31/05/18

HISTORIA DA COPA DA COSTA (V)


21ª EDICIÓN – TEMPORADA 1983-84

Equipos participantes
40
Campión
S.D. LAXE
Subcampión
C.D. BAIO
Batíase a marca de participantes, chegando aos 40, procedentes dos dous grupos da Liga da Costa e os nove conxuntos costeiros que militaban na 1ª Rexional; pola contra, quedaban fóra os catro da Preferente (Atalaia, Bergantiños, Cee e Fisterra). Na previa, oito eliminatorias nas que tan só podemos considerar como sorprendente a derrota dun equipo de 1ª, o Ponteceso -aínda que fóra o pechacancelas-, contra o At. Mineiro; o Muros B remontara un 4-0 que traía de Carballo, pero foi eliminado por aliñación indebida, mentres que a Esteirana necesitou os penaltis para desfacerse do Cerqueda. Corcubión, Sofán, Cabana, Malpica e Sp. Bértoa pasaron sen moitos apuros.
Anuncio da final
Nos 16º de final, destacaron varias goleadas, como a do Cee B ao Agolada (12-0 para remontar un 3-0), do Sofán ao Carnota (7-0), do Muros ao Buño (5-0), do Camariñas ao Sp. Zas (6-1 e 4-6), do Corcubión ao Xuventude (4-1 e 1-5), do Laxe ao Nantón (5-1), da Esteirana ao Lariño (5-1)... Máis igualadas estiveron as eliminatorias que se resolveron nos penaltis, a do Camelle fronte á Baña e a máis chamativa, a do campión da liga da Costa Sur, o Soneira, que quedou fóra fronte ao Negreira da 1ª Rexional; o outro campión da Liga da Costa Norte, o Sp. Bértoa, tamén quedou fóra cun equipo da 1ª, o Malpica. Os oitavos, sorprendente goleada do Laxe ante o Corcubión na volta logo do 0-0 da ida: 9-1; o Sofán remontou cun 3-1 o 1-0 que traia o Camelle do Rodeiro; o Camariñas volvía marcar seis goles en cada un dos seus partidos do Cee B (6-0 e 3-6). Tamén sorprendentes goleadas do Cabana ante o Malpica (4-1 e 0-5); o Baio desfíxose sen problemas do Corme (4-1 e 2-3), mentres que o Xallas remontou o 3-0 que levaba o Muros gañando por 6-2. A Lira-Muxía foi a máis igualada, con empate na ida (1-1) e vitoria pola mínima dos liracho na volta (1-2); por último, o Negreira venceu nos dous partidos polo mesmo resultado á Esteirana (2-0 e 0-2).
Moito ambiente na previa da final
Nos cuartos, o Laxe suou para gañarlle ao Sofán, cunha vitoria mínima na ida (1-0) e emocionante volta con moitos goles (3-3); o Camariñas venceu ao Cabana na casa (2-0) e volveu facelo como visitante (1-2). Case sentenciou o Baio ante o Xallas no Balsiño (3-0), aínda que o intentaron os xalleiros na volta (2-1); mentres que o Negreira venceu pola mínima en Lira (0-1) e volveu facelo na casa (2-1). Catro equipos de 1ª Rexional nas semifinais; por unha parte, Laxe e Camariñas volvíanse encontrar tras a final do ano 1981, e os laxenses impuxéronse na ida cun solitario gol (1-0) que supoñía a primeira derrota dos camariñáns no torneo, e a volta prometía moi competida como así foi: Lucho adiantou ao Laxe no min.20; no mesmo minuto do segundo empatou o partido José Luis, pero Waldino volveu poñer terra de por medio para o Laxe a dez do final, e o gol de Pereira faltando cinco puxo emoción ata o remate. Na outra semifinal, o Baio deixou sentenciada a confrontación no Balsiño cun claro 4-0, pero na volta o Negreira chegou ao descanso con dous goles por riba (obra de Pais e Alvite) e cun xogador máis (10 por 9), o que lle daba emoción ao segundo período; pero o Baio lograría empatar o partido con goles de Santi e Dito, e nos minutos finais, Pais volvía adiantar aos locais e Braulio poñería o definitivo 3-3.
O CD Baio xogou a final por segunda temporada consecutiva
Por segundo ano consecutivo estaba o Baio na final, que era tamén a segunda para o Laxe. O partido de ida disputouse no Balsiño o 29 de xullo e o partido acabou cun sorprendente empate a tres goles, o que deixaba todo para a volta. O 5 de agosto cun Cabo de Area cheo ata os topes celebrouse o encontro de volta, que estivo marcado polo forte vento que impediu ver un bo espectáculo e condicionaba moito o xogo. O Baio adiantouse no marcador contra o final da primeira parte e aumentou a vantaxe no inicio da segunda, e cando parecía que o título voiaba para terras baiesas pola súa superioridade e ocasións das que dispuña, dous goles en catro minutos dos locais no tramo final facían que houbese que xogar a prórroga. E aquí non houbo discusión, o Baio xa celebrara a copa e agora vía como o Laxe lle pasaba por riba e marcaba dous goles que ben puideron ser máis. Segunda Copa da Costa para o Laxe tras unha mala liga, pero iso xa ía ser algo habitual neste equipo de aquí en adiante.

