13/02/20

A exposición "Valor e mestría" sobre o fútbol galego (Cidade da Cultura de Santiago 2019). Ausencia do fútbol modesto


Hai uns meses visitamos a exposición Valor e mestría, Galicia como fútbol, inaugurada en Santiago a comezos do ano pasado na Cidade da Cultura polo presidente da Xunta, pois está organizada pola Consellería de Cultura e Turismo.
O seu catálogo -bilingüe galego/castelán- consta de 240 páxinas, con fotos a cor e branco e negro, leva senllas introducións dos seus dous comisarios (X. Antón Castro: “Unha relixión sen ateos: Galicia como fútbol”; Rubén Ventureira: “Reliquias do noso fútbol”) e despois os seguintes apartados nos que se narra, por orde cronolóxica, a historia deste deporte en Galicia desde a súa introdución ata os tempos actuais: 1. “1876-maio de 1926. A orixe do fútbol en Galicia. Os primeiros «matches», clubs e torneos. Un horizonte amateur” (R. Ventureira); 2. “Xuño de 1926-1939. Do nacemento do fútbol profesional ata o final da guerra” (Juan Carlos Álvarez); 3. “1940-1959: A longa posguerra” (Carlos Miranda); 4. “1960-1969. Os gloriosos anos sesenta” (Jorge M. Deza Rey); 5. “1970-1991. Luces e escuridades en tempo de cambios” (Juan L. Cudeiro); 6. “1992-1010. A era dourada do fútbol galego” (Arturo Lezcano); 7. “2011-1019. A resaca do éxito” (Alexandre Centeno); e 8. “1924-2019. O fútbol feminino galego” (Cristina López Villar).
A exposición está ben en sentido xeral e conta con espazos moi interesantes: fotos e ilustracións de todas as épocas e obxectos de coleccionistas. Paga a pena unha demorada visita. No catálogo, Antón Castro fai mención na súa introdución de escritores coma Eduardo Galeano e outros -boto en falta a Manuel Rivas na relación, pois unha das súas primeiras novelas, Todo ben (1985), entra no tema- que “se atreveron a elevar a paixón do fútbol á historia desprexuizada dunha fábula” (p. 14). Non sobra contrarrestar un pouco o tópico de “opio do pobo” acaroado a este deporte. Na de Ventureira éntrase na polémica do berce do fútbol en España: Huelva ou Vilagarcía? Ou Vigo: en 2012 o investigador da historia local de Vigo, José R. Cabanelas, reivindicou para a cidade olívica a primeira noticia sobre a práctica deste deporte de orixe inglesa en España, publicada no Faro de Vigo en 1876, catro anos antes da primeira noticia procedente das beiras do río Tinto (p. 19).
O fútbol feminino na exposición
O derradeiro capítulo, o 8, está dedicado ó fútbol feminino desde 1924 á actualidade. A súa autora, Cristina López Villar, empeza falando de Irene González, capitá do equipo “Irene F.C.” da Coruña (1925), a única muller dun equipo enteiramente masculino. Empezaba a longa loita das mulleres contra o machismo no fútbol (e noutros deportes). As federacións, dirixidas por homes, chegaron a prohibir os partidos entre mulleres: en 1963 a Federación Española difunde unha noticia titulada “Fútbol femenino: No”. Entre as fotografías do catálogo, figuran dúas procedentes de equipos modestos, coma o Crendes de 1963 ou o Buño de 1970. En 1969 créase o Karbo da Coruña, un referente para a historia do fútbol feminino ó longo da década dos setenta. Polos anos noventa xa se empeza a recoñecer na prensa que (tamén) “El fútbol es cosa de mujeres”, e increméntanse os equipos femininos. Co novo milenio xogadoras galegas entran no mundo profesional e algunhas acaban fichando por equipos europeos e norteamericanos. A máis famosa, a compostelá Vero Boquete, 58 veces internacional coa Selección Española, xunto con María Paz Vilas (25), Inma Castrillón (22 ) e outras. Vero figurou nos mellores equipos de Europa e conseguiu varios campionatos europeos; na súa honra, por acordo unánime dos catro grupos municipais composteláns o Estadio de San Lázaro recibiu recentemente o seu nome.
O FÚTBOL MODESTO GALEGO, O GRANDE AUSENTE DA EXPOSICIÓN
As derradeiras páxinas do catálogo (232-238) están ocupadas por fotos de campos de fútbol de equipos modestos, entre eles o do Camelle, construído ó lado do cemiterio parroquial. Estas sete fotos en seis páxinas foron as únicas físgoas que os organizadores lle abriron ó fútbol modesto.
Cadro 1: libros sobre os
grandes clubs galegos
Poderase razoar que non era posible incluír un apartado onde concentrar os centos de equipos modestos que existen en Galicia -como se pode ver os luns nas páxinas deportivas dos xornais cos resultados e clasificacións por categorías-, pero non sobraba na mostra un expositor máis, unha vitrina ou unha simple mesiña onde polo menos se amosasen algunhas das súas xa numerosas publicacións (nas que, por certo, prevalece sen complexos o idioma propio de Galicia).
Cadro 2: libros sobre os
clubs máis modestos
Coa axuda de X.Mª Rei Lema elaborei por orde cronolóxica unha relación máis ou menos completa de obras publicadas sobre o fútbol galego. En dous cadros: no Cadro 1 están as dos grandes clubs, profesionais por enteiro ou a medias, xunto con historias xerais do fútbol galego e biografías de xogadores e adestradores destacados; no Cadro 2, historias dos clubs modestos e/ou dos seus campionatos. Son consciente de que han de faltar publicacións, pero non deixa de ser un bo escaparate para lembrar que, coma Teruel, o fútbol modesto galego tamén existe. [Mira os cadros picando neles para agrandar]
Nas publicacións das historias dos clubs grandes galegos prevalece o uso do idioma castelán (16 títulos fronte a 10 en galego); sucede ó contrario nas dos modestos (17 títulos en galego fronte a 3 en castelán). No tocante ós sitios web que coñezo tamén prevalece o noso idioma. Cómpre ter en conta tamén que case todos os clubs modestos contan con facebook (fb), medio co que van notificando ó momento as incidencias durante os partidos; no que toca ós clubs da Costa, o galego é o idioma predominante.

