21/04/25

Copa da Costa. Palmarés e partidos xogados por cada club

O xalleiro Arana
levanta un dos
primeiros trofeos
da Copa da Costa
     Esta temporada dispútase a edición número 60 da Copa da Costa, que debera ser a 62 se non fose polas dúas edicións suspendidas a causa da pandemia da Covid. Nas 59 edicións anteriores participaron un total de 77 equipos, entre os cales atopamos moitos filiais, como podedes ver na lista de partidos xogados polos distintos equipos. A razón da súa presenza vén da prohibición de participar durante moitos anos aos equipos que militaban na Preferente e tamén durante algunhas tempadas aos da Primeira Rexional, pois tiñan os seus propios torneos copeiros (a Copa Galicia os de Preferente e a Copa Primeira os desta categoría). É por esa causa que equipos como o Noia, Cee, Fisterra, Corcubión, Xallas, Baio, Camariñas etc. deixasen algún ano de competir no prestixioso torneo copeiro costeiro. Outras veces a razón da súa non presenza era a desparición momentánea do club, que deixaba de xogar algunha temporada por determinados problemas (casos do Cee, Fisterra, Ponteceso ou Xallas entre os máis importantes). 

     Xa vos falamos hai tempo de moitas das edicións desta competición e agora toca facer balance. Así, temos que o equipo que máis temporadas participou na Copa da Costa foi o Ponteceso SD (leva 53 e este ano será a 54), seguido cunha participación menos polo CD Baio; o Buño SCD leva 50 (disputará a 51) e o Xallas FC unha menos cós oleiros (coa aclaración de que en tres edicións os xalleiros adoptaron o nome de Xallas de Santa Comba CF).

     O Xallas FC domina o palmarés de títulos, con 8 trofeos, revelándose este club como moi copeiro desde a súa fundación. Xa falamos nalgunha ocasión da famosa frase, que hoxe nos pode soar politicamente incorrecta, de Raso, presidente fundador do club xalleiro: "La liga para las mujeres y la copa para los hombres", que facía referencia á súa política de fichaxes de xogadores de categoría superior para disputar a Copa da Costa, o que lle valeu tres títulos e un subcampionato. Con todo, foi nos últimos anos cando o Xallas superou ao UC Cee, que con 7 trofeos ocupa o segundo posto, mentres que o CF Dumbría logrou a pasada campaña alcanzar o podio en solitario cos seus 5 títulos, deixando a Ponteceso SD e SD Fisterra con 4. Son o Xallas e o Ponteceso os que máis finais disputaron, cun total de 10, seguidos por Cee e Fisterra, con 9. Xa que logo, Ponteceso, con 6, e Fisterra, con 5, foron os que máis finais perderon, seguidos do Baio, con 4.

     Son ata o momento 26 os clubs que se alzaron co trofeo de campións da Copa da Costa, e outros 7 lograron chegar algunha vez á final sen lograr o ansiado trofeo. Como podedes apreciar, varios destes clubs xa non existen e incluso algúns abandonaron a Copa da Costa por outras copas, pero a maioría vai seguir disputando este ano a competición. 

     Se nos fixamos nas táboas dos partidos xogados no torneo, vemos que lidera a clasificación o Ponteceso, con considerable vantaxe de máis de 20 encontros sobre Xallas, Baio e Cee. Resulta curioso comprobar como os cinco primeiros clasificados corresponden a unha comarca distinta, coma se se erixisen no seus representantes para este torneo: o Ponteceso da de Bergantiños, o Xallas da Terra de Xallas, o Baio da Terra de Soneira, o Cee da comarca de Fisterra e o desaparecido Carnota da comarca de Muros. Tamén é significativo que este club carnotán, que deixou de competir en 2016, siga entre os equipos cabeceiros, aínda que neste factor tamén inflúe a celebración nos últimos anos de eliminatorias a partido único. En fin, aí vos quedan estes cadros nos que se explica a participación deses 77 equipos, e que este ano terá un novo membro coa presenta do Inter de Brens.



Copa da Costa. Palmarés e partidos xogados por cada club

O xalleiro Arana levanta un dos primeiros trofeos da Copa da Costa      Esta temporada dispútase a edición número 60 da Copa da Costa, que ...