Hai uns meses visitamos a exposición Valor e
mestría, Galicia como fútbol,
inaugurada en Santiago a comezos do ano pasado na Cidade da Cultura polo
presidente da Xunta, pois está organizada pola Consellería de
Cultura e Turismo.
O seu catálogo -bilingüe galego/castelán-
consta de 240 páxinas, con fotos a cor e branco e negro, leva
senllas introducións dos seus dous comisarios (X. Antón Castro:
“Unha relixión sen ateos: Galicia como fútbol”; Rubén
Ventureira: “Reliquias do noso fútbol”) e despois os seguintes
apartados nos que se narra, por orde cronolóxica, a historia deste
deporte en Galicia desde a súa introdución ata os tempos actuais:
1. “1876-maio de 1926. A orixe do fútbol en Galicia. Os primeiros
«matches», clubs e torneos. Un horizonte
amateur” (R. Ventureira); 2. “Xuño de
1926-1939. Do nacemento do fútbol profesional ata o final da guerra”
(Juan Carlos Álvarez); 3. “1940-1959: A longa posguerra” (Carlos
Miranda); 4. “1960-1969. Os gloriosos anos sesenta” (Jorge M.
Deza Rey); 5. “1970-1991. Luces e escuridades en tempo de cambios”
(Juan L. Cudeiro); 6. “1992-1010. A era dourada do fútbol galego”
(Arturo Lezcano); 7. “2011-1019. A resaca do éxito” (Alexandre
Centeno); e 8. “1924-2019. O fútbol feminino galego” (Cristina
López Villar).
A
exposición está ben en sentido xeral e conta con espazos moi
interesantes: fotos e ilustracións de todas as épocas e obxectos de
coleccionistas. Paga a pena unha demorada visita. No catálogo, Antón
Castro fai mención na súa introdución de escritores coma Eduardo
Galeano e outros -boto en falta a Manuel Rivas na relación, pois
unha das súas primeiras novelas, Todo
ben (1985), entra
no tema- que “se atreveron a elevar a paixón do fútbol á
historia desprexuizada dunha fábula” (p. 14). Non sobra
contrarrestar un pouco o tópico de “opio do pobo” acaroado a
este deporte. Na de Ventureira éntrase na polémica do berce do
fútbol en España: Huelva ou Vilagarcía? Ou Vigo: en 2012 o
investigador da historia local de Vigo, José R. Cabanelas,
reivindicou para a cidade olívica a primeira noticia sobre a
práctica deste deporte de orixe inglesa en España, publicada no
Faro de Vigo
en 1876, catro anos antes da primeira noticia procedente das beiras
do río Tinto (p. 19).
O fútbol feminino na exposición |
O
derradeiro capítulo, o 8, está dedicado ó fútbol feminino desde
1924 á actualidade. A súa autora, Cristina López Villar, empeza
falando de Irene González, capitá do equipo “Irene F.C.” da
Coruña (1925), a única muller dun equipo enteiramente masculino.
Empezaba a longa loita das mulleres contra o machismo no fútbol (e
noutros deportes). As federacións, dirixidas por homes, chegaron a
prohibir os partidos entre mulleres: en 1963 a Federación Española
difunde unha noticia titulada “Fútbol femenino: No”. Entre as
fotografías do catálogo, figuran dúas procedentes de equipos
modestos, coma o Crendes de 1963 ou o Buño de 1970. En 1969 créase
o Karbo da Coruña, un referente para a historia do fútbol feminino
ó longo da década dos setenta. Polos anos noventa xa se empeza a
recoñecer na prensa que (tamén) “El fútbol es cosa de mujeres”,
e increméntanse os equipos femininos. Co novo milenio xogadoras
galegas entran no mundo profesional e algunhas acaban fichando por
equipos europeos e norteamericanos. A máis famosa, a compostelá
Vero Boquete, 58 veces internacional coa Selección Española, xunto
con María Paz
Vilas (25), Inma Castrillón (22 ) e outras. Vero figurou nos
mellores equipos de Europa e conseguiu varios campionatos europeos;
na súa honra, por acordo unánime dos catro grupos municipais
composteláns o Estadio de San Lázaro recibiu recentemente o seu
nome.
