25/05/18

HISTORIA DA COPA DA COSTA (IV)


16ª EDICIÓN – TEMPORADA 1978-79

Equipos participantes
21
Campión
S.D. FISTERRA
Subcampión
U.D. CORCUBIÓN

Participan 21 equipos, os 18 que competiron nos dous grupos da Liga da Costa e os 3 que militaban na 1ª Rexional -categoriá creada esta temporada- (Bergantiños, Esteirana e Fisterra), pero non o Dep. Carballo que estaba na Preferente. Houbo que xogar cinco eliminatorias na previa, e precisamente nunha delas enfróntábanse dous dos equipos da 1ª, Fisterra e Bergantiños, pero os carballeses non se presentaron a xogar. Nas outras, esperadas vitorias do Laxe contra o Xuventude de Bergantiños, do Sp. Bértoa contra o Sp. Zas, do Outes contra o Negreira, e máis sorprendente foi o pase do Ponteceso fronte ao Malpica.
Previa da final en La Voz de Galicia
Nos oitavos, Ponteceso, Soneira, Sp. Bértoa, Corcubión e Outes xa deixaron a eliminatoria xa sentenciada na ida ante Laxe, Xallas, Esteirana, Carnota e Lariño, respectivamente. O Fisterra perdeu pola mínima en Buño (2-1) e tivo que remontar no Ara Solis (4-2); mentres que Camariñas e o Porteño levaban dous goles de vantaxe a Cee e Baio, respectivamente, pero estes lograron igualar a vantaxe e pasar a cuartos na quenda de penaltis. Nos cuartos, o Ponteceso goleou ao Soneira (5-0) e volveu gañar en Vimianzo (4-3); máis clara foi a vantaxe que o Fisterra levou contra o Outes (7-0), polo que non lle importou perder na Serra (2-1), mentres que o Corcubión gañou en Bértoa (0-2) e goleou no Cubaleiro (5-0). Máis igualada estaba a eliminatoria entre o Cee e o Baio logo do empate en Raíces (3-3), pero o Cee demostrou o seu podería no Balsiño impoñéndose por 1-2.
Nas semifinais, o Ponteceso recibía ao Corcubión moi ilusionado por chegar a outra final, pero os corcubioneses gañaron no Municipal (0-1), e non tiveron problemas por resolver na súa casa cunha clara vitoria (3-0). A outra eliminatoria é un clásico de máxima rivalidade entre Cee e Fisterra, co partido de ida en Raíces, no que os fisterráns se adiantaron con dous goles na primeira parte, pero os ceenses igualaron na segunda cun segundo gol de penalti moi protestado polos fisterráns que desembocou en agresións aos árbitros ao remate do partido. Varios xogadores do Fisterra recibirían fortes sancións (un foi sancionado de xeito indefinido, outros dous por 25 partidos e algún máis tivo penas máis baixas). A pesar diso, o Fisterra logrou impoñerse na volta ao Cee no Ara Solis (2-1) e pasar á final.
A final xogouse o 15 de xullo en Corcubión no seu partido de ida e o Cubaleiro encheuse para ver este encontro de rivalidade, que deixou unha vitoria do Fisterra que lle daba unha boa vantaxe para o enfrontamento de volta. Dous goles no primeiro tempo foron reflexo da superioridade fisterrá ante un Corcubión no que só o porteiro Lois estivo ao nivel amosado durante a temporada. A volta, sete días despois, tivo menos público do agardado polo resultado da ida, e o partido tampouco foi espectacular. O Fisterra foi de novo superior ao Corcubión e Lois converteuse de novo na figura ao deter todas as ocasións locais, aínda que Quinito tivo que empregarse a fondo algunha vez. Ao remate non houbo goles, e o Fisterra gañou a súa primeira Copa da Costa na súa cuarta final.

