07/08/21

100 anos de fútbol en Arteixo e A Laracha

 MOITO MÁIS QUE UN LIBRO DE FÚTBOL


"100 anos de fútbol en Arteixo e A Laracha non é só un libro de fútbol. É un libro de antropoloxía, cultural e física, de emigración e de viaxes, de xenealoxía, de etnoloxía e dun inmenso cariño do autor á súa terra e ás xentes da súa terra. É unha crónica de dous pobos, irmáns de concellos distintos, contada a través das orixes e da evolución do fútbol". Con estas palabras principia o xornalista Moncho Viña o prólogo deste libro da autoría de Xabier Maceiras. Unha vez máis, este escritor arteixán deléitanos cunha chea de emocións co fútbol como protagonista, con historias parellas ás vén publicando desde hai tempo no seu blog Crónicas de Arteixo ou na revista O Dez.

Agora Maceiras detalla a historia do fútbol nos concellos de Arteixo e da Laracha nun libro de 400 páxinas, que se estrutura en 66 capítulos, que veñen sendo outras tantas historias de amor ao fútbol. Segue o autor unha orde cronolóxica para achegarnos as biografías de destacados xogadores, os acontecementos futboleiros máis salientables e a análise da histórica Liga de Arteixo. Comeza polas orixes do fútbol en Galicia para centrarse despois na destes concellos, coa importancia que tivo o Balneario de Arteixo na propagación deste deporte, grazas ás concentracións nel do Deportivo, o Real Madrid ou a selección española. A relación do fútbol uruguaio con Arteixo e A Laracha dá para varios capítulos ao longo da obra, pois por aí van circulando figuras como Óscar Míguez, Rafael Souto, Ramón Villaverde, Héctor Núñez, José Añón e xa máis adiante no tempo José Villaverde, Pedernera, Nelson Cedeira e o partido entre o Peñarol de Montevideo e o Peñarol de Lañas.

A década dos cincuenta trouxo os primeiros xogadores que triunfaban nos clubs coruñeses, como é o caso de Pitos, e os primeiros clubs federados, co Penouqueira como o máis temperán. As dúas seguintes décadas veñen dados pola celebración da Liga de Arteixo, competición oficial que desde a tempada 1961-62 á 1979-80 disputaron os clubs dos dous concellos (con algún invitado puntual procedente das ligas da Coruña, das Mariñas e mesmo da Liga da Costa, como foi caso do Deportivo Carballo, do Ponteceso ou do Bergantiños). Ofrécense os resultados, clasificacións e anécdotas das 17 edicións dunha liga, que a pesar de levar o nome de Arteixo, foi gañada case sempre polos equipos do concello da Laracha (9 o Paisaco e 4 o Laracha), repartíndose o resto o Pastoriza, o Penouqueira, o Campanal de Loureda e o Deportivo Carballo, con cadanseu título. Tamén se fala da participación dos clubs arteixáns e laracheses no torneo copeiro, case sempre na Copa da Coruña. Nestes anos centrais do século XX florecen as historias de Fina López, Pepe Mañana ou os irmáns Collazo, e sobre todos eles sobrancea a figura de Arsenio Iglesias.

Os oitenta comezan coa presenza da selección holandesa en Meicende e coa celebración en Arteixo de partidos do "Mundialito da Emigración" (1982), competición que se celebrou a canda o Mundial da FIFA e no que participaron os nosos emigrantes representando os países nos que estaban acollidos. As últimas décadas están representadas por capítulos dedicados a coñecidos futbolistas ou adestradores: Suso García, Fraga, Juanito Varela, Quico, Pea, Dani Bouzas, Javi Fuentes, Repi, Carlos García, Pepe Velo, Álex Lombardero, Adolfo García, José Ramón 'Pesudo', Javi Angeriz, Carlos Varela, Pedro Mosquera, David Añón, Loris Benito, Suso Borrazás, Chumi Brandariz ou Alba Suárez, sen que se esqueza o autor de falar do sonado ascenso do At. Arteixo á 2ªB.

Cada capítulo vai complementado con numerosas fotografías e recortes de prensa que fan que esta obra sexa moi atractiva para o lector e amplamente recomendable para os seguidores do fútbol da nosa terra. E este libro terá no futuro unha segunda parte, na que se analizará polo miúdo cada un dos 17 equipos federados que tiveron os concellos de Arteixo e da Laracha, mais de momento saboreemos cada historia desta xoia que nos ofrece Xabier Maceiras. Beizóns.

CEN ANOS DE FÚTBOL NA COSTA. 5. A CHEGADA DO FÚTBOL ÁS COMARCAS DE MUROS E DE NOIA

  O concello de Carnota: Deportivo Pindo e Carnota Apenas contamos con información de partidos de fútbol neste concello, a pesar de atopars...