Trinta anos do libro pioneiro das historias de equipos galegos de fútbol
A Historia do CD Baio e da
Liga da Costa
, o pioneiro
En abril de 2019 cumpríronse 30 anos da presentación do primeiro libro galego da historia dun equipo modesto e da súa liga: A Historia do C.D. Baio e da Liga da Costa (Concello de Zas, 1989), da miña autoría -descúlpeseme a autocita, pero alguén tiña que dicilo-, para o que contei coa valiosa colaboración do baiés Alfonso Villar López, que fixera un gran traballo de hemeroteca. Presentouse no auditorio municipal de Zas o 15 de abril de 1989 e foi o segundo da xeira das historias de equipos de fútbol galegos (anticipáranse o ano anterior Pedro de Llano e Pedro Muíños co Real Club Deportivo de La Coruña. 82 años de historia), e o primeiro dos publicados en lingua galega, o que lle outorga a categoría de libro pioneiro na normalización (case diría que na introdución) do noso idioma neste deporte. Para atopar outro deste estilo en galego aínda habería que agardar catro anos máis, pois será en 1993 cando co soporte de Edicións Xerais os xornalistas Xesús Flores e Xosé Mejuto publiquen Historia do Deportivo. A nova fronteira.
Flores e Mejuto fixeron a
historia do Dépor en galego
Volvendo ó ano dos inicios, 1989, non sobra lembrar que por aquelas datas case o cento por cento dos potenciais lectores dun libro de fútbol non foran alfabetizados na nosa lingua. Poucos estaban habituados a ler nela; fabas contadas. Polo tanto, a elección do idioma de Galicia tiña o seu risco e mesmo provocaba certo rexeitamento. Comentaba o escritor (e ex-xogador) Xelucho Abella nun artigo de 1990 que “o que realmente resulta máis satisfactorio é que a gran masa dos lectores desta Historia do C.D. Baio e da Liga da Costa é xente non ilustrada academicamente nin galegolectora (aínda que si galegofalante), a cal non só entendeu perfectamente o libro senón que sentiu retratado o seu universo cultural e a si mesmos nas súas páxinas: a súa función culturalizadora nun medio social non moi dado á lectura” (X.Mª Rei Lema / X. Mª Lema; 2015: 210). Na memoria quedoume algunha que outra reacción positiva, coma a dun afeccionado da miña idade que me confesaría que lle custara ferro e fariña poñerse a ler o libro, dado o pouco costume que tiña da lectura en galego, pero que se atrevera e xa non o deixara ata altas horas da madrugada do enganchado que quedara. Outro caso curioso foi o dun taxista de Noia, que, ó día seguinte da presentación, se presentara na Casa do Concello de Zas para adquirir un exemplar pois encargárallo un cliente noiés (Noia dista de Zas entre 80 e 90 km, e as estradas non eran as de agora).
Non só os medios de comunicación -prensa, radio e televisión (entrevistas en “Panorama de Galicia” da TVE-G, e “Vivir aquí” e “Arestora” da TVG)- lle deran unha boa benvida a esta senlleira novidade bibliográfica que introducía o idioma propio de Galicia no mundo do deporte máis popular, senón tamén parte do mundo intelectual do país: Xesús Ferro Ruibal (“Onde o mundo aínda é deporte”, La Voz de Galicia 17-05-1989) ; Manuel Quintáns Suárez “Baio; un recuncho da mítica Fisterra” (El Correo Gallego 16-07-1989); Cibrán da Costa [Manuel Rico Verea] (“O farol vermello de Baio e a fe na victoria de Álvaro Pino”, El Ideal Gallego 1-02-1991); Suso Torres Regueiro (“Unha vila no espello da súa humilde equipa de fútbol” (A Nosa Terra, 11-07-1991). O -xa desaparecido- Diario de Galicia e o Atlántico Diario de Vigo facían fincapé no tema do farol (“O farolillo roxo da Costa da Morte” e “O equipo do farolillo vermello”). Pouca xente soubo que o libro fora finalista en 1990 na categoría de Investigación nos Premios da Crítica Galicia do Círculo Ourensán-Vigués de Vigo. O seu máximo defensor fora o lembrado maxistrado Daniel García Ramos; no xurado estaban, entre outros, o doutor Agustín Sixto Seco e o ex-presidente da Xunta Fernando González Laxe.
O fútbol na comarca de
Valdeorras
Ó tempo que nas décadas de 1990 e 2000 se foron publicando as historias dos grandes equipos galegos (todas elas en castelán: varias do Celta e do Deportivo; tamén do Pontevedra, do Ourense, do Arosa -sic-), noutra comarca galega situada da zona suroriental -no extremo oposto das terras fisterrás-, xurdía en 1994 a segunda publicación en galego: a Historia do fútbol en Valdeorras -1910/1994-, de A. Rodríguez Rivera, J. Miranda e I. Ramos. Unha década despois, en 2005, tamén vería a luz na lingua de Castelao a historia do Rácing de Ferrol, unha honrosa excepción entre os grandes de Galicia.

Os continuadores
O fútbol na vila de Esteiro
por Manuel Torres
Influenciados ou non polo libro pioneiro, o certo é que vai ser no ámbito da Costa da Morte onde se rexistre un maior número de publicacións sobre historias de equipos ou dos seus campionatos. Nas presentacións que fixeramos da obra noutras localidades animabamos a que cada club recollese e contase a súa propia historia. Con todo e iso, aínda houbo que esperar case unha década para que aparecese o primeiro continuador, que foi o dedicado ós 75 anos do Bergantiños F.C. de Carballo (1998), de Xan Fraga, de moito material fotográfico e pouco texto. En 2001 Ricardo Güeto publicaría a primeira entrega da historia do Noia C.F. (1928-2001). En 2005 o xornalista de La Voz de Galicia, José Manuel Ferreiro, sería o encargado pola directiva do U.C. Cee de conmemorar cunha revista os 40 anos do club. En 2006 Manuel Torres publicaría Do Esteiro Fútbol Club á S.C.R.D. Esteirana e en 2010 os malpicáns Héctor Pose e Luís Porto celebrarían os 40 anos da SCD Malpica. Fóra do ámbito da Costa da Morte teño noticia de dúas publicacións do ano 2005 (Cadro 2): os 70 anos de historia do C.D. Lalín, de J.L. Sierra Oria (en castelán) e os 75 anos do C.D. Obrero de Oleiros, de Óscar Losada (en galego) e outras dúas do 2011: a do 50º aniversario do C.D. As Pontes (en galego), de Ferreiro García e Ferreiro Yáñez, e a do club Candeán de Vigo, de Costas Duarte (en castelán).
A Liga da Costa nas historias xerais do fútbol na galego
Vence dedica un capítulo
do libro á Liga da Costa
Onde non me quedou a máis mínima dúbida foi na valoración positiva que da nosa publicación pioneira farían, anos despois, dous xornalistas, autores de cadansúa historia xeral do fútbol galego. En 1997 Anxo Varela Couce publicaba a Historia do fútbol galego (Ed. Lea), con 17 capítulos dedicados principalmente -como era de esperar- ós equipos profesionais galegos desde as súas orixes: Deportivo, Celta, Compostela... Mais non deu a esquecemento as historias dos modestos, pois baixo o epígrafe “A lenda futbolística da Costa” dedicoulle todo o capítulo 5 á Liga da Costa: 15 páxinas destinadas a narrar a súa historia.
Entre a Liga de Campións e
a Liga Española está a Liga
da Costa no libro de Freire
Anos despois, en 2012, Carlos Freire Cordeiro publicaría Todo sobre o fútbol galego (Eds. Xerais), libro organizado por orde alfabética de equipos, xogadores, árbitros, campionatos, ligas etc. Dentro da letra L, a ‘Liga da Costa’ era a única de modestos que gozaba dunha entrada, de máis de media páxina, casualmente situada entre a Liga española e a Liga da Campións. Un auténtico luxo. Cómpre engadir que tanto Freire coma Varela citaban a fonte dos seus datos, o que é de agradecer, pois aínda hoxe hai quen o “esquece”.

Publicacións conmemorativas dos 50 anos da Liga da Costa
A Liga da Costa tamén ten
os seus álbums de cromos
A proximidade dos cincuenta anos da fundación da Liga da Costa (1964-2014) motivou que se preparasen publicacións para esta efeméride. Deste xeito, o 30 de novembro de 2013 o equipo do xornal virtual Que Pasa na Costa (www.quepasanacosta.gal) presentou Os cromos das Estrelas do Fútbol da Costa, un álbum coas fotos individuais de máis de 700 xogadores dos equipos da familia costeira, xa dos que ascenderan á Preferente, xa dos que militaban na 1ª e na 2ª Autonómicas. En 2018 volverían sacar unha nova edición, ampliando o número de cromos coa 3ª Autonómica, o fútbol feminino e mesmo os árbitros.

