07/07/18

HISTORIA DA COPA DA COSTA (VII)

31ª EDICIÓN – TEMPORADA 1993-94

Equipos participantes
25
Campión
CAMARIÑAS F.C.
Subcampión
S.D. LAXE

Participan 23 dos 25 equipos que disputaron a Liga da Costa (2ª Rexional) e a nova 3ª Rexional, coas renuncias do At. Milagrosa e At. Mineiro, e 2 dos 4 equipos costeiros da 1ª Rexional (Camariñas e Cee, pois non o fixeron o Fisterra e o Nantón), para un total de 25 equipos; novamente fóra os da Preferente (Negreira e Sp. Zas). Da primeira rolda quedaron exentos Muros, Xallas, A Baña, Coristanco, Laxe, Carnota e Ponteceso. O máis destacado da primeira rolda foi a eliminación do actual campión e equipo da 1ª Rexional, o Cee, fronte ao Lira que se impuxo con facilidade nos dous encontros. O outro representante da categoría provincial, o Camariñas, desfíxose do Monte Louro, mentres que non tiveron apuros tampouco o Castriz, Mazaricos, Baio e Buño. O Outes pasou cun gol nos últimos minutos, e Corcubión necesitou a prórroga para desfacerse do Club do Mar e remontar un 2-0; pero quen logrou a gran remonta foi o Corme, que perdera en Esteiro 3-0 e logrou un 4-0 no Cairo.
Nos oitavos, moitas eliminatorias sentenciadas nos encontros de ida, como a do Camariñas fronte ao A Baña, a do Coristanco co Castriz, a do Baio co Carnota ou a do Buño co Ponteceso. O Corcubión gañoulle ao Muros 3-1 na ida, pero na volta os muradáns igualaron o marcador e na prórroga dous goles dos corcubioneses déronlles o pase. O Lira empatou co Xallas na ida, pero na volta o Xallas impúxose con moitos apuros. E a sorpresa estivo a piques de dala o Corme, que perdera na súa casa 1-3 co campión ligueiro Mazaricos, pero na Pedra de Ouro os cormeláns lograron igualar a contenda (0-2) e só os penaltis impediron que seguisen na competición. Os cuartos de final, xogáronse nun visto e non visto, pois entre o domingo e o martes festivo despacháronse estas eliminatorias, nas que o Camariñas non tivo problema en eliminar ao Coristanco (5-0 e 0-2), mentres que os outros enfrontamentos estiveron máis igualados. O Corcubión logrou vencer ao Xallas na ida cun gol no desconto (1-0), e na volta logrou un sorprendente empate que deixaba fóra a un do favoritos. Outro favorito era o Mazaricos, que se impuxo na casa ao Laxe (2-0), pero xa sabemos como as gastan os laxenses, que na volta xa case sentenciaran o pase na primeira parte e acabaron vencendo 4-1. Por último, o Baio tivo serios problemas para desfacerse do Buño, a pesar de que logrou vencer nos dous encontros (1-0 e 2-3).
Nas semifinais, o Corcubión enfrontouse ao Camariñas no Cubaleiro e deu a sorpresa ao vencer por 2-1; os dous primeiros goles de dúas futuras figuras costeiras: polos locais do xuvenil Noé, ao que respondeu o camariñan Juan Cabrejo; outro xuvenil fisterrán en terras corcubionesas, Santi, poñería o definitivo 2-1. Na volta, o Camariñas adiantouse cun penalti convertido por Juan, e no segundo tempo Pepucho ampliou distancias, pero Chisco axiña igualou a eliminatoria, e tivo que ser no desconto cando un gol de Guillermo impedise a prórroga. Na outra semifinal, o Laxe recibía a outro galo, o Baio, subcampión ligueiro, e no Cabo da Area xogouse o primeiro partido, no que un gol inicial do baiés Lilo foi igualado antes do descanso por Fran; nada máis iniciarse o segundo período Diego anota o segundo para os locais, e a falta de cinco minutos empata Bareta de penalti, pero pouco despois Diego volve marcar para poñer o 3-2 definitivo. Na volta, no Platas Reinoso, os laxenses defendéronse ben e conseguiron manter a porta a cero, polo que deron a sorpresa e coáronse na final deixando fóra ao Baio.
Sexta final para o Laxe e terceira para o Camariñas, que era quen figuraba como anfitrión do partido de ida. O 5 de xuño un forte vento foi o protagonista do encontro, que acabou sen goles na primeira parte, pero que no arranque do segundo tivo dous seguidos por parte local, ao que lle seguiron outras dúas expulsións dos camariñáns José Marta (min.60) e Berto (min.65), que lles deron folgos aos visitantes e a dez para o remate lograban deixar aberta a final para a volta. Aquí o vento continuou sendo protagonista e os goles fixéronse de rogar, pois non chegaron ata os minutos finais e foron a favor do Camariñas, que tras perder dúas finais, podía por fin levantar a Copa da Costa. Os máximos goleadores desta edición foron os camariñáns Juan Cabrejo e Pepucho, con 8 goles, seguidos, con 7, por Chisco (Corcubión) e Isidro (Baio).

