07/06/18

HISTORIA DA COPA DA COSTA (VI)


26ª EDICIÓN – TEMPORADA 1988-89

Equipos participantes
27
Campión
U.D. CORCUBIÓN
Subcampión
S.D. LAXE

Participan os 27 equipos que disputaron as ligas costeiras da 1ª e 2ª Rexional, quedando fóra os cinco equipos que estaban na Preferente (Baio, Camariñas, Cee, Negreira e Xallas). Deses 27 equipos tres deles retiráronse despois de realizado o sorteo (Esteirana, Leiloio e Muros), polo que Muxía, At. Mineiro e Malpica pasaron sen xogar, engadíndose aos exentos Agualada, Corcubión, Coristanco, Lira e Ponteceso. Polo tanto, foron oito as eliminatorias que se xogaron na previa, aínda que unha non se completou pola incomparecencia do Freixo ao partido de volta co Sp. Zas tras caer goleado na ida. A confrontación máis interesante foi a Cabana-Fisterra, no que tras o empate da ida os cabaneses gañaron en campo fisterrán. Lamentables os incidentes que non permitiron que ningún dos dous partidos entre o Soneira e o Carnota chegasen á súa fin, tendo que suspendelos os colexiados por incidentes do público e dos xogadores contra eles. A Federación decretou a clasificación do Carnota -que gañara os dous encontros- sen que tivesen que xogarse os minutos finais; xunto a el pasaron o Camelle, Outes, Nantón, Bergantiños B e Laxe.
Nos oitavos, o Corcubión sufriu demasiado para superar ao Agualada, o Cabana goleou nos dous partidos ao At. Mineiro, o Camelle estivo a piques de dar a sorpresa ante o Malpica, e quen a dou foi o Coristanco, que deixou fóra ao subcampión ligueiro, Outes. Tres equipos da 2ª Rexional deixaron fóra a tres da 1ª: Sp. Zas desfíxose facilmente do Nantón, o Bergantiños B goleou na volta ao Ponteceso e o Club do Mar remontou ante o Carnota; e o Muxía, campión da 2ª Rexional, a piques estivo de facer o mesmo co Lira, pero os penaltis estiveron de parte dos lirachos. Nos cuartos de final, a eliminatoria entre o Corcubión, campión ligueiro, e o Cabana, terceiro, prometía emocións fortes, e así foi, pois tras o empate no Cubaleiro (2-2), nas Redondas tamén quedaron igualados (1-1), polo que o pase se dilucidou nos penaltis, nos que o porteiro corcubionés Lois estivo acertado e parou dous para clasificar ao Corcubión. O Coristanco impúxose no partido de ida na Rocheira (3-1) e soubo igualar na volta en Pedra Queimada (3-3) para chegar ás semifinais. O Sp. Zas seguía coas sorpresas e impoñíase en San Andrés pola mínima (1-0) a un Ponteceso que non logrou remontar na volta (1-1). E o Laxe seguía dando mostras do seu poder como equipo copeiro e sentenciaba a eliminatoria na ida cun claro 4-1 ante un Lira que non puido nin gañar en Portocubelo (1-1).
Nas semifinais, o Corcubión recibía como favorito ao Coristanco, pero os da terra da pataca lograron adiantarse cun gol de Neira, pero a mala sorte cebábase cos bergantiñáns ao marcar o porteiro Juan José en propia meta o gol do empate no desconto da primeira parte, e na segunda Javier de penalti daríalle a vitoria mínima ao Corcubión (2-1). Na volta na Rocheira, o Coristanco saíu a por todas en chegou ao descanso gañando por dous goles, obra de Juan, pero no segundo tempo o Corcubión logrou empatar cos goles de Chisco e Mario, o que lle daba a clasificación. Na outra eliminatoria, entre dous equipos da 2ª Rexional, o Laxe deixou sentenciado o pase ao vencer en San Andrés ao Sp. Zas por 0-3, con goles de José (pp), Chopena e Víctor. No Cabo da Area o Sp. Zas intentou a remonta e Balsa marcou o gol da esperanza, pero no segundo período Paco empatou o partido e sentenciou o pase do Laxe ao final.
Repetíase a final da edición anterior entre o Corcubión e o Laxe, e o 18 de xuño no Cabo de Area xogábase o partido de ida. Poucas oportunidades no encontro, coa máis clara para os locais nun lanzamento de penalti errado, mentres que os corcubioneses non aproveitaron a superioridade numérica pola expulsión do xogador-adestrador laxense Feluxo. Polo tanto, co 0-0 quedaba a resolución para o Cubaleiro. O 25 de xuño unha inxente cantidade de público ateigaba o recinto corcubionés, que viron un entretido partido, pero sen a salsa que son os goles. E tras 210 minutos de xogo entre estes dous equipos houbo que decidir o campión nos penaltis. Logo de seis lanzamentos por cada equipo, o Corcubión lograba repetir título e alzarse coa súa segunda Copa da Costa e co dobrete nesta temporada. O máximo goleador do torneo foi Juan (Coristanco), con 8 goles.