FINAL VOLTA (05-08-1984)
S.D. LAXE
Jorge, Juan, Manolo, Sindo, Ruso, Fran, Chupena (Óscar 46), Mouzo, Lucho, Valdino, Feluxo. Adestrador: 'Feluxo'.
C.D. BAIO
José Manuel, Santi Núñez, Muíño, Ayala, Marcos (Costa 78), Eduardo, Busto (Loliño 110), Manín, Dito, Juan Calabanda, Santi Díaz. Adestrador: José López 'Manín'
Goles
0-1 Manín (37), 0-2 Marcos (50), 1-2 Mouzo (78), 2-2 Feluxo (82), 3-2 Feluxo (96), 4-2 Sindo (108)

A SD Laxe gañou a Copa da Costa 83-84
22ª EDICIÓN – TEMPORADA 1984-85

Equipos participantes
28
Campión
S.C.D. MALPICA
Subcampión
S.D. CABANA
Participan 28 dos 30 equipos que disputaron a Liga da Costa nos seus dous grupos, coas baixas do Lariño e do Xuventude de Bergantiños. Novamente non se permite a participación dos equipos da 1ª Rexional (Camariñas, Corcubión, Muros, Negreira, Soneira e Xallas) nin dos da Preferente (Atalaia, Baio, Bergantiños, Cee e Fisterra), para os que a Federación creou copas destas categorías (Copa Galicia para os da Preferente, e a Copa da 1ª Rexional -unha por cada grupo-).
Nos 16º de final, con catro exentos (Sp. Zas, At. Mineiro, Muros B e Camelle), a sorpresa veu da eliminación do Carnota por parte do San Román, e incluso a do Corme por parte do Agualada. A piques estivo de caer o campión do grupo Sur, o Outes, co Muxía, despois dun claro 4-1, pero os muxiáns gañaron 2-0 na volta. Goleadas do Laxe ao Cee B (2-11) e do Malpica ao Racing Erbecedo (8-0), que pasaron a oitavos igual que o San Lorenzo, Freixo, Cerqueda, Coristanco, Cabana, Lira e Sp. Bértoa. Nos oitavos, o San Lorenzo non foi rival para o Malpica, que gañou os dous partidos, ao igual que o Outes no seu derby contra o Freixo. Igualada estivo a eliminatoria entre o Cerqueda e o Coristanco, con vítoria mínima dos cerquedenses na ida que lles valeu polo empate da volta; pero máis igualdade houbo no Sp.Zas-At. Mineiro que se resolveu nos penaltis a favor dos zasenses logo dun dobre 2-2. Vitoria do Muros B sobre o Camelle na ida (5-2), que remontaron os camelláns (5-1); o Cabana goleou ao Lira na ida (6-0), e deixou o pase sentenciado. Un único gol do Sp. Bértoa no encontro de volta chegoulle para eliminar o Agualada, e o San Román a piques estivo de forzar a prórroga co Laxe, logo de perder 2-0 na ida e gañar 1-0 na volta.
O Cabana chegou á final
Nos cuartos de final, a chamada "final anticipada" disputouse entre os dous campións de liga, e o Malpica superou ao Outes ao gañar os dous partidos (2-0 e 1-2); o Cerqueda fixera unha boa liga e estábao demostrando na Copa, na que se desfixo do Sp. Zas logo de vencer 3-1 na casa e empatar fóra (1-1). O Cabana fíxose forte ante o Camelle e gañoulle os dous partidos (0-1 e 5-2), mentres que o Laxe resolveu como local cun claro 5-2 logo de empatar na ida en Bértoa (0-0). Nas semifinais, dous enfrontamentos de máxima rivalidade; por unha banda, o Malpica-Cerqueda, e pola outra, o Cabana-Laxe. O duelo do concello malpicán resolveuse na volta logo do empate da ida xogada no Pedra Queimada (1-1), pero o equipo da capital municipal amosou o seu favoritismo ao vencer por 0-2. O Cabana venceu no primeiro encontro ao Laxe por un 3-1, que refrendou na volta ao gañar co Cabo de Area polo mesmo resultado (1-3).
Segunda final para o Malpica e primeira para o Cabana neste duelo bergantiñán. O 14 de xullo xogouse o partido de ida na Pedra Queimada e o encontro acabou en empate (1-1, gol malpicán de Esmorís e de Manín para o Cabana). A volta xogouse o día 21 e novamente moita igualdade, e moitos goles, pois os noventa minutos remataron cun empate a tres goles. Houbo que xogar a prórroga e nela cada equipo marcou un novo gol polo que o 4-4 final levou a ter que disputar por vez primeira a Copa da Costa desde o punto de penalti. E aquí erixiuse en heroe o porteiro malpicán Reigía III, que non só logrou deter dous penaltis, senón que mesmo marcou el un. Primeira Copa da Costa para un Malpica que completaba unha magnífica temporada co dobrete.
A SCD Malpica fíxose coa súa primeira Copa da Costa

