26/04/18

HISTORIA DA COPA DA COSTA (I)


1ª EDICIÓN – TEMPORADA 1963-64

Equipos participantes
9
Campión
U.C. CEE
Subcampión
FISTERRA S.D.

Previa do 1º
partido da Copa

O 9 de agosto de 1964 xogouse o primeiro partido da Copa da Costa, no Balsiño, entre o CD Baio e a UD San Isidro de Quintáns (1-4), na única eliminatoria da rolda previa desta primeira edición. Participaron 9 equipos, coa baixa con respecto á liga do Poniente, e as altas de dous equipos que non xogaran o campionato ligueiro: Buño SD e SD Negreira. O campión ligueiro, o UC Cee, partía como favorito, con Fisterra e San Isidro como candidatos.
Crónica dos cuartos [LVG]
Pero os muxiáns, despois de desfacerse do Baio na previa, quedarían fóra nos cuartos co Negreira logo da primeira polémica na historia da Copa. Tras a vitoria en Quintáns do San Isidro por 2-0, no de volta en Negreira o equipo muxián retirouse do campo a falta de dez minutos cando perdía 3-0, retirada ordenada polo seu presidente Paulino Rivadulla tras a actuación do árbitro, pois dicía o dirixente que descontara 18 minutos no primeiro tempo e expulsáralles tres xogadores; declaracións que axiña replicaron desde Negreira xustificando a actuación arbitral. Nestes cuartos deuse a primeira igualada nunha eliminatoria que non se resolveu como indicaba o regulamento -a celebración dun partido de desempate-, senón que os dous conxuntos decidiron resolvelo na quenda de penaltis: o Ponteceso impúxose ao Laxe nos penaltis por 5 a 4, e isto é o que figura na Federación como resultado do encontro de desempate que nunca se xogou. O Fisterra desfíxose con senllas goleadas do Porteño e o Cee impúxose en Buño na ida pola mínima e refrendou o pase en Raíces. Nas semifinais, o Negreira deu a sorpresa e impúxose na ida por 3-2 ao Fisterra, pero na volta os fisterráns deron boa conta dos barcaleses (5-0). E o Cee sentenciou na ida en Raíces (4-0), e volveu vencer no Frade (2-3).
O partido de ida da final xogouse en Fisterra o 20 de setembro e rematou con empate (1-1); mentres que a volta foi sete días despois no campo ceense das Raíces, e o equipo local conseguiría impoñerse na segunda parte grazas a tres goles, que foron recortados no tramo final polo Fisterra, que non logrou forzar o desempate (3-1).
U.C. Cee 1963-64

FINAL VOLTA (27-09-1964)
U.C. CEE
Guillermo; Urbano, Castiñeiras, Louro; Cerviño, Ángel Luis; Insua, Alfonso, Guillén, Gelillo, Alfredo.
FISTERRA S.D.
Boliche; Gelucho, Negro, Pepe; Tomé, Miguel; Grullo, Marcote, Manolete, Modesto, Moncho.
Goles
1-0 Alfonso (60), 2-0 Guillén (80), 3-0 Guillén (84), 3-1 Marcote (88).


2ª EDICIÓN – TEMPORADA 1964-65

Equipos participantes
9
Campión
U.C. CEE
Subcampión
BUÑO S.D.

Crónica dos cuartos [LVG]
Participan os 9 equipos que competiron na Liga, polo que houbo que xogar unha previa, na que o Fisterra se desfixo do Porteño. Nos cuartos de final non houbo sorpresas e o Cee resolveu a eliminatoria xa na ida co Muxía, o Buño tivo que sufrir para eliminar ao Baio en Xaviña, pero aínda máis suou o Fisterra para desfacerse do Ponteceso, pero tres goles de Marcote na volta decidiron. A eliminatoria máis igualada, a priori, era a que enfrontaba a segundo e terceiro na liga, e o Negreira foi quen de gañar pola mínima os dous partidos ao San Isidro.
As semifinais deparaban un Negreira-Buño, na que os oleiros deron xa a sorpresa na ida vencendo en Cepelo (1-2) e confirmando a súa presenza na final nun gran partido en Xaviña, onde volveron vencer (3-0), con goles de Verdes, Ordóñez e Vázquez. Pero a outra eliminatoria era a destacada, pois enfrontábanse os dous finalistas da primeira edición, e grandes rivais. O Fisterra non lle gañara nunca ao Cee e fíxoo no encontro de ida, nun partido que acabou con moitos goles (5-4). Na volta, nas Raíces, os fisterráns ampliarían as diferenzas ao marcar dous goles máis, obra de Tito, pero na segunda parte os ceenses remontaron e con tres goles -de Alfredo, Guillén e Couto- forzaron o partido de desempate. Un encontro de desempate que se xogou o mércores 6 de outubro no campo da Granxa, na Coruña!!! Din as crónicas que houbo pouco público debido aos prezos abusivos (25 pesetas, o mesmo que custaba ver o Deportivo, dicían), e que o partido foi moi igualado e só se resolveu nun grave erro do porteiro fisterrán que deixou pasar o balón nunha falta botada por Alfredo desde o medio do campo.
Chegaba o Cee á final ante o novato Buño, e a contenda quedou xa resolta na ida disputada nas Raíces, a pesar de que se adiantaran no marcador os oleiros; na volta, o Buño conseguiu un meritorio empate co que pechou a súa gran participación no torneiro copeiro. Pola súa parte, o UC Cee foi xa alcumado pola prensa coruñesa como o "acaparador Unión Cee", pois gañara todos os campionatos costeiros das dúas temporadas (ligas e copas).
U.C. Cee 1964-65

FINAL IDA (10-10-1965)
U.C. CEE
Loira; Urbano, Tablilla, Louro; Ángel Luis, Gelillo; Insua, Couto, Nacho, Guillén, Alfredo.
BUÑO S.D.
Santiago; Hermida, Eladio, Casal I; Eiroa, Sobrino; Ferro, Ordóñez, Verdes, Vázquez, Casal II.
Goles
0-1 Ordóñez; 1-1 Insua, 2-1 Nacho, 3-1 Couto, 4-1 Nacho.
FINAL VOLTA (17-10-1965)
BUÑO S.D.
Santiago; Hermida, Eladio, Casal II; Eiroa, Sobrino; Ferro, Tito, Ordóñez, Verdes, Vázquez.
U.C. CEE
Loira; Urbano, Tablilla, Louro; Insua, Ángel Luis; Gelillo, Couto, Maceiras, Guillén, Alfredo.
Goles
1-0 Verdes, 1-1 Gelillo.


3ª EDICIÓN – TEMPORADA 1965-66

Equipos participantes
11
Campión
XALLAS F.C.
Subcampión
MUXÍA C.F.