FINAL IDA (05-06-1994)
CAMARIÑAS F.C.
Vicente, Vigo, Berto, Víctor, Tito, José Marta, Julián (Andrés 55), Tono, Juan, Guillermo, Pepucho.
S.D. LAXE
Fermín, Pepe, Juan, Sindo, Óscar, Diego (Víctor 80), Manel Pallas, Fran de Laxe, Tino (Fran de Vimianzo 10), Toni, Lucho.
Goles
1-0 Juan (p.,55), 2-0 Pepucho (59), 2-1 Fran de Laxe (80).
FINAL VOLTA (12-06-1994)
S.D. LAXE
Fermín, Pepe, Sindo, Juan (Víctor 88), Óscar (Miguel 69), Beizana, Fran de Laxe (Fran de Vimianzo 88), Manel Pallas, Paco, Toni, Lucho. Adestrador: Sindo/Feluxo
CAMARIÑAS F.C.
Vicente, Vigo, Julián, Víctor, Tito, Gerpe, Andrés (Marcos 90), Tono, Juan (Javi 82), Guillermo, Pepucho (Ramón 93). Adestrador: José Pasantes 'Camuel'
Goles
0-1 Andrés (86), 0-2 Guillermo (p., 92).
O Camariñas FC no partido de volta en Laxe [Foto: JMF]