O
FÚTBOL MODESTO GALEGO, O GRANDE AUSENTE DA EXPOSICIÓN
As
derradeiras páxinas do catálogo (232-238) están ocupadas por fotos
de campos de fútbol de equipos modestos, entre eles o do Camelle,
construído ó lado do cemiterio parroquial. Estas sete fotos en seis
páxinas foron as únicas físgoas que os organizadores lle abriron ó
fútbol modesto.
Cadro 1: libros sobre os grandes clubs galegos |
Poderase
razoar que non era posible incluír un apartado onde concentrar os
centos de equipos modestos que existen en Galicia -como se pode ver
os luns nas páxinas deportivas dos xornais cos resultados e
clasificacións por categorías-, pero non sobraba na mostra un
expositor máis, unha vitrina ou unha simple mesiña onde polo menos
se amosasen algunhas das súas xa numerosas publicacións (nas que,
por certo, prevalece sen complexos o idioma propio de Galicia).
Cadro 2: libros sobre os clubs máis modestos |
Coa
axuda de X.Mª Rei Lema elaborei por orde cronolóxica unha relación
máis ou menos completa de obras publicadas sobre o fútbol galego.
En dous cadros: no Cadro 1 están as dos grandes clubs, profesionais
por enteiro ou a medias, xunto con historias xerais do fútbol galego
e biografías de xogadores e adestradores destacados; no Cadro 2,
historias dos clubs modestos e/ou dos seus campionatos. Son
consciente de que han de faltar publicacións, pero non deixa de ser
un bo escaparate para lembrar que, coma Teruel, o fútbol modesto
galego tamén existe. [Mira os cadros picando neles para agrandar]
Nas
publicacións das historias dos clubs grandes galegos prevalece o uso
do idioma castelán (16 títulos fronte a 10 en galego); sucede ó
contrario nas dos modestos (17 títulos en galego fronte a 3 en
castelán). No tocante ós sitios web que coñezo tamén prevalece o
noso idioma. Cómpre ter en conta tamén que case todos os clubs
modestos contan con facebook
(fb), medio co que van notificando ó momento as incidencias durante
os partidos; no que toca ós clubs da Costa, o galego é o idioma
predominante.
Trinta
anos do libro pioneiro das historias de equipos galegos de fútbol
A Historia do CD Baio e da Liga da Costa, o pioneiro |
En
abril de 2019 cumpríronse 30 anos
da presentación do primeiro libro galego da historia dun equipo
modesto e da súa liga: A Historia do
C.D. Baio e da Liga da Costa (Concello
de Zas, 1989), da miña autoría -descúlpeseme a autocita, pero
alguén tiña que dicilo-, para o que contei coa valiosa colaboración
do baiés Alfonso Villar López, que fixera un gran traballo de
hemeroteca. Presentouse no auditorio municipal de Zas o 15 de abril
de 1989 e foi o segundo da xeira das historias de equipos de fútbol
galegos (anticipáranse o ano anterior Pedro de Llano e Pedro Muíños
co Real Club Deportivo de La Coruña. 82
años de historia), e o primeiro
dos publicados en lingua galega, o que
lle outorga a categoría de libro
pioneiro na normalización (case diría
que na introdución)
do noso idioma neste deporte. Para atopar outro deste estilo en
galego aínda habería que agardar catro anos máis, pois será en
1993 cando co soporte de Edicións Xerais os xornalistas Xesús
Flores e Xosé Mejuto publiquen Historia
do Deportivo. A nova fronteira.
Flores e Mejuto fixeron a historia do Dépor en galego |
Volvendo
ó ano dos inicios, 1989, non sobra lembrar que por aquelas datas
case o cento por cento dos potenciais lectores dun libro de fútbol
non foran alfabetizados na nosa lingua. Poucos estaban habituados a
ler nela; fabas contadas. Polo tanto, a elección do idioma de
Galicia tiña o seu risco e mesmo provocaba certo rexeitamento.