Previa do partido de desempate entre
Baio e Muxía por JL Mouzo [LVG]
Entrevista a Luaces I
antes da final [LVG]
Foron os 11 participantes, aínda que o San Isidro non se presentou a xogar a previa contra o Buño, desaparecendo para sempre o equipo de Quintáns. Nas outras dúas eliminatorias da previa, novamente un Fisterra-Cee, que se resolveu con vitoria fisterrán nos dous encontros, e un Ponteceso-Baio, na que os pechacancelas da liga, o Baio, deron a sorpresa ao derrotar ao Ponteceso tras empatar no Frade e gañar no Balsiño. Nos cuartos, o favorito Fisterra quedou fóra co Negreira, ao perder na volta en Cepelo; o Xallas daba mostras de poderío ao golear na ida ao Soneira; eliminatoria igualada entre o Buño e o filial do Bergantiños -con varios xogadores do equipo A- que se resolveu nos penaltis a favor dos oleiros; e na eliminatoria máis desigual a priori, o campión ligueiro Muxía impúxose na ida (3-1), pero o pero o pechacancelas Baio logrou no Balsiño forzar o partido de desempate (4-2); este xogouse en Vimianzo entre semana e os muxiáns tiveron que remontar para pasar (3-2).
Entrevista a Raso antes da final [LVG]
Nas semifinais, o Muxía impúxose ao Negreira no campo de Beiramar (3-1) pero os barcaleses tiñan confianza en imitar ao Baio e remontar, pero o 1-0 non lles chegou. Na outra eliminatoria, o Buño impúxose ao Xaviña cun marcador axustado (2-1), e axustado tamén foi o de volta no Carreiro (1-0), polo que se decidiu nos penaltis a favor dos xalleiros. Por certo, que comentaba Del Valle en La Voz de Galicia que despois de disputada a prórroga "el reloj señalaba las ocho y diez minutos de la noche. No se veía ni con un candil. Pero los penaltis fueron controlados exactamente"; lembremos que estabamos no mes de outubro.
Á final chegaban por vez primeira o Muxía e o Xallas, no que os primeiros eran favoritos. Non obstante, no partido de ida xogado en Muxía non houbo goles; e na volta, no Carreiro, os muxiáns xa se vían co trofeo nas mans grazas a un gol de Alejandro, pero Pahiño logrou o empate no tempo de desconto e forzou o desempate. O partido decisivo xogouse en Vimianzo, con grandísima afluencia de espectadores; o conxunto muxián parecía que se ía facer co trofeo ao adiantarse no marcador no primeiro tempo e ser expulsado o xalleiro Varela, pero na reanudación empatou o Xallas e igualouse a contenda coa expulsión do muxián Nené, polo que houbo que disputar unha prórroga, na que o equipo de Raso se impuxo cun gol nos minutos finais e levou a súa primeira copa para Santa Comba. Iniciábase aquí o lustro de hexemonía do Xallas de Raso, do que falamos noutro artigo.
Muxía CF e Xallas FC aliñados na final 1965-66

FINAL DESEMPATE (23-10-1966)
MUXÍA C.F.
Cho; Eleuterio, Luaces I, Martín; Alejandro, Diz; Ferreiro, Vituco, Luaces II, Sele, Nené.
XALLAS F.C.
Arufe; Varela, Lema, Paredes; Castro, Durán; Atilano, Villar, Amarelle, Pahiño, Nicanor.
Goles
1-0 Luaces II, 1-1 Atilano, 1-2 Amarelle


4ª EDICIÓN – TEMPORADA 1966-67

Equipos participantes
10
Campión
XALLAS F.C.
Subcampión
S.D. NEGREIRA

As predicións da prensa coruñesa non
sempre se cumprían [IGAL]
Participan os nove equipos que disputaron a liga e mais o Fisterra, que retorna á competición. Na previa o Muxía impúxose ao Baio e o Negreira precisou da prórroga para remontar co Buño. Os cuartos, o Muxía sentenciou na ida fronte ao Fisterra, ao igual que o Cee co At. Bergantiños, o Negreira resolveu con facilidade na volta contra o Ponteceso, mentres que na eliminatoria estrela, o Xallas conseguiu remontar un 2-0 da ida fronte ao campión ligueiro, o Soneira. Nas semifinais, o Negreira parecía que sentenciara vencendo 0-2 en Cee, pero os ceenses a piques estiveron de remontar pero a súa vitoria foi insuficiente (1-2); mentres que na outra, o Muxía logrou vencer no Beiramar ao Xallas (2-1), pero na volta os xalleiros foron un vendaval (6-1).
O Xallas, coma o ano anterior, chegaba á final e facíao de novo tremendamente reforzado, cun cadro de xogadores case novo,mentres o Negreira era novato nas finais. E pouco lle durou a ledicia as barcaleses pois a final xa se decidiu no Carreiro, cun 4-1 para o Xallas, que deixou para a volta a honra do Negreira de gañar o partido (2-1).
Aliñación do Xallas F.C. na final da Copa 1966-67

FINAL IDA (24-09-1967)
XALLAS F.C.
Arufe; Lema, Rá, Puchini; Reo, Ventura; Nicanor, Rivera, Matito, Pahiño, Arana.
S.D. NEGREIRA
Gato; Cartagena, Elías, Forján; Arceo, Vilas; Carril, Guerra, Juan, Tomé, Chino.
Goles
1-0 Rivera (17), 1-1 Juan (20), 2-1 Rivera (34), 3-1 Ventura (40), 4-1 Matito (85)
FINAL VOLTA (01-10-1967)
S.D. NEGREIRA
Gato; Moncho, Elías, Forján; Pacucho, Arceo; Carril, Tomé, Juan, Vilas, Chino.
XALLAS F.C.
Arufe; Puchini, Rá, Lema; Creo, Ventura; Chislenko, Rivera, Matito, Arana, Varela.
Goles
0-1 Rivera (18), 1-1 Vilas (73), Tome (78, p.)


5ª EDICIÓN – TEMPORADA 1967-68

Equipos participantes
9
Campión
BUÑO S.D.
Subcampión
XALLAS F.C.

As semifinais segundo a prensa
Participan os nove clubs que competiron na liga, polo que houbo que xogar unha previa. Nela, o campión ligueiro, o Ponteceso, que se reforzara cun xuvenil David Vidal, remontou na volta ante o Baio e clasificouse para os cuartos. Aquí o Fisterra e o Cee volvíase enfrontar (cuarta vez das cinco edicións), e coma na vez anterior, os fisterráns eliminaron os ceenses; noutra eliminatoria, o Xallas volvía transformarse e goleou ao Soneira nos dous partidos, mentres que o Buño clasificábase para as semifinais pola retirada do At. Bergantiños. No último enfrontamento o Muxía venceu pola mínima na súa casa e facía o mesmo o Ponteceso na súa, pero cando se ía xogar a prórroga os muxiáns -moi molestos coa arbitraxe- retiráronse alegando falta de luz, mais o árbitro sinalou na acta todo o contrario e o Comité outorgoulles o pase ás semifinais aos pontecesáns.
Crónica da ida da final [IGAL]
Crónica da volta da final [LVG]
Nunha semifinal había un derby bergantiñán, e o Buño deu a sorpresa ao empatar en Ponteceso (1-1) e refrendar o seu pase á final tras vencer en Xaviña pola mínima (3-2). Na outra, o Xallas saíu do Carreiro con dous goles de vantaxe (4-2) para a súa visita a Fisterra, e aquí volveron vencer os xalleiros (1-3). O xornalista Del Valle, de La Voz de Galicia, dicía ao respecto: "Los vestuarios del campo de Finisterre están sin techo. Primero la lluvia los sorprendió con las uralitas sin poner, luego la 'ducha' fue a cargo del Xallas de Santa Comba que los 'bañó' en su propio campo".
Terceira final consecutiva para o Xallas e segunda para o Buño, que foi o anfitrión do partido de ida. O 29 de setembro Xaviña estaba ateigado para ver como o equipo oleiro pasaba por riba do temible Xallas e deixaba a final xa case sentenciada cun 3-0, aínda que a prensa coruñesa seguía dando ao Xallas como favorito. E a piques estivo de remontar, pois gañou na volta por 2-0 e puido forzar o desempate se o árbitro concedese un "gol fantasma" no minuto 88, que Emilio Amado, en El Ideal Gallego, aseguraba que o balón entrara na portería oleira. Mais, ao final, a Copa da Costa ía por vez primeira para Buño.