FINAL IDA (15-07-1979)
U.D. CORCUBIÓN
Lois; Camacho, Lema, Bautista; Cachu, Julio, Lojo II, Juan Ángel, Pombo, Lojo I, Dani.
FISTERRA S.D.
Bermúdez (Quinito); Martínez, José, Julio, Velay, Manolo, Juan Francisco, Dito, Joseíño (Quico), Cachuso, Chucho.
Goles
0-1 Chucho (15), 0-2 Juan Francisco (42).
Reportaxe gráfica de El Ideal Gallego

17ª EDICIÓN – TEMPORADA 1979-80

Equipos participantes
25
Campión
U.C. CEE
Subcampión
U.D. CORCUBIÓN

Participan 25 equipos, os 23 que disputaron a Liga da Costa nos dous grupos, e dous máis que estaban na 1ª Rexional (Corcubión e Dep. Carballo). Non o fixo o actual campión, a SD Fisterra, pois esta temporada militaba na Preferente. Ata nove eliminatorias na previa, con fáciles pases para o Corcubión, Dep. Carballo, Baio e Porteño ante Lariño, Xuventude, Erbecedo, Lariño e Sp. Zas, respectivamente (destacou o Lariño-Corcubión, cun marcador global de 5-13, con sete goles de Manín). O Cee levou vantaxe a Bértoa e logrou mantela, ao igual que o Ponteceso co Sofán; o Xallas empatou en Malpica e o Buño en Verdillo e os dous lograron pasar vencendo na súa casa, mentres que o Outes gañoulle ao Negreira pero en Cepelo os nicrarienses remontaron con facilidade.
Nos oitavos, o Xallas e o Carnota empataron na ida e os carnotáns levaron a eliminatoria na volta pola mínima; o Cee levou unha boa vantaxe a Negreira (2-0), pero os barcaleses lograron igualar a eliminatoria (3-1) pero nos penaltis pasaron os ceenses; parecía sentenciado o pase do Dep. Carballo fronte ao Baio logo do 3-0 da ida, pero os baieses igualaron o marcador no Balsiño mais un gol dos carballeses ao final deulles o pase (4-2). O Buño parecía levar un bo resultado de Muros (1-1), pero estes non se renderon e venceron en Xaviña (1-3); o Corcubión fixo notar a súa categoría superior para impoñerse con facilidade ao Ponteceso (4-1 e 2-4). Esteirana e Lira empataron no Artón (3-3) pero na volta fixéronse fortes os lirachos (2-0); e no derby entre Porteño e Soneira o 5-3 da ida a piques estivo de ser igualado polos vimianceses na volta (2-1). A última eliminatoria non chegou ao seu final, pois tras o igualado partido de ida con vantaxe mínima para o Camariñas (4-3), en Laxe os locais levaban unha clara vantaxe (4-0) cando o público visitante invadiu o campo en protesta pola actuación arbitral a falta de 20 minutos.
Nos cuartos de final, as catro eliminatorias quedaron sentenciadas na ida: o Cee venceu en Lombáns (1-4) e empataron en Raíces (3-3), o Dep. Carballo levou a Muros un 4-1 que aguantou cun empate (2-2), clara vitoria do Corcubión sobre o Lira (5-1) e novo empate na volta (2-2), mentres que o Laxe gañou na Ponte do Porto (1-4) e rematou goleando na casa (8-1). Tamén nas semifinais os partidos de ida foron definitivos e os de volta meros trámites; curiosamente os resultados foron iguais nas dúas confrontacións. En Raíces o Cee venceu ao Dep. Carballo por 3-0, con goles de Jorge, Fanín e Sieso, e no Cubaleiro o Corcubión fíxoo polo mesmo resultado ante o Laxe, con goles de Pombo (2) e Julito; e na volta mesmos resultados en Carballo e en Laxe (2-2), que lles daban o pase a Cee e Corcubión á final.
O 29 de xuño no Cubaleiro xogouse o partido de ida da final entre os dous equipos veciños, na que supoñía a cuarta final para o Cee e a segunda para os corcubioneses. Empezaron gañando os locais cun gol de Manín (min.35), pero no segundo tempo remontaron os ceenses con goles de Pancho (53), Santiago (63) e Jorge (75), reducindo distancias de novo Manín para poñer o definitivo 2-3 (84). O partido de volta tivo unha previa confusa, ao amotinarse tres xogadores ceenses, que ameazaron con non xogar se non lle pagaban cadansúas 5000 pesetas ao que non accedeu a directiva do Cee, mentres que o Corcubión perdía o seu dianteiro Pombo por ter que incorporarse á mili esa semana. O partido estivo igualado e a emoción mantívose ata o final, pois o 1-1 que campeaba no marcador deixaba aberta unha posible prórroga que nunca chegou e a Copa da Costa foi para o Cee, que conseguía de novo o dobrete (Liga e Copa) e mantiña o pleno nas finais copeiras.

