06/09/17

UN BALÓN DE OURO XOGANDO NO PONTECESO


Equipo do Ponteceso SD reforzado coas figuras
O 22 de xuño de 1969 inaugurouse o Campo Municipal de Ponteceso, nunha tarde chuviosa e fría, tan chuviosa que mesmo estivo a piques de suspenderse o acontecemento e adialo para o mes de xullo. Pero ao final o presidente do Ponteceso SD, e ao mesmo tempo alcalde da vila de Pondal, Manuel Couto Anido, decidiu que aquilo non tiña marcha atrás e o acto acabou sendo todo un éxito. Ringleiras de coches, na súa maioría Seat 600, amoreábanse a un e a outro lado da calzada, e varios autobuses en excursións organizadas desde distintos puntos da Costa da Morte estaban aparcados nas inmediacións do novo recinto.
O motivo de tanta expectación era o partido de fútbol que servía para inaugurar tan modernas instalacións e que enfrontaba ao Deportivo da Coruña contra o Ponteceso SD, un equipo pontecesán, iso si, reforzado con varias das figuras máis significativas do fútbol coruñés. Pola porta do campo, adornada cuns aros olímpicos na súa parte superior, pasaron centos de espectadores que ateigaron as bancadas de pedra que se erixían sobre os vestiarios. Ateigada tamén estaba a tribuna presidencial, con numerosas autoridades chegadas desde A Coruña, como o gobernador civil, Landín Carrasco, o presidente da Deputación provincial Puga Ramón, o secretario da Delegación Nacional de Deportes, o presidente e outros directivos da Federación Galega de Fútbol, edís do Concello da Coruña, entre outros, ademais dos presidentes dos dous clubs contendentes. A prensa coruñesa non podía faltar, e tanto La Voz de Galicia como El Ideal Gallego dedicáronlle amplas crónicas ao acontecemento con reportaxe fotográfica. Coa bendición do cura Basilio Barizo e o saque de honra de Mª Pilar Couto, filla do presidente pontecesán, deuse paso ao encontro. O capitán do Ponteceso, Chicho, fíxolle entrega ao seu homólogo coruñés, Domínguez, dun bandeirín conmemorativo bordado en ouro.
Aspecto dos exteriores do campo ateigado de coches
[Foto: El Ideal Gallego]
Ás seis da tarde, cun campo enchoupado, e con arbitraxe do Sr. Barros, xogaron polo Deportivo adestrado por José Mª Martín os seguintes xogadores: Juanet, Bello, Manolete, Cholo (Miguel min.70), Sertucha, Domínguez, Cortés (Martínez m.46), Loureda, Rubén Fernández, José Luis (Cervera m.46), Beci (Chapela II m.70). Polo Ponteceso saíron de inicio: Canedo, Chicho, Aurre, Muñiz, David, Luis Suárez, Veloso, Pellicer, Chencho, Ferro, Montalvo; no segundo tempo o once local foi o seguinte: Norberto (Chiño m.68), Chicho, Aurre, Crego, David, Luis Suárez, Noya, Pellicer, Chencho, Ferro (Calvo m.68), Costa.
O resultado do partido foi un claro 1-4 para o equipo deportivista. Adiantouse o Deportivo no minuto 24 por medio de Sertucha, rematando de cabeza un centro de Loureda. Cinco minutos despois empatou Chencho a centro de Veloso. Na segunda parte, o Deportivo sentenciaría con goles de Rubén Fernández (min.60), Cervera (min.64) e Beci (min.69). O míster coruñés aproveitou o encontro para ver o arxentino Rubén Fernández, que estaba a proba, aínda que ao final non quedaría na Coruña.

Aspecto da bancada do novo Campo Municipal
[Foto: El Ideal Gallego]
Á parte de poder ver un Deportivo que acababa de facer unha meritoria campaña na 1ª División, a principal atracción era ver coa elástica do Ponteceso ao único Balón de Ouro do fútbol español, o coruñés Luis Suárez, que se atopaba en Galicia de vacacións despois de completar a súa oitava e penúltima temporada no Inter de Milán. As outras estrelas invitadas eran catro ex-deportivistas: o compostelán Veloso, que xogara a súa cuarta e última temporada no Real Madrid; Carlos Pellicer, que rematara a súa primeira campaña no Barcelona; Víctor Aurre, que, tras abandonar o Deportivo, xogara no Racing de Ferrol; e o peruano Óscar Montalvo, que xogara no Oviedo tras botar cinco anos no club coruñés. Canda eles viñeron dúas promesas do Fabril con orixes costeiras: o porteiro malpicán Ramón Canedo e o medio de Portosín David Vidal, que na temporada 67-68 xogara no propio Ponteceso. Toda unha pléiade de futbolistas para celebrar a inauguración do campo pontecesán, que tivo como punto final unha cea-homenaxe, na que se lles impuxo a insignia de ouro do club ás cinco figuras e ao presidente do Deportivo, Antonio González, por parte do mandatario pontecesán, Manuel Couto. Foi o gran legado deste presidente, o magnífico campo Municipal que utilizou o Ponteceso durante máis de 30 anos, ata que en 2003 se inaugura o campo do Pinguel.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

CEN ANOS DE FÚTBOL NA COSTA. 5. A CHEGADA DO FÚTBOL ÁS COMARCAS DE MUROS E DE NOIA

  O concello de Carnota: Deportivo Pindo e Carnota Apenas contamos con información de partidos de fútbol neste concello, a pesar de atopars...