23ª EDICIÓN – TEMPORADA 1985-86

Equipos participantes
28
Campión
U.D. CARNOTA
Subcampión
A.D. CLUB DO MAR


Participan os 28 equipos que competiron nos dous grupos da Liga da Costa (2ª Rexional), seguindo fóra da competición os oito equipos que estaban na 1ª Rexional e os seis da Preferente. Dos 16º de final quedaron catro equipos exentos (Camelle, Carnota, Agualada e Nantón), aos que hai que engadir ao Lira, que pasou a eliminatoria pola retirada do Sp. Bértoa. Non houbo sorpresas nas demais, cunha confrontación estrela entre os dous subcampións ligueiros, na que o Coristanco venceu á Esteirana nos dous encontros. Goleadas do Cabana sobre o Muros B e do Malpica fronte ao San Román; e destacou o derby entre o Cerqueda e o Buño resolto a favor dos primeiros. Sofán, Sp. Zas, San Lorenzo, Monte Louro, At. Mineiro, Club do Mar e Laxe foron os outros que pasaron de rolda. Nos oitavos, o Sofán era favorito ante o Zas, pero os zasenses golearon na volta; do mesmo xeito, o Monte Louro sorprendeu ao derrotar ao San Lorenzo. Interesante enfrontamento entre o campión e subcampión do grupo norte, no que o Coristanco logrou impoñerse ao Cabana tras vencer por 1-4 na ida. O Carnota non tivo problemas para desfacerse do Camelle, nin o Nantón dos seus veciños da Agualada; At. Mineiro e Lira eran dous equipos parellos, e o 3-0 da ida parecía definitivo, pero os lirachos golearon na volta e pasaron (5-0). O Club do Mar impúxose ao Cerqueda nos dous partidos, ao igual que fixo o Malpica co Laxe.
Gol do Carnota en Caión
Nos cuartos, o Sp. Zas goleou ao Monte Louro na ida (4-0), aínda que os loureáns non se renderon e intentárono na volta (2-0); o Coristanco, despois de eliminar o campión do grupo norte, tocáballe o campión do grupo sur, pero agora non puido con eles e o Carnota impúxose nos dous encontros (1-2 e 1-0). O Nantón venceu pola mínima ao Lira nas Fontiñas (2-1), pero na volta os lirachos pasaron ás semifinais (3-0); e o Club do Mar amosábase moi forte nesta Copa ao derrotar nos dous partidos ao Malpica (2-1 e 0-3). Nas semifinais, o Sp. Zas non puido co Carnota que venceu en San Andrés por 0-2, aínda que os zasenses non deron o brazo a torcer e lograron empatar en Lombáns (2-2), mais non puideron chegar á final. Máis igualada estivo a outra semifinal, na que o Lira se impuxo por 2-1 no primeiro partido ao Club do Mar, e os de Caión venceron na Insua polo mesmo marcador, polo que o pase á final houbo que xogalo nos penaltis, con éxito para os caioneses.
O Club do Mar chegou á final na
súa primeira temporada na Costa
Segunda final para o Carnota e primeira para un Club do Mar que debutaba esta temporada como club da Costa. O primeiro partido xogouse en Lombáns o 29 de xuño, e o Carnota, máximo favorito, non conseguía impoñerse aos caioneses e, a pesar de adiantarse no marcador na primeira parte, na segunda os visitantes lograron igualar e levar un esperanzador 1-1 para a volta. O 6 de xullo, no campo da Insua de Caión, celebrouse con grandísimo ambiente o partido de volta, no que o Carnota deu mostra da súa calidade e logrou vencer en campo rival por un axustado 1-2. Lograba así a UD Carnota a súa segunda Copa da Costa e facíao completando un meritorio dobrete esta temporada. A parte negativa veu por parte da Federación, que non levou o trofeo a Caión e os carnotáns non puideron levantar a Copa; o esperpento federativo continuou días despois cando enviou a Copa a Carnota nun autobús da empresa Transportes Finisterre.

FINAL IDA (29-06-1986)
U.D. CARNOTA
Manolo, Tino, Caluso, Bezucho, Insua, Fernández, Lestón, Manolito, Pancho, Miguel, Chicho. No segundo tempo entrou Caramiño. Adestrador: Manolo Rateiro.
A.D. CLUB DO MAR
Alberto, Sito, José, Justo, Paulos, Loureiro, Pepe, José María, Richard, Paco, Luis. Tamén xogaron Patolo e Pea. Adestrador: Yuli.
Goles
1-0 Manolito (20), 1-1 Pea (70)

UD Carnota foi o campión da Copa da Costa 85-86

24ª EDICIÓN – TEMPORADA 1986-87

Equipos participantes
28
Campión
S.D. CORISTANCO
Subcampión
CAMARIÑAS F.C.