FINAL IDA (18-06-1989)
S.D. LAXE
Porras, Rivera, Eladio, Juan, Jorge II, Chopena, Pablo, Paco, Feluxo, Víctor, Sergio (Miguel 73).
U.D. CORCUBIÓN
Lois, Alfonso, Lema, Lalo, Fran, Santi, Manín, Jorge (Mario 58), Dadi II, Chisco, Dadi I (Fuentes 80).
FINAL VOLTA (25-06-1989)
U.D. CORCUBIÓN
Lois, Lalo, Fran, Lema, Alfonso, Gorri (Jorge 46), Manín, Rivelino (Mario 75), Chisco, Dadi I, Javier. Adestrador: José López 'Manín'.
S.D. LAXE
Porras, Rivera, Pol (Eladio 46), Juan, Jorge II, Chopena, Paco, Pablo, Miguel, Víctor (Sergio 76), Feluxo. Adestrador: 'Feluxo'.
Penaltis
Lema (1-0), Miguel (para Lois); Javier (2-0), Paco (2-1); Jorge (3-1), Juan (3-2); Alfonso (4-2), Chopena (4-3); Manín (para Porras), Pablo (4-4); Mario (5-4), Rivera (para Lois).
A UD Corcubión repetía como campión

27ª EDICIÓN – TEMPORADA 1989-90

Equipos participantes
26
Campión
C.D. NANTÓN
Subcampión
PONTECESO S.D.

Participan 26 dos 28 equipos que competiron na Liga da Costa (1ª Rexional) e 2ª Rexional, coas baixas voluntarias do Freixo e do Muros; ademais acordaron os clubs por votación no momento do sorteo a exclusión dos equipos da Preferente (Camariñas, Cee e Negreira). Quedaron exentos da primeira rolda o Corcubión, Nantón, Baio, Corme, Carnota e Fisterra. O sorteo desta primeira volta deparou un duelo estelar, pois enfrontáronse o campión e subcampión da Liga da Costa, o Cabana fronte ao Malpica, que tivo menos historia da agardada, pois os cabaneses impuxéronse nos dous partidos polo mesmo resultado: 3-0. A única sorpresa veu da eliminación do Coristaco fronte ao Bergantiños B, ao remontar na Rocheira o marcador adverso que traía o filial. No resto, vitorias folgadas do Lira, Outes, Esteirana, Camelle, Club do Mar, Ponteceso e Laxe. Capítulo á parte merece a eliminatoria entre o Xallas e Muxía, que no partido de ida non chegou á súa fin por incidentes entre xogadores e público, decretando a FGF a súa finalización co marcador do momento (0-0); pero o Xallas non se presentou ao partido de volta xustificándose en posibles represalias por parte dos muxiáns.
Nos oitavos de final, o Cabana partía como favorito, pero o Laxe da Copa non entende de favoritismos e tras empatar nas Redondas, un 2-0 valeulles aos laxenses para pasar de rolda. O Baio estreou campo contra o Corme e o Platas Reinoso ditou sentenza, mentres que o reforzado Nantón sufriu para deixar fóra ao Muxía; o Lira gañou na ida e aguantou un empate co Outes para seguir na competición. O Club do Mar co Camelle, o Ponteceso co Bergantiños B e o Fisterra co Carnota gañaron os dous partidos e non tiveron máis problemas; problemas que tivo o Corcubión contra a Esteirana pois tivo que chegar á quenda de penaltis. Nos cuartos, un interesante Nantón-Club do Mar, que acabou caendo de lado dos cabaneses tras o 2-0 da ida e nova vitoria en Caión (1-2); o Lira sentenciou na ida ante o Corcubión (3-0) e valeulle o empate na volta (1-1). O Baio logrou empatar en Ponteceso (1-1), pero na volta os pontecesáns deron a sorpresa e venceron no Platas Reinoso (0-2); e a traxectoria do Laxe chegou á súa fin en Fisterra, onde perdeu 4-2, non logrando remontar no Cabo de Area (2-2).
Moita igualdade na ida das semifinais: en Portocubelo, o Lira logrou impoñerse pola mínima ao Nantón nun partido ventoso grazas a un gol de Paco; mentres que no Municipal o Ponteceso e o Fisterra empataron, aproveitando os visitantes o autogol de Miguel, que pouco despois igualou Víctor. Na volta, o Nantón pasou por riba do Lira e endosoulle unha goleada (5-0), con goles de Pepe, Nando (2), Juan Bautista (pp) e Víctor Froxán; máis igualada estivo a outra semifinal, na que o Ponteceso volveu pasar unha eliminatoria gañando en campo rival e polo mesmo resultado que co Baio (0-2), mercede aos goles de Verdes e Fariña.
Primeira vez que chegaba o Nantón a unha final da Copa da Costa, mentres que era a quinta para o Ponteceso. O partido de ida xogouse o 15 de xullo nas Fontiñas e o Nantón foi lixeiramente superior e gañou pola mínima (1-0) ao converter Chilín un penalti. O partido de volta veu marcado polas declaracións do presidente pontecesán que afirmou que o Nantón era "una peña de verano que tiene calidad", en relación ás fichaxes que fixo para a Copa, entre as que destacaban Lucho e Chilín, que xogaran na 3ª División ese ano no Ordes. Con todo, o Nantón foi moi superior e axiña sentenciou a final, aínda que o Ponteceso non deu o seu brazo a torcer e pelexou ata o final. Primeira Copa da Costa para un Nantón que sufrira para non descender de categoría na liga, pero as fichaxes deron o seu froito. O centrocampista Lucho, que xa gañara a Copa no 1976 co Dep. Carballo, foi elixido mellor xogador da final (Trofeo Afiga). Os máximos goleadores da Copa foron Manolo II (Fisterra) e Manolito (Club do Mar), con 7 goles.

