25/03/20

Os equipos da Costa na "Liga de Arteixo"

Antigo Campo Municipal de Arteixo
[Foto: cronicasdearteixo.blogspot.com]
A proliferación de partidos de fútbol nas pequenas vilas e aldeas galegas foi unha constante ao longo da década de 1950. Atrás quedaran os recordos da Guerra civil, e aos poucos fóronse organizando clubs e partidos no noso rural, que aínda que de xeito oficioso permitían compartir unha tarde de diversión con veciños doutras localidades, con devolución de visita obrigatoria. As festas tamén serviron de escusa para a disputa destes partidos, xa cun trofeo en xogo, e a rivalidade foise acrecentando. Xa que logo, contra o remate desta década, moitos clubs decidiron que era o momento de dar un paso adiante e organizar unha competición oficial. Foi o caso dos clubs da Costa da Morte e tamén dos da zona de Arteixo. A Federación Galega de Fútbol atendeu as peticións e propuxo un campionato de proba en 1960, no que tiñan que participar un mínimo de oito equipos en cada unha das ligas. Non deron xuntado os costeiros esa cantidade (disque pola retirada a última hora do equipo de Santa Comba), e si o fixeron os de Arteixo, que involucraron no proxecto ao concello veciño da Laracha. Logo deste ano de iniciación, na temporada 1961-62 xogaríase a primeira edición da denominada Liga de Arteixo, mentres que para que houbese competición oficial na Costa habería que agardar ata a temporada 1963-64.

A Liga de Arteixo

UD Paiosaco, o equipo que máis
veces gañou a Liga de Arteixo (10),
participou todas as temporadas (21)
Como ben dixemos esta competición de afeccionados disputouse oficialmente desde a temporada 1961-62 e os clubs que formaban parte dela pertencían aos concellos de Arteixo e da Laracha. Curiosamente, na primeira edición só participaron 4 dos oito clubs que disputaran a liga de proba do ano anterior, e estes eran o Campanal (de Loureda), o Atlético Arteixo, o Paiosaco e o Sporting Uxes. Mesmos representantes na temporada 1962-63 e mesmo campión, o Paiosaco. Increméntase a cinco os participantes na 1963-64 coa presenza do Pastoriza, que ademais ía ser o campión. Na 1964-65 inscríbense ata sete equipos novos -todos eles do concello de Arteixo-: Catuxa, Larín, Sporting Meicende, Oseiro, Penouqueira, Peñarol (de Lañas) e Suevos, e a pesar de ser 11 contra 1, o único representante do concello larachés, o Paiosaco, vai ser o vencedor. 
     
