 |
Miculita e Manín, protagonistas da primeira Liga da Costa Xuvenil |
No
ano 1968 a Federación Galega de Fútbol atendeu a petición dos
clubs da Costa e creou a primeira liga de xuvenís, logo de bastante
tempo solicitándoa. Ademais, o ter equipo xuvenil permitía por
aquel entón que tres deses rapaces puidesen xogar co equipo sénior,
o que favorecía completar as aliñacións ante as lesións e
sancións que se daban ao longo da temporada (aínda que, lembremos
daquela aínda non se permitía facer trocos e só xogaban once en
cada xornada).
A
Liga da Costa xuvenil deu inicio na temporada 1968-69, pero a
Federación xa consentiu que aqueles clubs que se anotasen para xogala
xa podían facer uso deses rapaces na anterior temporada 1967-68. E é
que temos que retroceder a aqueles tempos nos que a Liga da Costa se
xogaba na primavera e parte do verán e a Copa no que quedaba do
verán e mesmo chegaba ao outono. Así, a campaña 1967-68 dos sénior
iniciárase o 26 de marzo de 1968 e rematara o 23 de xullo, mentres
que a Copa da Costa xogouse entre o 18 de agosto e o 6 de outubro.
Con este calendario para os maiores, decidiuse que a competición
xuvenil tiña que celebrarse antes da liga sénior, nos meses do
outono e do inverno.
Na primeira Liga da Costa xuvenil
participaron 8 equipos dos nove clubs que disputaban a liga sénior:
CD Baio, SD Buño, UC Cee, SD Fisterra, Muxía CF, Ponteceso SD,
Soneira SD e Xallas FC. A única excepción foi a do At. Bergantiños,
que era filial do Bergantiños e este xa tiña o seu xuvenil
disputando o Campionato Rexional, pois o club carballés dispuña de
equipo xuvenil desde 1956. Tamén o Buño levaba dous anos competindo
co cadro xuvenil na Liga de Arteixo, con meritorios resultados.
Xa que logo, oito clubs históricos do noso fútbol daban inicio a
esta competición de xuvenís. A liga estendeuse entre o 27 de
outubro de 1968 e o 26 de xaneiro de 1969.
Os campos que viron os primeiros
partidos oficiais de xuvenís foron A Arliña, co Muxía-Cee (2-0), O
Frade co Ponteceso-Fisterra (0-4), O Balsiño co Baio-Buño (0-0) e o
Municipal vimiancés co Soneira-Xallas (4-1).
A primeira volta acabou co Fisterra
e o Soneira no alto da clasificación, con 12 puntos, seguidos polo
Buño, con 9. Por abaixo, o Ponteceso non lograra puntuar. Pero no
inicio da segunda volta a táboa foise apertando máis e a catro
xornadas para o final, os fisterráns e soneiráns vían como os
oleiros se poñían a un punto deles (16 por 15), xusto antes dos
enfrontamentos directos. Na xornada 11ª o Fisterra recibía o
Soneira e vencían os fisterráns, que ademais se aproveitaban do
sorprendente empate sen goles do Buño en Cee (os ceenses só sumaron
dous puntos na 2ª volta). Na seguinte xornada, o Buño conseguía
gañarlle ao Fisterra por 2-0 e o Soneira facía o propio en
Ponteceso para poñer un triplo empate a 18 puntos.
A xornada 13ª deparaba un
Buño-Soneira, que remataba cun claro 5-2 para os locais, o que
practicamente deixaba fóra do título aos vimiaceses. A cousa
quedaba entre o Buño e o Fisterra, que nesta xornada gañara tamén
con comodidade ao Xallas (4-1). Eran precisamente os xalleiros os que
ían recibir ao Buño na última xornada, mentres que os fisterráns
tiñan que desprazarse a Baio, dúas saídas en principio cómodas,
pois os rivais ocupaban postos baixos na táboa. Contaba ademais o
Fisterra coa vantaxe da golaveraxe a favor, polo que gañando no
Balsiño era campión.
As cousas foron máis duras do
agardado, xa que mentres o Buño gañaba en Santa Comba por un
axustado 2-4, máis incerteza se deu en Baio, onde o cadro fisterrán
só logrou gañar pola mínima (3-4). Iso si, era un resultado
suficiente para proclamarse como os primeiros campións da Liga da
Costa xuvenil. Neste Fisterra, como ben relata Gabriel Riveiro no seu Balóns a Corveiro, destacaban dous rapaces que se habían
converter nuns dos máis grandes xogadores que viron os campos da
Costa: Manín e Miculita.
Pola parte baixa, o Ponteceso levaba
o farol vermello, pois tan só sumou 5 puntos (feitos nas catro
últimas xornadas), dous menos que o Baio.
 |
| Clasificación final da 1ª Liga da Costa Xuvenil |
Como vimos, a emoción presidiu esta
primeira competición xuvenil, e moitos destes rapaces pasaron a
engrosar as filas do equipo maior na Liga da Costa sénior que
comezou en marzo. Foi o caso do Fisterra, que segundo se anunciaba en
La Voz de Galicia (29.3.1969)
presentábase na liga "con
un conjunto completamente remozado. De antemano muchos dan al
conjunto de la villa 'del cabo' como uno de los más cualificados
favoritos. Esta primera salida a Mugía, nos dará el grado de
potencialidad de este Finisterre 'juvenil'". Tamén o
Buño anunciaba que ía botar man deles, e non lles foi mal, pois
gañaron a liga nunha competición aínda máis igualada que a dos
xuvenís, pois resolveuse ante Muxía e Fisterra por unhas centésimas
de gol, como podedes ler noutro artigo deste blog
picando aquí. En definitiva, foi un
paso adiante para a mellora dunha Liga da Costa cada día máis
grande.
 |
| Resultados da liga xuvenil |