28/12/24

Balóns a Corveiro. Historia e contra historia do fútbol fisterrán

Velaí o título do último libro que sobre o fútbol da Costa acaba de saír neste 2024. O seu autor é Gabriel Riveiro López, a quen todo o mundo coñece como Bebeto. Pero non é un libro de fútbol ao uso. Realmente si que é a historia do fútbol fisterrán, pero tamén é a historia de Fisterra, e incluso poderiamos dicir que son historias do e de Fisterra. Porque Bebeto escolleu iso, ir contándonos a través de relatos curtos, de xeito cronolóxico, a historia dun club e dunha vila da fin da terra.

En 330 páxinas, dende 1927 ata a actualidade, vai narrando aconteceres do fútbol fisterrán, fóra de dar táboas de resultados e clasificacións de cada temporada. Divide o libro en nove apartados, que comeza cada un deles cunha breve crónica histórica do que pasou na vila nese período de tempo, ao estilo do mestre Galeano en El fútbol a sol y sombra. E cada apartado ten as súas historias, nas que van desfilando centos de persoeiros -cos seus nomes e alcumes- que dunha ou doutra forma contribuíron a dar vida a este deporte na vila fisterrá. Son as entrevistas a moitos destes persoeiros as que achegan máis autenticidade ao relato, pois as máis das veces as historias son contadas pola boca de quen as viviron. Pero tamén hai moito traballo de investigación, de pescudar na prensa de todas as épocas -é houbo épocas duras de rastrexar- todos aqueles datos e anécdotas que puideran interesar para a elaboración deste libro. Todo iso adornado con centos de fotos e recortes de xornais, que fan máis atractiva a lectura.

Non nos queda outra que felicitar a Gabriel Riveiro 'Bebeto' polo seu inmenso traballo. Amigo lector, se podes facerte cun exemplar deste libro non o dubides, pois estarás diante dunha grandísima obra de amor á terra, ao club da súa vila e, en definitiva, ao fútbol da Costa.

Copa da Costa. Palmarés e partidos xogados por cada club

O xalleiro Arana levanta un dos primeiros trofeos da Copa da Costa      Esta temporada dispútase a edición número 60 da Copa da Costa, que ...