Campanal FC, gañou 1 liga, subiu
á 1ª Rexional e logo á Preferente.
Participou todos os anos, os dous
últimos co filial, o Promesas.
Tres novos participantes na temporada 1965-66, para elevar a 15 o número de participantes: Club do Mar (de Caión), Atlético Vilarrodís e Laracha; xa con tres representantes do concello bergantiñán, pero hai que facer fincapé nos 12 equipos federados que tiña un concello como Arteixo, que nesta época non contaba coa poboación que ten hoxe en día. Un novo campión nesta extensa temporada: o Penouqueira. Na temporada seguinte dúas novidades: de primeiras desaparece un equipo, o Sp. Uxes, e de segundas, a Federación decide crear dúas categorías na Liga de Arteixo en función da clasificación da campaña anterior, unha primeira con oito equipos (na que foi campión o Laracha) e unha segunda cos seis restantes (campión o Oseiro). Na 1967-68 entra a competir un novo club, arraiano, pero fóra das fronteiras dos dous concellos: o Bens, que o fará na 2ª división; na primeira o campión vai ser de novo o Laracha. Mesmos participantes nas dúas campañas seguintes xa todos reunidos no mesmo grupo e con mesmo vencedor final, o Paiosaco.
Laracha CF, o segundo con máis
Ligas de Arteixo (4). Entrou na 5ª
temporada e logo xogounas todas
E chegamos á temporada 1970-71, temporada crítica por canto a Federación vai impoñer unhas normas de obrigado cumprimento que van facer desaparecer moitos clubs; o ente federativo esixía para esta campaña que os clubs dispuxesen dun campo cunhas dimensións mínimas e vestiarios en todos eles. Con estas condicións, máis da metade dos clubs da Liga de Arteixo deixaron de competir, pois Bens, Catuxa, Club do Mar, Larín, Oseiro, Pastoriza, Suevos e At. Vilarrodís non contaban co campo requirido. Quedaban logo sete equipos en competición, o que fixo que se engadise un oitavo procedente da Liga das Mariñas, o Sporting Mesoiro, do concello da Coruña. Este ano foi campión o Laracha, mentres que na campaña seguinte, cos mesmos equipos, o vencedor foi o Paiosaco. Na temporada 1972-73 vaise incrementar a dez o número de participantes, coa baixa do Sp. Mesoiro, pero foron altas o Club do Mar caionés, que volvía á competición, e desde a Liga da Costa chegaban o Deportivo Carballo e o Ponteceso. Repetía título o Paiosaco neste ano, e ao seguinte, cos mesmos protagonistas, o vencedor era o Laracha. 
O Atlético gañou 1 Liga de Arteixo, a
penúltima, polo que só deixou de xogar
na última edición por estar en 1ª Rex.
Na 1974-75 prodúcese a baixa do Ponteceso que volve á Costa, e o campión vai ser o outro equipo costeiro, o Dep. Carballo. Aínda así, o conxunto carballés retornaría á Liga da Costa ao ano seguinte deixando a súa praza a outro retornado: o Oseiro; o campionato volvía para Paiosaco. Na campaña 1976-77 causa baixa o Peñarol de Lañas (émulo do equipo uruguaio) e a Liga ábrese a tres novos concellos, e así desde a 3ª Rexional das Mariñas chegan o Cerceda, o Dorneda e o Ordes; o campión, o Paiosaco. Na 1977-78 un novo equipo ingresa na Liga: desde Montrove-Oleiros, participa o histórico Unión Campestre, mentres que os seus veciños do Dorneda volven para a Liga das Mariñas, ao igual que fai un equipo de Arteixo por vez primeira: o Sp. Meicende; o título este ano vai para Ordes. 
O Pastoriza foi o primeiro equipo do
 concello de Arteixo en gañar a Liga
O equipo ordense ascende á 1ª Rexional e causa baixa para a temporada 1978-79, ao igual que o fai o U. Campestre, que volve ás Mariñas; pola contra, retornan o Sp. Meicende e o Sp. Mesoiro, e tamén entran dous novos equipos do concello coruñés: o Relámpago de Elviña e o Deportivo Xuvenil -os dous viñan da Liga das Mariñas-; o xuvenil deportivista acabaría por levar o título e ascender á 1ª Rexional. Na 1979-80 chegarían a ser 14 os participantes, coa baixa xa comentada do Deportivo Xuvenil, e tamén do Relámpago -volvía á Liga da Cidade- e do Sp. Mesoiro -volvía á das Mariñas-; pola contra rexurdían dous clubs: o Pastoriza e o Suevos, e creábase un cuarto equipo no concello da Laracha, o Golmar; a eles engadíase un novo equipo procedente da Liga da Costa -aínda que descendido da 1ª Rexional-: o Bergantiños. O campión desta temporada foi o Campanal, conxunto da parroquia de Loureda que participara en todos os campionatos e coñecía por fin o mel do triunfo. Na 1980-81 estarían os mesmos protagonistas, cun pequeno cambio, pois o Campanal ascendera á 1ª Rexional, pero no seu lugar deixaba un filial, o Campanal Promesas. O campión ía ser outro club que participara en todas as edicións sen alcanzar aínda os loureiros do éxito, o Atlético Arteixo. 
SRD Penouqueira, o segundo club
   do seu concello en gañar a liga
Na campaña 1981-82 van ser 13 os equipos que participen, coa baixa do Atlético arteixán polo seu ascenso á 1ª Rexional, e vai ser o Paiosaco o que se proclame campión, para sumar o seu 10º título. Esta temporada 1981-82 pódese dicir que foi a última da Liga de Arteixo. Para a campaña seguinte a Federación decidiu unir os clubs desta liga cos da Liga das Mariñas e distribuílos en dous grupos na 2ª e 3ª Rexional. Na 2ª Rexional quedaron o Laracha, Sp. Meicende, Pastoriza, Penouqueira e Suevos, mentres que na 3ª fixérono o Campanal Promesas, Club do Mar, Golmar, Larín e Oseiro; por riba deles, na 1ª Rexional estaban o At. Arteixo, Bergantiños, Campanal e Paiosaco.