Esta temporada a FGF cambiou a configuración da Liga da Costa: elimináronse os dous grupos nos que estaba encadrada dentro da 2ª Rexional e dividiu o grupo 2 da 1ª Rexional (Santiago-Barbanza-Costa) en dous, polo que a Liga da Costa pasa a integrarse na 1ª Rexional Grupo 2-B, con 18 equipos (ao final serían 17 pola desaparición do Noia), e para o resto creouse unha categoría inferior dentro da 2ª Rexional. Na Copa da Costa participaron 28 dos 29 equipos que formaban parte desta nova 1ª e 2ª Rexional -renunciou o Agualada-. Seguían quedando fóra os da Preferente (Atalaia, Baio, Cee, Fisterra e Xallas).
Os 16º de final xogáronse con varios equipos exentos (Negreira, Camariñas, Malpica e Soneira), e tres eliminatorias que se resolveron nos penaltis: Corme, Sp. Zas e Laxe eliminaron a Corcoesto, Ponteceso e Club do Mar, respectivamente. Ademais do finalista tamén o campión da edición anterior quedou fóra nesta primeira rolda, pois o Carnota non puido co Muxía, da 2ª Rexional. Outes, At. Mineiro, A Baña, Nantón e Cabana pasaron con facilidade, mentres que por só un gol de diferenza seguiron no torneo Lira, Esteirana e Coristanco. Nos oitavos de final, o Negreira sufriu para desfacerse do Outes pois tivo que defender a mínima vantaxe que levou de Cepelo; o Camariñas fíxose forte e venceu ao At. Mineiro nos dous partidos, mentres que o A Baña deu a sorpresa ao vencer en Lira e manter a vantaxe na volta. Mínima foi a vantaxe que levou a Esteirana a Muxía e estes igualárona con moitos goles nun partido que se resolveu na prórroga a favor dos muxiáns. O Malpica-Corme da ida fora suspendido a falta de 20 minutos por ameazas dos xogadores visitantes ao árbitro pola sinalización dun penalti; ao final xogouse completo e o Malpica impúxose ao igual que fixo na volta. O Sp. Zas e o Laxe chegaran aquí polos penaltis e do dobre empate dos seus partidos fixo que tivesen que xogar o pase de novo desde os once metros, e a fortuna sorriulle ao Laxe. Mínima vitoria do Coristanco en Vimianzo, pero o Soneira intentouno na Rocheira pero só puido empatar; e no derby entre Nantón e Cabana estes venceron como locais despois do empate da ida.
Nos cuartos, o Negreira-Camariñas era a final anticipada por canto eran o campión e subcampión ligueiros; empate no partido de ida (2-2) e o Camariñas mostrouse intratable na casa e logrou vencer (2-0). Dous equipos da 2ª, A Baña e Muxía, xogábanse o pase ás semifinais, e na ida vitoria local pola mínima (1-0), pero o Muxía superouna súa casa a eliminatoria (3-1). O Malpica logrou unha boa vantaxe na Pedra Queimada ante o Laxe (2-0), que estes non lograron igualar na volta (1-0). Tamén bo enfrontamento entre o quinto e o cuarto da Liga da Costa, Cabana e Coristanco, respectivamente, que trouxo un gran partido na ida cun 4-5 para o Coristanco, que refrendaron na volta cun 3-1. Nas semifinais, o Camariñas era favorito ante o Muxía e así o corroborou coa súa vitoria no Hnas. Patiño cun 2-0, e volveríao facer na Arliña por 1-2 grazas aos goles de Camuel e Suso. Na outra, o Coristanco gañou na Pedra Queimada ao Malpida por 1-2, e na volta na Rocheira volveu vencer polo mesmo marcador (2-1) con goles de Juan e Raña.
Esta era a segunda vez que Camariñas e Coristanco chegaban a unha final da Copa da Costa e os dous perderan a primeira. O partido de ida xogouse na Rocheira o 5 de xullo e o Camariñas logrou chegar ao descanso cun gol de vantaxe, pero o Coristanco reaccionou no segundo período empatando axiña o partido e tras moitas ocasións erradas chegou o gol da vitoria nos minutos finais, á vez que lle era expulsado Puga.
O partido de volta foi toda unha festa, pola moita expectación e polos moitos goles que houbo, pois os adestradores xa prometeran saír ao ataque. Axiña igualaron os locais a eliminatoria, pero o Coristanco logrou empatar á media hora, e a partir de aquí o desenfreo ata chegar ao descanso, cun novo gol local e dous visitantes que deixaron o 2-3 ao remate dos 45 minutos. Na reanudación ampliou vantaxe o cadro forasteiro, pero os locais recurtaban, para novamente poñeren terra de por medio os visitantes e o Camariñas lograr igualar. Tivo dez minutos o cadro local para forzar a prórroga pero non logrou marcar máis goles no partido da final no que máis goles se marcaron na historia: 10 (5-5). O Coristanco facíase coa súa primeira Copa da Costa cunha grande actuación de Juan, autor de catro goles nesta final.

