05/05/18

HISTORIA DA COPA DA COSTA (II)


6ª EDICIÓN – TEMPORADA 1968-69

Equipos participantes
8
Campión
XALLAS F.C.
Subcampión
PONTECESO S.D.
Lalo rexistraba un gol
do Xallas [LVG] 

Despois da liga máis igualada, que se resolveu por céntesimas de gol (ver artigo), chegaba o torneo copeiro no que participaron oito dos nove equipos, pois renunciou o At. Bergantiños. Este ano a novidade era que se permitía facer un troco por equipo. Polo tanto, xa entraron nos cuartos os equipos, e o campión ligueiro Buño facíao contra o Cee, que acabara penúltimo na liga, pero deulles que facer aos oleiros: empate en Raíces (2-2) e vitoria pola mínima do Buño en Xaviña (3-2). O subcampión Muxía visitaba o novo campo Municipal de Ponteceso, para enfrontarse a un equipo que rematara na zona media pero que se reforzara para a Copa, e abofé que o fixo pois sentenciou xa na ida (5-1) e volveu vencer en Muxía (0-3). O pechacancelas ligueiro, o Baio, recibía ao Xallas, que como era habitual no equipo de Raso volvía fichar moitos xogadores; aínda así os baieses lograron empatar no Balsiño (2-2) pero no Carreiro impúxose o poderío xalleiro (3-0); e por último, o Soneira fixo sufrir ao terceiro na liga, o Fisterra, que perdía en Vimianzo (2-1) e tiña que remontar na volta (4-2).
Os desempates eran
habituais nas primeiras
edicións da Copa [LVG]
As semifinais parecían sentenciadas na ida, pero non foi así. Quen si o fixo foi o Xallas que goleou con estrépito ao Fisterra no Carreiro (7-1) e volveríao facer na volta (1-4). Pola súa parte, no derby entre o Buño e o Ponteceso o morbo estaba na fichaxe do porteiro oleiro Santiago polo Ponteceso, que a dicir dos expertos fora o mellor da Costa ese ano, pero na visita a Xaviña, Santiago tivo que recoller o balón catro veces das súas redes, pois o Buño impúxose por 4-1, polo que parecía que se ía repetir a final do ano anterior. Pero no Municipal o Ponteceso foi un vendaval e impúxose ao Buño por 6-1 e meteuse na final.
O 21 de setembro disputouse o partido de ida da final no Municipal de Ponteceso, e os locais gañaron o partido grazas a dous goles, un en cada tempo, que se aproveitaron da expulsión do xalleiro Joselín no primeiro tempo. O mesmo resultado ía darse na volta sete días despois, con vitoria xalleira, tamén cun gol en cada tempo. Polo tanto, houbo que xogar un partido de desempate e o escenario escollido foi o campo de Vimianzo, que contou cunha espléndida entrada. O encontro foi igualado ata mediada a segunda metade, na que o gol de penalti que marca Mayer desequilibrou a balanza e acabou goleando o Xallas para alzarse coa súa terceira Copa da Costa.
Seguía o dominio do Xallas de Raso na Copa da Costa

FINAL IDA (21-09-1969)
PONTECESO S.D.
Santiago; Richard, Rego, Pelayo (Valentín); Chicho, Muñiz; Conde, Calvo, Chencho, Ferro, Amancio.
XALLAS F.C.
Arufe; Puchini, Ventura, Rúa; Mayer, Kubala; Lete (Aparicio), Rivera, Matito, Quico, Joselín.
Goles
1-0 Conde (10), 2-0 Richard (51)
FINAL VOLTA (28-09-1969)
XALLAS F.C.
Arufe; Aparicio, Puchini, Rúa; Mayer, Ventura; Lete, Rivera, Matito, Arana, Kubala.
PONTECESO S.D.
Santiago; Verdes, Rego, Trigo; Chicho, Muñiz; Conde, Calvo, Chencho, Amancio, Ferro.
Goles
1-0 Kubala (15), 2-0 Rivera (70)
FINAL DESEMPATE (05-10-1969)
PONTECESO S.D.
Santiago; Verdes, Rego, Trigo (Valentín); Chicho, Muñiz; Conde, Calvo, Chencho, Ferro, Amancio.
XALLAS F.C.
Arufe; Arana, Puchini, Rúa; Mayer, Ventura; Lete, Quico, Matito, Rivera, Kubala.
Goles
0-1 Mayer (65), 0-2 Rivera (70), 0-3 Lete (87)