Pose e Porto editaron o primeiro libro
conmemorativo dos 50 anos da
Liga da Costa en 2013
O 6 de decembro de 2013, os malpicáns Héctor Pose e Luís Porto presentarían Mar de paixón. O fútbol na Costa da Morte, un libro de notables dimensións, máis ancho ca alto (30 cm x 19 cm), 235 páxinas e moito material gráfico, maiormente fotografías antigas e novas (máis de 800) de todos os equipos, cedidas por futbolistas, directivos e árbitros de todas as temporadas desde a fundacional de 1964. Diriamos que está concibido coma un gran libro-álbum. A edición correu a cargo dos propios autores e tivo un notable éxito de vendas.
Como colofón ó cincuentenario, en abril de 2015 Xosé Mª Rei Lema e quen subscribe presentamos 50 anos da historia do fútbol da Costa (1964-2014), resultado de catro anos de investigación en hemerotecas e arquivos. Un libro cun formato de 17 cm de ancho x 24 cm de alto (3 cm de grosor), 608 páxinas, abundante material gráfico e, sobre todo, moito texto, motivo polo que sería cualificado polo xefe deportivo da edición de Carballo de La Voz de Galicia, José M. Ferreiro, como “a primeira enciclopedia do fútbol da Costa da Morte, pois recolle desde os seus primeiros datos, cando o fútbol chegou a estas latitudes, a prehistoria, ata a actualidade”. Malia a preferencia que se lle deu ó texto, non por iso as ilustracións quedaron atrás, pois hai contabilizadas unhas 480. Coma no caso anterior, a edición tamén correu a cargo dos autores.
50 anos da historia do fútbol da Costa (1964-2014) é
considerada a grande enciclopedia do fútbol costeiro
De certo que o “desde os primeiros datos” non era simple retórica, pois este libro ten non só unha prehistoria, senón tamén unha historia antiga nas que se recollen datos dos máis de corenta anos anteriores á fundación oficial da Liga costeira. Para o meu gusto, particularmente interesantes son as primitivas crónicas xornalísticas das décadas de 1920 e 1930, publicadas en xornais galegos e en revistas dos emigrados na Arxentina, dos primeiros partidos amigables nas vilas e aldeas da zona, cando aínda non se integrara no novo vocabulario a palabra ‘fútbol’, pois corría co anglicismo football (que se pronunciaba, tamén, á inglesa, ‘fubol’, cargando o acento na segunda sílaba). O árbitro denominábase referee (a saber como o pronunciaban...) e ó principio de cada partido unha señorita distinguida da localidade anfitrioa facía o kick-off (non se pense mal: era o saque de honra). Nin que dicir ten que os períodos desta ‘prehistoria’ (1920-1939) e da posterior ‘idade antiga’ (1940-1963) están inzados de curiosas anécdotas -algunhas ben graciosas- que contribúen a ambientar a vida cotiá local de cada época; mesmo hai un episodio de carácter histórico universal que nos leva a conectar o fútbol da zona cos avatares da Segunda Guerra mundial: a instalación dun campamento militar en Baio entre maio de 1943 e outubro de 1944 (a Costa da Morte puido estar no ollo do furacán bélico o 6-6-1944, no canto da Normandía!).
O fútbol no Campo do Campamento
de Baio (1944)
A partir de 1964 vaise tempada a tempada cos resultados, clasificacións e o seu correspondente comentario xeral e o anecdotario. Remátase o libro cuns completísimos cadros estatísticos -nos que, ademais dos campións da liga e da copa, tamén se contempla o posuidor do simbólico ‘trofeo’ do farol vermello-, coas insignias dos equipos e cun mapa do ámbito xeográfico desta liga, que coincide case ó cento por cento co territorio da histórica Trastámara da Galicia medieval, orixe do condado homónimo: as máis de 60 localidades que -alén do Tambre, cara ó Atlántico- grosso modo de Carballo a Noia, participaron nas diversas categorías.
O libro presentouse en diversas localidades e varios concellos -non todos- adquiriron certo número de exemplares para as súas bibliotecas ou para agasallar as directivas dos seus clubs locais. Tamén lle ofrecemos á Federación Galega de Fútbol a adquisición dalgúns exemplares, a un prezo rebaixado, máxime cando constatamos nas nosas investigacións que no seu arquivo ou tiñan moitos datos errados ou xa nin os tiñan. Mais a carta que lle remitimos ó seu presidente o 24 de abril de 2016 con ese ofrecemento non tivo resposta. Deste xeito, dando por sentado que a Federación debía estar moi pobre, aproveitando a Gala do Fútbol da Costa de xuño de 2018 agasallámoslle ó Sr. Louzán un exemplar da xa coñecida coma “a enciclopedia da Costa”, pois non era de recibo que a entidade que preside carecese dun arquivo da liga e copa costeiras medianamente fiable.
A lenda do farol vermello
O farol vermello presidiu a
expo dos 50 anos do CD Baio
O feito de deixar no esquecemento as publicacións do fútbol modesto privoulles ós organizadores da exposición do monte Gaiás historias coma a do farol vermello da Liga da Costa. Foi creación do C.D. Baio na primeira temporada: na primeira volta non se daba gañado ningún partido e o equipo ocupaba o derradeiro posto da clasificación; era o fechacancelas. Mais, en vez de encabuxarse, xogadores e directivos tomárono con humor e acabaron pendurando un vello farol muiñeiro dun varal na parte traseira do autobús nos desprazamentos. A medida que o derradeiro lugar cambiaba de dono levábase o facho -xa pintado dun vermello rutilante- á localidade do equipo posuidor, aínda que non sempre era recibido con tanto agarimo. Tanto cariño lle tomou o club baiés ó artefacto que na temporada 65-66 o elevou ó sitio de preferencia da súa insignia, e aí continúa aínda hoxe alumeando todo fachendoso, sen que a ningunha directiva lle pasase pola cabeza quitalo do sitio nos xa 56 anos de historia oficial ininterrompida (é o club decano da Costa). Teño para min que debe ser o único club deportivo do mundo que levou ó seu “escudo de armas” o símbolo inequívoco da derrota, o que para outros sería unha vergonza. O mundo ó revés. Houbo quen comparou esta decisión tan insólita con aquel retranqueiro himno a unha derrota militar dos admirados Les Luthiers.
O farol vermello ocupa con
orgullo o lugar sobranceiro
do escudo do C.D. Baio
O “trofeo” simbólico do farol tamén se ten en conta na longa historia da liga da fin do mundo, pois foise convertendo nun dos motivos máis sobranceiros da que se deu en chamar ‘lenda futbolística da Costa’. Tamén falamos no libro, e criticamos, as actitudes antideportivas, coma as agresións ós árbitros, os insultos ou as pelexas entre xogadores e/ou seareiros fogosos. Non todo é da cor da rosa, desde logo. Con todo e iso, atrévome a dicir que nas publicacións das historias deportivas dos equipos máis humildes prevalecen as historias máis humanas e solidarias, como a expresada polo desastre do Prestige a finais de 2002, por calquera outro naufraxio dun pesqueiro da zona, ou por un desgraciado accidente ou deceso que afectase a algún membro da extensa familia costeira.
En fin, malia os aspectos positivos da exposición Valor e mestría. Galicia como fútbol, lamentamos que non se lle fixese un sitiño á orixinalidade e creatividade das publicacións dos equipos modestos, con historias e anécdotas curiosas e ás veces sorprendentes. Non saben o que “perdeno” (como dicimos va fala Fisterrá norte)!

Addenda: a lenda futbolística da Costa segue incrementándose
Cartel do progama da RG
Convivir Deportivo
dedicado ó fútbol da Costa
Este traballo xa estaba preparado para publicar o ano pasado, ó remate da citada exposición. Demorouse un tempo, e nese tempo dous importantes traballos xornalísticos de medios ben distintos interpuxéronse e, á larga, viñeron incrementar -aínda máis- a lenda futbolística da Costa.
No mes de outubro o diario El País desprazaba desde Madrid á Costa da Morte o xornalista Pablo Vande Rusten para facer unha reportaxe sobre «El fútbol del fin del mundo», que foi o título que lle puxo ó seu longo traballo de nove páxinas e outras tantas fotos que se publicaría na edición dixital do xornal madrileño o 23-10-2019 (pódela ler premendo aquí). Ó mozo xornalista -arxentino de nación- interesáronlle sobre todo os campos abeirados ó bravo mar costeiro coma A Arliña de Muxía, o adestrador e poeta Manolín Oliveira, a asociación cultural e deportiva Rapacollóns Big Band (animadora da S.D. Fisterra) ou as historias e anécdotas do noso enciclopédico libro, do que levou un exemplar.
Participantes na gravación do Convivir Deportivo en Baio
O 14 de decembro o popular programa Convivir Deportivo que a Radio Galega (RG) emite os sábados de 13 a 14 horas, dirixido por Alfonso Pardo, estivo dedicado á <<Historia do fútbol da Costa>>. O condutor do programa centrouse no contido dos libros Historia do C.D. Baio (1989) -como libro pioneiro de historias de clubs modestos- e 50 anos de historia do fútbol da Costa (2015). Ademais das entrevistas cos autores, tamén entrevistou ó xornalista J.M. Ferreiro, así como ó presidente, adestrador e capitán do C.D. Baio, debido que o programa se gravara nesta vila o 20 de novembro (pódelo escoitar premendo aquí).
Xosé María Lema

01/12/19

Ramón Polo, o mellor xogador nacido na Costa da Morte, figura histórica do RC Celta


