05/09/17

QUE É A LIGA DA COSTA?


Principiamos a andaina deste blog para dar conta de diversas historias curiosas que aconteceron nos máis de cincuenta anos de historia do fútbol da Costa, que complementan o que publicamos no libro dos 50 anos da Historia do Fútbol da Costa (1964-2014). E comezamos cun artigo que cremos que se fai necesario: Que é a Liga da Costa? Cal é a súa historia? Cantos clubs a formaron?

----------------------------------------------------------


Cando na década do 1950 se fixeron de adoito os partidos amigables entre equipos máis ou menos estables de distintas vilas da Costa da Morte naceu en moitos deles a idea de xestar unha competición oficial. Así, en 1960 varios clubs solicitan da Federación Galega de Fútbol a creación dunha liga federada, para á que o ente federativo puxo como condición un mínimo de oito equipos. Parecía todo feito para que ese ano se iniciase a Liga da Costa, mais á última hora o equipo que se ía formar en Santa Comba botouse atrás e só eran sete os clubs que quedaban. Xa que logo, houbo que adiar a súa creación.
Teremos que agardar catro anos, cando en 1964 si se xunten ese mínimo de oito equipos e se oficialice a creación da Liga da Costa. Xa é ben sabido que estes oito clubs eran o Baio, Cee, Fisterra, Laxe, Poniente (de Carballo), Ponteceso, Porteño (da Ponte do Porto) e San Isidro (de Quintáns-Muxía). O 12 de abril de 1964 xogouse a primeira xornada da Liga da Costa, que oficialmente se encadra na temporada 1963-64. Para centrar a orixe do fútbol costeiro, digamos que esta campaña 20 equipos galegos xogaron en categoría nacional: un na 1ª División (Pontevedra), tres na 2ª División Grupo Norte (Celta, Deportivo e Ourense) e os outros 16 no Grupo I da 3ª División; por debaixo desta situábase, a nivel galego, a Serie A, que contaba con 15 equipos, divididos en dous grupos, Norte e Sur (no grupo Norte, estaba, entre outros, o Bergantiños). Fóra destes 35 conxuntos, todos os demais clubs galegos participaban en campionatos comarcais, como o creado esta temporada na Costa (por citar algún da provincia coruñesa, podemos falar da Liga do Sar, da Montaña, da Coruña, das Mariñas, de Arteixo, etc.).
Ponteceso-Poniente da temporada inaugural no Campo do Frade
Durante as 11 primeiras temporadas os equipos competían na Liga da Costa, pero coa creación da Rexional Preferente na campaña 1970-71 en substitución da Serie A, os equipos campións tiñan a posibilidade de ascender mediante promoción. Será na temporada 1974-75 cando a Federación decida regularizar estes campionatos "comarcais" e os encadre na categoría da 2ª Rexional. Curiosamente, non existía unha 1ª Rexional, pois entre a Preferente e a 2ª Rexional había unha categoría intermedia, a Serie A, que na época quedara como unha especie de categoría pechada, e os campións deses campionatos da 2ª Rexional seguían promocionando para subir á Preferente.
Categorías do fútbol galego desde a fundación da Liga da Costa
Na temporada 1978-79 xa se regularizan as competicións de forma lóxica, coa creación da 1ª Rexional e a supresión definitiva da Serie A, co que os ascensos e descensos seguían unha orde lóxica. Por esta época xa aumentara considerablemente o número de clubs costeiros, e decidírase xa na campaña 1977-78 dividir a liga en dous grupos por proximidade xeográfica. Cinco temporadas se mantivo esta división, o que quizais foi un dos motivos que provocou a creación de moitos máis equipos: pasouse dos 18 que había na 77-78 (máis dous en categorías superiores) aos 32 da 81-82 (máis nove en categoría superior); é dicir, dobrouse o número de equipos en só un lustro.
Na temporada 1982-83 fíxose un experimento de escaso éxito naquel momento, que foi a creación da 3ª Rexional. Aproveitando que na 1ª Rexional se fixeran dous grupos na provincia coruñesa (un de clubs da Coruña, Ferrol e Mariñas; e outro da Costa, Santiago e Barbanza), a Liga da Costa, que se seguiu xogando na 2ª Rexional, contou cun único grupo de 15 equipos, mentres que na nova 3ª Rexional había dous grupos costeiros, con 17 equipos en total. Isto foi cousa dunha única campaña, e na 1983-84 volveuse a unha Liga da Costa con dous grupos na 2ª Rexional. Logo de tres temporadas con esta situación, na temporada 1986-87 decídese modificar o grupo II da 1ª Rexional, que lembremos estaba formado por clubs de Santiago, Barbanza e a Costa, para dividilo en dous, por unha parte os equipos santiagueses e barbanzáns, e pola outra os costeiros. Xa que logo, o que en realidade se fixo, foi subir a Liga da Costa para a 1ª Rexional, mentres que na 2ª Rexional se mantiña un grupo costeiro.
Clubs participantes na Liga da Costa por concello
A Liga da Costa estivo cinco temporadas encadrada na 1ª Rexional Grupo II-B, manténdose na 2ª Rexional un grupo con moi poucos participantes (entre nove e doce, dependendo do ano). Na temporada 1991-92 volveuse ao grupo único provincial na 1ª Rexional e a Liga da Costa volveu para a 2ª Rexional, e de novo en dous grupos. A pouca competitividade que ofrecían estes grupos, con apenas dous ou tres equipos xogándose algo, fixeron que se retomase a idea de crear unha 3ª Rexional, e deixar a Liga da Costa nun grupo único na 2ª Rexional. Isto tivo lugar a partir da temporada 1993-94, e así se mantén ata o día de hoxe. A única modificación neste tempo foi a volta aos dous grupos na 1ª da provincia da Coruña, cos equipos da -Costa encadrados cos de Santiago e Barbanza, e a denominación oficial, que a partir da campaña 2006-07 modificouse o de Rexional por Autonómica e desde a 2015-16, este foi modificado por Galicia. Xa que logo, a Liga da Costa témola encadrada na 2ª Galicia.
Ata 69 clubs e 82 equipos participaron na Liga da Costa nas 54 temporadas que se levan disputadas de 24 concellos. A temporada na que competiron máis equipos foi na 1982-83 e 1983-84, nas que se chegaron ata os 45 equipos en activo.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

CEN ANOS DE FÚTBOL NA COSTA. 5. A CHEGADA DO FÚTBOL ÁS COMARCAS DE MUROS E DE NOIA

  O concello de Carnota: Deportivo Pindo e Carnota Apenas contamos con información de partidos de fútbol neste concello, a pesar de atopars...