometidos polo adestrador visitante. Formaran polo Xallas FC: Arufe; Aparicio, Pachini, Arana; Ventura, Matito; Joselín, Rivera, Juan Ramón, Lete e Juanito. A volta no campo do Carreiro o 6 de outubro, tivo, na opinión de Emilio Amado, un protagonista especial na figura do árbitro, o Sr. Cascudo. No minuto 12 concede un máis que discutible penalti aos locais que transforma Santi no 1-0, e tras milagreiras ocasións erradas polos xalleiros chegouse con ese marcador ao descanso. No minuto 62 Matito poñía o 2-0, pero os oleiros tiñan controlado un partido, que ben puido quedar sen algún dos seus protagonistas polas moitas faltas e incidencias que disque houbo. Con isto, chegouse ao minuto 88 no que se produce un dos chamados "goles fantasma" a favor do Xallas, que Amado sinala que entrou claramente pois el atopábase nesa portería. O árbitro non o concedeu e o Buño proclamouse campión da Copa da Costa co mérito de facelo con xogadores da súa canteira, moitos deles aínda xuvenís.
El Ideal Gallego, 07-10-69
Temporada 1968-69, e o Xallas remata a liga na 5ª posición de 9 equipos participantes, pero novamente se renova o cadro de xogadores para a Copa (que xogan 8 equipos por renuncia do At. Bergantiños). Nos cuartos de final o rival do Xallas é o CD Baio, e no partido de ida xogado no Balsiño o "farol vermello" consegue empatar ante o poderoso cadro xalleiro (2-2), pero na volta no Carreiro gaña con facilidade (3-0). Nas semifinais o rival vai ser o Fisterra, que, tras unha boa liga, non vai ver os xalleiros diante, cun baño maior que o da temporada anterior (7-1 en Santa Comba e 1-4 en Fisterra). 
O portorriqueño Arana, o
primeiro xogador de cor
na Copa da Costa
Presentábase o Xallas por cuarta temporada consecutiva na final, e ía ter como rival ao Ponteceso SD, que exerceu de local no primeiro partido disputado no seu novo campo Municipal. O 21 de setembro os da vila de Pondal impuxéronse por 2-0 ao Xallas con goles de Conde (minuto 10) e Ventura en propia meta (minuto 54), en dous despexes errados de Arufe. Xunto a este xogaron no Xallas FC: Puchini, Ventura, Rúa; Mayer, Kubala; Lete, Rivera, Matito, Quique e Joselín; como por vez primeira se permitían os trocos, no segundo tempo Aparicio substituíu a Lete. O dianteiro Joselín fora expulsado na primeira parte por protestar un gol anulado. O encontro de volta xogouse o 28 de setembro no Carreiro, e o Xallas formou con: Arufe; Aparicio, Puchini, Rúa; Mayer, Ventura; Lete, Rivera, Matito, Arana e Kubala. Cun gol de Kubala (minuto 15) chégase ao descanso, e o equipo xalleiro bótase ao ataque no segundo na busca da igualada, pero o Ponteceso creaba máis perigo nas contras, pero Arufe salvou aos seus. Pero será Rivera no minuto 70 o que marque e poña o 2-0 que sería definitivo, polo que se tivo que xogar un partido de desempate. Novamente elixen o Municipal de Vimianzo para disputalo, o 5 de outubro, cunha entrada "ata a bandeira". O Xallas era o favorito, pero os goles non chegaron ata mediada a segunda parte. No minuto 65 un penalti a favor do Xallas é transformado por Mayer para poñer o 1-0, e cinco minutos despois Rivera conseguía o segundo; no minuto 87 Lete certificaba a vitoria. Saíron polo Xallas FC: Arufe; Arana, Puchini, Rúa; Mayer, Ventura; Lete, Quique, Matito, Rivera e Kubala. Era a terceira Copa da Costa para o Xallas en catro finais consecutivas.