Ramón Polo Pardo naceu na vila de Corcubión o 13 de abril de 1901, e tardaría bastantes días en bautizarse para o que era habitual na época (o normal era facelo o mesmo día ou ao seguinte), segundo lemos na súa partida de bautismo: “En la Iglesia Parroquial de Corcubión a veinte y un días de Abril año de mil novecientos uno; yo Don Lino Blanco bauticé solemnemente y puse los S. Oleos con el nombre de Ramón a un niño que nació en el día trece del mismo mes hijo legítimo de D. Baltasar Polo y Emilia Pardo, él cabo de mar de esta villa; abuelos pats José y Nicolasa Vázquez; maternos D. Ignacio y Margarita Moreira, todos ellos del Ferrol; fueron padrinos Ramón Pais y su mujer Ana López...”. Como se desprende da información proporcionada por esta partida bautismal, Ramón Polo era fillo dos ferroláns Baltasar Polo Vázquez e Emilia Pardo Moreira. Este matrimonio chegara a Corcubión por motivos laborais, pois Baltasar traballaba como cabo de mar, e fora destinado ao porto corcubionés. Do matrimonio naceron 10 fillos, sete deles en Corcubión, aínda que algúns morreron axiña. Deberon chegar pouco antes de 1894, que é cando nace Clemencia Emilia (14-4-1894), a primeira corcubionesa da familia. Antes naceran Joaquín, José e Agustín. Despois da primeira filla, chegaron Alfredo Ramón, que naceu o 10 de febreiro de 1896, Manuel o 31 de marzo de 1898 e Enrique o 8 de agosto de 1899. Antes de que nacese o noso protagonista xa falecera Enrique (o 13 de febreiro); despois nacerían dous máis, mais de escasa vida: Emilio Manuel Marcos Esteban naceu o 25 de abril de 1904 e faleceu o 7 de agosto do mesmo ano, e Fernando Manuel naceu o 28 de xaneiro de 1907 e morreu o 4 de agosto de 1907. Era Ramón o oitavo irmán, aínda que el só coñeceu seis maiores, e acabou por ser o benxamín da familia pola morte dos seus continuadores.
Seus pais eran, como vimos, ferroláns, de familia relacionada coa Mariña e co porto militar. Por parte paterna, Ramón tiña dúas tías, Carolina e Ángela (esta casada co sarxento da Mariña, Domingo Baamonde), e por parte materna outros dous tíos, Josefa e Ramón. Seus avós maternos, Ignacio Pardo de Cela Pérez e Margarita Moreira Santos, tamén estaban relacionados co exército.
Debuxo do Corcubión de 1920 publicado en Nerio
Cando Ramón apenas contaba con 7 anos tivo que marchar de Corcubión. Seu pai foi destinado a Redondela por orde do 26 de maio de 1908. Atrás quedaba a infancia na vila de San Marcos, onde deu as súas primeiras patadas a un balón, seguramente na compaña doutros rapaces da burguesía local contemporáneos del, como os irmáns Miñones Bernárdez, os Pais (fillos e sobriños de seus padriños), o futuro dramaturgo e xornalista no Uruguai Arturo Carril... O pai de Ramón sufriu nos anos seguintes continuos cambios de destino: Vigo, Pontevedra, Gran Canaria, Lanzarote, Vilagarcía..., así que a familia decidiu asentarse na Guarda. Na vila do Rosal comezou Ramón a estudar no Colexio de Camposancos, e continuou a súa paixón polo fútbol no Campo do Codesal. A proximidade da vila guardesa con Vigo seguramente fixo que a febre do fútbol chegase aquí moito antes que a outros lugares, e así en 1915 xa se funda o Deportivo Guardés, e ese mesmo ano inaugúrase o novo Campo de Chans, e alí, non podía ser doutro xeito, estaba Ramón Polo.
En outubro de 1916 concédenlle unha bolsa de estudos para ingresar no Seminario de Tui. Os seminarios, esas institucións que foron canteira de curas, pero tamén de grandes futbolistas galegos, non fixo unha excepción co primoxénito dos Polo, e axiña se viu que a súa carreira eclesiástica se ía ver apartada por outra máis prometedora, a de futbolista. As condicións deste rapaz non pasaron desapercibidas, e non tardaría en chamar ás súas portas o fútbol profesional, ou máis ben naquela época, semiprofesional. Un dos grandes clubs galegos de comezos do século XX, o Fortuna vigués, vaino incorporar ás súas filas.

Fortuna F.C.
O Fortuna Football Club fundouse en Vigo en 1906 e era o equipo da clase obreira e dos mariñeiros de Bouzas, barrio no que tiña o seu campo de fútbol; o seu gran rival era o Vigo C.F., que se fundara en 1905 (en 1913 cambiaría de denominación pola de Vigo Sporting Club) e era o equipo da xente do centro urbano e mais do barrio de Coia, campo no que xogaba. Os dous clubs foron os dominadores do fútbol galego ata que se fusionaron en 1923. Das primeiras 16 edicións do Campionato de Galicia, conseguiron oito títulos cada un, sen darlles ningunha opción aos seus rivais, que naquela época eran fundamentalmente o Deportivo da Coruña e o Pontevedra Sporting. Lembremos que a Liga española non se empezou a disputar ata 1928, e que aínda que a Copa do Rei xa se celebraba desde 1902 (o Vigo CF perdeu a final co Real Madrid en 1908), o torneo galego era a máxima competición para estes clubs. O Campionato de Galicia desenvolveuse entre 1906 e 1940, disputándose 32 edicións, das que 23 foron parar a clubs vigueses. Estes foron os campións: Fortuna FC (8 títulos en 15 participacións), Vigo Sporting (8 títulos en 16 participacións), RC Celta (7 títulos en 15 participacións), RC Deportivo da Coruña (6 títulos en 24 participacións), Racing de Ferrol (2 títulos en 16 participacións) e Eiriña de Pontevedra (1 título en 15 participacións).
Pois ben, Ramón Polo comeza a xogar no chamado equipo infantil do Fortuna, que en realidade viña a ser o que hoxe serían os xuvenís, e en 1918 xa debuta co primeiro equipo. Aínda que sería ao ano seguinte cando se incorpora de facto ao seu plantel, aínda que o Fortuna FC non pode xogar o Campionato de Galicia da temporada 1919-20 ao ser inhabilitado pola Federación Galega (a temporada anterior negárase a entregarlle o trofeo de campión ao Vigo Sp. por considerar inxusta a vitoria destes). Xa que logo, a temporada 1920-21 vai ser a súa primeira temporada nesta competición, e vaino facer ao grande pois proclámase campión, título que repite ao ano seguinte.
Pero na campaña 1920-21 o Fortuna tamén realizou unha gran Copa do Rei, plantándose nas semifinais ante o Real Unión de Irún; no partido de ida en Coia, Polo colaborou cun gol á goleada (5-1), e na volta o cadro vasco logrou gañar ao final de todo (3-2), e como daquela non contaban os goles, houbo que celebrar un partido de desempate en Madrid, e o Fortuna a piques estivo de gañar, xogando case todo o encontro cun xogador mancado [lembremos que ata 1970 non se regulamentou os cambios de xogadores, aínda que en España desde unha década antes podíase substituír o porteiro en caso de lesión], e contra o final logrou remontar o Real Unión (4-3). As condicións deste interior esquerdo (o "insider" -como era adoito chamarlle coa terminoloxía inglesa- era o que ocupaba o posto na dianteira entre o extremo e o dianteiro centro), goleador e dun potente disparo traspasaron fronteiras e o FC Barcelona intenta a súa fichaxe. No mes de agosto xa se comentaba na prensa que a vindeira campaña ía ser xogador do club catalán, e en decembro o Fortuna chega a un acordo para que fiche polos azulgranas, pero de súpeto todo se torce e o traspaso vénse abaixo "por asuntos particulares". A razón da non fichaxe parece que estivo na negativa da nai de Ramón en que o seu fillo marchase para a cidade catalá sendo aínda tan novo, a pesar de que lle ofrecían unha ficha dunhas 15 mil pesetas.

