16/05/18

HISTORIA DA COPA DA COSTA (III)

11ª EDICIÓN – TEMPORADA 1973-74

Equipos participantes
11
Campión
NOIA S.D.
Subcampión
S.D. ESTEIRANA

Participan os 11 equipos que disputaron a Liga da Costa. Xogaron a previa seis conxuntos, e déronse os resultados agardados, coa clasificación do Negreira fronte ao Outes (3-0 e 3-4), da Esteirana fronte ao Corcubión (4-1 e 1-2) e do Porteño contra o Baio (4-1 e 4-1). Nos cuartos, o Cee deu a sorpresa ao eliminar ao subcampión ligueiro, Negreira, ao gañarlle os dous partidos (0-2 e 3-1); o Xallas, despois de empatar na casa (1-1), tivo que vencer en Carnota para pasar (0-2); non tivo problemas o invicto campión ligueiro Noia para desfacerse do Malpica nos dous partidos (1-2 e 4-0); e, por último, o Porteño, a pesar do seu mal campionato ligueiro, defendeu con uñas o seu título do ano anterior e tras empatar os dous partidos con igual marcador (2-2) foi derrotado nos penaltis pola Esteirana.
Entrevista a Severo, porteiro do Noia
de tan só 16 anos no Ideal Gallego
Nas semifinais, a Esteirana logrou empatar no campo das Raíces ante o Cee (1-1) para ser un vendaval no Artón (5-0) e clasificarse para a súa primeira final. O Xallas fíxolle fronte ao Noia no Carreiro ao empatar o partido logo de ir dous goles por abaixo (2-2), e aínda lles deu que facer aos noieses no San Alberto, pero ao final a calidade noiesa impúxose (4-2).
O todopoderoso Noia, vencedor de tres ligas, presentábase por vez primeira na final da Copa da Costa, e facíao contra os veciños de Esteiro, tamén novatos nestes lides. O partido de ida disputouse no campo de San Alberto o 14 de xullo, con moito público, sobre todo por parte visitante, e moito vento. A pesar do bo primeiro tempo dos esteiráns, chegouse ao descanso con vitoria local por 2-0 (obra de Alfonso) grazas á actuación do porteiro Severo (de 16 anos). No segundo período estiveron mellor os noieses, e, en cambio, a Esteirana logrou igualar o partido, pero Segundo marcaría o definitivo 3-2. No partido de volta xogado no Artón catro días despois, e con máis público que no da ida, a Esteirana saíu disposto a remontar a eliminatoria, pero sería Alfonso quen adiantase ao Noia antes de chegar ao descanso. Controlou o partido o cadro noiés na reanudación, e Manín conseguiría ampliar a diferenza; a posible relaxación visitante e a coraxe local provocaron que a Esteirana conseguise empatar o partido, con goles de Joaquín e Caamaño, e poñer emoción ao treito final do partido, pero axiña despexou dúbidas Alfonso ao marcar o terceiro e definitivo gol noiés para igualar o marcador do partido de ida. Conseguía así o Noia SD a súa primeira Copa da Costa que sumada á Liga supoñía un dobrete que só conseguira o UC Cee nas dúas primeiras edicións. E facíao o Noia ademais sen perder ningún partido nas dúas competicións, o que dá mostra do seu poderío, aínda que si perdería na promoción de ascenso á Preferente co Brigantium betanceiro.
O Noia SD, campión de Liga e Copa da Costa 1973-74:
Manolo, Lugo, Nando, Mayo, Miculita, Díez II;
Juanatey, Manín, Quico, Lete e Alfonso.

12ª EDICIÓN – TEMPORADA 1974-75

Equipos participantes
14
Campión
S.D. ESTEIRANA
Subcampión
S.C.D. MALPICA
Gelucho e
Periscal