FINAL IDA (29-09-1968)
BUÑO S.D.
Santiago; Hermida, Gelucho, Ito; Paco, Eladio; Chouciño, Novo, Longo, José Luis, Cances.
XALLAS F.C.
Arufe; Aparici, Puchini, Arana; Ventura, Matito; Joselín, Rivera, Juan Ramón, Lete, Juanito.
Goles
1-0 Cances (3), 2-0 José Luis (80), 3-0 Novo (85)
FINAL VOLTA (06-10-1968)
XALLAS F.C.
Arufe; Aparicio, Puchini, Rua; Ventura, Santi; Lete, Rivera, Matito, Arana, Juanito.
BUÑO S.D.
Santiago; Hermida, Gelucho, Ito; Eladio, Paco; Chouciño, Novo, Longo, Novo II, Cances.
Goles
1-0 Santi (12, p.), 2-0 Arana (60)


20/01/18

A "COPA RÍA DE MUROS"

UNHA COMPETICIÓN NON OFICIAL ENTRE 1968 E 1971

A Liga da Costa empezou en 1964 e a Liga do Sar en 1967, pero en ningunha das dúas figuraban equipos das comarcas de Muros e Noia, a pesar de que nesta zona o gusto polo fútbol vén xa de moi antigo. No noso libro dos 50 anos da Historia do Fútbol da Costa (1964-2014) xa constatamos a celebración dun partido de fútbol o 12 de xuño de 1921 entre o Muros F.C. e o Atalaya del Son, cuxa crónica publicada por Galindo Morales no xornal corcubionés Nerio é a primeira da que temos noticia no noso territorio futboleiro.
É por iso que non era de estrañar que os mozos deste territorio norte do Barbanza non se involucrasen para disputar unha competición oficial. E así foi que no verán de 1968 uns rapaces de Muros deseñaron o que habería ser un torneo, que malia que non era oficial por non estar homologado pola Federación Galega de Fútbol, si contaba con todas as características dunha competición seria. Foi a chamada "Copa Ría de Muros", e disputáronse catro edicións, entre 1968 e 1971. Quen mellor estudou este torneo foi Manuel Torres no seu libro De Esteiro Fútbol Club a S.C.R.D. Esteirana, editado en 2006 polo propio club esteirán. Nel podemos ler os estatutos que rexían a competición, que non se diferenciaban moito doutras, pero tiñan o particular de que estaba destinada tan só a xogadores menores de 23 anos. As condicións que se lle impuña a cada equipo participante era pagar unha inscrición de 250 pesetas e mais un aval doutras 500, dispoñer dun terreo de xogo, unha equipación numerada e dous balóns "de reglamento".
O Esteiro FC campión da Iª Edición 1968 [Foto: Torres, 2006]
Na I Edición, que se disputou nos meses de agosto e setembro de 1968, participaron 8 equipos: Atalaya de Campo de Cortes, Atlético Portugalete de Serres, Esteiro Fútbol Club, Club Lira, Rápido de la Virgen de Muros, Rayo de Muros, Sporting Muros e Volantes de Baño. A competición disputábase polo sistema de copa, a dobre volta, salvo a final, que era a partido único. E a esta chegaron o At. Portugalete e o Esteiro F.C., ambos os dous invictos, pero os primeiros tiñan a vantaxe de xogala no seu terreo de xogo, no campo da Rocha, en Serres. Congregáronse, segundo as crónicas, unhas tres mil persoas o 29 de setembro para presenciar esta final gañada polo Esteiro F.C. grazas a un único gol marcado de David, -que fora o máximo goleador da competición con 8 goles-, non exento de polémica, pois mesmo disque tivo que intervir o alcalde de Muros para refrendar a decisión do árbitro de dar validez ao gol, pois os de Serres reclamaban que houbera unha man previa.
Noticia de El Correo Gallego
A II Edición contou tamén con oito participantes, mais só tres repetían con respecto ao ano anterior. Os clubs participantes eran o Club Deportivo Águila de Noia, Club de Fútbol Carnota, Club Lira, Esteiro Fútbol Club, Monte Louro Fútbol Club, Rápido de la Virgen, Relámpago de Caldebarcos e Unión Cultural Deportiva Muros. Seguiuse xogando polo sistema de copa, con dobre volta, a excepción da final, que se xogaría no novo campo de San Juan, en Serres. Desta edición temos máis información, pois El Correo Gallego contaba con correspodente na vila muradá, José Manuel Sande, que deu conta do desenvolvemento da competición. Así, na rolda de cuartos, o Carnota desfíxose do Rápido de la Virgen (4-0/1-1), a UCD Muros non puido co Monte Louro (1-2/1-3), o Relámpago de Caldebarcos eliminou ao Águilas de Noia (3-0/0-2), e na eliminatoria estrela, o Lira perdera en Portocubelo co Esteiro (5-6), pero en Artón impúxose por 1-4 na prórroga, logo de chegar ao remate do partido vencendo 1-2. Nas semifinais, o Relámpago e o Monte Louro remataron os dous partidos igual (2-2), pero na prórroga xogada no campo do Lago, os de Louro marcaron tres goles e puxeron o 5-2 