7ª EDICIÓN – TEMPORADA 1969-70

Equipos participantes
10
Campión
BUÑO S.D.
Subcampión
FISTERRA S.D.
Esta Copa estivo marcada pola
morte de Chouciño III [LVG]

Participan 10 equipos, coa baixa respecto á liga do Soneira e a alta do Fisterra, que volve á competición. Dúas previas tiveron que xogarse, por un lado un interesante Cee-Ponteceso, terceiro contra primeiro na liga, que rematou con vitoria pontecesá (1-3 en Cee e 0-0 en Ponteceso), e pola outra parte, o Xallas, penúltimo na liga, remontou na volta (5-1) o 3-1 que levaba o Carnota de Lombáns.
Os cuartos de final viñeron empanados polo falecemento do xogador Chociño III, do Dep. Carballo, polo que os partidos de volta se adiaron unha semana. Eliminatoria estelar en cuartos entre Ponteceso e Buño, que ademais do clásico derby supuña o enfrontamento entre campión e subcampión ligueiro e a repetición da semifinal do ano anterior. Empate no partido xogado no Municipal, e vitoria pola mínima dos oleiros en Xaviña (4-3). O Xallas, xa sen fichaxes de relumbrón, impúxose no Carreiro ao Deportivo Carballo (4-2), que quixo na volta honrar ao seu xogador falecido e remontou a eliminatoria (4-0). O derby Porteño-Muxía resolveuse na volta a favor dos muxiáns (4-1), que remontaron o 2-1 da Grixa; mentres que o Baio puxo en serias dificultades ao Fisterra e estes pasaron nos penaltis (1-0 e 2-1).
Nas semifinais o Dep. Carballo lograba empatar en Buño (1-1), pero na volta en Pedras Brancas os oleiros marcaron tres goles no segundo tempo e volvían a unha nova final. Na outra eliminatoria, o Muxía de Tito Luaces pasaba por riba do Fisterra e impúñase por un contundente 5-1, pero os fisterráns fixeron a machada de empatar a eliminatoria na volta cun 6-2 e marcar Bustillo na prórroga o sétimo e clasificarse para a final.
O partido de ida xogado en Buño trouxo o malestar dos equipos por non contar o árbitro con xuíces de liña, e despois o encontro deixou xa sentenciada a final, pois os oleiros impuxéronse por un contundente 6-0, con actuación estelar de Novo, que marcou 4 goles, e Fisterra ata erraría un penalti. A volta foi un mero trámite -nin os xornais coruñeses se desprazaron a Fisterra e non temos as aliñacións do encontro-, que só serviu para que o Buño perdese o primeiro partido desta Copa, pero conseguiu de todos os xeitos a súa segunda Copa da Costa.
Segunda Copa da Costa para o Buño [Porto/Pose, 2014]

FINAL IDA (27-09-1970)
BUÑO S.D.
Luis; Tarabela, Paco, Casal; Ito, Julio; Eladio, Novo, Longo, Americano, Chouciño.
S.D. FISTERRA
Ramón; Agapito, Coné, Velay; Viriolo, Marcote; Antolín, Cándido, Manolete, Modesto, Laureano.
Goles
1-0 Chouciño, 2-0 Novo (p), 3-0 Novo, 4-0 Eladio; 5-0 Novo, 6-0 Novo


8ª EDICIÓN – TEMPORADA 1970-71

Equipos participantes
11
Campión
U.D. CARNOTA
Subcampión
PONTECESO S.D.