32ª EDICIÓN – TEMPORADA 1994-95

Equipos participantes
26
Campión
CAMARIÑAS F.C.
Subcampión
S.D. SAN LORENZO

Participan os 26 equipos, os 13 da Liga da Costa, 9 da 3ª Rexional e 4 da 1ª Rexional (coa renuncia do Cee), pero non os da Preferente (Negreira e Sp. Zas). Seis equipos quedaron exentos da primeira rolda: Monte Louro, Ponteceso, Cabana, At. Mineiro, Malpica e At. Milagrosa, aos que se sumou o Fisterra logo de que A Baña se retirase unha vez efectuado o sorteo. A eliminatoria estrela era a que enfrontaba a campión e subcampión da Liga da Costa, pero o Lira desfíxose sen problemas do Xallas, que non se parecía nada ao do campionato ligueiro, pois as súas estrelas -Isidro, Miculita, Noé, Papi- emigraran para o Ponteceso da man do míster Manín. A sorpresa veu da eliminación dun dos equipos de Primeira, o Mazaricos, da man do Muros, e o Camariñas tivo moitos problemas para desfacerse do Coristanco. Sen apuros pasaron o Corcubión, Baio, San Lorenzo, Buño e Laxe, mentres que o Carnota sufriu ata última hora para deixar fóra ao Castriz.
Interesantes eliminatorias nos oitavos, cun enfrontamento entre dous equipos de Primeira, na que o Camariñas se impuxo na ida ao Fisterra (2-0), pero os fisterráns lograron poñerse na volta 3-1, pero a dianteira camariñá Chema-Guillermo sentenciou nos minutos finais (3-4). O Ponteceso de Manín atopouse co campión ligueiro Lira e logrou vencer no Municipal 2-0, e ir gañando 1-3 en Portocubelo, pero os lirachos non dixeron a última palabra e a piques estiveron de forzar a prórroga (4-3). A sorpresa veu da eliminación do Baio co San Lorenzo, que goleou nas Pedreiras ao equipo de 1ª Rexional (3-0). O Laxe eliminou sen problemas ao At. Milagrosa, o At. Mineiro ao Buño e o Cabana ao Muros, mentres que o Carnota gañou en Malpica para facer bo o empate da ida; máis problemas tivo o Corcubión para desfacerse do Monte Louro.
Nos cuartos, o Corcubión deu a sorpresa ao endosarlle unha man no encontro de ida ao todopoderoso Ponteceso (5-0), que o intentou na volta pero foille imposible (2-0). O Camariñas sufriu para gañar como local ao At. Mineiro (1-0), pero en Santa Comba sentenciou o pase (0-2). No duelo entre dous de 3ª Rexional, o Laxe mostrou as súas credenciais copeiras e non atopou rival no campión ligueiro Carnota, e venceu nos dous partidos (1-2 e 5-1). Máis igualada estivo a eliminatoria entre o Cabana e San Lorenzo, con empate na ida (1-1) e vitoria dos verdilleses na prórroga nas Pedreiras (2-1). As semifinais foron bastante emocionantes, cun Corcubión-San Lorenzo, que tivo un igualado partido de ida que acabou con vitoria mínima para os locais cun gol de Chisco (1-0). A volta nas Pedreiras acabou nos 90 minutos con similar marcador, grazas ao gol de Manín, polo que houbo que xogar a prórroga, na que Chisco marcou para os corcubioneses e no último minuto Montero puxo o definitivo 2-1, co que a quenda de penaltis tiña que decidir o finalista e aí os verdilleses impuxéronse por 3-2. Na outra semifinal, o Camariñas tivo que remontar na segunda parte o gol inicial do laxense Óscar, pero Chema, Juan e Guillermo puxeron o 3-1 co que rematou o partido de ida. Na volta no Cabo de Area moitos goles, pois axiña Pablo Casal puxo por diante aos locais, pero Pepucho logo igualou; no segundo tempo Chema e Juan ampliaron vantaxe para os visitantes, pero Sindo marcaba para os locais antes de que nos minutos finais Pepucho completase con outros dous goles o seu hat-trick e Ambrosio puxese o definitivo 3-5.
Cuarta final para o Camariñas, segunda consecutiva, e primeira para o San Lorenzo de Verdillo. O partido de ida xogouse nas Pedreiras o 18 de xuño, e a eficacia do Camariñas foi letal para o San Lorenzo e en pouco máis dun cuarto de hora xa estaba sentenciada a final, catro goles antes do descanso, que os verdilleses recortaron na segunda parte, pero novamente o Camariñas puxo terra polo medio, para maquillar un pouco o resultado ao final o San Lorenzo (2-5). José Marta, cun dobrete, e Guillermo, cun hat-trick, foron os matadores dos camariñáns. O partido de volta trouxo moitos goles, ocasións, e unha desastrosa actuación arbitral ao dicir das crónicas. Pasada a media hora os dous quedaron cun home menos polas expulsións de Gerpe e Chema, que foron o preludio do primeiro gol marcado de penalti (inexistente disque) por Juan; un novo expulsado, o camariñán Guillermo, antes dun descanso que chegou logo de 55 minutos, debido ás continuas liortas. Mediada a segunda parte, empata o San Lorenzo de penalti (tamén inexistente disque) por medio de Montero. Nos últimos minutos, Pepucho, Tono e Andrés marcaron os tres restantes goles do Camariñas para poñer o 4-1 final. Segunda Copa da Costa para o Camariñas consecutiva, que tivo o detalle de homenaxear na previa a 26 ex-xogadores que forman parte da historia do club, entre eles o porteiro-adestrador Vicente, que colgaba os guantes logo da final. O máximo goleador da Copa foi Guillermo (Camariñas), con 9 goles, seguido de Ambrosio (Laxe), con 8.