FINAL IDA (15-07-1990)
C.D. NANTÓN
Carlos, Pensado, Manuel, Cándido, Pepe, Lucho, Nando (Alfredo 69), Chilín, Rogelio, Víctor Froxán, Manolo Froxán.
PONTECESO S.D.
Mazás, Castiñeiras, Miguel, Puga, Fariña, Víctor, Sergio, Adrián, Mato, Verdes, Parga II (Moreno 75).
Goles
1-0 Chilín (p.,15)
FINAL VOLTA (22-07-1990)
PONTECESO S.D.
Mazás, Castiñeira, Miguel, Puga, Fariña, Víctor, Adrián, Mato, Moreno (Parga II 60), Sergio (Pelé), Verdes. Adestrador: Manolo Vidal.
C.D. NANTÓN
Carlos, Pensado, Nando, Cándido, Moreno, Manuel (Pepe 48), Lucho, Rogelio (Carlos Froxán 89), Chilín, Víctor Froxán, Manolo Froxán. Adestrador: José Ramón Bardanca.
Goles
0-1 Víctor Froxán (17), 0-2 Manolo Froxán (56), 0-3 Chilín (61), 1-3 Fariña (p.,65), 2-3 Adrián (83
O CD Nantón gañou a súa primeira Copa da Costa