Comentaba o escritor (e ex-xogador) Xelucho
Abella nun artigo de 1990 que “o
que realmente resulta máis satisfactorio é que a gran masa dos
lectores desta Historia do C.D. Baio e
da Liga da Costa é xente non ilustrada
academicamente nin galegolectora (aínda que si galegofalante), a cal
non só entendeu perfectamente o libro senón que sentiu retratado o
seu universo cultural e a si mesmos nas súas páxinas: a súa
función culturalizadora nun medio social non moi dado á lectura”
(X.Mª Rei Lema / X. Mª Lema; 2015: 210). Na memoria quedoume
algunha que outra reacción positiva, coma a dun afeccionado da miña
idade que me confesaría que lle custara ferro e fariña poñerse a
ler o libro, dado o pouco costume que tiña da lectura en galego,
pero que se atrevera e xa non o deixara ata altas horas da madrugada
do enganchado que quedara. Outro caso curioso foi o dun taxista de
Noia, que, ó día seguinte da presentación, se presentara na Casa
do Concello de Zas para adquirir un exemplar pois encargárallo un
cliente noiés (Noia dista de Zas entre 80 e 90 km, e as estradas non
eran as de agora).
Non
só os medios de comunicación -prensa, radio e televisión
(entrevistas en “Panorama de Galicia” da TVE-G, e “Vivir
aquí” e “Arestora” da TVG)- lle deran unha boa benvida a esta
senlleira novidade bibliográfica que introducía o idioma propio de
Galicia no mundo do deporte máis popular, senón tamén parte do
mundo intelectual do país: Xesús Ferro Ruibal (“Onde o mundo
aínda é deporte”, La Voz de Galicia
17-05-1989) ; Manuel Quintáns Suárez “Baio; un recuncho da mítica
Fisterra” (El Correo Gallego
16-07-1989); Cibrán da Costa [Manuel Rico Verea] (“O farol
vermello de Baio e a fe na victoria de Álvaro Pino”, El
Ideal Gallego 1-02-1991); Suso Torres
Regueiro (“Unha vila no espello da súa humilde equipa de fútbol”
(A Nosa Terra,
11-07-1991). O -xa desaparecido- Diario
de Galicia e o Atlántico
Diario de Vigo facían fincapé no tema
do farol (“O farolillo roxo da Costa da Morte” e “O equipo do
farolillo vermello”).
Pouca xente soubo que o libro fora finalista en 1990 na categoría de
Investigación nos Premios da Crítica Galicia do Círculo
Ourensán-Vigués de Vigo. O seu máximo defensor fora o lembrado
maxistrado Daniel García Ramos; no xurado estaban, entre outros, o
doutor Agustín Sixto Seco e o ex-presidente da Xunta Fernando
González Laxe.
O fútbol na comarca de Valdeorras |
Ó
tempo que nas décadas de 1990 e 2000 se foron publicando as
historias dos grandes equipos galegos (todas elas en castelán:
varias do Celta e do Deportivo; tamén do Pontevedra, do Ourense, do
Arosa -sic-), noutra comarca galega situada da zona suroriental -no
extremo oposto das terras fisterrás-, xurdía en 1994 a segunda
publicación en galego: a Historia do
fútbol en Valdeorras -1910/1994-, de
A. Rodríguez Rivera, J. Miranda e I. Ramos. Unha década despois, en
2005, tamén vería a luz na lingua de Castelao a historia do Rácing
de Ferrol, unha honrosa excepción entre os grandes de Galicia.
Os
continuadores
O fútbol na vila de Esteiro por Manuel Torres |
Influenciados
ou non polo libro pioneiro, o certo é que vai ser no ámbito da
Costa da Morte onde se rexistre un maior número de publicacións
sobre historias de equipos ou dos seus campionatos. Nas presentacións
que fixeramos da obra noutras localidades animabamos a que cada club
recollese e contase a súa propia historia. Con todo e iso, aínda
houbo que esperar case unha década para que aparecese o primeiro
continuador, que foi o dedicado ós 75 anos do Bergantiños F.C. de
Carballo (1998), de Xan Fraga, de moito material fotográfico e pouco
texto. En 2001 Ricardo Güeto publicaría a primeira entrega da
historia do Noia C.F. (1928-2001). En 2005 o xornalista de La
Voz de Galicia, José Manuel Ferreiro,
sería o encargado pola directiva do U.C. Cee de conmemorar cunha
revista os 40 anos do club. En 2006 Manuel Torres publicaría Do
Esteiro Fútbol Club á S.C.R.D.