A Selección Galega
1º partido da Selección Galega
Un mes antes, en concreto, o 19 de novembro de 1922, Polo foi titular no primeiro partido da historia da Selección Galega, que comezou nesa data a disputar o Campionato Interrexional. No vigués campo de Coia, o combinado galego venceu á selección de Castela por un claro 4-1, co segundo gol galego obra de Polo. O 7 de xaneiro de 1923, no mesmo campo, a Selección Galega enfróntase nun encontro amigable coa Selección de Lisboa, que contiña case a totalidade dos integrantes da selección portuguesa. A vitoria foi para os galegos cun claro 3-1, que remontaron o tanto inicial portugués con dous goles de Polo. Sete días despois, a selección galega viaxa a Sevilla para enfrontarse á andaluza nun decisivo encontro do Campionato Interrexional, e nova vitoria do equipo galego por un contundente 1-4, con novo gol de Polo que serviu para desfacer o empate co que se chegara ao descanso. Cómpre sinalar que neste encontro produciuse un desagradable incidente que fala da potencia que Ramón Polo lle imprimía ao balón, pois un forte disparo seu a queimarroupa sobre o ventre do porteiro andaluz Larumbe causoulle a este unha grave lesión, da que tivo que ser operado e que lle impediu volver xogar ao fútbol. Tras a vitoria en Sevilla a selección galega clasificábase para a final do Campionato Interrexional, que se ía celebrar o 25 de febreiro no Campo de Coia, e o rival era a selección asturiana, que viña de desfacerse das potentes seleccións vasca e catalá. Os galegos parecían os favoritos por xogaren na casa, e máis cando Polo marca o primeiro gol do partido, pero os asturianos empatan antes do descanso, e na segunda parte marcan dous goles máis para gañar o campionato. Magnífica a actuación do corcubionés, que marcou en todos os encontros da selección galega, con cinco goles en catro partidos.

RC Celta: máximo goleador da historia do club
O 23 de agosto de 1923 ten lugar en Vigo un feito histórico: o nacemento do Real Club Celta, que xorde da fusión entre os dous grandes clubs da cidade, o Fortuna FC e o Vigo Sporting. Frustrada a súa fichaxe polo FC Barcelona, Ramón Polo vaise integrar no cadro de xogadores do novo club e aquí vai forxar a súa lenda.
Comeza participando no Campionato de Galicia, única competición oficial que existía na época xunto coa Copa do Rei. O Celta proclamouse campión nas tres primeiras edicións nas que participou, e co equipo, claro está, tamén Ramón Polo: 1923-24, 1924-25 e 1925-26. En abril de 1924 Ramón Polo impresionou aos membros da selección do Uruguai que fixo escala en Vigo para xogar dous partidos contra o Celta no seu camiño cara ás Olimpíadas de París, onde se proclamaría campioa. O 10 de abril un equipo de fútbol suramericano xogou por vez primeira en Europa, e foi a Selección do Uruguai contra o Celta no Campo de Coia, con vitoria uruguaia por 3-0, e tamén gañou o día 13, nesta ocasión por 4-1. Con estes encontros iniciaríase unha curiosa relación de Polo co fútbol suramericano. Ao ano seguinte, sería o Boca Juniors o que viñese a Vigo de xira, e xogou tamén dous encontros en Coia. O 5 de marzo os arxentinos vencéronlle ao Celta por 1-3, pero o salientable foi o gol de Polo: “Casal centra corto y por bajo a Polo, quien mete rápidamente el pié, para disparar un shot raso y tan fulminante, que cuando Tesorieri se estira en <<plongeón>> , el balón está en las mallas. Es un goal fantástico, el mejor de toda la tarde”, podíase ler ao día seguinte no Faro de Vigo. A noticia viña de que os arxentinos gabábanse de que o porteiro Tesorieri era imbatible, e Polo conseguira marcarlle. Pero non quedou aquí a cousa, pois o 8 de marzo xogaron de novo e o Celta gañou por 3-1, e os titulares da prensa viguesa rezaban: “Galicia inflige la primera seria derrota en Europa al formidable football sudamericano” (Faro de Vigo, 10·3·1925).