28ª EDICIÓN – TEMPORADA 1990-91

Equipos participantes
27
Campión
S.D. LAXE
Subcampión
A.D. CLUB DO MAR


Participan 27 dos 30 equipos que disputaron a Liga da Costa (1ª Rexional) e a 2ª Rexional, coas baixas voluntarias de Cando, Carnota e Soneira, e a obrigada do único equipo que quedaba na Preferente (Negreira). Quedaron exentos da primeira rolda a Esteirana, San Lorenzo, Cee, At. Milagrosa e Corme. Das eliminatorias desta rolda a máis significativa foi a que enfrontou ao subcampión da Liga da Costa, Nantón, co campión da 2ª, Muros, que parecía sentenciada co 4-1 das Fontiñas, pero en Miraflores o Muros igualou o resultado nos 90 minutos e sentenciou na prórroga (6-1). Houbo incidentes que non deixaron rematar dous partidos: o Malpica-Camelle da ida (4-0) e o Club do Mar-Lira da volta (3-1). Pasaron con facilidade o Ponteceso, Malpica, Baio, Sp. Zas e Laxe, mentres que sufriron o pase o Muxía, Fisterra, Cabana e Camariñas. Os oitavos de final depararon varios enfrontamentos salientables, por unha parte a rivalidade histórica entre Fisterra e Cee, que se resolveu cun 3-1 para os fisterráns no Ara Solis, e nas Raíces o Cee axiña igualou a eliminatoria, pero nos minutos finais un gol de Marcote deulle o pase ao Fisterra. Por outra banda, Laxe e Corme mostraron a rivalidade da ría, pero os laxenses foron moi superiores nos dous partidos; tamén o foi o Muros no seu derby coa Esteirana e non tivo problemas para conseguir acceder á seguinte rolda. Outro derby municipal deuse entre o Baio e Sp. Zas -primeiro e terceiro na Liga da Costa-, xogados os dous partidos no Platas Reinoso por estar San Andrés en obras: na ida, empate 1-1, e na volta, o Baio adiantouse por dúas veces pero na prórroga pasou o Sp. Zas (3-2). O Club do Mar superou facilmente ao San Lorenzo, o Ponteceso ao Muxía e o Camariñas ao Cabana, mentres que o Malpica tivo que remontar na Pedra Queimada un marcador adverso fronte ao At. Milagrosa.
Nos cuartos, tres eliminatorias quedaron xa case sentenciadas na ida, pois o Club do Mar gañou en Muros (1-3) e o Sp. Zas en Malpica (0-3) e o Ponteceso goleou ao Fisterra (4-1), e os tres certificaron o pase na volta. Máis igualado estivo o duelo Camariñas-Laxe, que tras o 1-1 da ida deparou outro partido igualado na volta, que desnivelou un gol de Sindo no desconto para o Laxe (2-1). Nas semifinais, o Club do Mar enfrontouse ao Ponteceso na Insua e venceu pola mínima (2-1), grazas a dous penaltis covertidos por Manolo Collazo e José Ramón -este no último minuto-, mentres que Mourín empatara para os pontecesáns; na volta no Municipal o Ponteceso adiantouse con dous goles de vantaxe -obra de Mourón e Mourín-, pero no cuarto de hora final o Club do Mar empatou o partido con goles de Manolo Collazo e Rogelio e clasificouse para a final. Na outra eliminatoria, no Platas Reinoso un gol aos dez minutos de cada parte supuxo o empate (1-1) entre Sp. Zas e Laxe: Mato adiantou aos locais, e Pablo empatou para os visitantes; a volta no Cabo de Area trouxo moita emoción e un único gol anotado por Devesa que lle deu o triunfo ao Laxe (1-0).
Quinta final para o Laxe en once anos, e segunda para o Club do Mar de Caión. O partido de ida disputouse no campo da Insua o 30 de xuño, e o Laxe deixou encarrilada a final grazas á súa vitoria por 1-3, e iso que se adiantaron os locais, pero axiña deron réplica os laxenses; no segundo tempo dous goles do xuvenil Ambrosio antes de ser expulsado deixaron un resultado moi bo para os homes de Sindo. Na volta no Cabo de Area, o Laxe non dou posibilidades á reacción e xa aos 2 minutos levaba dous goles, polo que ao Club do Mar só lle quedou marcar o gol da honra contra o final. Terceira Copa da Costa para o Laxe e o equipo caionés que volvía caer nunha final. O máximo goleador da Copa foi Mourón, do Ponteceso, con 9 goles.

FINAL IDA (30-06-1991)
A.D. CLUB DO MAR
Ríos, Luis (Guillermo 34), Loureiro, Manolo Collazo, Xaquín, Valentín, José Collazo, Repi, José Ramón, Agustín, Rogelio (Miguel 60).
S.D. LAXE
Cartajo, Luis, Eladio, Juan, Pol, Sindo (Lolo 75), Ambrosio, Suso, Paco (Carro 28), Lucho, Pablo.
Goles
1-0 José Ramón (15), 1-1 Pablo (24), 1-2 Ambrosio (60), 1-3 Ambrosio (83)
FINAL VOLTA (07-07-1991)
S.D. LAXE
Cartajo, Luis, Eladio, Juan, Pol, Sindo, Ambrosio (Lolo), Pablo, Lucho, Paco, Carro (Tino). Adestrador: Gumersindo Sacedón 'Sindo'.
A.D. CLUB DO MAR
Ríos, Agustín, Loureiro, Manolo Collazo, Xaquín, Valentín, Paco, José Collazo, Miguel, Repi, José Ramón. Adestrador: José Collazo.
Goles
1-0 Pablo (1), 2-0 Lucho (3), 2-1 Miguel (90).
A SD Laxe demostrou que seguía sendo un equipo copeiro