Xallas FC na final da Copa da Costa contra o Ponteceso: Arufe, Ipiña (adest.),
Aparicio, Puchini, Duro, Rá, Mayer, Ventura, Rafael; Lete, Rivera, Matito,
Arana, Kubala e Quique. [Foto: santacombanamemoria.es]
E vai ser tamén o final dun ciclo, pois o equipo xalleiro vai deixar de apostar pola Copa da Costa, de transformar o equipo da liga nun novo para este torneo. Atrás quedaron as concentracións en Santiago co presidente durmindo cos xogadores para que non fosen de esmorga, as comidas na casa de Capeáns, a presenza do médico Atomé, as tácticas de Ipiña, etc. etc. Habería que agardar moitos anos para que os loureiros copeiros volvesen ás vitrinas deste clásico da Costa, concretamente ata a temporada 2001-02, e conseguiría a quinta Copa na 2015-16. O Xallas FC participou en 41 edicións da Copa da Costa, con 180 partidos disputados -o que o converten no 5º equipo nesta clasificación-, venceu en 80 deles, empatou 42 e perdeu 58; marcou 336 goles e encaixou 277. Os seus cinco trofeos colócano como o segundo con máis entorchados, por detrás do UC Cee (suma 7), e as seis finais que disputou sitúano como cuarto por detrás de Cee e Ponteceso (9) e Fisterra (8). Esta é a historia do Xallas FC na Copa da Costa, unha historia que empezou un presidente que dixo que a Copa era para os homes... xalleiros.

09/12/17

A (M)ARCA DE NOÉ

É ben certo o dito de que en Fisterra dáslle unha patada a unha pedra e sae un futbolista. E foron moitos os que saíron, e moitos os que triunfaron no mundo do fútbol, chegando algún mesmo á 1ª División, pero ningún deles se mantivo tantas temporadas en categoría nacional como Noé. A súa marca de partidos xogados na 3ª División (591) vai ser difícil de superar, e todos eles no mesmo equipo, o CCD Cerceda. Pero antes disto houbo outros equipos e outras ligas.
UD Corcubión xuvenil 93-94 con Noé man en terra
[Foto cedida por Manín]
Celestino Noé López López naceu en Fisterra o 17 de xuño de 1977, polo que acaba de chegar aos 40 anos. Lonxe queda a temporada 1993-94 cando Noé, como foi coñecido futbolisticamente, debutaba na Liga da Costa sendo aínda xuvenil de primeiro ano. Facíao na UD Corcubión, a onde chegara da man do míster Manín, xunto con outros rapaces fisterráns, do cadete da SD Fisterra. Co equipo corcubionés proclamaríase campión da liga costeira xuvenil, conseguindo subir á Liga Galega nunha fase de ascenso na que mesmo chegaron á final, que perderían co Chapela de Redondela. Noé foi o máximo goleador daquel equipo xuvenil e o seu adestrador definíao nun especial asinado por José Manuel Ferreiro en La Voz de Galicia (18·4·94) como "un xogador hábil, con moita velocidade e de fácil remate con ambas pernas".

Xallas FC xuvenil 94-95 con Noé anicado (2º pola dereita)
[Foto cedida por Manín]
Noé coa SD Fisterra
[Foto: JMF]
Na campaña seguinte, Manín marcha para o Xallas FC, e Noé decide acompañalo. No equipo de Santa Comba alternaría o xuvenil co sénior da Liga da Costa. O Xallas perdeu esa liga pola golaveraxe fronte ao Lira, e os fisterráns abandonan o club rumbo ao Ponteceso SD, onde xogarían esa mesma temporada a Copa da Costa. Continúan no equipo pontecesán na vindeira campaña na Liga da Costa, pero en novembro Manín é cesado, e Noé tamén se vai, no seu caso para fichar polo SD Fisterra, que militaba na 1ª Rexional. Seguiría Noé no club da súa vila natal na temporada 1996-97, na categoría provincial, onde xa destacou como gran goleador. Este mesmo ano o SD Fisterra conseguiría proclamarse campión da Copa da Costa, gañándolle na final ao Ponteceso SD, nun cadro fisterrán con futuras estrelas do fútbol galego como Llanero, César, Pesca e o propio Noé, que axiña abandonarían o equipo en busca de cotas máis altas.