final; na outra eliminatoria, tamén empate a 2-2 na ida entre Carnota e Lira, e vitoria liracha en Portocubelo por un axustado 3-2. Á final, que se xogaba o 21 de setembro, chegaban, pois, o C. Lira e o Monte Louro F.C.. Nos días previos o xornal compostelán insertara algunha entrevista, como a Ricardo A. Torres, presidente da organización, que afirmaba que os principais problemas eran a falta de árbitros, e non lle vía sentido á polémica que suscitaran as fichaxes que facían algúns equipos de xente de fóra da Ría (en clara referencia ao Lira, que contaba con xogadores federados de Fisterra e Sardiñeiro). Nunha entrevista ao míster dos loureáns, Eleuterio Formoso, opinaba que o torneo estaba moi ben porque fomentaba o fútbol na zona, mais tamén creaba rancores. En canto ao partido da final, non houbo moita historia pois o xa denominado "club dos millonarios", o Lira, gañaba con claridade por 3-0 ao Monte Louro.
El Correo Gallego
A III Edición disputouse en 1970 e, con respecto ás anteriores variou en que se vai disputar polo formato de liga. Ademais modificouse o regulamento, podendo incluír dous xogadores maiores de 23 anos, e permitíanse facer dous trocos durante o partido. Volven ser oito os clubs participantes: Campo de Noia, Club de Fútbol Lira, Club de Fútbol Tambre da Serra de Outes, Esteiro Fútbol Club, Industrial de Noia, Monte Louro Fútbol Club, Outes Club de Fútbol e Unión Cultural Deportiva Muros. Causara baixa o equipo do Carnota, pois ese ano entrou a competir oficialmente na Liga da Costa, sendo o primeiro club da zona en facelo. 
O Lira campión da IIIª Edición, con Manín coa copiña na man
[Foto cedida por Manín]
A experiencia do novo formato foi desastrosa, e os problemas sucedíanse cada semana e o comité de competición estaba sempre en entredito. As crónicas son agora moitas menos que na temporada anterior en El Correo Gallego, que informaba agora desde Noia. As seis primeiras xornadas foron transcorrendo dentro dos cauces normais, mais a aliñación indebida coa que foi castiagado o Esteiro no seu partido co Muros, que gañara 1-4, e a sanción de dous puntos na clasificación, fixo que xa non se presentase a xogar na xornada 7ª e abandonase a competición; por outra parte, e segundo as crónicas o Monte Louro, que xa se retirara na xornada 3ª aos 15 minutos cando perdía 3-0 sen que fose sancionado, acababa moitos dos seus partidos con invasión de campo e intentos de agresión aos árbitros, polo que acabaría sendo expulsado da competición. Xa que logo, a segunda volta, foi esperpéntica, e mesmo nos xornais apenas se publicaban os resultados (tan só as crónicas dos dous equipos de Noia). Con todo, non hai que desmerecer ao claro campión da competición, que foi o Club Lira, que só perdeu dous partidos, curiosamente o primeiro e o último -este cando xa era campión-, e nel sobresaíu un xuvenil fisterrán chamado José López Marcote, pero que todo o mundo coñecía xa por Manín. Fora o máximo goleador da liga, con 19 goles.
Juan Gestal informaba
 para El Ideal Gallego
na IV Edición (1971)
A IV Edición, en 1971, volveu ao formato da copa e contou con só seis participantes, pois os equipos de Noia deixaron a competición: o Campo transmutaríase na S.D. Noia e pasou a xogar a Liga da Costa, mentres que o Industrial competiu na Liga do Sar. Os seis clubs participantes eran o Atlético Portugalete, Club de Fútbol Lira, Club de Fútbol Tal, Esteiro Fútbol Club, Outes Club de Fútbol e Tines D. F. C. Como podemos apreciar volvían competir os de Serres, e creábanse dous novos clubs, un no Concello de Muros (CF Tal) e outro do de Outes (Tines DFC). A final xogaríase un ano máis no campo municipal de San Juan, e a data foi o 30 de setembro de 1971. Alí chegaron o C.F. Lira, o favorito coas fichaxes fisterrás, e o Esteiro F.C., que para contrarrestar o potencial liracho fora buscar ao seu veciño Benigno, que recentemente fichara polo Deportivo, baixo o pretexto de que morrera súa avoa, e para disimular ante o club coruñés déranlle á prensa o nome de Rodri, segundo conta Torres no seu libro. Falan as crónicas de cinco mil persoas, que viron como Manín adiantaba ao Lira, empataba de penalti Paco, e Manín, con dous goles máis, poñía terra por medio; conseguiu igualar o marcador o equipo esteirán con goles de Torres e Rodri (é dicir, Benigno) e levar o partido á prórroga, na que un gol de Fidel deulle o título ao Esteiro.