18ª EDICIÓN – TEMPORADA 1980-81

Equipos participantes
34
Campión
S.D. LAXE
Subcampión
CAMARIÑAS F.C.

Salto cualitativo de participantes, que xa eran nada menos que 34, nove máis que a temporada anterior, e mesmo competiron os equipos filiais (B) xunto co equipo A. 31 dos equipos participantes procedían dos dous grupos da Liga da Costa e os outros tres (Camariñas, D. Carballo e Cee) da 1ª Rexional, quedando fóra os de Preferente (Corcubión) e 3ª División (Fisterra e Noia). Houbo que xogar na previa dúas eliminatorias, nas que o Baio e Camariñas non tiveron problemas para gañar a Soneira e Coristanco, respectivamente. Nos 16º de final, as únicas sorpresas viñeron nas eliminatorias entre o Baio e o Lira, campión ligueiro do grupo sur, no que os baieses golearon no Balsiño (6-2) e aguantaron na volta (2-1), e na do Ponteceso contra o Atalaya do Porto do Son, na que os bergantiñáns -subcampións do grupo norte- perderon os dous partidos.
Nos oitavos de final, o Baio logrou vencer ao Laxe na ida, pero na volta golearon os da beiramar; o Lariño levou dous goles de vantaxe a Noia, pero o filial noiés remontou na volta en pasou aos cuartos. Pareceu senteciar o Xallas cun 4-0 ante o Outes, pero estes na Serra estiveron a piques de empatar (3-0); a vitoria mínima do Dep. Carballo da ida (3-2) non foi suficiente pois o Atalaya deu a sorpresa ao vencer no Porto do Son (4-1). Non tivo problemas o Malpica e gañoulle os dous partidos ao Sp. Zas; e o Sofán, tras empatar na casa, foi gañar a Carnota para pasar a cuartos. Sorprendente vitoria do Negreira no Cepelo por 4-0 ante o Cee, que deixou fóra a outro equipo da 1ª Rexional pois en Raíces só puido gañar 2-0; tamén tivo que suar o terceiro equipo da 1ª, o Camariñas, que perdeu co Cee B na ida (4-3), pero na volta goleou (5-1) e pasou a eliminatoria.
La Voz de Galicia publicou a previa
Nos cuartos, o Laxe non tivo problemas para desfacerse do Noia B tras o 3-0 da ida, e un axustado 1-2 na volta; o Atalaia seguía o seu camiño tras gañar en Santa Comba (1-3) e golear ao Xallas no Porto do Son (8-1). Máis axustada estivo a eliminatoria entre o Malpica e o Sofán, con vitoria malpicá na ida (2-0) que intentaron recurtar os carballeses na volta de xeito insuficiente (1-0); e o Negreira non puido repetir a sorpresa e o Camariñas pasou por riba en Cepelo (0-3) para dar espectáculo no Hnas. Patiño (6-5). Nas semifinais, o Laxe sentenciou na ida ante o Atalaya cun contundente 6-1, polo que puido aforrar enerxías na volta, na que gañaron os do Son (1-0). Máis igualada se supoñía a eliminatoria entre o campión ligueiro do grupo norte, o Malpica, e o Camariñas, da 1ª Rexional, que tivo un primeiro episodio na Pedra Queimada con empate final (2-2), pero na volta o Camariñas fíxose forte no seu campo e gañou por 3-0 con goles de Camuel (2) e Suso.
Laxe e Camariñas chegaban por vez primeira a unha final da Copa da Costa, polo que a expectación nas dúas vilas era máxima. O partido de ida disputouse o 9 de agosto no Hermanas Patiño e o Laxe impúxose nun gran segundo tempo no que marcou tres goles e deixou sentenciada a final (0-3). Unha festa foi o partido de volta no que os laxenses xa celebraban por adiantado a vitoria, pero o Camariñas non se deu por rendido, pois foi gañando 0-1 ao descanso, tras empatar os laxenses na reanudación, volveron os camariñáns poñerse por diante, pero Balbino puxo o definitivo 2-2. Gañaba o Laxe a súa primeira Copa da Costa despois de facer un gran torneo, no que gañou todas as eliminatorias por un mínimo de tres goles de vantaxe.
O Laxe coa súa primeira Copa da Costa

19ª EDICIÓN – TEMPORADA 1981-82

Equipos participantes
31
Campión
PONTECESO S.D.
Subcampión
ATALAYA S.D.