FINAL IDA (18-06-1995)
S.D. SAN LORENZO
Juan, Montero, Fran, Francés, Víctor, Eirís, Manín (Cotelo 92), Luis, Fontes (Gustavo 78), Óscar, Iván. Adestrador: José Antonio Vilas.
CAMARIÑAS F.C.
Vicente, Gerpe, José Triñáns (Ramón 82), Berto, Luis, Chema (Andrés 67), Tono, Juan (Marcos 78), Pepucho, Guillermo (Suxo 82), José Marta. Adestrador: Vicente Carril.
Goles
0-1 José Marta (14), 0-2 José Marta (15), 0-3 Guillermo (18), 0-4 Guillermo (31), 1-4 Montero (p.,62), 1-5 Guillermo (79), 2-5 Iván (82).
Celebración da 2ª Copa da Costa do Camariñas FC. [Foto: JMF]

33ª EDICIÓN – TEMPORADA 1995-96

Equipos participantes
27
Campión
LIRA C.F.
Subcampión
S.D. SAN LORENZO

Participan 27 equipos, os 14 da Liga da Costa, os 9 da 3ª Rexional e os 3 da 1ª Rexional, e por vez primeira decidiuse abrir a participación aos equipos da Preferente, aínda que dos cinco equipos costeiros na categoría só participou o Sp. Zas, renunciando a facelo o Baio, Bergantiños, Cee e Negreira. Por vez primeira introducíase o valor dobre dos goles en campo contrario no caso de empate. Cinco equipos quedaron exentos da previa: Nantón, Malpica, Fisterra, Sp. Zas e Buño, aos que se uniu o Camariñas tras a retirada do Muxía logo do sorteo. Entre as eliminatorias destaca a que enfrontou ao campión da Liga da Costa, o Corme, co campión da 3ª Rexional, o At. Milagrosa, con vitoria carballesa no Cairo (2-3) e remonta cormelá na volta (0-3). Clasificacións doadas para Carnota, Mazaricos, Ponteceso, Lira e Cabana, e algo máis axustadas para San Lorenzo, Monte Louro e Corcubión. O primeiro enfrontamento que acabou decidindose polo valor dobre dos goles foi o derby xalleiro entre o Castriz e o At. Mineiro, no que pasaron os primeiros.
Nos oitavos de final, o choque máis interesante era o que enfrontaba a Fisterra e Corme, que terminou con mínima vitoria cormelá no Ara Solis e empate no Cairo. A sorpresa veu da eliminación do único equipo da Preferente, o Sp. Zas, que despois de empatar en Lombáns, vía como o Carnota se impuña no San Andrés. O Lira goleou ao Cabana na ida e xa deixou a eliminatoria sentenciada, mentres que o Camariñas tivo que facelo no encontro de volta. O Mazaricos impúxose ao Castriz nos dous partidos, ao igual que o Buño co Ponteceso, mentres que o San Lorenzo tivo que suar para desfacerse do Malpica para remontar nos últimos minutos. O Monte Louro-Corcubión, logo de senllos empates, resolveuse na prórroga con dous goles corcubioneses.
Nos cuartos, tres eliminatorias xa quedaron sentenciadas nos encontros de ida. O Camariñas-San Lorenzo era a repetición da final da edición anterior, e os de Verdillo puideron desquitarse gañando no Hnas. Patiño por un contundente 0-4, que refrendaron na casa cun empate (0-0). O Corme tamén se impuxo no Cairo por 4-0 ao Mazaricos, e aínda que estes o intentaron na volta non foi suficiente (3-1). O Carnota impuxo a súa superioridade no segundo tempo ante o Corcubión no desterro de Dumbría (1-3), que remataron cunha vitoria mínima en Lombáns (1-0). Máis igualado estivo o enfrontamento entre Buño e Lira, no que os oleiros se impuxeron por 2-1 en Xaviña con dous goles nos minutos finais; na volta en Porto Cubelo os lirachos remontaron cun penalti no último minuto que igualaba a contenda e forzaba a prórroga, na que outro gol do Lira dáballe o pase ás semifinais. 
Na penúltima rolda, houbo por un lado un derby bergantiñán e polo outro un derby municipal. San Lorenzo e Corme enfrontáronse en Verdillo na ida, con resultado final de empate (1-1), con goles de Torreira para os locais e Javi para os visitantes; na volta en Corme, mesmo resultado e mesmos goleadores nos 90 minutos, polo que houbo que chegar á prórroga, na que decidiu un gol de Pablo Casal para o San Lorenzo. Na outra, Carnota e Lira enfrontáronse en Lombáns, con mínima vitoria local (2-1), logo de que Bori e Sieso Jr. remontasen nos últimos minutos o gol inicial de Domingo; en Portocubelo, Carlos adiantou aos locais ao comezo do segundo tempo, pero axiña empatou Weri para o Carnota, e a dez do final de novo Carlos poñia o 2-1 definitivo de penalti. Tras xogarse a prórroga sen goles chegouse á quenda de penaltis, na que tiveron que tirar cadanseus oito penaltis para que ao final se clasificase o Lira.
Repetía final da Copa da Costa o San Lorenzo e debutaba nela o Lira. Os lirachos eran favoritos por estar nunha categoría superior, pero os verdilleses foran subcampións da Liga da Costa. Na ida xogada en Portocubelo houbo moito igualdade, aínda que con máis ocasións para os locais, que non encontraron o gol ata mediado o segundo período. Tras a expulsión de Torea no minuto 83, o San Lorenzo tratou de sacar proveito pero non converteu as súas ocasións e o partido rematou con vitoria mínima (1-0). A volta nas Pedreiras logo perdeu emoción, pois o Lira logo se adiantou no marcador, e non tardou en ampliar o marcador; chegarían máis goles no último cuarto de partido para pecharse cun 1-4 que lle deu ao Lira a súa primeira Copa da Costa. O máximo goleador foi Sieso Júnior, do Carnota, con 8 goles, seguido de Carlos (Lira), con 7, e Pablo Casal (San Lorenzo), con 6.