Participan 11 dos 12 equipos que disputaron a liga, pois o Muxía renunciou ao torneo copeiro. A previa trouxo tres eliminatorias, nas que o Porteño se desfixo sen problemas do Baio, o Carnota tivo que gañar en Santa Comba para eliminar o Xallas, e a gran sorpresa veu da derrota do Noia, campión ligueiro, fronte ao Negreira. Nos cuartos, o Negreira gañáballe ao Buño en Cepelo (2-0) pero os oleiros remontaron en Xaviña (3-0); mentres que o Carnota gañaba pola mínima en Lombáns ao Fisterra (2-1) e conseguía o pase tras o empate na volta (3-3). Moi igualada a eliminatoria entre o Porteño e o Dep. Carballo, con empate na Grixa (2-2) e vitoria con moitos goles dos carballeses nas Pedras Brancas (5-4); e na confrontación estrela, entre o segundo da Liga, o Cee, e o terceiro, o Ponteceso, o resultado da ida en terras bergantiñás (3-1 para o Ponteceso) foi definitivo, pois nas Raíces non houbo goles.
As semifinais xa quedaron medio resoltas nos encontros de ida, pois tanto o Carnota como o Ponteceso lograron vencer como visitantes. Os carnotáns fixérono en Xaviña ante o Buño (1-2) e unha semana despois en Lombáns golearon para alcanzar a súa primeira final (4-0). No enfrontamento bergantiñán, o Ponteceso venceu en Pedras Brancas (0-2) e volveuno facer no Municipal (3-1) ante o Dep. Carballo.
Gran reportaxe da
final en LVG
O partido de ida da inédita final xogouse en Lombáns o 10 de outubro e o Carnota levou unha vitoria pola mínima, que puido ser máis ampla de non errar dous penaltis: no min. 57 Quinocho lanzou o primeiro e Mato Pet logrou desviar o balón a córner, aínda que deste lanzamento de esquina chegou o gol carnotán; e no minuto 65 Quinocho volveu errar unha nova pena máxima ao disparar contra o traveseiro. O encontro de volta foi emocionante, pero tamén deu mostras do incivismo que reinaba en moitos partidos da Costa, e é que o partido non chegou á súa fin. O Ponteceso igualaba a eliminatoria cun gol na primeira parte, e cando xa todo indicaba que habería terceiro partido (mesmo xa acordaran que fose Cee), o Carnota consegue marcar no minuto 89, un gol protestado polos locais por fóra de xogo posicional dun dianteiro carnotán. O gol provocou a invasión do campo por parte dos afeccionados locais e agresións ao árbitro e xuíz de liña, polo que o colexiado deu por rematado o partido antes da hora. Mesmo houbo problemas na entrega do trofeo de campión aos carnotáns, pois o público local tratou de impedir que se lles dese a copa, que chegou a sufrir algún desperfecto.

FINAL IDA (10-10-1971)
U.D. CARNOTA
Juan Antonio; Alonso, Juan, Carlos; Taboada, Pazos; Mugía, Paco, Domingo, Quinocho, Gosende (Michelín)
PONTECESO S.D.
Mato Pet; Martuxa, Gelucho, Pelayo; Chicho, Moncho; Benigno (Fraile), Ordóñez, Chencho, Ferro, Muñiz.
Goles
1-0 Pazos (58)
FINAL VOLTA (17-10-1971)
PONTECESO S.D.
Mato Pet; Martuxa, Gelucho, Pelayo; Chicho, Moncho; Benigno, Ordóñez, Chencho, Muñiz, Ferro.
U.D. CARNOTA
Juan Antonio; Alonso, Juan, Carlos; Taboada, Pazos; Michelín, Paco, Domingo, Quinocho, Mugía.
Goles
1-0 Moncho; 1-1 Domingo (89)

9ª EDICIÓN – TEMPORADA 1971-72

Equipos participantes
10
Campión
PONTECESO S.D.
Subcampión
S.D. NEGREIRA

No comezo do verán, participan os 10 equipos que competiron na Liga da Costa, e os dous primeiros nela tiveron que xogar a previa. O campión Negreira desfíxose do Baio gañando os dous partidos pola mínima (1-2 e 3-2), e o subcampión Noia foi máis contundente contra o Porteño, que acabara no podio ligueiro (2-4 e 6-1).
Nesta edición introduciuse a norma do valor dobre dos goles marcados en campo contrario en caso de igualdade final, e nos cuartos de final dous equipos pasaron grazas a esta norma. O Noia quedou elimiando co Dep. Carballo, a pesar de gañar 3-1 no San Alberto, pero o gol dos carballeses valeulles para pasar pois nas Pedras Brancas gañaron por 2-0. O mesmo lle pasou ao Negreira, que perdera en Fisterra por 4-2, pero na volta chegoulle cun 2-0 para seguir adiante. O Cee goleou nos dous encontros á Esteirana (1-5 e 7-2) e na última eliminatoria repetíase a final do ano anterior. O Carnota venceu en Lombáns (2-1) e o Ponteceso fíxoo no Municipal (3-1), novamente con incidentes, neste caso por parte dos visitantes que protestaban a anulación dun gol nos minutos finais.
As semifinais estiveron moi igualadas e tan só un gol de diferenza deu o pase á final. En Carballo, o Deportivo e o Negreira empataron na ida (2-2), e na volta en Cepelo os nicrarienses impuxéronse por 2-1 con dous goles de Leandro. Na outra eliminatoria, o Ponteceso trouxo un gran resultado de Cee ao vencer 2-3, pero os ceenses non se deron por mortos e a piques estiveron de dar un susto (1-1).
O Ponteceso por fin gañaba a Copa
Sen apenas descanso, dous días despois da volta das semifinais xa se disputou a ida da final, e facíao no Municipal de Ponteceso, na que o equipo local conseguiu unha vitoria pola mínima que deixaba aberta a final para a volta. O 23 de xullo xogouse a volta en Cepelo, e o Ponteceso volveu vencer pola mínima ao Negreira e conseguía a súa primeira Copa da Costa na súa terceira final.