Esteirana e en 2010 os malpicáns
Héctor Pose e Luís Porto celebrarían os 40 anos da SCD Malpica.
Fóra do ámbito da Costa da Morte teño noticia de dúas
publicacións do ano 2005 (Cadro 2): os 70 anos de historia do C.D.
Lalín, de J.L. Sierra Oria (en castelán) e os 75 anos do C.D.
Obrero de Oleiros, de Óscar Losada (en galego) e outras dúas do
2011: a do 50º aniversario do C.D. As Pontes (en galego), de
Ferreiro García e Ferreiro Yáñez, e a do club Candeán de Vigo, de
Costas Duarte (en castelán).
A
Liga da Costa nas historias xerais do fútbol na galego
Vence dedica un capítulo do libro á Liga da Costa |
Onde
non me quedou a máis mínima dúbida foi na valoración positiva que
da nosa publicación pioneira farían, anos despois, dous
xornalistas, autores de cadansúa historia xeral do fútbol galego.
En 1997 Anxo Varela Couce publicaba a Historia
do fútbol galego (Ed. Lea), con 17
capítulos dedicados principalmente -como era de esperar- ós equipos
profesionais galegos desde as súas orixes: Deportivo, Celta,
Compostela... Mais non deu a esquecemento as historias dos modestos,
pois baixo o epígrafe “A lenda futbolística da Costa”
dedicoulle todo o capítulo 5 á Liga da Costa: 15 páxinas
destinadas a narrar a súa historia.
Entre a Liga de Campións e a Liga Española está a Liga da Costa no libro de Freire |
Anos
despois, en 2012, Carlos Freire Cordeiro publicaría Todo
sobre o fútbol galego (Eds. Xerais),
libro organizado por orde alfabética de equipos, xogadores,
árbitros, campionatos, ligas etc. Dentro da letra L, a ‘Liga da
Costa’ era a única de modestos que gozaba dunha entrada, de máis
de media páxina, casualmente situada entre a Liga española e a Liga
da Campións. Un auténtico luxo. Cómpre engadir que tanto Freire
coma Varela citaban a fonte dos seus datos, o que é de agradecer,
pois aínda hoxe hai quen o “esquece”.
Publicacións
conmemorativas dos 50 anos da Liga da Costa
A Liga da Costa tamén ten os seus álbums de cromos |
A
proximidade dos cincuenta anos da fundación da Liga da Costa
(1964-2014) motivou que se preparasen publicacións para esta
efeméride. Deste xeito, o 30 de novembro de 2013 o equipo do xornal
virtual Que Pasa na Costa (www.quepasanacosta.gal)
presentou Os cromos das Estrelas do
Fútbol da Costa, un álbum coas fotos
individuais de máis de 700 xogadores dos equipos da familia
costeira, xa dos que ascenderan á Preferente, xa dos que militaban
na 1ª e na 2ª Autonómicas. En 2018 volverían sacar unha nova edición, ampliando o número de cromos coa 3ª Autonómica, o fútbol feminino e mesmo os árbitros.
Pose e Porto editaron o primeiro libro conmemorativo dos 50 anos da Liga da Costa en 2013 |
O 6 de decembro de 2013, os malpicáns Héctor Pose e Luís
Porto presentarían Mar de paixón. O
fútbol na Costa da Morte, un libro de
notables dimensións, máis ancho ca alto (30 cm x 19 cm), 235
páxinas e moito material gráfico, maiormente fotografías antigas e
novas (máis de 800) de todos os equipos, cedidas por futbolistas,
directivos e árbitros de todas as temporadas desde a fundacional de
1964. Diriamos que está concibido coma un gran libro-álbum. A
edición correu a cargo dos propios autores e tivo un notable éxito
de vendas.
