19/09/17

O ÚNICO SELECCIONADOR ESPAÑOL QUE GAÑOU A LIGA DA COSTA

Eduardo Toba Muíño naceu na vila de Muxía o 14 de maio de 1923. Estudou Medicina en Santiago de Compostela para despois continuar os seus estudos en Madrid, especializándose en Traumatoloxía, Ortopedia e Rehabilitación. Dos seus anos universitarios vén a súa paixón polo deporte, pois en 1946 proclámase campión de España universitario en triple salto e subcampión en 110 metros valados. Isto fai que estude tamén Educación Física, que vai ser a actividade pola que entre no deporte profesional ao facerse cargo da preparación física do Deportivo da Coruña. En 1951 dá un paso máis e obtén o título de adestrador nacional e aquí vai iniciar unha brillante carreira nos bancos.
O Deportivo da temporada 1954-55 con Toba de adestrador

Debuta como adestrador na temporada 1954-55 co Deportivo da Coruña, e nada menos que na 1ª División. Nun equipo no que destacan os dianteiros Arsenio e Pahiño o equipo remata nunha meritoria 7ª posición. A pesar disto, non continuará na seguinte campaña, e terá que agardar á 56-57 para volver aos bancos. Será no Real Oviedo da 2ª División, pero os malos resultados fan que sexa despedido logo da xornada 22ª. Volverá ao Deportivo na 58-59, co equipo na 2ª División, e sorpresivamente é cesado despois da xornada 4ª, aínda que Toba pasará á historia por facer debutar a dous rapaces da canteira que han triunfar no Deportivo primeiro e despois no Real Madrid, como eran Amancio e Veloso.

A aventura de Costa Rica
Selección de Costa Rica (1961) con Eduardo Toba 
Unha vez despedido do club coruñés Eduardo Toba inicia unha exótica experiencia en Costa Rica, en concreto na cidade de Heredia. Alí farase cargo do Club Sport Herediano, no que estivo as temporadas 59-60 e 60-61, e ao que fixo campión ligueiro en 1961. O seu bo labor serviulle para que lle propuxesen facerse cargo da selección de Costa Rica na clasificación para o Mundial de Chile 1962. A escadra 'tica' tiña que enfrontarse a México e ás Antillas Holandesas nun grupo no que o campión accedía á fase final do Mundial. Debutou o 22 de marzo de 1961 contra México, e, por vez primeira na historia, Costa Rica gañoulle á selección azteca (1-0). Posteriormente golearían ás Antillas (6-0) e caerían derrotados na súa visita a México (4-1), polo que a falta dun partido os costarricenses e mexicanos estaban empatados. Todo se decidía nas Antillas Holandesas, e foron os de Toba os primeiros en xogar, e sorprendentemente caeron derrotados (2-0), co que perderon a posibilidade de estar en Chile. Foi moi criticada a Federación tica por obrigar o equipo a viaxar o mesmo día do partido, pero tamén o seleccionador Toba pola aliñación que puxo ese día. Con isto acabouse a súa aventura americana e volve á liga española.