FINAL IDA (18-07-1972)
PONTECESO S.D.
Mato Pet; Periscal, Gelucho, Casal; Pallas, Martuxa; David, Ordóñez, Pereira, Muñiz, Ferro.
S.D. NEGREIRA
Rocha; Ramos, Elías, Emilio; Castro, Cotón; Leandro, Moisés, Cros, Carballo, Brenlla.
Goles
1-0 Pereira (7).
FINAL VOLTA (23-07-1972)
S.D. NEGREIRA
Rocha; Ramos, Elías, Emilio; Castro, Cotón (Yañez); Leandro, Moisés, Cros, Carballo, Brenlla.
PONTECESO S.D.
David; Periscal, Gelucho, Casal; Martuxa, Pallas; Pereira, David, Tito, Muñiz, Ferro.
Goles
0-1 Ferro (66).

10ª EDICIÓN – TEMPORADA 1972-73

Equipos participantes
10
Campión
C.D. PORTEÑO
Subcampión
U.D. CARNOTA

O Carnota xogaba a súa 2ª final
Novamente 10 clubs na competición, os mesmos que participaron na Liga da Costa. Na previa, Porteño e Negreira desfixéronse con comodidade de Esteirana e Baio, respectivamente. Nos cuartos, o Carnota desfíxose do Xallas na volta (3-0) tras perder no Carreiro pola mínima (3-2). O Noia levou unha boa vantaxe a Corcubión (3-0), equipo que debutaba na competición e que logrou un meritorio empate na volta (1-1). Outro debutante, o Outes, vía como o Negreira o goleaba nos dous enfrontamentos (5-0 e 1-4), e a sorpresa veu de parte do Porteño que conseguía impoñerse en Raíces ao subcampión Cee (2-3) e refrendou o pase á final na Grixa cunha clara vitoria (3-0).
Pastoriza, o Pichichi da liga
Nas semifinais, o campión ligueiro Noia caía derrotado na súa visita a Lombáns (4-2) e o Carnota certificaría a sorpresa en San Alberto ao volver gañar (1-2) e clasificarse así para a súa segunda final. Moitos goles na Grixa para que o Porteño derrotase ao Negreira polo marcador de 6-3, e na volta en Cepelo aos barcaleses faltoulles un gol para superar a eliminatoria (3-1), polo que o Porteño chegaba á súa primeira final.


O primeiro partido da final xogouse en Lombáns, e o Porteño levou un gran resultado para a volta ao vencer por 3-4, nun encontro no que foi superior aos locais (1-2 no descanso). Eran logo os favoritos para gañar, e así o confirmaba Ramón Miñones 'Pastoriza', figura dos porteños, que ese ano fora o máximo goleador ligueiro, e que dicía que na Copa querían quitar a espiña da liga, na que quedaron cuartos a pesar de ser un dos favoritos. Na Grixa, o Porteño confirmou os prognósticos e gañou a súa primeira Copa da Costa. Novamente moitos goles para un marcador final de 5-3, e un global de 9-6, o que supón que os 15 goles sexan a maior cifra conseguida nunha final da Copa da Costa.

Primeira e única Copa do Porteño [LVG]

FINAL VOLTA (15-07-1973)
C.D. PORTEÑO
Pepe; Perucho, Xaviñán, Oliveira; Pichurri, Moli; Juan, José, Pastoriza, Cachán, Sanchís (Ricardo).
U.D. CARNOTA
Facio; Miche, Ulloa, Pepe; Lago, Pirri; Domingo, Cándido, Peteiro, Pitisco (Chino), Segundo.
Goles
0-1 Peteiro, 1-1 Pichurri, 2-1 Juan, 2-2 Domingo, 3-2 Moli; 4-2 Facio (pm), 4-3 Segundo, 5-3 Juan.
A Copa da Costa gañada
polo CD Porteño

Ningún comentario:

Publicar un comentario

CEN ANOS DE FÚTBOL NA COSTA. 5. A CHEGADA DO FÚTBOL ÁS COMARCAS DE MUROS E DE NOIA

  O concello de Carnota: Deportivo Pindo e Carnota Apenas contamos con información de partidos de fútbol neste concello, a pesar de atopars...