FINAL IDA (26-05-1996)
LIRA C.F.
Mariano, Bruno, Manolo, Moma, Pana (Lires 64), Torea, Iván Pequeño, Cambeiro, Carlos, Domingo, Augusto.
S.D. SAN LORENZO
Juan, Marcos, Eirís (Fontes 71), Francés, Víctor, Montero (Iván 89), Torreira, Pombo, Gustavo (Manín 76), Pablo Casal, Óscar.
Goles
1-0 Iván Pequeño (68).
FINAL VOLTA (02-06-1996)
S.D. SAN LORENZO
Juan (Pablo Pena 82), Marcos, Víctor, Fran, Francés, Torreira, Montero, Manín, Pombo (Gustavo 82), Pablo Casal (César 65), Óscar. Adestrador: José Antonio Vilas.
LIRA C.F.
Diego, Pana (Óscar 77), Sieira (Jorge 82), Manolo, Moma, Iván Pequeño, Carlos, Bruno, Cambeiro, Domingo (Lires 85), Augusto. Adestrador: Amador Carballo
Goles
0-1 Bruno (8), 0-2 Iván P. (24), 0-3 Augusto (69), 1-3 Óscar (74), 1-4 Domingo (82).
O Lira CF celebrou a súa 1ª Copa da Costa 

34ª EDICIÓN – TEMPORADA 1996-97

Equipos participantes
28
Campión
S.D. FISTERRA
Subcampión
PONTECESO S.D.