Como
colofón ó cincuentenario, en abril de 2015 Xosé Mª Rei Lema e
quen subscribe presentamos 50 anos da
historia do fútbol da Costa (1964-2014),
resultado de catro anos de investigación en hemerotecas e arquivos.
Un libro cun formato de 17 cm de ancho x 24 cm de alto (3 cm de
grosor), 608 páxinas, abundante material gráfico e, sobre todo,
moito texto, motivo polo que sería cualificado polo xefe deportivo
da edición de Carballo de La Voz de
Galicia, José M. Ferreiro, como “a
primeira enciclopedia do fútbol da
Costa da Morte, pois recolle desde os seus primeiros datos, cando o
fútbol chegou a estas latitudes, a prehistoria, ata a actualidade”.
Malia a preferencia que
se lle deu ó texto, non por iso as ilustracións quedaron
atrás, pois hai contabilizadas
unhas 480. Coma no caso anterior, a edición tamén correu a cargo
dos autores.
50 anos da historia do fútbol da Costa (1964-2014) é considerada a grande enciclopedia do fútbol costeiro |
De
certo que o “desde os primeiros datos” non era simple retórica,
pois este libro ten non só unha prehistoria,
senón tamén unha historia antiga
nas que se recollen datos dos máis de corenta anos anteriores á
fundación oficial da Liga costeira. Para o meu gusto,
particularmente interesantes son as primitivas crónicas
xornalísticas das décadas de 1920 e 1930, publicadas en xornais
galegos e en revistas dos emigrados na Arxentina, dos primeiros
partidos amigables nas vilas e aldeas da zona, cando aínda non se
integrara no novo vocabulario a palabra ‘fútbol’, pois corría
co anglicismo football
(que se pronunciaba, tamén, á inglesa, ‘fubol’, cargando o
acento na segunda sílaba). O árbitro denominábase referee
(a saber como o pronunciaban...) e ó principio de cada partido unha
señorita distinguida da localidade anfitrioa facía o kick-off
(non se pense mal: era o saque de honra). Nin que dicir ten que os
períodos desta ‘prehistoria’ (1920-1939) e da posterior ‘idade
antiga’ (1940-1963) están inzados de curiosas anécdotas -algunhas
ben graciosas- que contribúen a ambientar a vida cotiá local de
cada época; mesmo hai un episodio de carácter histórico universal
que nos leva a conectar o fútbol da zona cos avatares da Segunda
Guerra mundial: a instalación dun campamento militar en Baio entre
maio de 1943
e outubro de 1944
(a Costa da Morte puido estar no ollo do furacán
bélico o 6-6-1944, no canto da
Normandía!).
O fútbol no Campo do Campamento de Baio (1944) |
A
partir de 1964 vaise tempada a tempada cos resultados, clasificacións
e o seu correspondente comentario xeral e o anecdotario. Remátase o
libro cuns completísimos cadros estatísticos -nos que, ademais dos
campións da liga e da copa, tamén se contempla o posuidor do
simbólico ‘trofeo’ do farol vermello-, coas insignias dos
equipos e cun mapa do ámbito xeográfico desta liga, que coincide
case ó cento por cento co territorio da histórica Trastámara da
Galicia medieval, orixe do condado homónimo: as máis de 60
localidades que -alén do Tambre, cara ó Atlántico- grosso modo de
Carballo a Noia, participaron nas diversas categorías.
O
libro presentouse en diversas localidades e varios concellos -non
todos- adquiriron certo número de exemplares para as súas
bibliotecas ou para agasallar as directivas dos seus clubs locais.
Tamén lle ofrecemos á Federación Galega de Fútbol a adquisición
dalgúns exemplares, a un prezo rebaixado, máxime cando constatamos
nas nosas investigacións que no seu arquivo ou tiñan moitos datos
errados ou xa nin os tiñan. Mais a carta que lle remitimos ó seu
presidente o 24 de abril de 2016 con ese ofrecemento non tivo
resposta. Deste xeito, dando por sentado que a Federación
debía estar moi pobre, aproveitando a Gala do Fútbol da Costa de
xuño de 2018 agasallámoslle ó Sr. Louzán un exemplar da xa
coñecida coma “a enciclopedia da Costa”, pois non era de recibo
que a entidade que preside carecese dun arquivo da liga e copa
costeiras medianamente fiable.