Por vez primeira desde que existe a categoría esta temporada non compiten os equipos da 1ª Rexional (Dep. Carballo, Lira, Malpica e Lira), co que se unían aos da Preferente (Camariñas, Cee, Corcubión e Noia) e 3ª División (Fisterra). Disputaron logo esta edición os equipos que conformaron os dous grupos da Liga da Costa, un total de 31, coa baixa do Cee B. Os 16º de final tivo un equipo exento -a Esteirana- e ningunha sorpresa nas eliminatorias, na que só unha se resolveu nos penaltis (o San Lorenzo eliminou o Buño). A máis interesante foi a que enfrontou aos terceiros dos dous grupos ligueiros, na que o Sofán gañou pola mínima na ida (2-1), pero o Xallas goleou na volta (3-0).
Nos oitavos, a Esteirana non tivo problemas en desfacerse do Camariñas B, mentres que o Negreira impúxose á Baña no duelo comarcal; o Cerqueda parecía sentenciar cun 3-0 pero o Camelle deulle a volta cun gran 4-0. O campión da pasada edición e actual campión ligueiro do grupo norte, o Laxe, tamén parecía sentenciar na eliminatoria estrela ao gañar no Son ao Atalaya (0-1), pero os barbanzáns lograron asaltar o Escarabajo e gañaron 0-2. O Corme levou unha gran vantaxe a Lariño (4-0), que a piques estiveron de igualarlla (5-2); moita igualdade no Baio-Carnota, con empate na ida (2-2) e moitos goles na volta (5-4). O San Lorenzo e Xallas empataron en Verdillo pero en Santa Comba sentenciaron os xalleiros (4-1); mentres que o Ponteceso, logo de perder na Serra de Outes (3-2), logrou a remonta na volta (3-1).
Entrevista a Tucho, presidente do
Ponteceso en La Voz de Galicia 
Nos cuartos, Esteirana e Negreira disputaron a eliminatoria máis igualada, con vitoria nicrariense no Artón (1-2) e empate na volta en Cepelo (2-2); o Camelle deu a sorpresa ao gañarlle ao Atalaya na ida (4-2), pero os do Porto do Son non tiveron problemas na volta (5-1). Menos dificultades tivo o Carnota para desfacerse do Corme, ao que lle gañou os dous partidos (0-3 e 5-2); e o Xallas-Ponteceso, que se presumía tamén unha confrontación igualada, quedou resolta na ida co 1-4 conseguido polos pontecesáns no Carreiro, polo que o empate da volta (1-1) foi un trámite. Nas semifinais, repetíase a loita polo título ligueiro do grupo sur entre o campión Negreira e o subcampión Atalaya, con vitoria mínima para os barcaleses na ida (1-0), que foi remontada polos do Son na volta cun claro 3-0. Na outra, o Ponteceso logrou unha importante vitoria en Lombáns (0-1), que, non obstante, foi igualada polo Carnota no Municipal (0-1), polo que tiveron que xogar o pase na quenda de penaltis, na que o Ponteceso logrou meterse na final.
A información da prensa ía a menos
Cuarta final para o Ponteceso e primeira para o Atalaya na Copa da Costa; chegaban os dous despois de seren subcampións de cadanseu grupo da Liga da Costa, polo que un probaría a dozura do triunfo. O partido de ida xogouse o 30 de maio no Preguntoiro do Porto do Son sen que ningún dos dous equipos lograse inaugurar o marcador (0-0). O 6 de xuño xogouse a volta no Municipal de Ponteceso, na que os locais se adiantaron na primeira parte cun gol de Lolo; o propio Lolo marcou o segundo para os pontecesáns que parecía sentenciar a final, pero un gol de Juan para o Atalaya deulle emoción aos últimos minutos, sen que chegase a modificarse o 2-1 que supuxo a segunda Copa da Costa para o Ponteceso.
Ponteceso SD na final da Copa [Foto: Porto/Pose]

20ª EDICIÓN – TEMPORADA 1982-83

Equipos participantes
32
Campión
C.D. BAIO
Subcampión
CORISTANCO S.D.