Centrándonos de novo na competición oficial, na temporada 1924-25 o Celta alcanza as semifinais da Copa do Rei, e o seu rival foi o Arenas de Getxo, equipo que vence en terras vascas (1-0), e nun pobre partido dos dous empatan en Coia (1-1), o que deixaba aos vigueses fóra da final. Repetiu o Celta semifinal ao ano seguinte, e desta vez o rival foi o Athletic -aínda se escribía así- de Madrid e xogouse a eliminatoria a partido único en Bilbao. Cun gol de Polo o Celta adiantouse 2-1, pero a escasos minutos para o final, os madrileños lograron igualar co porteiro céltico tirado no chan lesionado; o partido foise á prórroga co Celta cun home menos pois o meta non puido continuar e un defensa tivo que ocupar o seu sitio; os celestes non aguantaron e o Athletic madrileño marcaría un terceiro gol que os clasificaba para a final.
En 1927, a revista madrileña Gran Vida publicaba un artigo sobre a figura de Ramón Polo, facendo fincapé nunha das súas principais características, o forte disparo da súa perna esquerda: "El céltico 'recordman' del chut. No creemos exagerar asegurando que ningún otro equipier de España puede compararse en fortaleza de chut con el gran interior izquierda del Celta, D. Ramón Polo. Esto ha sido proverbial en España, y recordamos que cuando al romper Alcántara la red francesa, en el encuentro de Burdeos, los periódicos deportivos galos se llenaban de admiración ante el fortísimo chut del jugador catalán, añadían: <<pero España tiene aun otro interior izquierda todavía más formidable chutador: ¡Polo!>> (...) ...la gloria de su chut, su repertorio de filigranas, dominio de balón, temple en el pase y velocidad, que hizo de él durante no poco tiempo el mejor interior de España".
Nas temporadas 1926-27 e 1927-28 o Celta só chegou ata os cuartos na Copa do Rei, a pesar da boa actuación de Polo, que marcara 10 e 14 goles, respectivamente. Neste 1928, a comezos de maio, a selección do Uruguai volve facer parada en Vigo camiño doutros Xogos Olímpicos, neste caso os de Amsterdam, nos que novamente o combinado uruguaio volve proclamarse campión. Nesta ocasión non houbo partidos amigables, pois o barco non fixo máis que unha pequena escala no porto vigués, o que foi aproveitado pola madrileña revista Estampa para facer unha entrevista a bordo, cun entrevistador de excepción, o capitán do RC Celta, Ramón Polo, que fixo de anfitrión ante os xogadores uruguaios. O interior corcubionés fíxolle unha serie de preguntas ao capitán da selección charrúa, Nazassi, e a revista reproduce tamén unha foto das dúas figuras futbolísticas.
Ese mesmo ano, pero a finais de xuño, o RC Celta inicia unha xira pola Arxentina e o Uruguai, onde van ser recibidos coma heroes pola prensa local, sobre todo pola da colectividade galega. A prestixiosa revista Céltiga, da que formaban parte Ramón Suárez Picallo ou Eduardo Blanco Amor, vai levar a figura de Ramón Polo á portada do seu número 84, e xa no número seguinte aparece unha ampla reportaxe da presenza do equipo vigués polas terras do Prata. O mesmo sucede noutras publicacións como o Correo de Galicia. Con esta viaxe, Polo completaba o círculo da súa relación co fútbol riopratense.
1929 vai ser o ano no que dea inicio o campionato de Liga de fútbol en España, no mes de febreiro, aínda que oficialmente se considere a temporada como 1928-29. A sorpresa veu da non inclusión do RC Celta como un dos dez equipos que ían compoñer a Primeira División, para a que se decidira que ían formar parte todos os equipos que chegaran algunha vez á final da Copa do Rei, e aínda que o Vigo Sporting si o fixera, non se aceptou ao Celta a pesar de ser fillo do primitivo club vigués. A ridícula decisión complicou á propia Federación, pois só tiña nove equipos, e decidiu organizar un torneo eliminatorio de oito equipos para elixir o décimo representante. O Celta si que estivo presente neste torneo, pero o campión foi o Racing de Santander e sería este quen participase na Primeira División. O Celta tivo que conformarse coa Segunda División, algo que supuxo un forte descontento na cidade, e tal foi así que o equipo rematou na penúltima posición ligueira e descendeu para a Terceira División. A campaña 1929-30 disputa logo a terceira categoría do fútbol español sen moito éxito, pero si gañará de novo o Campionato de Galicia. Aínda así, a figura de Ramón Polo seguía sendo recoñecida. No xornal Heraldo de Madrid entrevistaban ao ex-futbolista arxentino Atilio Giavarini Gowland na previa ao 1º Campionato do Mundo de Fútbol, na que fala da supremacía mundial do Uruguai e da Arxentina, mais tamén lle preguntan polos xogadores españois que máis lle gustan, ao que responde: "Sobre todos, Ramón Polo, a quien vi por primera vez cuando la excursión del Real Celta a través de aquellas canchas; es el único <<footballer>> hispano que posee nuestra técnica: precisión en el pase, maravillosos cambios de juego, gran conocimiento de lo que es un partido, excelente dribling y espléndido chut. ¡Lástima que los años no transcurran en balde!... Polo es un <<insider>> peligrosímimo".
Pouco sabía o arxentino que Ramón Polo ía decidir ese verán retirarse da práctica do fútbol. Con tal motivo, na súa vila de adopción, A Guarda, deciden tributarlle unha homenaxe, e o 27 de xullo xogouse un partido entre o Deportivo Guardés, o seu primeiro club, e o RC Celta, no que Polo formou cos guardeses e foi autor de tres goles. Evidentemente o Celta tamén lle ía tributar unha homenaxe, neste caso o 7 de setembro, cun partido en Balaídos fronte ao Athletic Club de Bilbao. Pero pouco lle durou o retiro. O Celta fixo o imposible para que seguise xogando para así conseguir o ascenso á 2ª División e Ramón non se puido negar: "me dijeron que aún hacía falta. Y haciéndole falta al Celta, aunque fuese a rastras", declararía no xornal madrileño Sparta tempo despois.
Ramón Polo atendido da fractura do
peroné no partido contra o Deportivo
A alegría da súa volta durou pouco, pois no partido do Campionato de Galicia fronte ao Deportivo do 12 de outubro, rompía o peroné; aínda que el seguiu xogando o encontro e mesmo foi quen de marcar un gol de penalti coa perna rota. Polo tivo que estar varios meses sen xogar, pero así e todo, o Celta proclamaríase campión da Terceira esa temporada e volvería á Segunda División para a 1931-32. Esta campaña o equipo logra evitar o descenso, consegue un novo Campionato de Galicia e fai unha excelente Copa do Rei, onde chega de novo ás semifinais. Aquí o rival vai ser o FC Barcelona, que sentenciaría en Les Corts cun contundente 3-0, aínda que aos celestes quedoulles a honra de vencer en Balaídos (2-1). Este mesmo ano a traxectoria de Ramón Polo é recoñecida pola Federación Galega de Fútbol, que lle outorga a Medalla de Ouro da institución. As temporadas 1932-33 e 1933-34 son mediocres para o club vigués, que queda nos postos medios da clasificación, aínda que na última delas gaña de novo o Campionato de Galicia.
Este ano responde unha enquisa do diario As na que se interesaban pola figura do capitán nos clubs de fútbol; as respostas de Polo son, cando menos, sorprendentes: "El capitán del equipo es el encargado de cumplir con el protocolo del partido que juegue su 'team'. Pero el capitán debe cambiar impresiones con sus compañeros referente al partido que se vaya a jugar. Una vez el equipo en el campo, debe asumir la dirección plena del 'match', vigilando a su vez al árbitro, porque éstos, en su mayoría, son unos funcionarios que no conocen o no cumplen con un criterio de lealtad e imparcialidad. (...) Yo no intervengo en la formación de los equipos, lo cual es una gran comodidad. Pero entiendo que los equipos debería formarlos una comisión deportiva de tres elementos competentes -extraños a la Directiva-, asesorada por el capitán y oyendo al entrenador. Los entrenadores deben de limitarse a preparar y dar cuenta a la Junta y comisión deportiva del estado de sus jugadores. Nada más. La responsabilidad, caso que la haya, debe asumirla con valentía la comisión deportiva ante el club, y el capitán, ante la citada comisión".
Un dos moitos goles que conseguiu marcar Polo
Para a temporada 1934-35 prodúcese un cambio na categoría de prata e pásase dun grupo de 10 equipos a haber tres grupos de oito equipos cada un. O Celta proclámase campión do Grupo I, pero o ascenso lográbase nunha segunda fase na que participaban os dous primeiros de cada grupo; o Celta quedaría terceiro nesta segunda fase e fóra das dúas prazas de ascenso. O 28 de abril de 1935 Ramón Polo disputou o seu último partido de liga, no Estadio Bardín de Alacante, nun encontro no que o Celta perdeu co Hércules por 1-0 cando aos vigueses lles chegaba o empate para lograr o ascenso. O último gol de Polo produciuse tamén ante o Hércules, na vitoria en Balaídos o 31 de marzo, que serviu para lograr o triunfo (2-1), nun partido no que as crónicas falan dun Polo que parecía o mesmo que dez anos atrás. Con todo, o seu último encontro como celeste foi o de Copa que xogou en Balaídos fronte ao Sabadell o 19 de maio de 1935, no que o cadro vigués venceu por 4-3 (non xogaría a volta, na que quedaría eliminado o Celta). Ramón Polo retirouse do fútbol sen lograr ascender ao seu RC Celta á Primeira División -algo que se lograría ao ano seguinte-, pero aínda hoxe figura na historia do club celeste ao ser, cos seus 159 goles logrados en 259 partidos (segundo datos de yojugueenelcelta.com), o máximo goleador da historia do club. Segundo este portal web, as cifras divídense do seguinte xeito: no Campionato de Galicia (97 partidos, 77 goles), na Copa do Rei (60 partidos, 45 goles) e na Liga -coas promocións incluídas- (102 partidos, 37 goles).

A Selección Española
Coa camisola da sel. española
Como vimos, Ramón Polo non xogou ningún partido na Primeira División -lembremos que esta non se inicia ata 1929-, pero iso non foi obstáculo para que o corcubionés chegase a vestir a camisola da Selección española. E fíxoo nunha época na que era moi difícil chegar a ela, non só porque se xogaban menos partidos dos que se celebran hoxe en día, senón polo dominio dos xogadores vascos no combinado español, pois había certo trato de favor cara a eles, segundo se denunciaba na prensa. Se collemos a década de 1920, a selección española xogou 32 partidos, nos que debutaron 92 xogadores, dos que 53 naceran en Euskadi, seguíndolles con cadanseus 7 os cataláns e os galegos.
Faro de Vigo publicou esta estampa
cos xogadores do Celta na selección
Un destes galegos que debutou foi Ramón Polo, e fíxoo o 4 de outubro de 1925 no Estadio Ferencvaros Torna de Budapest, nun partido amigable no que España lle venceu a Hungría (0-1). Polo quedou no banco de inicio, pero saltaría ao campo aos 20 minutos do primeiro tempo para substituír ao lesionado Chirri. Volvería participar o 29 de maio de 1927 no Estadio Metropolitano de Madrid noutro partido amigable, nesta ocasión fronte a Portugal, que rematou con vitoria local (2-0). Curiosamente, este encontro coincidiu o mesmo día que a selección española xogaba outro amigable en Italia, e desde a Federación consideraron que o xogado contra Portugal era a selección B, a pesar de contar coa presenza do Rei Afonso XIII no palco, e en moitas estatísticas non computan este partido. O que conta é que Ramón Polo foi titular e xogou os noventa minutos, e aínda que non conseguiu marcar, un lanzamento seu foi ao poste da portería portuguesa. A terceira e última oportunidade chegoulle no seu estadio, en Balaídos, e o rival era de novo Portugal. O 2 de abril de 1933 xogouse este encontro amigable que rematou con vitoria española (3-0), e no que Polo ocupou praza no banco ata que no minuto 44 tivo que saír substituíndo a Larrinaga; a prensa fala de moi boa actuación do corcubionés, a pesar de xogar como extremo e non na súa posición preferida de interior. Foron, logo, tres os partidos que xogou Ramón Polo coa selección española, pero a dicir de moitos ben mereceu participar en bastantes máis.