Pechábase así a historia deste competición, que só contou con catro edicións, pero por ela pasaron ata 19 clubs de catro concellos da Ría de Muros e Noia: Carnota, Muros, Noia e Outes. O Esteiro Fútbol Club e o Club de Fútbol Lira, con cadanseus dous títulos, foron os triunfadores da competición, sendo ademais eles dous os únicos que participaron en todas as edicións. Os clubs desta zona irán, pouco a pouco, seguindo os pasos do Carnota e do Noia e incorporándose á Liga da Costa: na 1971-72 farao a Esteirana, na 1972-73 o Outes...

25/12/17

AS COPAS DE RASO, AS COPAS DO XALLAS


"A LIGA PARA AS MULLERES, A COPA PARA OS HOMES"

Raso, no Balsiño (1967)
Con esta frase, politicamente incorrecta hoxe en día, resumía Raso os éxitos do Xallas na Copa da Costa despois de obter modestos resultados na Liga. E é que José Suárez Suárez, coñecido como Raso, foi un personaxe peculiar e visionario. Nacido na emigración arxentina en 1918, aínda que retornado de moi novo, foi empresario e funcionario do concello de Santa Comba, pero sobre todo destacou como presidente do Xallas F.C. desde a súa fundación en 1966. Xunto con outros directivos, como Ricardo Capeáns, aproveitaron o campo do Carreiro, construído como moitos outros na Costa co esforzo dos veciños, e fórono dotando pouco a pouco dos medios necesarios para a disputa de partidos oficiais: vestiarios, bancadas, etc. E tamén desenvolveron grandes iniciativas como a de conseguir as equipacións a través dunha marca comercial, como foi no seu caso "Jabones Lagarto", que lles regalou unha equipación con camiseta verde e pantalón negro, que acabaron sendo as cores do equipo xalleiro. Coa escolla do nome da comarca para bautizar o club de fútbol de Santa Comba, Xallas F.C., e as ansias dos rapaces locais por xogaren de forma federada, xa estaban dados os pasos para inscribirse na Federación Galega de Fútbol.
La Voz de Galicia, 23-10-66
E isto ocorreu en 1966, cando xa se levaban disputadas dúas temporadas da Liga da Costa sen que a vila de Santa Comba participase. Entrou a competir na temporada 1965-66, e o primeiro partido oficial do club foi o 10 de abril de 1966, no Carreiro, ante o Bergantiños B, que acabou con vitoria visitante (1-2). Acabou esta primeira temporada no 7º posto (de 11 equipos), moi lonxe do campión Muxía CF que dirixía Eduardo Toba. Pero na Copa xa foi outro conto, pois o equipo renovouse coa fichaxe de dous dianteiros composteláns, Pahiño e Nicanor, e tras librar no sorteo da rolda previa, comezou o seu camiño copeiro nos cuartos de final contra o Soneira. Sentenciou a eliminatoria na ida cunha goleada (4-0), que fixo que a volta fose un trámite en Vimianzo (perdeu 1-0). Nas semifinais tocoulle o Buño SD, que viña de rematar 3º na liga, a un punto do campión. No campo de Xaviña venceron os oleiros (2-1) e na volta no Carreiro os xalleiros tamén gañaron pola mínima (1-0), polo que o finalista decidiuse no lanzamento de penaltis -como vedes, aínda non se premiaba o valor dos goles en campo contrario-. Estivo máis atinado o Xallas na quenda e presentouse na súa primeira temporada na mesma final da Copa da Costa. O rival, nin máis nin menos, era o campión ligueiro, o Muxía CF, que xa non dirixía o futuro seleccionador español, senón o tamén xogador Tito Luaces. O 9 de outubro xogouse a ida en Muxía, e o partido sorprendentemente rematou sen goles. Sete días despois disputouse a volta en Santa Comba, na que o Xallas presentou a seguinte aliñación: Arufe; Varela I, Lema, Paredes; Villar, Castro; Atilano, Pahiño, Nicanor, Durán e Nito (obsérvese a puntuación, pois marca a disposición táctica: 1-3-2-5). Adiantouse o cadro muxián grazas a un gol de Alejandro, pero no último minuto, Pahiño, logo dun lanzamento de falta, logra o gol da igualada. 
La Voz de Galicia 25-10-66
A resolución do torneo tiña que dilucidarse nun terceiro partido, e para iso os dous contendentes escolleron o campo municipal de Vimianzo. Nos días previos puidemos ler na prensa coruñesa declaracións de xogadores e adestrador muxián dándose por claros favoritos, pero o mesmo afirmaba Raso nunha entrevista con Del Valle en La Voz de Galicia [23-10-66]. O 23 de outubro o campo de Vimianzo estaba ateigado de xente, con numerosos autobuses chegados desde as dúas vilas e afeccionados procedentes de toda a Costa. Polo Xallas FC formaron: Arufe; Varela, Lema, Paredes; Castro, Durán; Atilano, Villar, Amarelle, Pahiño e Nicanor. Aos 20 minutos Luaces II consegue marcar para os muxiáns e antes do descanso o xalleiro Varela era expulsado. Non estaban contentos os seareiros xalleiros coa arbitraxe de Díaz Sollozo e mesmo solicitaban que o seu equipo se retirase do campo. Mantívose o sentido común e o Xallas saíu no segundo tempo intentando conseguir o empate, e logrouno cun disparo de Atilano, e igualáronse as forzas ao expulsar o colexiado ao muxián Nené. Houbo que disputar unha prórroga, e mediada esta un balón solto chégalle a Amarelle, que consegue bater a Che e poñer o 2-1 que había ser definitivo. Vitoria do Xallas e primeira Copa da Costa que vai ás súas vitrinas.
Formacións do Muxia CF e Xallas FC, este en primeiro termo, en Vimianzo,
de esq. a der.: Varela, Arufe, Paredes, Castro, Lema, Durán, Atilano, Pintinho,
 Amarelle, Pahiño e Nicanor. [Foto: santacombanamemoria.es]
El Ideal Gallego, 04-10-67
Na temporada 1966-67 o Xallas FC rematou a liga xusto no medio da clasificación (5º de 9 equipos), pero renovou case todo o equipo para a Copa. Volveron Pahiño e Nicanor, xunto con outros xogadores como o portorriqueño Arana ou o noiés Matito, ex-xogador da 1ª División en equipos como o Betis, Oviedo ou Elche. Novamente librou de xogar a previa, e nos cuartos de final volveulle tocar o Soneira, pero este non era un equipo calquera, era o actual campión de liga que aproveitara a baixa do Fisterra para fichar algúns dos seus mellores homes. O 27 de agosto o Soneira impúxose en Vimianzo pola mínima (2-1), pero na volta o 3 de setembro os xalleiros golearon ao seu rival (4-0). Para as semifinais o rival foi o Muxía CF, que quería tomar o desquite da final da temporada pasada; o partido de ida disputouse coincidindo coas festas da Barca no campo da Beiramar, e os muxiáns venceron por 2-1. O 17 de setembro, en Santa Comba, o Xallas non deixou lugar ás dúbidas e varreu ao Muxía do campo (6-1). 
Gol de Matito na final contra o Negreira no Carreiro (24-9-67)
[Foto: santacombanamemoria.es]

Presentábase o cadro xalleiro na súa segunda final consecutiva e o seu rival vai ser o subcampión ligueiro, a SD Negreira. O partido de ida dispútase no Carreiro o 24 de setembro, nunha tarde con temporal de chuvia e vento que fixo que a asistencia fose menor da agardada. Contan as crónicas que foi un partido igualado, pero que a eficacia dos dianteiros locais deixou case sentenciada a final. Xogaron polo Xallas FC: Arufe; Lema. Rá, Puchini; Creo, Ventura; Nicanor, Rivera, Matito, Pahiño e Arana. No minuto 17 Rivera marca o primeiro gol para os locais, pero só tres minutos despois empata Juanciño; no 34 volve Rivera poñer por diante aos seus, e no minutos 40 unha discusións entre porteiro e defensas visitantes con xogadores locais co balón en xogo remata co gol do máis listo, Ventura, para poñer o 3-1 co que se chegou ao descanso. No segundo tempo aumentaría o Xallas o marcador cun gol de cabeza de Matito no minuto 85, dous despois de que o Negreira perdese por expulsión ao central Cartagena. A volta disputouse o 1 de outubro no campo do Cepelo, nunha tarde de verdadeiro verán que levou moita xente a presenciar o partido, a pesar da vantaxe que levaba o Xallas do encontro de ida. E a renda aumentaría no minuto 18, cun gol de Rivera, co que se chegaría ao tempo de lecer; na continuación a SD Negreira conseguiría darlle a volta ao marcador e polo menos acabou gañando o partido, con goles de Vilas (minuto 73) e Tomé de penalti (minutos 78), e poñer o 2-1, resultado co que perdeu todos os seus partidos como visitante o Xallas nesta edición da Copa. Os protagonistas do partido de volta por parte xalleira foron: Arufe; Puchini, Rá, Lema; Creo, Ventura; Chislengo, Rivera, Matito, Arana e Varela.
Equipo do Xallas FC na final da Copa da Costa en Negreira:
Arufe, Varela, Puchini, Rá, Aparicio, Ventura, Amarelle; Nicanor,
Rivera, Matito, Pahiño e Arana. [Foto: santacombanamemoria.es]