 Eran xa 14 os participantes, os mesmos que no torneo ligueiro. Nos oitavos de final, co Negreira e Baio exentos, o Ponteceso eliminou ao Carnota, a Esteirana ao Laxe, o Xallas goleou ao Porteño, o Malpica venceu ao Fisterra, o Noia sufriu ante o Outes e o Cee impúxose no derby co Corcubión. Nos cuartos, o subcampión Negreira caía sorprendentemente ante o Ponteceso nos dous partidos (3-4 e 2-1); a Esteirana xa sentenciou na ida (3-0) e aguantou na volta (1-1), o Malpica deu a gran sorpresa ao eliminar ao campión ligueiro, o Noia, que perdía en Pedra Queimada (2-0) e non conseguía vencer en San Alberto (1-1); e a piques estivo o Baio de dala co Cee, pois estes venceran en Raíces (4-2), pero no Balsiño os baieses a piques estiveron de forzar a prórroga (3-2).
Nas semifinais, o Ponteceso enfrontouse á Esteirana, e no Municipal vitoria pola mínima para os locais grazas a un gol de Pereira I. Pero na volta os esteiráns demostraron o seu poderío e xa na primeira parte sentenciaran a eliminatoria con tres goles, que serían cinco ao rematar o encontro, obra de Mariño (2), Blanco, José Luis e Paco. Na outra eliminatoria tamén houbo vitoria pola mínima para o equipo local, neste caso o Malpica, que, na Pedra Queimada, impúxose ao Cee cun solitario gol de Moraca; na volta, no Raíces, o Cee logrou igualar a eliminatoria na primeira parte, pero na reanudación os malpicáns fixéronse fortes e lograron empatar o partido cun gol de Souto, para así conseguir o pase á final.
Amancio fixo o saque de honra
Chegaba por vez primeira o Malpica a unha final copeira, mentres que a Esteirana repetía a do ano anterior, agora con ansias de obter mellor resultado. O 13 de xullo, coincidindo coas festas do San Cristovo, disputouse a ida en Pedra Queimada, nun encontro no que o vento foi un dos protagonistas. O outro protagonista foi a Esteirana, que, cun gran xogo, deixou sentenciada a final ao vencer por 0-3; no primeiro tempo só houbo un gol, obra de Mariño, o máximo goleador ligueiro; e na reanudación, os esteiráns, co vento en contra, aumentaron a conta con goles de José Luis e Mariño. Pero o Malpica non tirou a toalla, e no Artón saíu en tromba e logrou marcar dous goles, obra de Periscal e Gelucho, que lles puxo o medo no corpo aos esteiráns, pero Casal II logrou recurtar antes do descanso. As forzas malpicás chegaron ata aí, pois na reanudación a Esteirana sacou o rodete e marcaría catro goles para golear tamén na volta. Primeira Copa da Costa para a Esteirana, nunha final que tivo dous feitos significativos: a presenza no partido de volta en Esteiro do xogador do Real Madrid Amancio Amaro, que fixo o saque de honra, e a actuación dentro do cadro esteirán dun xuvenil, autor de tres goles na final, que logo habería triunfar no Deportivo: José Luis Vara.

FINAL IDA (13-07-1975)
S.C.D. MALPICA
Santiago; Milucho, Gelucho, Chucho; Benigno, Tonecho; Souto (Andrés), Juan Francisco, Periscal, Costa (Secundino), Moraca.
S.D. ESTEIRANA
Emeterio; Vilas, Tono, Casal I; Joaquín, Cordero; Blanco, Casal II, Mariño, Paco, José Luis.
Goles
0-1 Mariño; 0-2 José Luis, 0-3 Mariño.
FINAL VOLTA (18-07-1975)
S.D. ESTEIRANA
Emeterio; Tono, Cordero, Casal I; Joaquín (Fernández), Blanco; José Luis, Casal II, Mariño, Paco, Lito (Ricolo).
S.C.D. MALPICA
Santiago; Milucho, Gelucho, Chucho; Benigno, Tonecho; Andrés (Cuevas), Juan Francisco, Periscal, Figueroa, Moraca (Tito).
Goles
0-1 Periscal, 0-2 Gelucho, 1-2 Casal II; 2-2 José Luis, 3-2 Ricolo, 4-2 Cordero, 5-2 José Luis.

