26/01/25

A PRIMEIRA LIGA DA COSTA XUVENIL (1968-69)

Miculita e Manín, protagonistas da
primeira Liga da Costa Xuvenil
No ano 1968 a Federación Galega de Fútbol atendeu a petición dos clubs da Costa e creou a primeira liga de xuvenís, logo de bastante tempo solicitándoa. Ademais, o ter equipo xuvenil permitía por aquel entón que tres deses rapaces puidesen xogar co equipo sénior, o que favorecía completar as aliñacións ante as lesións e sancións que se daban ao longo da temporada (aínda que, lembremos daquela aínda non se permitía facer trocos e só xogaban once en cada xornada).

  A Liga da Costa xuvenil deu inicio na temporada 1968-69, pero a Federación xa consentiu que aqueles clubs que se anotasen para xogala xa podían facer uso deses rapaces na anterior temporada 1967-68. E é que temos que retroceder a aqueles tempos nos que a Liga da Costa se xogaba na primavera e parte do verán e a Copa no que quedaba do verán e mesmo chegaba ao outono. Así, a campaña 1967-68 dos sénior iniciárase o 26 de marzo de 1968 e rematara o 23 de xullo, mentres que a Copa da Costa xogouse entre o 18 de agosto e o 6 de outubro. Con este calendario para os maiores, decidiuse que a competición xuvenil tiña que celebrarse antes da liga sénior, nos meses do outono e do inverno.

Na primeira Liga da Costa xuvenil participaron 8 equipos dos nove clubs que disputaban a liga sénior: CD Baio, SD Buño, UC Cee, SD Fisterra, Muxía CF, Ponteceso SD, Soneira SD e Xallas FC. A única excepción foi a do At. Bergantiños, que era filial do Bergantiños e este xa tiña o seu xuvenil disputando o Campionato Rexional, pois o club carballés dispuña de equipo xuvenil desde 1956. Tamén o Buño levaba dous anos competindo co cadro xuvenil na Liga de Arteixo, con meritorios resultados. Xa que logo, oito clubs históricos do noso fútbol daban inicio a esta competición de xuvenís. A liga estendeuse entre o 27 de outubro de 1968 e o 26 de xaneiro de 1969.

Os campos que viron os primeiros partidos oficiais de xuvenís foron A Arliña, co Muxía-Cee (2-0), O Frade co Ponteceso-Fisterra (0-4), O Balsiño co Baio-Buño (0-0) e o Municipal vimiancés co Soneira-Xallas (4-1).

A primeira volta acabou co Fisterra e o Soneira no alto da clasificación, con 12 puntos, seguidos polo Buño, con 9. Por abaixo, o Ponteceso non lograra puntuar. Pero no inicio da segunda volta a táboa foise apertando máis e a catro xornadas para o final, os fisterráns e soneiráns vían como os oleiros se poñían a un punto deles (16 por 15), xusto antes dos enfrontamentos directos. Na xornada 11ª o Fisterra recibía o Soneira e vencían os fisterráns, que ademais se aproveitaban do sorprendente empate sen goles do Buño en Cee (os ceenses só sumaron dous puntos na 2ª volta). Na seguinte xornada, o Buño conseguía gañarlle ao Fisterra por 2-0 e o Soneira facía o propio en Ponteceso para poñer un triplo empate a 18 puntos.

A xornada 13ª deparaba un Buño-Soneira, que remataba cun claro 5-2 para os locais, o que practicamente deixaba fóra do título aos vimiaceses. A cousa quedaba entre o Buño e o Fisterra, que nesta xornada gañara tamén con comodidade ao Xallas (4-1). Eran precisamente os xalleiros os que ían recibir ao Buño na última xornada, mentres que os fisterráns tiñan que desprazarse a Baio, dúas saídas en principio cómodas, pois os rivais ocupaban postos baixos na táboa. Contaba ademais o Fisterra coa vantaxe da golaveraxe a favor, polo que gañando no Balsiño era campión.

As cousas foron máis duras do agardado, xa que mentres o Buño gañaba en Santa Comba por un axustado 2-4, máis incerteza se deu en Baio, onde o cadro fisterrán só logrou gañar pola mínima (3-4). Iso si, era un resultado suficiente para proclamarse como os primeiros campións da Liga da Costa xuvenil. Neste Fisterra, como ben relata Gabriel Riveiro no seu Balóns a Corveiro, destacaban dous rapaces que se habían converter nuns dos máis grandes xogadores que viron os campos da Costa: Manín e Miculita.

Pola parte baixa, o Ponteceso levaba o farol vermello, pois tan só sumou 5 puntos (feitos nas catro últimas xornadas), dous menos que o Baio.

Clasificación final da 1ª Liga da Costa Xuvenil

Como vimos, a emoción presidiu esta primeira competición xuvenil, e moitos destes rapaces pasaron a engrosar as filas do equipo maior na Liga da Costa sénior que comezou en marzo. Foi o caso do Fisterra, que segundo se anunciaba en La Voz de Galicia (29.3.1969) presentábase na liga "con un conjunto completamente remozado. De antemano muchos dan al conjunto de la villa 'del cabo' como uno de los más cualificados favoritos. Esta primera salida a Mugía, nos dará el grado de potencialidad de este Finisterre 'juvenil'". Tamén o Buño anunciaba que ía botar man deles, e non lles foi mal, pois gañaron a liga nunha competición aínda máis igualada que a dos xuvenís, pois resolveuse ante Muxía e Fisterra por unhas centésimas de gol, como podedes ler noutro artigo deste blog picando aquí. En definitiva, foi un paso adiante para a mellora dunha Liga da Costa cada día máis grande.

Resultados da liga xuvenil


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Copa da Costa. Palmarés e partidos xogados por cada club

O xalleiro Arana levanta un dos primeiros trofeos da Copa da Costa      Esta temporada dispútase a edición número 60 da Copa da Costa, que ...