De América á Liga da Costa
Na súa volta de América xa quedou nas illas Canarias para facerse cargo do CD Tenerife para a temporada 62-63, equipo que militaba na 2ª División e que remataría na 10ª posición. Non seguiu na illa na 63-64, na que terá que esperar á segunda volta ligueira para que o fiche de novo o Real Oviedo da 1ª División. Debutou na xornada 18ª e conseguiu levar para o equipo dous galegos: Arsenio (que militaba no Granada) e o noiés Matito (que viña do Elxe, e que poucos anos despois xogaría na Costa no Noia SD e no Xallas). O equipo asturiano salvouse do descenso na promoción contra o Hércules, grazas a dous goles de Arsenio, pero a Toba non lle renovan. Na 65-66 faise cargo do Córdoba CF na 1ª División, co que termina na 11ª posición, e fai debutar a un porteiro como Miguel Reina. Aínda non rematara a temporada, xa sabía que non ía continuar no club andaluz, polo que aproveita a súa liberdade para adestrar o equipo da súa vila natal, o Muxía CF da Liga da Costa.
O Muxía CF campión da Liga da Costa 1965-66
[Foto: González]
O Muxía entrara a participar na Liga da Costa na temporada 64-65, mais non tivo un gran ano, ao contrario que os seus veciños do San Isidro de Quintáns, que foran subcampións da man dos irmáns Luaces. Para a 65-66 os Luaces van ir para o equipo da "capital", e mesmo Tito Luaces ía ser o encargado de adestralo, pero a chegada de Eduardo Toba fixo que quedase só como xogador. O Muxía proclamaríase campión da Liga da Costa tras un máis que emocionante final ligueiro. E é que os muxiáns chegaban á última xornada empatados co Buño e a un punto do líder Fisterra, pero nesta xornada os fisterráns descansaban. O Muxía tiña a goleveraxe a favor co Fisterra pero en contra co Buño, e estes serían tamén campións no triplo empate. Non obstante, os oleiros tiñan unha difícil saída a Cee, que saldaron con derrota, polo que ao Muxía chegoulle con empatar na casa do Bergantiños B para gañar a liga. Toba xa non se encargaría do equipo na Copa da Costa na que o Muxía chegou á final, pois xa tiña ofertas de clubs profesionais.
Na 66-67 é o Hércules CF da 1ª División o que chama cando se ve en serio perigo, e Toba faise cargo na xornada 18ª co equipo pechando a clasificación, mais non logra evitar o descenso ao quedar penúltimo, só por riba do Deportivo. Con todo, continúa no equipo para a temporada seguinte na 2ª División, pero só estará no equipo alacantino ata a xornada 5ª.

A selección española
No mes de marzo de 1968 pasa a dirixir a Selección Española Olímpica que vai disputar a eliminatoria decisiva fronte á Gran Bretaña. Nun equipo no que estaban Benito, Asensi ou Grande, gañan 1-0 en Sabadell e empatan 0-0 en Londres, clasificándose para as Olimpiadas de México 68. Pero Eduardo Toba xa non estaría no torneo olímpico porque se vai facer cargo da selección absoluta, reemprazando a Domingo Balmanya, que non lograra clasificar a España para a fase final da Eurocopa dese ano.
Selección Española na previa do Iugoslavia-España (27-10-68)
con Amancio, Pirri, Germán, Tonono, Iríbar, Zabalza, E. Toba,
Marcial, Gallego, Sadurní; Gilberto, Ufarte, Pereda, José Mª,
Luis Aragonés, Martín II, Eladio e Torres. 
Debutou Toba coa Selección Española  absoluta o 17 de outubro de 1968 cun amigable en Lyon ante Francia e consegue gañar por 1-3, cun equipo no que había xogadores como Iribar, Sadurní, Pirri, Luis Aragonés, Ufarte, Gárate, Amancio... Pero o seu cometido era a clasificación para o Mundial de México 1970, e España estaba encadrada nun grupo con Bélxica, Finlandia e Iugoslavia, e só o primeiro se clasificaba. Comezou en terras iugoslavas o 27 de outubro de 1968 e conseguiron sacar un empate (0-0). O 11 de decembro recibían no Bernabeu a Bélxica e novamente houbo empate (desta vez 1-1). Na terceira xornada tocaba devolver a visita aos belgas, que na altura estaban xa destacados na clasificación toda vez que adiantaran -e gañaran- case todos os seus partidos. Polo tanto, o combinado español estaba practicamente obrigado a gañar en Liexa, pois mesmo o empate obrigaba a unha carambola. Pero España caeu derrotada por 2-1 e perdía todas as opcións de estar no Mundial. Á volta de Bélxica, Eduardo Toba presentaba a súa dimisión e sería substituído por un trío de adestradores, que estaban á fronte dos tres primeiros clasificados na liga: Salvador Artigas (Barcelona), Luis Molowny (Las Palmas) e Miguel Muñoz (Real Madrid), nunha etapa de transición ata que chegou ao banco Laszlo Kubala. Foi moi criticado o muxián na súa etapa como seleccionador, pois a prensa acusábao de saír sempre a empatar e de aliñar moitos defensas e poucos dianteiros.