Despois da súa retirada: militar, actor e adestrador
Retirado en 1935, Ramón Polo non continuou ligado ao mundo do fútbol, máis ben parece que foi esquecido por este. Ou así o sinala Luis de Aldaola no diario As, que a comezos de 1936 o sitúa traballando como corredor de apostas nun frontón de pelota vasca en Vigo. O xornalista critica o maltrato que a cidade viguesa lle dera a quen fora figura do Celta "corto y rubio como las antorchas". Pero a chegada da Guerra Civil vai facer que Ramón Polo se integre no exército franquista, onde logra rápidos ascensos. En outubro de 1937 é nomeado Alférez Provisional, e un ano despois é xa Alférez; en 1939 Tenente provisional da Milicia da Falange Española Tradicionalista y de las J.O.N.S.. Máis tarde chega a Capitán, xa destinado a Lugo, no Rexemento de Zapadores nº 8, do cuartel de Garabolos, no que permaneceu ata a súa retirada como militar en 1958. En Lugo tamén foi secretario da “Obra Sindical Educación y Descanso”.
Un dos carteis da película
con Polo como reclamo
En 1942 inicia unha nova e sorprendente andadura no cine, pois vai ser chamado para unha película sobre o mundo do fútbol, que vai levar por nome Campeones, e na que participan outros xogadores como Zamora, Quincoces, Gorostiza ou o tamén galego Pasarín. A película estaba producida por Cesáreo González, que fora presidente do Celta e da Federación Galega de Fútbol, e na altura era o propietario da produtora Suevia Films. O coruñés Ramón Torrado debutou como director con este filme que tivo grande éxito de público, facéndose a "premier" en Vigo en xaneiro de 1943 coa presenza de toda a familia do Celta. A actuación de Ramón Polo foi tan destacada que ese mesmo ano xa foi chamado para outros proxectos cinematográficos. Foi o caso de El triunfo del amor de Manuel Blay, El abanderado de Eusebio Fernández Ardavín, ou Eloísa está debajo de un almendro de Rafael Gil. En 1992, a Semana Internacional de Cine de Lugo vaille render unha homenaxe a Ramón Polo ao cumprírense os 50 anos da rodaxe de Campeones.
A cidade de Lugo converteuse logo da súa retirada na súa nova casa, e diso tamén se vai aproveitar un dos clubs de fútbol da cidade: a Ximnástica Lucense. Na temporada 1949-50 Ramón Polo vaise converter no seu adestrador, na 2ª División Grupo Norte; volverá dirixir este equipo na temporada 1951-52, na mesma categoría, mais non consegue evitar o descenso. Descenso que supuxo tamén a desaparición do club debido aos seus problemas económicos; e na temporada seguinte vaise desfacer o outro club da cidade, o Polvorín, que competía na 3ª División. Mais axiña reacciona a afección luguesa e nese 1953 fúndase o CD Lugo, que vai comezar a competir na 3ª División ocupando a praza do Polvorín. En 1954 Ramón Polo vai ser nomeado secretario técnico do novo club lugués, cargo no que bota ata 1960, cando é fichado polo RC Celta para ocupar o mesmo posto no club olívico. Era a súa volta a Vigo e ao club dos seus amores. O seu prestixio permitiulle desempeñar con mestría o seu labor e ser respectado pola afección viguesa e galega.
En 1964 a Federación Galega imponlle a Medalla de Ouro ao mérito deportivo. As homenaxes sucedíanse nestes anos, e nalgunha delas atribuíronlle a Polo unha orixe viguesa que axiña foi desmentida desde Corcubión. Ramón Pais, baixo o pseudónimo de UNO, publicaba un artigo en La Voz de Galicia no que afirmaba o seguinte: "Ramón Polo Pardo, hijo de Don Baltasar Polo Vázquez y doña Emilia Pardo Moreira, nació en Corcubión el 13 de abril de 1901, siendo bautizado en la pila de mármol de Carrara que hay en nuestra iglesia parroquial y fueron sus padrinos don Ramón Pais Mariño y su esposa doña Ana López Otero. Corcubioneses hay y muchos, de su época juvenil, que cuando ya Polo se paseaba triunfante por los campos de fútbol le gritaban el clásico <<Ra-Ra>> con que aquí se le conocía, y que él inmediatamente asociaba con los recuerdos vividos en su villa natal".

A familia e a súa morte
A voda foi un acontecemento
social en Vigo
A vida déralle moitas voltas a Ramón desde que sendo un neno abandonara Corcubión. A súa única irmá, Emilia, morrería en 1917 cando estaba para facer os 23 anos. Seu pai conseguira asentarse en Vigo, onde xa era Contramestre do porto na Comandancia viguesa, e a finais de 1918 colle a baixa por retiro. Seus irmáns estaban todos emigrados, Alfredo en Cuba e os demais na Arxentina. O 14 de outubro de 1926 contrae matrimonio na parroquia de Santa María de Vigo con Carolina Rodríguez Fernández, filla dun daquela coñecido empresario vigués, José Rodríguez. Foi seu padriño de voda o seu irmán maior Joaquín, aínda que como estaba en Buenos Aires estivo representado na figura de seu pai, Baltasar. O acontecemento tivo moita repercusión na cidade olívica. Do matrimonio nacerían tres fillos: Ramón, Rudesindo e Fernando. Os seus últimos anos como xogador tamén coincidiron coa morte de seus pais. O pai, que volvera traballar, neste caso na Compañía Xeral de Carbóns de Vigo, morreu o 20 de xullo de 1932, aos 74 anos de idade, e súa nai fíxoo o 20 de xaneiro de 1934, aos 68 anos; os dous están enterrados no cemiterio vigués de Pereiró.
Maleta, caneleiras e botas de Ramón
Polo conservadas no Museo do Celta
En 1948 Ramón levou a alegría de poder ver a seu irmán Alfredo, que despois de 33 anos en Cuba volveu visitar a súa terra. Mais apenas catro anos despois dáse a noticia do seu falecemento en terras cubanas, con tan só 56 anos, cando era dono da “Compañía Constructora de Tanques y Estructuras S.L.”. Tan só quedaban dous irmáns vivos, o máis vello, Joaquín, e Ramón. E a este tamén lle chegou a morte de xeito sorprendente. O 19 de xuño de 1966, coincidindo o mesmo día que o partido de fútbol que disputaban en Balaídos as seleccións de España e Bélxica, e que el como secretario xeral do Celta se encargara de organizar, morría en Vigo a primeira gran figura do celtismo, Ramón Polo. Foi enterrado o día 20 no cemiterio de San Froilán, na cidade de Lugo, mais en Corcubión non se esqueceron del como podemos apreciar pola necrolóxica publicada en La Voz de Galicia que vai asinada por "La afición fubolística de Corcubión y el pueblo en general", para anunciar un funeral na vila que o viu nacer. A memoria futbolística non esqueceu a Polo, que sempre figurou nesas listas que cada certo tempo se fan para escoller os mellores futbolistas galegos. En 2010 o RC Celta cubriu o exterior da tribuna de Balaídos con 16 lonas dos máis destacados celtistas da historia, e unha delas estaba destinada a Ramón Polo, o máximo goleador da súa historia, o rapaz de Corcubión (“Ra-Ra”) que se converteu en lenda do fútbol galego.