Equipos da Costa na Liga de Arteixo

Deportivo Carballo, 1972
Como é ben sabido, a Liga da Costa comezou a disputarse na temporada 1963-64, cos oito coñecidos clubs fundadores (Baio, Cee, Fisterra, Laxe, Poniente, Ponteceso, Porteño e San Isidro); a eles sumóuselles o ano seguinte o Buño, Muxía e Negreira. Na 65-66 outros tres novos clubs: o Bergantiños B (filial do Bergantiños da Serie A Rexional), Soneira e Xallas. Habería que agardar ata a 1969-70 para que nacesen novos clubs, neste caso o Carnota e o Deportivo Carballo; ao ano seguinte un novo club do sur, o Noia SD, e na 71-72 era a Esteirana a que se unía á Liga da Costa. En vista de que a liga ía medrando cara ao sur, os dous clubs máis ao norte, Deportivo Carballo e Ponteceso, van tomar unha determinación: solicitarlle á Federación Galega de Fútbol a súa inscrición na Liga de Arteixo. Ao mesmo tempo, fan o seu ingreso na Liga da Costa dous novos clubs: o Corcubión e o Outes. Ante a entrada deste último, o presidente do Porteño afirmaba nas páxinas de La Voz de Galicia (6.12.1972): "De seguir así, la Liga de la Costa llegará a Vigo". A pesar da retirada esta temporada do Fisterra, que o Negreira estaba pensando en ir para a Liga do Sar e o Noia soñaba co ascenso, a Federación permitiulles a Dep. Carballo e Ponteceso ir para a Liga de Arteixo.
Clasificacións finais das Ligas
de Arteixo e da Costa 1972-73.
Nesta poden verse os equipos,
cada vez máis do Sur, que motivou
a baixa de D. Carballo e Ponteceso 
Na temporada 1972-73 estes dous conxuntos bergantiñáns participan na Liga de Arteixo, completando un grupo de dez equipos. O Ponteceso SD, club fundador da Liga da Costa e participante en todos os campionatos costeiros, debutou o 21 de xaneiro de 1973 na Liga de Arteixo enfrontándose no Municipal pontecesán ao actual campión, o Paiosaco. O resultado do partido foi un claro 0-3 para os visitantes; quen contaba neste momento que este resultado ía marcar o gañador do título, pois ao remate do campionato Paiosaco e Ponteceso quedaron empatados no máis alto da clasificación, e por golaveraxe particular o cadro larachés foi o campión. Máis modestos foron os resultados do Deportivo Carballo, que debutou na casa ante o Atlético Arteixo (2-0), e rematou a liga na quinta posición, a dez puntos dos líderes. Os dous participaron tamén no torneo copeiro, que era a Copa da Coruña, da que formaban parte as ligas da Cidade, das Mariñas e de Arteixo. Cada competición tiña asignado un número de equipos clasificados para o torneo final, e á Liga de Arteixo correspondíanlle catro. Polo tanto, como eran dez equipos, catro tiveron que disputar a previa, e tocoulle ao Dep. Carballo xogar contra o Campanal, a quen eliminou no partido de desempate. Na rolda decisiva, correspondéronlles os dous equipos do concello da Laracha: o Dep. Carballo contra o Laracha, ao que lle gañou na casa (3-2), mais os laracheses remontaron na volta (3-1); e Paiosaco e Ponteceso disputaron a eliminatoria estrela entre os dous primeiros da liga, pero na Copa non houbo cor, e os paiosaquistas venceron claramente por 5-0 e 1-3. Quedaban, pois, os dous equipos costeiros eliminados.
Ponteceso SD, 1974
Mais non todo fora camiño de rosas, pois aínda non estaba mediada a competición ligueira e Del Valle escribía o seguinte nas páxinas de La Voz de Galicia (30.3.1973): "Pese a la gran campaña que están haciendo los del Puenteceso, son muchos los que añoran la Liga Costera. Para los que así piensan, el ir a la Liga de Arteijo ha sido un mal paso". Efectivamente, ao rematar a competición, o Ponteceso solicítalle á Federación volver a Liga da Costa, pero o ente federativo obriga aos dous clubs a cumprir dúas temporadas na Liga de Arteixo, para desgusto dos afeccionados pontecesáns que vían moito máis ambiente no torneo costeiro.
Clasificación final da Liga de
Arteixo 1973-74 [FGF]
Xa que logo, na temporada 1973-74 volven participar os dous conxuntos bergantiñáns na Liga arteixá, con peores resultados que a campaña anterior. O Ponteceso rematará a liga no 6º posto, con 17 puntos, a 15 do campión Laracha, mentres que o Deportivo Carballo foi 8º con tres puntos menos que os pontecesáns. Na Copa os dous tiveron que xogar a previa; o Ponteceso desfíxose do Campanal goleando xa na ida (4-1), mentres que o Dep. Carballo tivo que desfacerse do Penouqueira no partido de desempate. Novamente os equipos laracheses na seguinte rolda, neste caso ao Dep. Carballo tocoulle o Paiosaco, quen tras empatar na ida resolveu na volta; mentres que o Ponteceso deu a sorpresa ao eliminar ao campión ligueiro, vencendo nos dous encontros. Tocoulle na seguinte rolda ao Ponteceso o Ciudad Jardín, pero tras a vitoria pola mínima no Municipal (3-2), perdeu na Coruña por 4-2 e quedou eliminado.