Noé no Bergantiños FC
[Foto: JMF]
O destino de Noé estaba no Bergantiños FC, que na temporada 1997-98 competía tamén na 1ª Rexional. A pesar de que o club carballés non lograra o obxectivo de ascender, o bo rendemento do fisterrán faría que o CCD Cerceda se interesase por el e lle ofrecese estar a proba na pretemporada; superou o exame con boa nota -fora o máximo goleador dos partidos de preparación-, e o míster Carlos Brizzola decidiu fichalo. O 30 de agosto de 1998 Noé debutaba na 3ª División no partido Cerceda-Caselas, xogando os últimos dez minutos. Esa temporada o CCD Cerceda acabou terceiro, polo que Noé xogou a súa primeira promoción de ascenso á 2ªB. Aínda que esta primeira campaña xogou máis partidos entrando desde o banco que de titular, a partir da súa segunda temporada no Roxo xa se asentou no once inicial. Non fora esta unha boa campaña para os cercedenses, que quedaron fóra do play-off, pero Noé xogaría case todos os partidos e foi o segundo máximo goleador do equipo. Peor foron as cousas na temporada seguinte, na que o ascenso do Celta B salvou o Cerceda de descender. Melloraron na 2001-02, pero sería na temporada 2002-03 cando conseguise o primeiro título co Cerceda: campión da 3ª División. Na fase de ascenso logo perderían as opcións de subir. Volvería repetir título co Cerceda na 2003-04, e aquí prodúcese un cambio importante para Noé, pois o míster Fernández Abel pono a xogar de carrileiro, e nesa posición será o que xogue máis minutos do plantel. Novamente se lle negou o ascenso ao Cerceda, quedando fóra na primeira das novidosas eliminatorias de promoción. Esta temporada supuxo o debut do Cerceda, e tamén de Noé, na Copa do Rei; o 27 de agosto o Cerceda recibiu ao Barakaldo no Roxo sen que houbese goles, para despois perder en terras vascas.
Na temporada 2004-05 o Cerceda non cumpre os obxectivos e queda fóra da promoción, con Noé convertido en fixo no lateral dereito para os catro adestradores que tivera o equipo. Nova participación na Copa do Rei, eliminando na previa ao Castillo canario, para ter a fortuna de enfrontarse ao Deportivo da Coruña na seguinte rolda a partido único: xogouse no Roxo o 27 de outubro de 2004, con vitoria coruñesa (0-2).
Burgos CF 05-06 con Noé anicado (1º pola esq.)
Xa que co Cerceda non puido dar o salto á 2ªB, Noé decide fichar polo Burgos CF. Co lucense Fabri no banco, debuta na categoría de bronce en Zamora, o 27 de agosto. Pero a mala sorte cebaríase co fisterrán, pois despois de ser titular nas primeiras xornadas, unha lesión truncaríalle a temporada, non chegando nin a disputar a promoción de ascenso á 2ªA. Volvería para o Cerceda na 2006-07, unha temporada irregular tanto para el como para o club, pois as lesións fixeron que apenas xogase a metade dos partidos e o equipo que era líder destacado en marzo acabaría fóra dos play-off. Recuperaría a regularidade Noé na seguinte campaña sendo o segundo que máis xogou, pero o equipo novamente fracasou no intento de disputar a promoción. Si o conseguiría na 2008-09 ao rematar cuarto, pero a ilusión quedou truncada na primeira eliminatoria co Peña Sport. Noé encabezaría o apartado de minutos xogados no equipo desta temporada e tamén da seguinte, na que o Cerceda sería subcampión e disputaría unha nova promoción. Nesta desfaríase do Costa Cálida CF murciano, do CD Alfaro rioxano e perdería na última eliminatoria co CD La Muela aragonés por un só gol.