Bibliografía
  • ALDAOLA, Luis de (1936): "Ramón Polo se gana la vida como <<corredor>> de un frontón", Diario As, Madrid, 6 de xaneiro, p. 8.
  • Céltiga nº 84 (25·6·1928) e 85-86 (25·7·1928), Buenos Aires.
  • FONDEVILA, Martín de (1928): "El team olímpico uruguayo. A su paso por Vigo, el capitán del equipo dice...", Estampa, Madrid, 1 de maio, p. 9.
  • FREIRE CORDEIRO, Carlos (2012): Todo sobre o fútbol galego, Vigo: Xerais.
  • GORDILLO, J.M. (1992): "Fútbol y cine, de la mano. Se cumplen 50 años del debú del deportista Polo en la pantalla grande", La Voz de Galicia, Lugo, 17 de setembro, p. 72.
  • HEFECE (1966): "Ramón Polo ha muerto", El Pueblo Gallego, Vigo, 21 de xuño, p. 11.
  • LAMELA, Luis (2015): "Ramón Polo Pardo, gran jugador del Celta, otro corcubionés fugaz", La Voz de Galicia, Carballo, 24 de xuño, p. L11.
  • Libro de Bautizados da parroquia de San Marcos de Corcubión
  • MANOLO (1932): "Los grandes equipos. Caída y recuperación del Celta de Vigo", Sparta nº 9, Madrid, 31 de decembro, p. 24.
  • MÉNDEZ DOMÍNGUEZ, L. (1930): "Un distinguido <<sportman>> criollo nos habla del fútbol suramericano", Heraldo de Madrid, Madrid, 24 de maio, p. 10.
  • PAIS ROMERO, Gregorio (2002): "De Primera", La Voz de Galicia, Carballo, 7 de febreiro, p. 17.
  • S/A (1927): "Ramón Polo y el Celta", Gran Vida nº 291, Madrid, 1 de setembro, pp. 1, 11-12.
  • S/A (1934): "¿Para qué sirve el capitán de un equipo de fútbol?", Diario As, Madrid, 19 de marzo, p. 19.
  • SARMIENTO BIRBA, M. (1992): "Ramón Polo. El catedrático chungón del Celta", La Voz de Galicia, A Coruña, Suplemento "Sociedad" nº 118, 20 de setembro, p. VIII.
  • UNO [Ramón Pais] (1965): "Futbolistas de Corcubión", La Voz de Galicia, A Coruña, 5 de setembro, p. 8.
  • VENTURA LADO, Juan (2010): "El Celta coloca a un corcubionés entre los mejores de su historia", La Voz de Galicia, Carballo, 13 de agosto, p. L10.
  • www.fameceleste.com
  • www.yojugueenelcelta.com
  • Prensa: Correo de Galicia (Buenos Aires), El Pueblo Gallego (Vigo), Faro de Vigo (Vigo), Galicia (Vigo), La Voz de Galicia (A Coruña).

23/07/19

Borja Facal entra na historia do Bergantiños FC


Borja Facal Lema (Laxe, 1985) -coñecido como Borja Facal no mundo do fútbol- anunciou hai uns días que poñía fin á súa carreira como xogador. E faino pasando á historia do Bergantiños FC como o que máis partidos disputou en categoría nacional con este club, cun total de 258 encontros.
A vida deportiva de Borja Facal comezou, como moitos outros nenos laxenses, no CD Baio, club no que estivo na súa etapa infantil. Unha vez alcanzada a idade cadete fichou polo Bergantiños FC, club no que estaría boa parte da súa carreira futbolística: dous anos como cadete, tres como xuvenil e sete como sénior. O seu debut co primeiro equipo carballés na 3ª División tivo lugar sendo aínda xuvenil de segundo ano, na temporada 2002-03. En concreto o 13 de abril de 2003, nas Eiroas, ante o Portonovo, José Luis Vara deulle a oportunidade ao entrar no minuto 85 substituíndo a Dieguito. Esa temporada interviría en tres partidos máis: Viveiro, Compostela B e At. Arteixo. Xa tivo moita máis intervención na seguinte campaña, na que participou en 22 encontros. Na temporada 2004-05, a súa primeira como sénior, xa era un fixo das aliñacións carballesas do novo míster José Antonio Moreira, pois disputou un total de 33 partidos. A súa boa actuación non pasou desapercibida e para a campaña seguinte fichou polo Fabril, no que estivo nas dúas seguintes temporadas na 3ª División, nas que se proclamou campión de liga, pero só puido lograr o ascenso na segunda delas. Xogou no filial deportivista a liga da 2ªB na 2007-08, acabando en cuarta posición, o que lle valeu disputar a promoción de ascenso á 2ªA, mais sen sorte. Non puido dar o salto ao primeiro equipo coruñés, e decidiu emigrar para outro filial, o Murcia B, co que disputou a temporada 2008-09 tamén na 2ªB, quedando ás portas de xogar unha nova promoción de ascenso. Volveu ao Bergantiños para a campaña 2009-10, equipo que volvía á 3ª División logo de dous anos na Preferente, e Borja acabou xogando 24 partidos no cadro dirixido por Manuel Varela Bardanca. Deixou o cadro carballés para xogar as dúas seguintes campañas no Racing de Ferrol, na 3ª División. Na primeira delas o equipo foi subcampión pero non logrou ascender, e na segunda tivo un mal ano e acabou na zona media. Ficha pola SD Compostela para a temporada 2012-13, na que o equipo queda terceiro pero logra o ascenso á 2ªB con gran protagonismo do laxense. Seguiría no club santiagués na seguinte campaña na categoría de bronce do fútbol español logrando a permanencia. Na temporada 2014-15 decide volver de novo ao Bergantiños que adestraba Javier Oreiro e faríase en propiedade do lateral dereito, disputando máis de 30 partidos en cada unha das cinco seguintes temporadas. Na primeira delas a piques estivo de xogar a promoción, mentres que na seguinte salváronse polos pelos do descenso á Preferente. Na 2016-17, xa con Miguel Figueira no banco, o Bergan rematou no cuarto posto e disputou a fase de ascenso (eliminado co Badaxoz), na seguinte foi subcampión e novamente non logrou o ascenso (eliminado co Cirbonero), e novo subcampionato na 2018-19 e outra vez non superou as eliminatorias de ascenso (superado na segunda polo Villarrubia).
Equipo infantil do CD Baio 1996-97 adestrado por Moncho Varela.
Borja (x) figura entre outros dous futuros xogadores do Bergantiños:
Óscar Toja e Pablo Domínguez
Despois de sete temporadas como sénior, e sumando os partidos que disputou co primeiro equipo sendo aínda xuvenil, Borja Facal alcanzou a intervir nun total de 258 encontros como xogador do Bergantiños FC, todos eles na 3ª División, o que o converten no que máis partidos disputou neste club en categoría nacional. O cadro carballés leva ata o momento 21 temporadas na 3ª División, ás que lles hai que agregar as dúas nas que estivo na 2ªB, para facer un total de 23 campañas en categoría nacional. O Bergantiños suma 794 partidos de liga regular na 3ª División -o que o coloca na 16ª posición entre os clubs galegos nesta categoría-, ao que lles hai que engadir os 26 de promocións de ascenso á 2ªB, e os 76 que xogou na 2ªB, o que dá un total de 896 encontros en categoría nacional.
Cos 36 partidos disputados nesta súa última campaña, Borja Facal logrou desprazar do primeiro posto a un clásico do equipo carballés, como foi o centrocampista da Silva, Lito, que alcanzou os 227 partidos coa elástica vermella. Tras el figuran agora tres integrantes do actual cadro de xogadores do club: Toni (217 partidos), e Cristopher e Aarón Rama (206). Despois xa figuran xogadores históricos do club bergantiñán como son Josito (199), Jesús (196), Pea (190), Chilín (187), Lerio (164), Villa (160), Pablo Domínguez (158) e Dani (154), que foron os que superaron os 150 encontros.
Aínda que Borja Facal iniciou a súa carreira en posicións avanzadas, foi xogando cada vez máis atrás e rematou como lateral dereito. Iso non foi impedimento para que marcase co cadro carballés un total de 18 goles, o que o coloca na 11ª posición entre os seus goleadores en categoria nacional. Unha lista que encabeza o salmantino Jesús (66 goles), e ségueno Villa (55), Josito (49), Rubén Rivera (40), José Ramiro (33), Lito (30), Josiño Mato e Rodri (24), Pazolo (22), e Guillermo e Iago Blanco (20), por diante do de Laxe. 
O palmarés de Borja Facal resúmese, pois, en 3 temporadas na 2ªB e 12 na 3ª División (ás que habería que engadir unha e media cando era aínda xuvenil), logrou dous títulos de campión da 3ª División, e disputou a promoción de ascenso á 2ªA nunha ocasión e sete veces á 2ªB.

Copa da Costa. Palmarés e partidos xogados por cada club

O xalleiro Arana levanta un dos primeiros trofeos da Copa da Costa      Esta temporada dispútase a edición número 60 da Copa da Costa, que ...