La Voz de Galicia, 8-5-75
Este foi o último encontro na competición de Arteixo, pois o Ponteceso cumpriu o esperado, e para a campaña 1974-75 volveu á Liga da Costa. Non así o Dep. Carballo, que decidiu quedar un ano máis na Liga de Arteixo. E foille ben, porque conseguiu alzarse co título de liga, nun vibrante final, gañando no último partido ao Paiosaco e así empatarlle a puntos e obter o campionato grazas á golaveraxe e, segundo as crónicas, á boa actuación do seu porteiro Ferreiro durante toda a temporada. Na Copa, xuntáronse xa desde o principio os equipos das ligas das Mariñas e de Arteixo. Ao Dep. Carballo tocoulle na primeira rolda ao débil Sueiro culleredés, con clara vitoria na ida (6-2) que xa sentenciou o pase (2-2 na volta); na seguinte, o contrincante foi o histórico Deportivo Obrero, que conseguiu empatar en Carballo (1-1) e venceu no Condús (1-0) para eliminar a un Deportivo Carballo que se despedía así da Liga de Arteixo, pois, a pesar do título ligueiro conseguido, decidiu retornar para a Liga da Costa na temporada seguinte.
Bergantiños FC, 1981-82
Despois da experiencia destes dous clubs costeiros habería un terceiro que daría o paso de participar na Liga de Arteixo: o Bergantiños FC. O histórico club carballés, fundado en 1923, viña participando nas décadas de 1960 e 1970 nunha competición máis ou menos pechada como era a Serie A Rexional, que logo daría lugar á creación da Rexional Preferente, categoría na que militaba na 1975-76, cando foi o pechacancelas, o que o obrigou ao descenso. Así, na temporada 1976-77 o Bergantiños compite na Liga da Costa, sen alcanzar o ascenso (foi subcampión), polo que repite na 1977-78, con peores resultados: este ano a liga dividírase en dous grupos, e no Norte ocupara o 4º posto, lonxe do campión Dep. Carballo, e por detrás de Malpica e Buño. Pero para a campaña 1978-79, a Federación creara unha nova categoría, a 1ª Rexional, e nela vai participar o Bergantiños -non sabemos por que razón, seguramente por renuncia dos outros- xunto co campión costeiro do grupo Sur, a Esteirana, mentres o Dep. Carballo faino na Preferente. A temporada do Bergantiños é desastrosa e remata a liga no derradeiro posto, polo que tiña que baixar novamente.
Clasificación final da Liga de
Arteixo 1981-82 (a última) [LVG]
E a sorpresa veu cando solicita descender para a Liga de Arteixo, cando outros catro equipos de Carballo competían na Liga da Costa nesta temporada 1979-80. O Bergantiños debutou na competición arteixá o 11 de novembro de 1979, no Chorís ante o Suevos, encontro que foi suspendido polo intento de agresión de xogadores e afeccionados visitantes ao árbitro e aos policías presentes no campo, que tiveron que sacar as súas armas. Esa temporada o Bergantiños estivo arriba toda a liga, pero acabou na 3ª posición, a cinco puntos do Campanal. Na Copa tocoulle como rival na primeira rolda o Albilán de Mesía -club, por certo, fundado polo párroco muxián Pedro Santos Canosa ao fusionar o Albixoi e o Lanzá-; e tras empatar en Carballo (2-2), venceu na volta o Bergantiños (1-2). O seu seguinte rival foi o Campanal, e a pesar de gañarlle na ida (2-1) os campións ligueiros remontaron na volta (2-0). A temporada seguinte, 1980-81, foille peor, e acabou nos postos baixos, cuarto pola cola. Na Copa tocoulle co Xuvenil de Almeiras, pero retirouse antes de xogar.
Previa da final da Copa da Coruña 81-82
Volvería aos bos
resultados na 1981-82, con Miguel Lendoiro de adestrador, xa que logrou o subcampionato na liga, en dura loita co Paiosaco. Tamén tivo unha gran participación na Copa da Coruña, onde tras eliminar a Torino (de Altamira), Pastoriza, Silva, Orzán, Marino (de Mera) e Cerceda, plantouse na final de Riazor o 9 de xullo. O rival foi o Portazgo, equipo que remontou o gol inicial carballés para, con polémica, gañar o trofeo (2-1) e deixar ao Bergantiños tamén como subcampión copeiro. Con todo, os bergantiñáns este ano ascenderon á 1ª Rexional (Coruña-Mariñas-Ferrol), xusto cando a Federación poñía fin á Liga de Arteixo. Despois xa viría o seu despegue cara á arriba que chegaría ata a 2ª División B na 1987-88.

CEN ANOS DE FÚTBOL NA COSTA. 5. A CHEGADA DO FÚTBOL ÁS COMARCAS DE MUROS E DE NOIA

  O concello de Carnota: Deportivo Pindo e Carnota Apenas contamos con información de partidos de fútbol neste concello, a pesar de atopars...