El Ideal Gallego, 08-10-68
Na temporada 1967-68 o Xallas fixo unha pobre Liga da Costa, rematando antepenúltimo, polo que os afeccionados tiveron que agardar polo trofeo copeiro. Como se xa fose tradición, o Xallas libra da previa e xoga os cuartos de final contra o Soneira, que non os viu na eliminatoria: 6-0 en Santa Comba e 0-3 en Vimianzo; nas semifinais o rival do Xallas vai ser o Fisterra, e nova dobre vitoria dos xalleiros: 4-2 no Carreiro e 1-3 en Fisterra. Comentaba Del Valle na súa sección "Antena Regional de los Modestos" en La Voz de Galicia: "los vestuarios del nuevo campo de Finisterre están sin techo. Primero la lluvia los sorprendió con las uralitas sin poner, luego la 'ducha' fue a cargo del Xallas de Santa Comba que los 'bañó' en su propio campo. ¡Vaya equipo que tiene el Xallas! Esto se lo oíamos a uno que los vio jugar en plan de campeones como acostumbran a hacerlo en la Copa. ¿Con tanta 'copa' no se marearán los muchachos de Santa Comba?". E é que en catro partidos, o Xallas case lograra os mesmos goles que en toda a liga. Na final o rival vai ser a SD Buño, que acabara 4º na liga, e o partido de ida dispútase o 29 de setembro no campo de Xaviña, con moito público que comprobou asombrado como os oleiros derrotaban sorprendentemente aos ¿mareados? xalleiros cun amplo marcador de 3-0, grazas aos goles conseguidos por Cances (minuto 3), José Luis (minuto 80) e Novo (minuto 85), aínda que a dicir das crónicas a mala actuación do gardameta xalleiro tivera que ver moito no resultado final, ao que tamén lle engade Emilio Amado en El Ideal Gallego os erros tácticos cometidos polo adestrador visitante. Formaran polo Xallas FC: Arufe; Aparicio, Pachini, Arana; Ventura, Matito; Joselín, Rivera, Juan Ramón, Lete e Juanito. A volta no campo do Carreiro o 6 de outubro, tivo, na opinión de Emilio Amado, un protagonista especial na figura do árbitro, o Sr. Cascudo. No minuto 12 concede un máis que discutible penalti aos locais que transforma Santi no 1-0, e tras milagreiras ocasións erradas polos xalleiros chegouse con ese marcador ao descanso. No minuto 62 Matito poñía o 2-0, pero os oleiros tiñan controlado un partido, que ben puido quedar sen algún dos seus protagonistas polas moitas faltas e incidencias que disque houbo. Con isto, chegouse ao minuto 88 no que se produce un dos chamados "goles fantasma" a favor do Xallas, que Amado sinala que entrou claramente pois el atopábase nesa portería. O árbitro non o concedeu e o Buño proclamouse campión da Copa da Costa co mérito de facelo con xogadores da súa canteira, moitos deles aínda xuvenís.
El Ideal Gallego, 07-10-69
Temporada 1968-69, e o Xallas remata a liga na 5ª posición de 9 equipos participantes, pero novamente se renova o cadro de xogadores para a Copa (que xogan 8 equipos por renuncia do At. Bergantiños). Nos cuartos de final o rival do Xallas é o CD Baio, e no partido de ida xogado no Balsiño o "farol vermello" consegue empatar ante o poderoso cadro xalleiro (2-2), pero na volta no Carreiro gaña con facilidade (3-0). Nas semifinais o rival vai ser o Fisterra, que, tras unha boa liga, non vai ver os xalleiros diante, cun baño maior que o da temporada anterior (7-1 en Santa Comba e 1-4 en Fisterra). 
O portorriqueño Arana, o
primeiro xogador de cor
na Copa da Costa
Presentábase o Xallas por cuarta temporada consecutiva na final, e ía ter como rival ao Ponteceso SD, que exerceu de local no primeiro partido disputado no seu novo campo Municipal. O 21 de setembro os da vila de Pondal impuxéronse por 2-0 ao Xallas con goles de Conde (minuto 10) e Ventura en propia meta (minuto 54), en dous despexes errados de Arufe. Xunto a este xogaron no Xallas FC: Puchini, Ventura, Rúa; Mayer, Kubala; Lete, Rivera, Matito, Quique e Joselín; como por vez primeira se permitían os trocos, no segundo tempo Aparicio substituíu a Lete. O dianteiro Joselín fora expulsado na primeira parte por protestar un gol anulado. O encontro de volta xogouse o 28 de setembro no Carreiro, e o Xallas formou con: Arufe; Aparicio, Puchini, Rúa; Mayer, Ventura; Lete, Rivera, Matito, Arana e Kubala. Cun gol de Kubala (minuto 15) chégase ao descanso, e o equipo xalleiro bótase ao ataque no segundo na busca da igualada, pero o Ponteceso creaba máis perigo nas contras, pero Arufe salvou aos seus. Pero será Rivera no minuto 70 o que marque e poña o 2-0 que sería definitivo, polo que se tivo que xogar un partido de desempate. Novamente elixen o Municipal de Vimianzo para disputalo, o 5 de outubro, cunha entrada "ata a bandeira". O Xallas era o favorito, pero os goles non chegaron ata mediada a segunda parte. No minuto 65 un penalti a favor do Xallas é transformado por Mayer para poñer o 1-0, e cinco minutos despois Rivera conseguía o segundo; no minuto 87 Lete certificaba a vitoria. Saíron polo Xallas FC: Arufe; Arana, Puchini, Rúa; Mayer, Ventura; Lete, Quique, Matito, Rivera e Kubala. Era a terceira Copa da Costa para o Xallas en catro finais consecutivas.
Xallas FC na final da Copa da Costa contra o Ponteceso: Arufe, Ipiña (adest.),
Aparicio, Puchini, Duro, Rá, Mayer, Ventura, Rafael; Lete, Rivera, Matito,
Arana, Kubala e Quique. [Foto: santacombanamemoria.es]
E vai ser tamén o final dun ciclo, pois o equipo xalleiro vai deixar de apostar pola Copa da Costa, de transformar o equipo da liga nun novo para este torneo. Atrás quedaron as concentracións en Santiago co presidente durmindo cos xogadores para que non fosen de esmorga, as comidas na casa de Capeáns, a presenza do médico Atomé, as tácticas de Ipiña, etc. etc. Habería que agardar moitos anos para que os loureiros copeiros volvesen ás vitrinas deste clásico da Costa, concretamente ata a temporada 2001-02, e conseguiría a quinta Copa na 2015-16. O Xallas FC participou en 41 edicións da Copa da Costa, con 180 partidos disputados -o que o converten no 5º equipo nesta clasificación-, venceu en 80 deles, empatou 42 e perdeu 58; marcou 336 goles e encaixou 277. Os seus cinco trofeos colócano como o segundo con máis entorchados, por detrás do UC Cee (suma 7), e as seis finais que disputou sitúano como cuarto por detrás de Cee e Ponteceso (9) e Fisterra (8). Esta é a historia do Xallas FC na Copa da Costa, unha historia que empezou un presidente que dixo que a Copa era para os homes... xalleiros.

09/12/17

A (M)ARCA DE NOÉ

É ben certo o dito de que en Fisterra dáslle unha patada a unha pedra e sae un futbolista. E foron moitos os que saíron, e moitos os que triunfaron no mundo do fútbol, chegando algún mesmo á 1ª División, pero ningún deles se mantivo tantas temporadas en categoría nacional como Noé. A súa marca de partidos xogados na 3ª División (591) vai ser difícil de superar, e todos eles no mesmo equipo, o CCD Cerceda. Pero antes disto houbo outros equipos e outras ligas.
UD Corcubión xuvenil 93-94 con Noé man en terra
[Foto cedida por Manín]
Celestino Noé López López naceu en Fisterra o 17 de xuño de 1977, polo que acaba de chegar aos 40 anos. Lonxe queda a temporada 1993-94 cando Noé, como foi coñecido futbolisticamente, debutaba na Liga da Costa sendo aínda xuvenil de primeiro ano. Facíao na UD Corcubión, a onde chegara da man do míster Manín, xunto con outros rapaces fisterráns, do cadete da SD Fisterra. Co equipo corcubionés proclamaríase campión da liga costeira xuvenil, conseguindo subir á Liga Galega nunha fase de ascenso na que mesmo chegaron á final, que perderían co Chapela de Redondela. Noé foi o máximo goleador daquel equipo xuvenil e o seu adestrador definíao nun especial asinado por José Manuel Ferreiro en La Voz de Galicia (18·4·94) como "un xogador hábil, con moita velocidade e de fácil remate con ambas pernas".