Participaron os 14 equipos da Liga da Costa, os 11 da 3ª Rexional e tres de 1ª Rexional (Camariñas, Cee e Fisterra; o Corme renunciou). No sorteo houbo unha votación para determinar a presenza ou non dos equipos da 1ª e da Preferente, e decidiron os clubs que participasen os de 1ª pero non os da Preferente (Baio, Bergantiños e Sp. Zas). Quedaron exentos da primeira rolda Dumbría, Outes, Muxía e Laxe. As eliminatorias estiveron marcadas pola volta da violencia contra os árbitros. O Camariñas-Ponteceso foi suspendido a falta de cinco minutos polo colexiado tras a liorta pola cuarta expulsión dos locais; o 0-3 que sinalaba o marcador foi decretado como definitivo, e na volta o Ponteceso completou a sorpresa cun 5-1. Outro partido que non chegou ao final foi o Muros-Castriz, que tras o 0-0 en terras xalleiras, sinalaba un 1-2 cando un xogador muradán intentou agredir o colexiado. A clasificación do Camelle fronte ao Nantón foi outra das sorpresas desta rolda, mentres que non tiveron problemas Malpica, Xallas, Soneira, Fisterra, Carnota, Lira, Buño, Cee e San Lorenzo.
Nos oitavos, dous equipos da 3ª Rexional loitaban por chegar aos cuartos, e foi o Dumbría o que pasou ao gañar en Camelle; o Malpica non tivo problemas para desfacerse do Xallas e gañou os dous partidos, mentres que o Soneira tivo que agardar á volta para lograr clasificarse logo de gañarlle ao Castriz. Tremenda goleada a do Carnota, que lle endosou un 12-1 ao Muxía no encontro de volta, logo dun 0-2 na Arliña. Sufriu máis do que contaba o Fisterra co Outes, pois tras o 4-2 do Ara Solis os outienses só lograron gañar 1-0 a pesar de xogar con dous xogadores máis a última media hora. O San Lorenzo desfíxose do Laxe gañando os dous partidos, mentres que o Ponteceso eliminou ao campión da pasada edición ao gañar na volta no Municipal tras o empate de Lira. Por último, o Cee clasificouse despois de novos incidentes; tras o 1-1 de Buño, estaba moi igualado o partido nas Raíces co 1-0 no marcador cando un xogador visitante agrediu o colexiado -a Federación daría por rematado o partido-.
Nos cuartos, o Malpica tras gañar en Dumbría 0-2, non tivo piedade e logrou un 10-1 na Pedra Queimada. Espectacular Soneira-Fisterra, cun empate no Municipal vimiancés (4-4) e vitoria dos fisterráns no Ara Solis (3-1). Carnota e Ponteceso empataron en Lombáns (1-1), e no Municipal os pontecesáns venceron por 2-0. Tamén acabou en empate (0-0) o partido de ida entre o Cee e o San Lorenzo, e na volta nas Pedreiras trepidante encontro que rematou con triunfo ceense por 3-4. 
Nas semifinais, enorme semifinal entre o campión da Liga da Costa, o Malpica, e o Fisterra, o mellor dos costeiros da 1ª Rexional. Na ida na Pedra Queimada, o Malpica adiantouse con dous goles obra de Manuel e Yoyo, pero César lograba o gol do Fisterra a pouco para o final; na volta no Ara Solis, un solitario gol marcado por Marco no lanzamento dun penalti no segundo tempo dáballe a clasificación. Na outra, tamén pelexaban un equipo da 1ª contra un da 2ª, xogándose a ida no Municipal de Ponteceso: adiantouse o Cee cun gol de Pereira, pero axiña empatou Bardanca, e ao pouco de iniciarse o segundo tempo Miguel poñía o definitivo 2-1. A volta en Cee estivo marcada polos incidentes: tras unha primeira parte igualada e sen goles, no último minuto era expulsado o local Leo, e aos dez minutos da segunda era José Carlos o que tamén vía o vermello; con dous homes de máis o Ponteceso lograba marcar por medio de Vituco, pero aínda así o Cee logrou a igualada a falta de dez minutos cun gol de Diego, pero de novo Vituco puxo ao Ponteceso por diante, e acto seguido chegou a expulsión de Luis e a suspensión do encontro por agresión ao colexiado. O 1-2 foi declarado resultado definitivo.
A pesar de ser a sexta final para o Fisterra e para o Ponteceso nunca cadraron os dous xuntos nunha final da Copa da Costa. O partido de ida xogouse no Ara Solis o 1 de xuño, e os fisterráns deixaron sentenciada a final cun claro 3-0, con dous goles cando apenas se levaban quince minutos de partido; a partir de aí reaccionou o Ponteceso e tivo varias ocasións moi claras pero non as marcou e quen o fixo foi o Fisterra, que mediada a segunda parte logrou o terceiro. Na volta, o Ponteceso viu frustradas as súas ansias de remonta co gol no inicio do fisterrán Marco -o terceiro na final-, pero o adestrador-xogador Bardanca logrou o empate antes do descanso, e logrou marcar o segundo mediado o segundo período, pero foi insuficiente, polo que o 2-1 dáballe a súa segunda Copa da Costa ao Fisterra. O máximo goleador desta edición foi Weri (Carnota), con 9 goles, seguido por Bardanca (Ponteceso), con 7, e Marco (Fisterra), con 6.