29ª EDICIÓN – TEMPORADA 1991-92

Equipos participantes
28
Campión
U.C. CEE
Subcampión
SP. ZAS


Participan os 26 dos 29 equipos que competiron na Liga da Costa, que novamente volvía estar encadrada na 2ª Rexional en dous grupos, coas baixas voluntarias de Carnota, Coristanco e Monte Louro, e os dous equipos que militaban na 1ª Rexional provincial (Muros e Sp. Zas) para completar un total de 28. Freixo, Nantón, Cee e Camariñas foron os que quedaron exentos da primeira rolda. Varios choques de rivalidade como o At. Mineiro-Xallas, na que pasaron con comodidade estes últimos, ou o Esteirana-Muros, que se dilucidou nos penaltis a favor dos da capital municipal. Tamén nos penaltis pasou o Mazaricos fronte ao Laxe, e na prórroga clasificáronse o Baio contra o Corcubión e o Corme fronte ao At. Milagrosa. O favorito Sp. Zas sufriu para deixar fóra ao Club do Mar, mentres que máis relaxados pasaron o Fisterra, Malpica, San Lorenzo, Muxía, Cabana e Ponteceso.
Nos oitavos, varias eliminatorias destacadas, como a que enfrontou ao Sp. Zas, da 1ª Rexional, co campión da Liga da Costa Norte, o Camariñas, que se resolveu para os zasenses grazas a vitoria no partido de ida (2-0). O campión ligueiro do grupo sur, o Cee, tiña no Baio, terceiro no norte, un difícil rival, pero a vitoria no Platas Reinoso (0-2) facilitou o camiño. Derby municipal entre o campión copeiro, o Nantón, e o Cabana, subcampión do grupo norte, que non tivo historia pois os da capital foron superiores nos dous encontros. O Fisterra goleou no Freixo na ida (1-7) e os outienses non se presentaron á volta. O Muros goleou ao Corme en Miraflores (4-0) e pasou sen problemas, mentres que Mazaricos, Muxía e Xallas, logo de empatar como visitantes na ida, resolveron o pase vencendo na súa casa.
Os cuartos trouxeron a eliminatoria estrela entre os dous equipos da 1ª Rexional, Muros e Sp. Zas disputaron unha eliminatoria máis igualada do que di o marcador final, pois do 1-0 de Miraflores pasouse a un 4-1 en San Andrés, pero o Sp. Zas só conseguiu resolver no segundo tempo. O Fisterra impúxose pola mínima ao Mazaricos en Ara Solis (1-0), e sen que se movese o marcador o árbitro suspendeu o partido de volta no minuto 72 por agresión a un xogador fisterrán e invasión de campo polo público local. O Cee gañou en Muxía (1-2) e rematou a faena con goleada nas Raíces (6-1). Cabana e Xallas igualaron nas Redondas, pero os cabaneses foron superiores na Fontenla (1-2). Nas semifinais, o clásico dos clásicos da Copa da Costa, o Fisterra-Cee, equipos que ademais pelexaron esta temporada polo campionato ligueiro. A ida xogada no Ara Solis foi moi igualada e acabou sen goles (0-0), e igualado foi tamén o partido de volta nas Raíces, ata que no segundo tempo marcou Domingo para os locais; a partir de aí superioridade ceense que certificou cun novo gol de Domingo. No outro choque, o Sp. Zas sentenciou xa na ida vencendo nas Redondas ao Cabana (1-3), e na volta en San Andrés goleou (4-0), cun hat-trick de Mato incluído.
Dous dos favoritos chegaban á final, e para o Sp. Zas era a súa primeira vez, mentres que para os ceenses era a súa quinta. O 28 de xuño xogouse o encontro de ida nas Raíces, e tras unha primeira parte igualada, na que o Cee se foi con vantaxe mínima, no segundo tempo os locais foron moi superiores e deixaron, con tres goles máis, a final sentenciada (4-0). Na volta en San Andrés, o Sp. Zas non se deu por rendido e axiña marcou o gol da esperanza, pero o Cee soubo contrarrestar as intentonas locais e aguantou o marcador ata que nos minutos finais o Zas logrou o segundo, que só certificou a primeira derrota oficial do Cee nesa temporada (2-0). Seguía inmaculado o Cee nas finais, con cinco Copas da Costa nas súas cinco finais disputadas.