Xallas FC xuvenil 94-95 con Noé anicado (2º pola dereita)
[Foto cedida por Manín]
Noé coa SD Fisterra
[Foto: JMF]
Na campaña seguinte, Manín marcha para o Xallas FC, e Noé decide acompañalo. No equipo de Santa Comba alternaría o xuvenil co sénior da Liga da Costa. O Xallas perdeu esa liga pola golaveraxe fronte ao Lira, e os fisterráns abandonan o club rumbo ao Ponteceso SD, onde xogarían esa mesma temporada a Copa da Costa. Continúan no equipo pontecesán na vindeira campaña na Liga da Costa, pero en novembro Manín é cesado, e Noé tamén se vai, no seu caso para fichar polo SD Fisterra, que militaba na 1ª Rexional. Seguiría Noé no club da súa vila natal na temporada 1996-97, na categoría provincial, onde xa destacou como gran goleador. Este mesmo ano o SD Fisterra conseguiría proclamarse campión da Copa da Costa, gañándolle na final ao Ponteceso SD, nun cadro fisterrán con futuras estrelas do fútbol galego como Llanero, César, Pesca e o propio Noé, que axiña abandonarían o equipo en busca de cotas máis altas.
Noé no Bergantiños FC
[Foto: JMF]
O destino de Noé estaba no Bergantiños FC, que na temporada 1997-98 competía tamén na 1ª Rexional. A pesar de que o club carballés non lograra o obxectivo de ascender, o bo rendemento do fisterrán faría que o CCD Cerceda se interesase por el e lle ofrecese estar a proba na pretemporada; superou o exame con boa nota -fora o máximo goleador dos partidos de preparación-, e o míster Carlos Brizzola decidiu fichalo. O 30 de agosto de 1998 Noé debutaba na 3ª División no partido Cerceda-Caselas, xogando os últimos dez minutos. Esa temporada o CCD Cerceda acabou terceiro, polo que Noé xogou a súa primeira promoción de ascenso á 2ªB. Aínda que esta primeira campaña xogou máis partidos entrando desde o banco que de titular, a partir da súa segunda temporada no Roxo xa se asentou no once inicial. Non fora esta unha boa campaña para os cercedenses, que quedaron fóra do play-off, pero Noé xogaría case todos os partidos e foi o segundo máximo goleador do equipo. Peor foron as cousas na temporada seguinte, na que o ascenso do Celta B salvou o Cerceda de descender. Melloraron na 2001-02, pero sería na temporada 2002-03 cando conseguise o primeiro título co Cerceda: campión da 3ª División. Na fase de ascenso logo perderían as opcións de subir. Volvería repetir título co Cerceda na 2003-04, e aquí prodúcese un cambio importante para Noé, pois o míster Fernández Abel pono a xogar de carrileiro, e nesa posición será o que xogue máis minutos do plantel. Novamente se lle negou o ascenso ao Cerceda, quedando fóra na primeira das novidosas eliminatorias de promoción. Esta temporada supuxo o debut do Cerceda, e tamén de Noé, na Copa do Rei; o 27 de agosto o Cerceda recibiu ao Barakaldo no Roxo sen que houbese goles, para despois perder en terras vascas.
Na temporada 2004-05 o Cerceda non cumpre os obxectivos e queda fóra da promoción, con Noé convertido en fixo no lateral dereito para os catro adestradores que tivera o equipo. Nova participación na Copa do Rei, eliminando na previa ao Castillo canario, para ter a fortuna de enfrontarse ao Deportivo da Coruña na seguinte rolda a partido único: xogouse no Roxo o 27 de outubro de 2004, con vitoria coruñesa (0-2).
Burgos CF 05-06 con Noé anicado (1º pola esq.)
Xa que co Cerceda non puido dar o salto á 2ªB, Noé decide fichar polo Burgos CF. Co lucense Fabri no banco, debuta na categoría de bronce en Zamora, o 27 de agosto. Pero a mala sorte cebaríase co fisterrán, pois despois de ser titular nas primeiras xornadas, unha lesión truncaríalle a temporada, non chegando nin a disputar a promoción de ascenso á 2ªA. Volvería para o Cerceda na 2006-07, unha temporada irregular tanto para el como para o club, pois as lesións fixeron que apenas xogase a metade dos partidos e o equipo que era líder destacado en marzo acabaría fóra dos play-off. Recuperaría a regularidade Noé na seguinte campaña sendo o segundo que máis xogou, pero o equipo novamente fracasou no intento de disputar a promoción. Si o conseguiría na 2008-09 ao rematar cuarto, pero a ilusión quedou truncada na primeira eliminatoria co Peña Sport. Noé encabezaría o apartado de minutos xogados no equipo desta temporada e tamén da seguinte, na que o Cerceda sería subcampión e disputaría unha nova promoción. Nesta desfaríase do Costa Cálida CF murciano, do CD Alfaro rioxano e perdería na última eliminatoria co CD La Muela aragonés por un só gol.
Noé pasou no Cerceda de dianteiro a lateral [Foto: JMF]
Na temporada 2010-11, o Cerceda, despois de participar na Copa do Rei -eliminado pola UD Logroñés-, gañaría outra vez a liga da 3ª División, con Noé no podio dos que máis xogaron, mais o ascenso volvéuselle resistir; tras perder na fase de campións coa UE Llagostera catalá, na segunda oportunidade eliminounos a madrileña UD Sanse. Na 2011-12 o Cerceda foi terceiro, xogando Noé menos do habitual polas lesións; iso si, estivo na promoción, na que se desfixeron do Cuarte CF zaragozano, pero non puideron co CF Fuenlabrada madrileño. Esta campaña volveron xogar a Copa do Rei, na que eliminaron a todo un CD Tenerife na primeira rolda, pero caeron na seguinte coa UE Llagostera. A temporada 2012-13 supuxo para Noé volver encabezar o apartado de minutos xogados, mais o equipo fixo unha mala campaña e acabou na zona media. Volvería aos postos altos na 2013-14, a piques de saír campión, pero tivo que conformarse co subcampionato e cun primeiro rival na promoción, o CD Tenerife B, que os deixaría fóra. Similar situación se deu na 2014-15, co Cerceda terceiro na liga, e caendo na primeira eliminatoria, neste caso coa SD Logroñés. Tras xogar menos do habitual nesta, Noé volvería ser segundo en minutos xogados na 2015-16, na que o Cerceda foi subcampión. Na promoción desfíxose do Villaralbo CF zamorano e do CD Azuqueca guadalaxareño, para xogar o ascenso co At. Sanluqueño; tras empatar en terras andaluzas parecía que este ano si se ía dar, pero o Cerceda perdeu no Roxo e escapou unha nova oportunidade. Na última temporada, Noé volveu pasar polo calvario das lesións e apenas puido participar, e mesmo tivo que ver desde o banco a súa undécima promoción, neste caso co Jerez CF estremeño.
18 anos defendendo as
cores do CCD Cerceda
[Foto: JMF]
Poñía fin aquí Noé a unha traxectoria de 24 temporadas competindo como sénior, 19 delas en categoría nacional (18 na Terceira e 1 na 2ªB) e outras cinco a nivel máis modesto (repartidas entre a Liga da Costa e a 1ª Rexional). Disputou practicamente 600 partidos ligueiros en categoría nacional, os que Noé foi titular en case o 93% deles; e os seus 591 partidos de liga co Cerceda -36 deles de promoción- supoñen a mellor marca non só do club (lonxe quedan os 349 de Souto ou os 346 de Toño), senón de toda a 3ª División galega (para ver a magnitude das súas cifras, só 21 clubs galegos teñen máis partidos que Noé na historia desta categoría). Xogou ademais oito partidos da Copa do Rei, o único xogador que participou en todos os encontros do Cerceda nesa competición (e todos os minutos, 780). E poderiamos ampliar o seu currículo falando da Copa Federación, da Copa Galicia ou da Copa Deputación, e tamén dos partidos coa Selección Galega de Afeccionados (coa que foi campión de España na temporada 2009-10 e disputou como tal a Copa das Rexións UEFA 2010-11), co que as cifras do fisterrán aumentarían aínda máis. En definitiva, estes non son máis que os rexistros, as marcas da súa vida deportiva; os recordos vividos en todos este anos tenos gardados Noé na súa arca.