Equipo da Esteirana na final da Copa [Torres, 2006]

13ª EDICIÓN – TEMPORADA 1975-76

Equipos participantes
13
Campión
DEP. CARBALLO
Subcampión
S.D. FISTERRA
Periscal, goleador do Dep. Carballo
Dos 15 equipos que competiron na Liga da Costa foron baixa para a Copa dous: o campión Outes, que preferiu centrarse na promoción de ascenso á Preferente, e o Corcubión. Tres equipos quedaron exentos dos oitavos de final (Dep. Carballo, Baio e Esteirana), nos que o Malpica e o Negreira se desfixeron sen dificultades do Zas e do Laxe, respectivamente; o Carnota necesitou os penaltis para eliminar o Buño, o Xallas deu a sorpresa ao deixar fóra ao subcampión ligueiro Ponteceso, e no enfrontamento Fisterra-Porteño houbo moitos goles que depararon o pase dos fisterráns (8-6 no global).
Os irmáns López Canosa (Fisterra)
Nos cuartos, o Dep. Carballo -que volvía á Costa despois de deixar a Liga de Arteixo- empatou na ida co Malpica (1-1), pero na Pedra Queimada goleou e pasou a semifinais (1-5); o Carnota tivo que suar para desfacerse do Negreira, pero o 2-0 que levou de Lombáns foi suficiente no Cepelo (1-0 para o Negreira). O Xallas venceu pola mínima nos dous partidos ao Baio, que deu máis guerra da esperada (3-4 e 3-2); mentres que houbo tamén igualdade entre o Fisterra e a Esteirana, pero os fisterráns tamén gañaron os partidos pola mínima (1-0 e 4-5). Nas semifinais, o Dep. Carballo impúxose ao Carnota nos dous partidos por idéntico resultado (2-1), co que se metía na súa primeira final, e deixaba aos carnotáns sen o favoritismo que tiñan. Na outra eliminatoria, o Xallas e o Fisterra empataron no Carreiro (3-3) e resolviuse todo no Ara Solis, onde o Fisterra foi superior (2-0) e obtivo o pase á final.
O Deportivo Carballo debutaba nunha final da Copa da Costa mentres que para o Fisterra era a súa terceira, sen conseguir o galardón nas dúas precedentes. Amplo despregamento nas páxinas de El Ideal Gallego pola presenza do médico fisterrán J.M. Segura como correspodente do xornal coruñés, con varias entrevistas a varios xogadores (o carballés Periscal, e polo fisterráns os irmáns José, Juan e Chucho López, Carlos, Quinito, Paquito...). O partido de ida xogouse no Municipal carballés, e a pesar do dominio fisterrán dous goles de Ito -un en cada tempo- déronlle unha cómoda vitoria ao Deportivo Carballo. Pero o Fisterra non daría o seu brazo a torcer e cunha magnífica entrada no Ara Solis, o encontro de volta foi unha festa, co ex-xogador fisterrán Negro ao mando da banda de animadores locais. Amancio Amaro acudiu desde Esteiro, onde veraneaba, a Fisterra para facer outro ano o saque de honra. E saída en tromba do cadro local, que axiña marca un gol por medio de Míguez, pero foi un espellismo. Din as crónicas que o Fisterra fixo un dos peores partidos da temporada, algo ao que influiu o mermado estado físico do xogador-adestrador José e da promesa Paquito. Aguantou o Dep. Carballo todos os envites locais e aguantou o resultado para gañar a súa primeira Copa da Costa.

FINAL IDA (11-07-1976)
DEP. CARBALLO
Santiago; Vitolo, Villar, Pallas; Ito, Moreira; Medina, Juan Vila (Castro), Periscal, Lucho, Lolo (Ramón).
S.D. FISTERRA
Quinito; Juan Ángel, Torres, Míguez; Carlos, Juan Ramón; Suárez (Tanxeiro), José, Paquito, Velay (Manoliño), Chucho.
Goles
1-0 Ito; 2-0 Ito
FINAL VOLTA (18-07-1976)
S.D. FISTERRA
Quinito; Juan Ángel, Torres, Velay; Juan Ramón, Carlos; Tanxeiro, José, Míguez, Paquito, Chucho. No segundo tempo entrou Suárez.
DEP. CARBALLO
Santiago; Ramón, Villar, Pallas; Ito, Vitolo; Medina, Moreira, Periscal, Lucho, Juan Vila. No segundo tempo entraron Lolo e Piñeiro.
Goles
1-0 Míguez (20).
O Dep. Carballo 75-76 gañou a súa única Copa da Costa