Participan os 15 equipos que competiron na Liga da Costa (2ª Rexional) e os 17 que se encadraron na novidosa 3ª Rexional (dividida en dous grupos); non o volven facer os nove da 1ª Rexional nin os catro da Preferente (tiñan copa destas categorías). Co número exacto de 32 equipos comezouse polos 16º de final, con algunhas sorpresas como a eliminación do Outes polo Freixo no derby municipal, ou do Buño polo Muxía. Destacaron algunhas goleadas no global: Cabana-Monte Louro (11-0), Baio-Xuventude (13-1) ou Cerqueda-Muros B (12-2); mentres que o Lariño quedou eliminado por aliñación indebida fronte ao Fisterra B.
Mínima crónica en La Voz de Galicia
Nos oitavos de final, o pechacancelas da Liga da Costa, o Dep. Carballo, eliminou o campión do grupo norte da 3ª Rexional, o Nantón. O Freixo a piques estivo de dar unha nova sorpresa pero o Coristanco remontou na Rocheira; mentres que os seus veciños da Agualada empataron na casa co San Lorenzo pero en Verdillo impúxeronse os carballeses. O Cabana deu a sorpresa gañando en Vimianzo, pero o Soneira impúxo a lóxica e remontou na volta; o Baio goleou ao Sp. Bértoa no Balsiño e chegoulle un empate para pasar a eliminatoria. A Esteirana goleou nos dous partidos ao Portosín, mentres que o Carnota xa sentenciou na ida ante o Muxía, o mesmo que fixo o Cerqueda co Fisterra B. Nos cuartos, rivalidade entre o Dep. Carballo e o Coristanco, que tras o empate na ida (1-1) resolveuse na Rocheira para os locais (3-1); o San Lorenzo deu a sorpresa ao vencer ao subcampión ligueiro, o Soneira, en Verdillo (2-1), que refrendou empatando en Vimianzo (1-1). A eliminatoria estrela enfrontaba ao campión ligueiro, o Baio, contra o terceiro, a Esteirana, e a igualdade manifestouse no Balsiño, partido que acabou en empate (2-2); na volta, no Artón, o Baio demostrou a súa condición de campión e venceu por 0-2. Por último, o Carnota venceu con solvencia ao Cerqueda en Lombáns (3-0), e fixo valer a vantaxe na volta (2-1).
Reportaxe da final de El Ideal Gallego
Nas semifinais, novo enfrontamento de rivalidade para o Coristanco, que recibía ao San Lorenzo na ida, e practicamente sentenciou o pase á final ao golear por 5-1, pero os verdilleses non se deron por vencidos e a piques estiveron de forzar a prórroga (4-1). Na outra eliminatoria, o Baio impúxose pola mínima ao Carnota no Balsiño (2-1), e na volta en Lombáns fixeron o propio os carnotáns (1-0), polo que houbo que recorrer á quenda de penaltis para atopar o gañador e este foi o CD Baio (venceu por 2-1, logo de que o porteiro baiés Lolo parase catro penaltis e o seu homólogo carnotán tres).
O capitán baiés Juan levanta a Copa
Chegaban os dous equipos por vez primeira a unha final da Copa da Costa e o partido de ida xogábase o 10 de xullo no Balsiño, coincidindo coas festas locais, e o favorito Baio vía como o Coristanco levaba a vitoria grazas a un gol de Ramón Ángel no segundo tempo. No partido de volta xogado na Rocheira o 17 de xullo o equipo baiés desquitouse e en apenas quince minutos xa estaba por diante na eliminatoria logo dos goles de Juan Calabanda (m.7) e José Antonio (13), para sentenciar a final no segundo tempo Manín cun terceiro gol (m.71), aínda que Ramón Ángel puxo algo de emoción ao marcar no min.80 o 1-3, que ao remate foi definitivo. Primeira Copa da Costa para o CD Baio que completaba esta temporada o dobrete.
As formacións do SD Coristanco e CD Baio no Balsiño

Ningún comentario:

Publicar un comentario

CEN ANOS DE FÚTBOL NA COSTA. 5. A CHEGADA DO FÚTBOL ÁS COMARCAS DE MUROS E DE NOIA

  O concello de Carnota: Deportivo Pindo e Carnota Apenas contamos con información de partidos de fútbol neste concello, a pesar de atopars...