FINAL IDA (01-06-1997)
S.D. FISTERRA
Charly, Llanero, Juan Bautista, Falito, Santi, Buján, Serguei, Rubén, Marco, Noé (Vaamonde 82), Pesca (Joaquín 87).
PONTECESO S.D.
Chicho, Alfonso, Marcos (Quito 20 (Roi 84)), Miguel, Ángel, Alexo, Chus, Echegaray (Salva 73), Alfredo (Suárez 65), Vituco, Jaime.
Goles
1-0 Marco (p.,13), 2-0 Marco (16), 3-0 Noé (69)
FINAL VOLTA (08-06-1997)
PONTECESO S.D.
Chicho, Ángel, Echegaray (Marcos 75), Alexo, Miguel, Alfredo (Salva 20), Alfonso, Quito, Chus, Bardanca, Vituco. Adestrador: Javier Bardanca
S.D. FISTERRA
Charly, Llanero (Joaquín 56), Bautista, Falito, Serguei, Santi, César (Pumuki 81), Rubén, Marco (Jesús Ángel 89), Pesca, Noé. Adestrador: Juan Ramón Lobelos
Goles
0-1 Marco (8), 1-1 Bardanca (39), 2-1 Bardanca (72)
 
O Fisterra SD volvía gañar a Copa da Costa logo de 18 anos [Foto: JMF]

35ª EDICIÓN – TEMPORADA 1997-98

Equipos participantes
32
Campión
AT. MINEIRO
Subcampión
S.D. FISTERRA

Participaron os 14 equipos da 2ª Rexional e os 14 da 3ª Rexional, xunto con tres dos cinco da 1ª Rexional (Bergantiños, Fisterra e Sp. Zas; renunciaron o Corme e o Malpica) e o da Preferente (Baio), para sumar un total de 32 participantes. Curiosamente, no sorteo houbo dúas votacións: unha para determinar a presenza ou non do Baio como equipo da Preferente, e outra para a presenza ou non do Bergantiños (a dos outros da 1ª Rexional non se cuestinou); ao final aprobouse a participación dos dous, aínda que os baieses tiveron máis votos a favor que os bergantiñáns. Nos dezaseisavos de final, o máis destacado foi a eliminación do Baio ante o At. Mineiro por goleada nos dous partidos, aínda que os baieses tiraron dos xuvenís para esta competición; tamén foi sorprendente a eliminación do campión da Liga da Costa, o Ponteceso, ante un irregular Cee. Equipos da 2ª Rexional quedaron fóra fronte a outros da 3ª como o Camariñas co Coristanco ou o Soneira co Nantón; mentres que destacou o derby entre Carnota e Lira, que foi favorable para estes últimos, ao igual que o Malpica B eliminou o Buño. Muros, Mazaricos, Fisterra, Sp. Zas, Xallas e Bergantiños non tiveron problemas para pasar, mentres que máis axustada estivo a clasificación de At. Milagrosa, San Lorenzo, Cabana e Sofán.
Nos oitavos, varias eliminatorias foron resoltas xa na ida, como a do Fisterra fronte ao Lira, a do Sp. Zas co Coristanco, a do At. Mineiro co Malpica B, a do Cabana contra o Sofán. Pero a sorpresa veu da vitoria do Xallas sobre o Bergantiños (4-1), con catro goles de Capelo, que tamén marcaría no empate da volta (1-1). O San Lorenzo gañoulle os dous partidos ao Nantón, e polo valor dobre dos goles en campo contrario pasaron o Muros fronte ao Mazaricos e o Cee contra o At. Milagrosa. Nos cuartos, o Fisterra gañou en Muros (2-3) e rematou a faena no Ara Solis (3-0); o Sp. Zas cumpriu os prognósticos e gañoulle os dous partidos ao Cee (2-0 e 0-1). No derby xalleiro non houbo historia e o subcampión da Liga da Costa, o At. Mineiro, non tivo piedade do Xallas e gañou os dous encontros (0-6 e 2-0); mentres que o Cabana deu a sorpresa ao gañar en Verdillo (1-2), pero o San Lorenzo reaccionou e pasou ao vencer nas Redondas (0-2).
Nas semifinais, por unha parte estaban os dous equipos da 1ª Rexional que iniciaron o seu enfrontamento no Ara Solis, no que se adiantou Fatino para o Sp. Zas e Velay puxo o empate para o Fisterra (1-1) que o deixaba todo para a volta; en San Andrés, Velay e Rubén axiña marcaban para os fisterráns, e Buján aumentou a distancia no segundo tempo, e a pesar de que Julián con dous penaltis logrou meter o Zas no partido, Velay disipou dúbidas co 2-4 definitivo. Na outra semifinal estaban dous equipos da Liga da Costa, con favoritismo para o At. Mineiro, que gañou na ida pola mínima cun gol de Mourón (1-0), e na volta axiña confirmou os prognósticos ao marcar de novo Mourón e logo Óscar, mentres que o gol de Quico para o San Lorenzo serviu para poñer o 1-2 definitivo.
Un directivo da FGF tivo que entregarlle a Copa da Costa ao At. Mineiro
ao comezo da temporada seguinte [Foto: Santacombanamemoria]
Sétima final para o Fisterra, que repetía do ano anterior, mentres que o At. Mineiro debutaba como finalista da Copa da Costa. O 31 de maio xogouse o partido de ida no Ara Solis, e foi tremendamente emocionante, cun expulsado por parte fisterrá aos 5 minutos (Joaquín), que foi preludio do primeiro gol xalleiro, pero os fisterráns non se renderon e lograron tres goles antes de chegar o descanso; pero na segunda parte pagaron o esforzo e o At. Mineiro logrou a igualada (3-3) e tamén se igualou en homes coa expulsión de Argote. Moita expectación na Fontenla, con 2000 persoas para ver un partido que non chegaría ao final ao quedar o Fisterra con menos xogadores no campo dos regulamentarios. O primeiro tempo non tivo goles pero si tivo polémica coa expulsión do fisterrán César no minuto 25 e pouco despois do xalleiro Sergio. No comezo do segundo período chegaron dous goles para os locais, o segundo dos cales provocou unha liorta entre os xogadores visitantes e o trío arbitral, que rematou cunha agresión ao xuíz de liña e tres expulsados (Buján, Santi e Marcote); o partido estivo suspendido varios minutos, e ao reiniciarse o xogo o adestrador fisterrán fai todos os trocos e acto seguido un xogador visitante cae lesionado, polo que o Fisterra quedaba con menos xogadores dos permitidos e chegábase tristemente ao remate da final da Copa. Houbo que agardar ata o mércores seguinte para que a Federación confirmase que o At. Mineiro gañaba a súa primeira Copa da Costa e o trofeo de campión sería entregado ao comezo da temporada seguinte. O máximo goleador foi Mourón (At. Mineiro), con 12 goles.