Noé pasou no Cerceda de dianteiro a lateral [Foto: JMF]
Na temporada 2010-11, o Cerceda, despois de participar na Copa do Rei -eliminado pola UD Logroñés-, gañaría outra vez a liga da 3ª División, con Noé no podio dos que máis xogaron, mais o ascenso volvéuselle resistir; tras perder na fase de campións coa UE Llagostera catalá, na segunda oportunidade eliminounos a madrileña UD Sanse. Na 2011-12 o Cerceda foi terceiro, xogando Noé menos do habitual polas lesións; iso si, estivo na promoción, na que se desfixeron do Cuarte CF zaragozano, pero non puideron co CF Fuenlabrada madrileño. Esta campaña volveron xogar a Copa do Rei, na que eliminaron a todo un CD Tenerife na primeira rolda, pero caeron na seguinte coa UE Llagostera. A temporada 2012-13 supuxo para Noé volver encabezar o apartado de minutos xogados, mais o equipo fixo unha mala campaña e acabou na zona media. Volvería aos postos altos na 2013-14, a piques de saír campión, pero tivo que conformarse co subcampionato e cun primeiro rival na promoción, o CD Tenerife B, que os deixaría fóra. Similar situación se deu na 2014-15, co Cerceda terceiro na liga, e caendo na primeira eliminatoria, neste caso coa SD Logroñés. Tras xogar menos do habitual nesta, Noé volvería ser segundo en minutos xogados na 2015-16, na que o Cerceda foi subcampión. Na promoción desfíxose do Villaralbo CF zamorano e do CD Azuqueca guadalaxareño, para xogar o ascenso co At. Sanluqueño; tras empatar en terras andaluzas parecía que este ano si se ía dar, pero o Cerceda perdeu no Roxo e escapou unha nova oportunidade. Na última temporada, Noé volveu pasar polo calvario das lesións e apenas puido participar, e mesmo tivo que ver desde o banco a súa undécima promoción, neste caso co Jerez CF estremeño.
18 anos defendendo as
cores do CCD Cerceda
[Foto: JMF]
Poñía fin aquí Noé a unha traxectoria de 24 temporadas competindo como sénior, 19 delas en categoría nacional (18 na Terceira e 1 na 2ªB) e outras cinco a nivel máis modesto (repartidas entre a Liga da Costa e a 1ª Rexional). Disputou practicamente 600 partidos ligueiros en categoría nacional, os que Noé foi titular en case o 93% deles; e os seus 591 partidos de liga co Cerceda -36 deles de promoción- supoñen a mellor marca non só do club (lonxe quedan os 349 de Souto ou os 346 de Toño), senón de toda a 3ª División galega (para ver a magnitude das súas cifras, só 21 clubs galegos teñen máis partidos que Noé na historia desta categoría). Xogou ademais oito partidos da Copa do Rei, o único xogador que participou en todos os encontros do Cerceda nesa competición (e todos os minutos, 780). E poderiamos ampliar o seu currículo falando da Copa Federación, da Copa Galicia ou da Copa Deputación, e tamén dos partidos coa Selección Galega de Afeccionados (coa que foi campión de España na temporada 2009-10 e disputou como tal a Copa das Rexións UEFA 2010-11), co que as cifras do fisterrán aumentarían aínda máis. En definitiva, estes non son máis que os rexistros, as marcas da súa vida deportiva; os recordos vividos en todos este anos tenos gardados Noé na súa arca.

CEN ANOS DE FÚTBOL NA COSTA. 5. A CHEGADA DO FÚTBOL ÁS COMARCAS DE MUROS E DE NOIA

  O concello de Carnota: Deportivo Pindo e Carnota Apenas contamos con información de partidos de fútbol neste concello, a pesar de atopars...