FINAL IDA (05-07-1987)
S.D. CORISTANCO
Juan José, Díaz, Marineo, Luis I, Costa (Moreira 40), Juan, Roberto, Luis II (Lorenzo I 75), Raña, Soutullo, Puga.
CAMARIÑAS F.C.
Vicente, José María, Camuel, Víctor, Luis (Benjamín 46), Óscar, Pereira, Julio, Alberto, Vigo, Suso.
Goles
0-1 Julio (30), 1-1 Juan (55), 2-1 Soutullo (85).
FINAL VOLTA (12-07-1987)
CAMARIÑAS F.C.
Vicente, Vigo, Pereira, Luis, Víctor, Óscar, Suso, Julio, Camuel, Alberto, José Luis. Adestrador: Juan José Rego.
S.D. CORISTANCO
Juan José, Díaz, Costa, Juan, Luis I, Moreira, Raña, Roberto, Soutullo, Luis II (Lorenzo I 89), Puga. Adestrador: José Antonio Moreira.
Goles
1-0 Vigo (6), 1-1 Soutullo (30), 2-1 Suso (35), 2-2 Juan (p.,39), 2-3 Juan (40), 2-4 Raña (56), 3-4 Camuel (p.,60), 3-5 Juan (71), 4-5 Camuel (79), 5-5 Suso (81).
Celebración do título de Copa por parte do Coristanco

25ª EDICIÓN – TEMPORADA 1987-88

Equipos participantes
25
Campión
U.D. CORCUBIÓN
Subcampión
S.D. LAXE

Participan 25 dos 27 equipos que disputaron a Liga da Costa (1ª Rexional) e a 2ª Rexional, coa baixa obrigada do Sp. Zas -fora expulsado da liga- e a voluntaria do Buño. Os cinco clubs costeiros da Preferente seguían fóra desta Copa da Costa (continuaban disputando a Copa Galicia). Sete equipos quedaron exentos da primeira eliminatoria (Outes, Freixo, Sofán, Coristanco, San Lorenzo, Muros e Lira), e o campión ligueiro, o Camariñas, clasificouse para a seguinte rolda por aliñación indebida do Muxía. Con pouca dificultade pasaron tamén o Monte Louro, Corcubión, Esteirana, Soneira e Malpica, mentres que máis igualado estivo o pase de Club do Mar, Cabana e, sobre todo, o dun Laxe, que tras sumar só 11 puntos na liga, era quen de deixar fóra ao Ponteceso. Nos oitavos enfrontáronse o subcampión e campión ligueiros, e o Outes logrou vencer na Serra pola mínima (1-0), pero o Camariñas remontou na súa casa (3-1); o Freixo gañou en Louro pero os loureáns golearon na volta e pasaron, mentres que o Corcubión xa goleara na ida á Esteirana para selar o pase. Pero para goleadas a do Soneira ao Sofán cun 2-6 no Carral e nada menos que un 13-0 en Vimianzo (o Sofán disque viaxara só con 9 xogadores), para un total de 19-2. O Club do Mar deixaba na cuneta ao Coristanco, campión da edición anterior, e o Malpica ao San Lorenzo tras remontar na volta; o Laxe seguía eliminando veciños e neste caso era o Cabana o que quedaba fóra, mentres que o Muros se desfacía sen problemas do Lira.