Últimos anos como adestrador
Volverá ao campionato ligueiro na temporada 71-72 da man, por terceira vez, do Real Oviedo, que militaba na 2ª División. Fixeron unha magnífica campaña e proclamáronse campións de liga e ascenderon á 1ª División. Continuou no equipo na 72-73, pero foi cesado na xornada 16ª polos malos resultados. Nesta altura Eduardo Toba pasa a ser director da Escola Nacional de Adestradores e a traballar de novo na Federación levando as denominadas daquela seleccións menores. Como adestrador federativo ten que facerse cargo da selección absoluta nun amigable en Turquía o 17 de outubro de 1973 por atoparse indisposto o seleccionador Kubala. Conseguiu empatar (0-0) nun partido no que debutou o centrocampista do Athletic Ángel Mª Villar. Adestraría neste tempo a selección Sub-18 e a selección olímpica que preparaba a clasificación para as Olimpiadas de Montreal 76. Con esta só estivo na primeira eliminatoria, fronte á República Federal Alemana na que xogaba Uli Stielike. No combinado español formaban Artola, Cardeñosa, Satrústegui ou o galego Fernández-Amado. Empate sen goles en terras alemás (0-0) e vitoria na volta (3-2) que permitía continuar na loita pola clasificación, pero xa sería o seleccionador absoluto, Laszlo Kubala, o que se ocupase do equipo.
Eduardo Toba decide neste momento, en 1975, abandonar o mundo do fútbol e centrarse na medicina. Instálase na Coruña e exerce a traumatoloxía na Residencia coruñesa e nunha clínica privada. A pesar de que varias veces confesou botar de menos o fútbol e que cada ano lle chegaban algunhas ofertas (entre elas a de ser de novo seleccionador de Costa Rica) xa non volvería aos bancos. A súa experiencia levouna a dous libros, o primeiro titulado La preparación física en el fútbol (1977) e en 1998 publicou Consejos para el entrenador de fútbol. O 26 de decembro de 1992, coincidindo coa inaguración do campo de fútbol da Arliña, a súa vila natal e o club co que se proclamara campión da Liga da Costa tributáronlle unha emotiva homenaxe por tantos anos levando polo mundo adiante o nome de Muxía.
Eduardo Toba Muíño falecería na Coruña o 3 de agosto de 2001, aos 78 anos de idade.

Temporada
Equipo
Categoría
1954-55
RC Deportivo
1ª División
1956-57
Real Oviedo
2ª División
1958-59
RC Deportivo
2ª División
1959-60
Club Sport Herediano
1ª División
1960-61
Club Sport Herediano
1ª División
1961-62
Selección de Costa Rica

1962-63
CD Tenerife
2ª División
1963-64
Real Oviedo
1ª División
1965-66
Córdoba CF
1ª División
1965-66
Muxía CF
Liga da Costa
1966-67
Hércules CF
1ª División
1967-68
Hércules CF
2ª División
1967-68
Selección Olímpica de España

1968-69
Selección de España

1971-72
Real Oviedo
2ª División
1972-73
Real Oviedo
1ª División
1973-74
Selección Sub-18 de España

1974-75
Selección Olímpica de España



P. X.
P. G.
P. E.
P. P.
1ª División
102
30
28
44
2ª División
099
44
24
31
Total Liga Española
201
74
52
75
Selección Olímpica
04
02
02
00
Selección Española
05
01
03
01


Ningún comentario:

Publicar un comentario

CEN ANOS DE FÚTBOL NA COSTA. 5. A CHEGADA DO FÚTBOL ÁS COMARCAS DE MUROS E DE NOIA

  O concello de Carnota: Deportivo Pindo e Carnota Apenas contamos con información de partidos de fútbol neste concello, a pesar de atopars...