14ª EDICIÓN – TEMPORADA 1976-77

Equipos participantes
16
Campión
OUTES F.C..
Subcampión
S.D. ESTEIRANA
Moito ambiente no Conchido
Participan 16 equipos dos 17 que competiron na Liga, pois o campión Fisterra non participou pola súa presenza na fase de ascenso á Preferente. Nos oitavos de final, a eliminatoria estrela foi entre o Bergantiños e o Cee, segundo e terceiro na liga, que se decantou a favor dos ceenses logo de gañar en Carballo (1-2) e empatar en Cee (1-1). Goleadas do Dep. Carballo fronte ao Sp. Zas, do Carnota co Laxe ou do Outes co Ponteceso; mentres que máis igualados estiveron os pases do Negreira fronte ao Xallas, do Buño contra o Baio, do Malpica fronte o Corcubión ou da Esteirana contra o Porteño, onde se marcaron 17 goles (4-3 na Ponte do Porto e 6-4 en Esteiro).
Gol de Manolito na ida [LVG]
Nos cuartos, o Outes gañou pola mínima no Conchido (1-0) e moita emoción e goles en Negreira para o pase dos da Serra (5-5); o derby entre o Buño e Malpica resolveuse cunha vitoria mínima dos oleiros en Xaviña (1-0) e a remonta dos malpicáns na Pedra Queimada (3-1). O Carnota deu a sorpresa gañando en Lombáns ao Cee (2-0) e refrendouna cun empate nas Raíces (3-3); mentres que a eliminatoria máis igualada foi a que enfrontou aos dous últimos campións, Dep. Carballo e Esteirana, que, logo de que cada un gañase como local por 2-0, resolveuse nos penaltis a favor dos esteiráns. Nas semifinais, o Outes sentenciou a súa eliminatoria co Malpica xa na ida ao vencer 4-0, que fixo insuficiente a vitoria mínima dos malpicáns na volta (1-0); na outra, a Esteirana logrou gañar en Lombáns (0-1) a un Carnota que non se deu por vencido e a piques estivo de igualar a contenda (2-2 no Artón).
Era a terceira final para a Esteirana en catro temporadas e era a primeira para un Outes que xogou como local no partido de ida celebrado o 10 de xullo. Excelente ambiente no campo do Conchido e dous goles obra de Manolito e Moncho no primeiro tempo déronlle unha boa vantaxe ao Outes neste partido (2-0). Unhas catro mil persoas, falan as crónicas, que presenciaron a volta no Artón, co saque de honra do goleador local Mariño, de baixa por unha fractura de tibia e peroné. A Esteirana dominou o primeiro tempo na busca dos goles que igualasen a eliminatoria pero o porteiro outiense Pájaro impediuno. Tiveron que agardar ata o segundo tempo a que chegase o primeiro para a Esteirana, pero o Outes apagou as ansias locais conseguindo empatar o partido pouco despois e o erro dun penalti por parte do esteirán Paco foi o golpe definitivo. Nos minutos finais os da Serra mesmo lograron gañar o partido para certificar a conquista da súa primeira Copa da Costa.
FINAL VOLTA (18-07-1977)
S.D. ESTEIRANA
Emeterio; José María, Tono, Blanquiño; Luis Casal, Curruncho; Veloso, Dominguiños, Paco, Casal, Ricolo.
OUTES F.C.
Pájaro; Benavente, Tajes, Andrés; Paco (Sarmiento), Alejandro; Rodri, Carballo, Eduardo, Campos, Manolito (Quintela)
Goles
1-0 Dominguiños (55), 1-1 Eduardo (68), 1-2 Carballo (82)