A
lenda do farol vermello
O farol vermello presidiu a expo dos 50 anos do CD Baio |
O
feito de deixar no esquecemento as publicacións do fútbol modesto
privoulles ós organizadores da exposición do monte Gaiás historias
coma a do farol vermello da Liga da Costa. Foi creación do C.D. Baio
na primeira temporada: na primeira volta non se daba gañado ningún
partido e o equipo ocupaba o derradeiro posto da clasificación; era
o fechacancelas. Mais, en vez de encabuxarse, xogadores e directivos
tomárono con humor e acabaron pendurando un vello farol muiñeiro
dun varal na parte traseira do autobús nos desprazamentos. A medida
que o derradeiro lugar cambiaba de dono levábase o facho -xa pintado
dun vermello rutilante- á localidade do equipo posuidor, aínda que
non sempre era recibido con tanto agarimo. Tanto cariño lle tomou o
club baiés ó artefacto que na temporada 65-66 o elevou ó sitio de
preferencia da súa insignia, e aí continúa aínda hoxe alumeando
todo fachendoso, sen que a ningunha directiva lle pasase pola cabeza
quitalo do sitio nos xa 56 anos de historia oficial ininterrompida (é
o club decano da Costa). Teño para min que debe ser o
único club deportivo do mundo que
levou ó seu “escudo de armas” o símbolo inequívoco da derrota,
o que para outros sería unha vergonza. O mundo ó revés. Houbo quen
comparou esta decisión tan insólita con aquel retranqueiro himno a
unha derrota militar dos admirados Les Luthiers.
O farol vermello ocupa con orgullo o lugar sobranceiro do escudo do C.D. Baio |
O
“trofeo” simbólico do farol tamén se ten en conta na longa
historia da liga da fin do mundo, pois foise convertendo nun dos
motivos máis sobranceiros da que se deu en chamar ‘lenda
futbolística da Costa’. Tamén falamos no libro, e criticamos, as
actitudes antideportivas, coma as agresións ós árbitros, os
insultos ou as pelexas entre xogadores e/ou seareiros fogosos. Non
todo é da cor da rosa, desde logo. Con todo e iso, atrévome a dicir
que nas publicacións das historias deportivas dos equipos máis
humildes prevalecen as historias máis humanas e solidarias, como a
expresada polo desastre do Prestige
a finais de 2002, por calquera outro naufraxio dun pesqueiro da zona,
ou por un desgraciado accidente ou deceso que afectase a algún
membro da extensa familia costeira.
En
fin, malia os aspectos positivos da exposición Valor
e mestría. Galicia como fútbol,
lamentamos que non se lle fixese un sitiño á orixinalidade e
creatividade das publicacións dos equipos modestos, con historias e
anécdotas curiosas e ás veces sorprendentes. Non saben o que
“perdeno” (como dicimos va fala Fisterrá norte)!
Addenda:
a lenda futbolística da Costa segue incrementándose
Cartel do progama da RG Convivir Deportivo dedicado ó fútbol da Costa |
No
mes de outubro o diario El País
desprazaba desde Madrid á Costa da Morte o xornalista Pablo Vande
Rusten para facer unha reportaxe sobre «El
fútbol del fin del mundo»,
que foi o título que lle puxo ó seu longo traballo de nove páxinas
e outras tantas fotos que se publicaría na edición dixital do
xornal madrileño o 23-10-2019 (pódela ler premendo aquí).
Ó mozo xornalista -arxentino de nación- interesáronlle sobre todo
os campos abeirados ó bravo mar costeiro coma A Arliña de Muxía, o
adestrador e poeta Manolín Oliveira, a asociación cultural e
deportiva Rapacollóns Big Band (animadora da S.D. Fisterra) ou as
historias e anécdotas do noso enciclopédico libro, do que levou un
exemplar.
Participantes na gravación do Convivir Deportivo en Baio |
Xosé María Lema
Ningún comentario:
Publicar un comentario