Nos cuartos, o Camariñas non tivo piedade do Monte Louro e goleouno na ida por un contundente 9-1 (catro goles de Juan), que marcaban a diferenza entre o campión da Liga da Costa e o pechacancelas da 2ª Rexional; na volta, un meritorio empate para os loureáns (1-1). A eliminatoria máis emocionante foi a que enfrontou a Corcubión e Soneira, con miníma vantaxe para os locais no Cubaleiro (2-1), e na volta o partido tivo moitas reviravoltas, pois os corcubioneses adiantáronse por dúas veces pero o Soneira logrou remontar pero ao final logrou empatar o Corcubión (3-3). O Club do Mar levou unha boa vantaxe da Insua (3-1) incrementada no inicio da volta en Malpica, pero os malpicáns lograron remontar o partido e a piques estiveron de forzar a prórroga (2-1). O Laxe seguía de festa e goleaba na ida ao Muros (4-1) que se vía impotente co dúo Feluxo-Lucho; na volta os laxenses enseguida frearon os intentos de remonta locais e pasaron a eliminatoria nun partido con cinco expulsados (2-1).
Nas semifinais, por unha banda estaban os dous equipos que remataran a liga na parte alta, o Camariñas, campión, e o Corcubión, terceiro, e non defraudaron na emoción. Na ida houbo moitos goles, adiantando Lojo III aos visitantes, pero un autogol de Fran e outro de Suso voltearon o marcador antes do descanso; Dadi empataría na segunda parte e Víctor puxo o definitivo 3-2. Na volta, o Corcubión axiña empatou a eliminatoria, pero o Camariñas logrou marcar antes do descanso; na reanudación o Corcubión poñeríase en vantaxe de novo e co 2-1 chegouse ao final do partido e da prórroga, polo que houbo que chegar á quenda de penaltis para coñecer o finalista, e tras nove lanzamentos de cada equipo foi o Corcubión o que levou o gato á auga. Na outra semifinal, dous conxuntos que acabaran a liga na parte baixa e o Club do Mar logrou vencer ao Laxe na Insua grazas a dous goles de Pea, que foron recurtados por Pol cun penalti. E na volta, tamén houbo emoción pois o Laxe xa empatou a eliminatoria cun gol de Liso no primeiro minuto, pero houbo que agardar ata o desconto do partido para que Severino lle dese o pase ao cadro local.
Á final chegaron Laxe e Corcubión, os por terceira vez na súa historia, pero con distinto éxito, pois o Laxe gañara as dúas anteriores e o Corcubión perdeunas. O partido de ida xogouse no Cubaleiro o 10 de xullo e o resultado final amosou a igualdade do xogo entre os dous equipos; empate ao descanso tras os goles de Tino e Dadi e empate final cos novos goles de Feluxo e Javier. A volta sete días despois no Cabo de Area deparou tamén un partido igualado pero no que a condición física superior dos de Manolín fixo que ao final levasen a vitoria. E iso que se adiantou o Laxe no lanzamento dun penalti que lle fixeran ao seu xogador-adestrador Feluxo, pero antes do descanso o Corcubión logrou o empate. E nos últimos minutos da segunda parte o Corcubión foise pola vitoria para non ter que xogar a prórroga e Chisco tivo a oportunidade nun lanzamento de penalti, pero enviouno fóra; tería que ser a dous minutos do final cando Lojo III marcase o 1-2 e lle dese ao Corcubión a súa primeira Copa da Costa.

