Borja
Facal Lema (Laxe, 1985) -coñecido como Borja Facal no mundo do
fútbol- anunciou hai uns días que poñía fin á súa carreira como
xogador. E faino pasando á historia do Bergantiños FC como o que
máis partidos disputou en categoría nacional con este club, cun
total de 258 encontros.
A
vida deportiva de Borja Facal comezou, como moitos outros nenos
laxenses, no CD Baio, club no que estivo na súa etapa infantil. Unha
vez alcanzada a idade cadete fichou polo Bergantiños FC, club no que
estaría boa parte da súa carreira futbolística: dous anos como
cadete, tres como xuvenil e sete como sénior. O seu debut co
primeiro equipo carballés na 3ª División tivo lugar sendo aínda
xuvenil de segundo ano, na temporada 2002-03. En concreto o 13 de
abril de 2003, nas Eiroas, ante o Portonovo, José Luis Vara deulle a
oportunidade ao entrar no minuto 85 substituíndo a Dieguito. Esa
temporada interviría en tres partidos máis: Viveiro, Compostela B e
At. Arteixo. Xa tivo moita máis intervención na seguinte campaña,
na que participou en 22 encontros. Na temporada 2004-05, a súa
primeira como sénior, xa era un fixo das aliñacións carballesas do
novo míster José Antonio Moreira, pois disputou un total de 33
partidos. A súa boa actuación non pasou desapercibida e para a
campaña seguinte fichou polo Fabril, no que estivo nas dúas
seguintes temporadas na 3ª División, nas que se proclamou campión
de liga, pero só puido lograr o ascenso na segunda delas. Xogou no
filial deportivista a liga da 2ªB na 2007-08, acabando en cuarta
posición, o que lle valeu disputar a promoción de ascenso á 2ªA,
mais sen sorte. Non puido dar o salto ao primeiro equipo coruñés, e
decidiu emigrar para outro filial, o Murcia B, co que disputou a
temporada 2008-09 tamén na 2ªB, quedando ás portas de xogar unha
nova promoción de ascenso. Volveu ao Bergantiños para a campaña
2009-10, equipo que volvía á 3ª División logo de dous anos na
Preferente, e Borja acabou xogando 24 partidos no cadro dirixido por
Manuel Varela Bardanca. Deixou o cadro carballés para xogar as dúas
seguintes campañas no Racing de Ferrol, na 3ª División. Na
primeira delas o equipo foi subcampión pero non logrou ascender, e
na segunda tivo un mal ano e acabou na zona media. Ficha pola SD
Compostela para a temporada 2012-13, na que o equipo queda terceiro
pero logra o ascenso á 2ªB con gran protagonismo do laxense.
Seguiría no club santiagués na seguinte campaña na categoría de
bronce do fútbol español logrando a permanencia. Na temporada
2014-15 decide volver de novo ao Bergantiños que adestraba Javier
Oreiro e faríase en propiedade do lateral dereito, disputando máis
de 30 partidos en cada unha das cinco seguintes temporadas. Na
primeira delas a piques estivo de xogar a promoción, mentres que na
seguinte salváronse polos pelos do descenso á Preferente. Na
2016-17, xa con Miguel Figueira no banco, o Bergan rematou no cuarto
posto e disputou a fase de ascenso (eliminado co Badaxoz), na
seguinte foi subcampión e novamente non logrou o ascenso (eliminado
co Cirbonero), e novo subcampionato na 2018-19 e outra vez non
superou as eliminatorias de ascenso (superado na segunda polo
Villarrubia).
Equipo infantil do CD Baio 1996-97 adestrado por Moncho Varela. Borja (x) figura entre outros dous futuros xogadores do Bergantiños: Óscar Toja e Pablo Domínguez |
Despois
de sete temporadas como sénior, e sumando os partidos que disputou
co primeiro equipo sendo aínda xuvenil, Borja Facal alcanzou a
intervir nun total de 258 encontros como xogador do Bergantiños FC,
todos eles na 3ª División, o que o converten no que máis partidos
disputou neste club en categoría nacional. O cadro carballés leva
ata o momento 21 temporadas na 3ª División, ás que lles hai que agregar as dúas nas que estivo na 2ªB, para facer un total de 23 campañas
en categoría nacional. O Bergantiños suma 794 partidos de liga
regular na 3ª División -o que o coloca na 16ª posición entre os
clubs galegos nesta categoría-, ao que lles hai que engadir os 26 de
promocións de ascenso á 2ªB, e os 76 que xogou na 2ªB, o que dá
un total de 896 encontros en categoría nacional.
Cos
36 partidos disputados nesta súa última campaña, Borja Facal
logrou desprazar do primeiro posto a un clásico do equipo carballés,
como foi o centrocampista da Silva, Lito, que alcanzou os 227
partidos coa elástica vermella. Tras el figuran agora tres
integrantes do actual cadro de xogadores do club: Toni (217
partidos), e Cristopher e Aarón Rama (206). Despois xa figuran
xogadores históricos do club bergantiñán como son Josito (199),
Jesús (196), Pea (190), Chilín (187), Lerio (164), Villa (160),
Pablo Domínguez (158) e Dani (154), que foron os que superaron os
150 encontros.
Aínda
que Borja Facal iniciou a súa carreira en posicións avanzadas, foi
xogando cada vez máis atrás e rematou como lateral dereito. Iso non
foi impedimento para que marcase co cadro carballés un total de 18
goles, o que o coloca na 11ª posición entre os seus goleadores en
categoria nacional. Unha lista que encabeza o salmantino Jesús (66
goles), e ségueno Villa (55), Josito (49), Rubén Rivera (40), José
Ramiro (33), Lito (30), Josiño Mato e Rodri (24), Pazolo (22), e
Guillermo e Iago Blanco (20), por diante do de Laxe.
O palmarés de
Borja Facal resúmese, pois, en 3 temporadas na 2ªB e 12 na 3ª
División (ás que habería que engadir unha e media cando era aínda
xuvenil), logrou dous títulos de campión da 3ª División, e
disputou a promoción de ascenso á 2ªA nunha ocasión e sete veces
á 2ªB.