FINAL IDA (31-05-1998)
S.D. FISTERRA
Rafa, Chus, Serguei, Pumuki, Sergio Pais (Sergio 87), Buján (Marcote 90), Juan Jesús, César, Joaquín, Marco, Velay.
AT. MINEIRO
Juan Carlos, Javier Facal (Sergio 46), Emilio, Luis, Alvite, Argote, Leví, Ces, Mourón, Miguel, Óscar (Recarey 87).
Goles
0-1 Leví (11), 1-1 Marco (26), 2-1 Buján (28), 3-1 César (45), 3-2 Miguel (57), 3-3 Mourón (79)
FINAL VOLTA (07-06-1998)
AT. MINEIRO
Juan Carlos, Javier Facal, Emilio, Luis, Orlando, Sergio, Leví, Ces, Mourón, Miguel, Óscar.
S.D. FISTERRA
Rafa (Charly 67), Chus (Juan Luis 67), Pumuki, Serguei, Sergio Pais (Sergio 67), Buján, Juan Jesús (Ángel 67), Santi, César, Marcote, Marco.
Goles
1-0 Miguel (49), 2-0 Miguel (55)
O At. Mineiro gañou a súa 1ª Copa da Costa [Foto: Santacombanamemoria]

CEN ANOS DE FÚTBOL NA COSTA. 5. A CHEGADA DO FÚTBOL ÁS COMARCAS DE MUROS E DE NOIA

  O concello de Carnota: Deportivo Pindo e Carnota Apenas contamos con información de partidos de fútbol neste concello, a pesar de atopars...