FINAL IDA (28-06-1992)
U.C. CEE
José Carlos, Floreal, Sande, Carlos Ares, Juanín, Ramos (Juan Antonio 75), Juan Francisco, Suso, José Manuel, Augusto, Domingo (Jorge 86).
SP. ZAS
Pepe, José, Castelo, Solís, José Zas (Gabín 55), José Antonio, Víctor, Alfonso, Javier (Fatino 76), Felipe, Mato (Chucho 76).
Goles
1-0 Ramos (22), 2-0 Floreal (51), 3-0 Domingo (57), 4-0 Domingo (74).
FINAL VOLTA (05-07-1992)
SP. ZAS
Carlos, José, Alfonso, Gabín, Castelo, Solís, José Antonio (Manolo 70), Víctor, Javier, Mato, Felipe. Adestrador: Moncho Varela.
U.C. CEE
José Carlos, Juanín, Sande, Carlos Ares, Floreal, José Manuel (Juan Antonio 76), Suso, Juan Francisco, Ramos, Augusto, Domingo (Roberto 90). Adestrador: 'Manolín' Oliveira.
Goles
1-0 Felipe (10), 2-0 Víctor (85)
O UC Cee seguía acumulando Copas da Costa

30ª EDICIÓN – TEMPORADA 1992-93

Equipos participantes
30
Campión
U.C. CEE
Subcampión
S.D. FISTERRA

Participan 27 dos 30 equipos que disputaron a Liga da Costa nos seus dous grupos (coas renuncias de Cando e Freixo), e logo dunha votación entre os clubs tamén dos tres equipos da 1ª Rexional (Camariñas, Cee e Sp. Zas) que en principio quedarían exentos da primeira rolda por estar aínda na liga -aínda que houbo que sortear un que xogase para completar o cadro e foi o Sp. Zas-; quen seguía sen participar era o representante na Preferente (Negreira). As sorpresas viñeron da eliminación do Mazaricos, subcampión da Costa sur, co San Lorenzo, e do Muxía, terceiro, coa Esteirana, logo dun partido de volta que tras acabar 4-3 foise á prórroga e rematou cun 7-3 para os esteiráns. O Laxe a piques estivo de sacar o xene copeiro e eliminar ao Nantón, campión da Costa Norte, pero a quenda de penaltis impediuno. Goleadas de Sp. Zas, Club do Mar, Fisterra, Buño, Canota, Cabana e Baio para pasar, mentres máis apertadas estiveron as clasificacións de Corcubión, Lira, Malpica e Muros. Nos oitavos, o Sp. Zas celebraba o título de 1ª Rexional mentres eliminaba ao Club do Mar, e o Nantón goleaba nos dous partidos ao Corcubión; o Fisterra non tiña problemas ante o Lira e o Camariñas gañou na volta para pasar ante a Esteirana. O Carnota, despois de empatar na ida, tivo que remontar un 0-2 na volta para eliminar o Buño, mentres o Muros gañaba con facilidade ao Malpica, e con algunha dificultade máis o Cabana facía o propio co San Lorenzo. Igualada estivo o enfrontamento entre o Cee o Baio, que tras o 2-1 da ida, os baieses só puideron empatar na volta.
Nos cuartos, o Nantón deu a sorpresa ao empatar en Zas (0-0), e con este marcador chegouse aos dez últimos minutos do encontro de volta, pero Chucho deulle o pase ao Sp. Zas (0-1). Sorprendente foi a eliminación do Camariñas polo Fisterra, non porque o campión da Costa Sur o fixese contra un equipo da 1ª, senón porque os camariñáns gañaran no Ara Solis (2-3) e os fisterráns golearon no Hnas. Patiño (1-5). O Cabana gañou en Lombáns ao Carnota (3-4), pero os carnotáns non deron o brazo a torcer e gañaban nas Redondas ata que Lilo marcou o empate a dez para o final (1-1). E competida estivo tamén a eliminatoria Cee-Muros, na que os muradáns gañaban nas Raíces ata que o Cee logrou dous goles case no desconto para remontar (2-1); e na volta en Miraflores non se moveu o marcador e os ceenses lograron o pase (0-0). 