Outes e Esteirana aliñados no campo do Artón

15ª EDICIÓN – TEMPORADA 1977-78

Equipos participantes
16
Campión
U.C. CEE
Subcampión
S.D. BUÑO

Participan 16 dos 18 equipos que xogaron a Liga da Costa, coa baixa dos campións dos dous grupos que desde este ano tiña a competición ligueira. Dep. Carballo e Esteirana non xogaron a Copa, inmersos na promoción de ascenso á Preferente. Nos oitavos de final non houbo ningún enfrontamento importante, con fáciles pases para o Negreira fronte ao Lariño, do Outes sobre o Baio, do Buño co Porteño, do Malpica co Camariñas e dos renovados Cee e Laxe fronte a Ponteceso e Bergantiños, respectivamente. Máis dificultades tivo o Carnota para eliminar o Sp. Zas ou o Corcubión para deixar fóra o Xallas.
O Buño xogou a súa 4ª final
Nos cuartos de final houbo moita igualdade, coa mínima excepción do enfrontamento do Buño co Laxe, no que os oleiros lograron golear na volta. Outes e Cee empataron na ida (4-4), e na volta un solitario gol dos ceenses serviu para que quedasen no camiño os actuais campións. As outras dúas eliminatorias resolvéronse nos penaltis, pois tanto no Malpica-Carnota como no Corcubión-Negreira todos os partidos acabaron en empate, co que foi o lanzamento das penas máximas o que determinou o pase de Carnota e Corcubión. Nas semifinais, o Carnota impúxose en Lombáns ao Buño cun solitario gol de penalti marcado por Caluso no segundo tempo; e na volta, o protagonista foi o oleiro Lista, autor de tres goles que lle deron a volta ao gol inicial do carnotán Joseíño. O Buño -que mesmo erraría un penalti no desconto e tería a baixa de Varela cun traumatismo craneal- pasaba á final da Copa. Na outra semifinal, o Corcubión non puido facer nada ante o Cee e este sentenciou a eliminatoria con catro goles, repartidos a pares entre Insua e Madriñán. Mesmo resultado que se ía dar nas Raíces, con goles de Insua e Pancho no primeiro tempo, e de novo Pancho e Santiago no segundo.
Insua iría para
o Madrid Xuv.
Repetíase a final da Copa da segunda edición entre o UC Cee, para o que era a súa terceira final, unha menos das que acumulaba a SD Buño. O partido de ida xogouse no campo de Xaviña e na primeira parte o Cee foi o claro dominador, equipo no que destacou Insua que se erixiu na figura do partido e confirmou o porqué de que estivesen no partido varios observadores de categoría nacional. Con todo, non houbo goles no primeiro período, pero si chegou nada máis comezar o segundo, precisamente obra da figura ceense. O Buño reaccionou e conseguiu empatar o partido e nos minutos finais mesmo tivo ocasións para ir con vantaxe ao encontro de volta, mais non as materializou. Na volta no campo das Raíces, o equipo local fíxose dono do encontro e en menos de media hora xa marcara dous goles, o que unido á expulsión do oleiro Alejandro por protestar o segundo gol fixo que a final fose plácida para eles. Na segunda parte chegaría un terceiro gol para os ceenses, obra de Madriñán, que foi designado mellor xogador do partido. O Buño tivo a oportunidade de marcar o gol da honra, pero non era o día dos oleiros e fallarían un penalti nos minutos finais. O Cee levantaba a súa terceira Copa da Costa nas tres finais disputadas.

FINAL IDA (09-07-1978)
S.D. BUÑO
Luis; Puskas, Alejandro, Casal; Antelo, Herrero; Lista, Americano, Asorey, Cancela (Novo), Fernando.
U.C. CEE
Manolo; Becho, José Antonio, Pinche; Ramiro (Louro), Alberto; Santiago, Pericona, Pancho, Madriñán, Insua.
Goles
0-1 Insua (47), 1-1 Lista (70)
FINAL VOLTA (16-07-1978)
U.C. CEE
Manolo; Becho, Alberto, Pincho; Pericona (Rey), Picolo; Insua, Pancho, Madriñán, José Antonio, Santiago.
S.D. BUÑO
Luis (Paco); Puskas, Alejandro, Tarabela; Herrero, Casal (Novo); Lista, Antelo, Asorey, Americano, Fernando.
Goles
1-0 Madriñán (20), 2-0 Pericona (28); 3-0 Madriñán

Ningún comentario:

Publicar un comentario

CEN ANOS DE FÚTBOL NA COSTA. 5. A CHEGADA DO FÚTBOL ÁS COMARCAS DE MUROS E DE NOIA

  O concello de Carnota: Deportivo Pindo e Carnota Apenas contamos con información de partidos de fútbol neste concello, a pesar de atopars...