11/11/17

DÚAS PUBLICACIÓNS

Hoxe traemos aquí dúas publicacións que acaban de chegar ás nosas mans nestes días e que queremos compartir con vós. Por unha parte acudimos á revista O Dez, que trae da man de Xabier Maceiras un artigo sobre a famosa eliminatoria da Copa do Rei entre o Bergantiños e o Rayo Vallecano, da que se cumpriu esta semana o 30º aniversario. E por outra parte, achegámonos á Estrada para falar do fútbol neste concello a través do seu campo de fútbol, o mítico Campo da Baiuca, e da implicación do pobo estradense na construción do campo, algo que compartiron tamén con moitos equipos da Costa.

A Copa do Rei en Carballo: Bergantiños-Rayo Vallecano

A revista coruñesa O Dez -posiblemente a mellor revista de fútbol en Galicia na actualidade- aborda no seu nº4 un partido que fixo historia na vila de Carballo, como foi a eliminatoria da Copa do Rei entre o Bergantiños FC e o Rayo Vallecano madrileño. Xa falamos brevemente deste enfrontamento no noso libro dos 50 anos da historia do fútbol da Costa (1964-2014) (vide. pp.188-189), pero agora Xabier Maceiras profundiza un pouco máis nas páxinas 32-34 desta revista baixo o título "Trinta aniversario da 'noite dos transistores'". Este grande investigador arteixán desenvolve o acontemento dos dous partidos e mesmo entrevista ao protagonista da confrontación, o capitán bergantiñán Lucho. O 5 de novembro de 1987 disputouse o partido de volta no vello campo Municipal carballés, o mítico campo do Chorís, ante máis de 3000 espectadores, entre un cadro local que acaba de ascender á 2ª División B e o mítico equipo madrileño que militaba daquela na 2ª División. A resolución da eliminatoria resúmese na frase do adestrador visitante: "Se nos ha aparecido la Virgen", pero este partido quedou para sempre na memoria colectiva do fútbol carballés e costeiro.

A Baiuca. A implicación dun pobo, por Ricardo Terceiro

O campo da Baiuca, na Estrada, é un deses campos que forman parte da historia do fútbol galego e a través del Ricardo Terceiro cóntanos tamén a historia do fútbol neste concello da Estrada. Nun libro financiado polo propio autor, ex-directivo do CD Estradense, podemos ir comprobando o duro que é soster un club de fútbol modesto, que contaba no seu tempo cunhas instalacións modélicas, que foron froito da implicación dos seareiros estradenses.
Principia a obra cun prólogo de Juan J. García Cota, actual xefe médico do  R.C. Celta e da Selección Española, e ex-xogador e ex-presidente do C.D. Estradense. Despois o libro divídese en 11 capítulos, que comeza coa prehistoria do fútbol na Estrada, coa chegada deste deporte nos anos vinte do século pasado, cos primeiros equipos que se formaron. Pasa despois ao período da posguerra para tratar dos diferentes campos que os rapaces estradenses ían acondicionando para xogar os partidos. Ata que chega a idea, compartida desde o Concello, de construír un auténtico campo de fútbol e competir de forma oficial.
En 1959 van dar inicio as obras do que será o Campo de Deportes Municipal, e escóllese a zona da Baiuca para o acondicionamento dos terreos. As obras foron realizadas polo propio consistorio, que conseguiu moitas axudas de institucións públicas, pero que na época eran insuficientes para o proxecto que se pretendía levar a cabo. Con todo, ese mesmo ano xa estaría disposto e listo para a competición o terreo de xogo, que era o obxectivo inicial para poder competir.
Así, logo, ese mesmo ano 1959 fúndase o Club Deportivo Estradense, que vai competir oficialmente na Liga das Rías Baixas. Xogou o equipo no campo da Baiuca, mentres as obras continuaban nel coa construción das bancadas e vestiarios axeitados. E aquí a directiva estradense buscou a implicación das empresas e dos propios seareiros. Significativo foi o que deron en chamar "Operación Bloque", campaña popular na que os afeccionados pagaban os bloques cos que se ía pechar o campo, e así era frecuente nos bares ver frases como esta: "cóbrame tres viños e catro bloques", ou mesmo nas partidas de cartas en vez de xogar as consumicións xogar tantos bloques para o campo de fútbol. A implicación do pobo estradense foi tal que en setembro de 1960 as obras xa estaban acabadas. Puideron logo, pedir os do Estradense o seu ingreso na Serie A Rexional, competición máis ou menos pechada na que era obrigatorio ter unhas boas instalacións (polo menos campo pechado, vestiarios individualizados e duchas de auga quente).
O Campo de Deportes Municipal da Baiuca era xa unha realidade, cunha señorial bancada, e cunha pista de atletismo, que todo hai que dicilo con algún grave defecto (o foxo da auga dos 3000 m. obstáculos foi construído ao revés), pero no comezo da década de 1960 era un dos mellores campos de Galicia. O CD Estradense competíu na Serie A Rexional ata que se regularizaron as competicións a mediados da década de 1970 e pasou á Rexional Preferente. Os anos oitenta trouxeron os peores anos deportivos do club, co descenso á 1ª Rexional e incluso á 2ª Rexional, pero no final da década xa se volveu á Preferente. e despois xa alcanza a 3ª División. Tras sete campañas nesta categoría, volve descender á Preferente na 1997-98, e descender á 1ª Rexional na 2004-05, pero axiña volve á categoría biprovincial. Na 2010-11 volve competir na 3ª División, pero só aguantará dúas temporadas nesta categoría, e baixará de novo para a Preferente, na que se atopa actualmente.
No 2010 deténtase problemas estruturais que fan dunha importante reforma no campo, á que se lle buscan diferentes solucións (a máis insólita, a construción dunha nova tribuna pegada ao campo e a pista de atletismo por detrás dela), ata que se decide en 2012 que o mellor é facer un novo campo. O 18 de maio de 2014 xogouse o último partido oficial no Campo da Baiuca, para pasar a temporada seguinte ao Novo Campo Municipal da Estrada. O vello e glorioso campo foi derrubado en 2016 rematando con el máis de medio século de historia do fútbol estradense e galego.

Copa da Costa. Palmarés e partidos xogados por cada club

O xalleiro Arana levanta un dos primeiros trofeos da Copa da Costa      Esta temporada dispútase a edición número 60 da Copa da Costa, que ...