![]() |
| O Cee FC en 1935 no Campo das Raíces [Foto: Caamaño] |
Nos nosos artigos sobre a chegada do fútbol á Costa da Morte nos anos vinte do pasado século, coa súa popularización masiva nos comezos da seguinte, xa falabamos de que o golpe de Estado de 1936 e a posterior Guerra Civil supuxo un lóxico parón na celebración de partidos. Moitos deses mozos futbolistas foron chamados á fronte de guerra durante os tres anos que durou o conflito, outros sufriron as consecuencias dela polas súas ideas e viron perigar o seu traballo e incluso a súa vida. Pero dentro de toda masa había tamén excepcións, e quizais as posibilidades económicas das familias burguesas de Cee e Corcubión fixo que nestas vilas houbese unha ampla poboación xuvenil que logrou eludir a contenda militar. Pode ser esta a razón pola que xa en plena guerra se celebrasen numerosos partidos entre diferentes clubs destas localidades.
Con estas circunstancias, e coa Guerra Civil próxima a rematar (faríao oficialmente o 1 de abril de 1939), anúnciase mediado o mes de marzo de 1939 un “Campeonato Comarcal” de fútbol no que ían participar seis equipos. Eran estes o Huracán F. C., o Invencible F. C., o Junquera F. C. e o Once Leones S. D., os catro da vila de Cee; e o Corcubión F. C. e o Rápido F. C., da de Corcubión. En xogo estaba unha copa doada por Segundo Correa, ex-xogador do Fortuna vigués e do primeiro Junquera ceense, traballador na fábrica de Brens, que, como vimos no artigo dedicado ao fútbol en Cee nos anos vinte, fora o principal impulsor deste deporte na vila de Fernando Blanco de Lema. Os partidos do campionato disputaríanse no Campo de Raíces e a data de inicio estaba fixada para o 19 de marzo.
Ese día principiaba esta competición cun espectacular Junquera-Corcubión, que ía deparar un contundente resultado favorable ao conxunto corcubionés (0-5). Para o domingo seguinte, o 26, estaba prevista unha dobre confrontación: o Huracán-Once Leones e o Invencible-Rápido. Días despois, nas páxinas de El Ideal Gallego (2.4.1969), podemos ler que este último partido non se disputou “por haberse retirado del campeonato el Rápido y el Corcubión F.C.”. Debido a este feito, elabórase un novo calendario, aínda que dan por bo o partido disputado ese día 26 entre o Huracán e Once Leones, que rematara cun resultado de 0-6.
O 9 de abril, de novo nas páxinas de El Ideal Gallego, dáse o punto de vista do adestrador do Corcubión F.C. sobre esa suposta e sorprendente retirada dos dous clubs corcubioneses: “El entrenador del Corcubión F.C. nos escribe manifestándonos que su equipo no se retiró del campeonato organizado por el Junquera F.C., como se ha dicho, sino que fue eliminado de la competición en contra de su voluntad, achacando semejante medida al hecho de haber ganado al Junquera, en la primera jornada, por cinco tantos a cero y revelarse como probable ganador del campeonato. Según manifiesta el indicado entrenador del Corcubión F.C., el Rápido se retiró en señal de protesta por la conducta observada por los organizadores con el equipo corcubionés”.
Xa que logo, e despois da máis que probable expulsión do Corcubión F.C. e da retirada solidaria dos seus veciños do Rápido, o “Campeonato Comarcal” pasa a denominarse “Campeonato Local de Cee” cos catro equipos ceenses coñecidos. Xa vimos que a primeira xornada se disputara o día 26, polo que a segunda, o 2 de abril, deparou un Junquera-Invencible, que rematou cun contundente 8-0. O día 6, os do Invencible enfrontáronse ao Huracán, con empate final (4-4); pero non debía estar permitida a igualada no marcador porque estes dous equipos terían que xogar un partido de desempate. O 9 de abril volveu xogar o Invencible, nesta ocasión co Once Leones, que se impuxo por un claro 0-6. Á semana seguinte era o Junquera o que goleaba por 5-0 ao Huracán. O 19 de abril xogaban o Invencible e o Huracán o citado partido de desempate, que, en vista dos resultados acadados, serviu para dilucidar o terceiro e o cuarto posto. Os do Huracán venceron por 2-1.
Do mesmo xeito, os resultados do campionato depararon que o partido da última xornada entre o Junquera e o Once Leones servise para decidir o campión da liga. Debeu ser intenso o encontro porque rematou sen que se movese o marcador, polo que tivo que programarse un de desempate para o domingo seguinte. O 30 de abril a igualdade tamén presidiu o partido, pero nesta ocasión si que houbo goles, en concreto un para cada equipo. Tivo, pois, que celebrarse un novo encontro de desempate no campo das Raíces o día 7 de maio. E agora si que tivemos un vencedor claro, pois o marcador sinalou un 3-0 favorable para o Junquera, o chamado “equipo dos señoritos”, grazas a tres goles do seu dianteiro Michinel.
El Ideal Gallego daba a clasificación final (incluía nela os partidos que remataran en empate) e os máis destacados de cada equipo no campionato. Así, salientou polo Invencible a Cerdeiras e a Berto; polo Huracán a Guillén, Dorna e Luis; polo Once Leones a Formoso, Mayán, Marcelino e Pose; e polo Junquera a Freire, Michinel, José, Mirucho, Sánchez e Sieso.
Cremos que non se volveu celebrar máis veces este campionato, pero si que se seguiron disputando moitos partidos en Cee e en Corcubión, entre os distintos clubs que había en cada vila, e tamén con outros doutras poboacións da Costa da Morte e da Coruña e de Santiago. Iso posibilitou que varios dos xogadores que ían destacando neses encontros estivesen no punto de mira de grandes clubs da nosa provincia, pero disto xa falaremos noutro artigo.