Manolín seguía levantando Copas
da Costa [Foto: LVG]
Nas semifinais, o Fisterra tras eliminar un primeira tocoulle outro, o Sp. Zas; e en San Andrés os fisterráns foron superiores e lograron levar a vitoria (2-3). Na volta, adiantouse o Fisterra no marcador á media hora, pero acto seguido un penalti a favor do Zas, que supoñía a segunda expulsión dun xogador local, podía variar o rumbo da eliminatoria pero Víctor errou o lanzamento e os fisterráns aguantaron numantinamente o marcador (1-0). Na outra, o Cabana foi máis superior na ida ao Cee do que indica o marcador final (1-0), e o partido de volta foi unha tolemia: o Cabana adiantouse con dous goles en menos dun cuarto de hora, pero axiña acurtou distancias o Cee e nos dous últimos minutos da primeira parte marcaron dous goles máis os ceenses; no primeiro minuto da reanudación empatou o Cabana, e o 4-3 chegaría pasados tres minutos do tempo regulamentario, o que causou as protestas cabanesas. Houbo que xogar a prórroga, na que os ceenses foron superiores e lograron dous goles máis para o 6-3 definitivo.
Fisterra e Cee repetían a final da primeira edición da Copa da Costa e era a oitava vez que se enfrontaban na Copa da Costa. Era a sexta final para o Cee, segunda consecutiva, con cinco títulos, e a quinta para o Fisterra con un entorchado. O 20 de xuño xogouse a ida no Ara Solis, e tras un igualada primeiro tempo, os fisterráns adiantáronse ao pouco de comezar o segundo, pero en tres minutos o Cee deulle a volta ao marcador e levou a vitoria no partido (1-2). Na volta, o 27 de xuño, o Cee adiantouse axiña con dous goles, pero o Fisterra puido meterse no partido de non errar José Carlos un penalti que parou o seu tocaio ceense, para acto seguido marcar o Cee o terceiro; cunha segunda parte xa sen emoción chegaron os goles nos minutos finais, cun cuarto para os locais e dobrete de Marco para maquillar o marcador (4-2). O Cee lograba a súa sexta Copa da Costa e tamén o facía o seu adestrador Manolín (catro delas co Cee), nunha edición na que destacou a presenza no equipo ceense dos Sieso, pai e fillo. Os máximos goleadores da Copa foron Lilo (Cabana) e Luis (Fisterra), con 10 goles.

FINAL IDA (20-06-1993)
S.D. FISTERRA
Firucho, Pancho, Gonzalo, Baamonde (José Manuel 89), Mario, Paco, Juan Jesús, Darío, Luis, Marcote (Marco 62), José Carlos.
U.C. CEE
José Carlos, Juan Antonio, Juanín, Sande, Fran, Floreal, Suso (Manolito 78), Sieso Sr. (Ramón 56), José Manuel, Alfredo (Pereira 65), Sieso Jr.
Goles
1-0 Luis (51), 1-1 Juanín (68), 1-2 Pereira (71).
FINAL VOLTA (27-06-1993)
U.C. CEE
José Carlos, José Manuel, Juanín, Sande, Fran, Floreal, Suso (Sieso Sr. 72), Manolito (Palancas 82), Ramón, Sieso Jr., Alfredo (Pereira 62). Adestrador: 'Manolín' Oliveira
S.D. FISTERRA
Firucho, Gonzalo, Lecumberri (Pancho 65), Baamonde, Mario, Paco, Juan Jesús, Darío, Luis, Marcote (Mario 46), José Carlos. Adestrador: Juan Ramón Lobelos.
Goles
1-0 Ramón (15), 2-0 Floreal (19), 3-0 Floreal (p.,40), 4-0 Sieso Jr. (80), 4-1 Marco (84), 4-2 Marco (85).
Seis títulos acumulaba o UC Cee, que repetía campionato

CEN ANOS DE FÚTBOL NA COSTA. 5. A CHEGADA DO FÚTBOL ÁS COMARCAS DE MUROS E DE NOIA

  O concello de Carnota: Deportivo Pindo e Carnota Apenas contamos con información de partidos de fútbol neste concello, a pesar de atopars...