FINAL IDA (10-07-1988)
U.D. CORCUBIÓN
Lois, Fran, Lema, Alfonso, Javier, Juan Bautista, Insua, Luis, Agulleiro, Manín, Dadi.
S.D. LAXE
Jorge, Pol, Juan, Liso, Chopena, Lucho, Eduardo, Mourón, Tino, Lucho, Feluxo.
Goles
1-0 Dadi, 1-1 Tino; 2-1 Javier, 2-2 Feluxo
FINAL VOLTA (17-07-1988)
S.D. LAXE
Jorge, Juan, Liso, Pol, Mourón, Tino, Severino, Lucho, Chopena, Feluxo, Rivera (Ángel 90). Adestrador: 'Feluxo'
U.D. CORCUBIÓN
Lois, Fran, Lema, Alfonso, Juan Bautista, Lojo III, Paco, Agulleiro, Insua, Mourín, José Antonio (Chisco 60). Adestrador: Manuel Oliveira 'Manolín'
Goles
1-0 Pol (13), 1-1 Paco (42), 1-2 Lojo III (88)

A UD Corcubión logrou a Copa con Manolín no banco

Ningún comentario:

Publicar un comentario

CEN ANOS DE FÚTBOL NA COSTA. 5. A CHEGADA DO FÚTBOL ÁS COMARCAS DE MUROS E DE NOIA

  O concello de Carnota: Deportivo Pindo e Carnota Apenas contamos con información de partidos de fútbol neste concello, a pesar de atopars...