11/09/17

OS INVICTOS DA LIGA DA COSTA

Ao fío da magnífica temporada que fixo o Corme CF na pasada Liga da Costa, manténdose as primeiras 26 xornadas sen perder, imos falar daqueles equipos que conservaron o casilleiro das derrotas en cero durante toda a liga, ou polo menos boa parte dela.
Nas 54 edicións que se levan disputadas da Liga da Costa foron cinco os equipos que lograron rematar un campionato sen perder un só partido. Catro deles foron campións e o quinto quedou subcampión.
Invictos e campións
Equipo do Noia SD da temporada 1973-74 que
gañou Liga e Copa da Costa [Foto cedida por Manín]
O primeiro invicto foi o Noia SD, equipo que gañou catro das cinco Ligas da Costa nas que competiu, pero foi na 1973-74 cando logrou o título sen perder ningún encontro (gañou 18 e empatou 2). O equipo no que militaban, entre outros, Lugo, Juanatey, Lete ou os fisterráns Miculita e Manín mostrou tal superioridade este ano que mesmo gañaría a Copa da Costa sen coñecer a derrota. Na temporada 1984-85, coa Liga da Costa dividida en dous grupos (Norte e Sur), o protagonista foi o Outes FC, que no grupo sureño gañou a liga sen perder ningún dos 24 partidos disputados (21 vitorias e 3 empates) e con tan só 15 goles encaixados. 
O espectacular UC Cee da temporada 1991-92
que gañou Liga e Copa da Costa [Foto: XM Ferreiro]
A SCD Malpica 96-97 iniciaría aquí a súa època gloriosa
que o levaría ata a 3ª División [Foto: Porto/Pose, 2004]
Tamén foi no grupo Sur da Liga da Costa da temporada 1991-92 cando o UC Cee logrou gañar a liga sen perder, con 24 vitorias e 2 empates nos 26 partidos celebrados, ao que lle hai que engadir o récord aínda non batido de conseguir a magnífica cifra de 135 goles a favor (5,2 goles de media por partido). O equipo dirixido por Manolín e cos José Carlos, Carlos Ares, Floreal ou os irmáns Augusto e Domingo, tamén gañaría a Copa da Costa, perdendo só o partido de volta da final (2-0, pero xa sentenciara na ida: 4-0). O cuarto equipo invicto foi a SCD Malpica, que na Liga da Costa da temporada 1996-97 repetiu o logrado polo Cee con 24 vitorias e 2 empates, aínda que unha reclamación por aliñación indebida dos seus veciños do Buño estivo a piques de botar por terra a fazaña, mais ao final o Comité de Apelación deulle a razón. Nada menos que 26 puntos sobre o segundo para este Malpica dos Suso, Ambrosio, Rogelio, Chilín, Rolando, Yoyo, Mouzo, Mino, Oscarín...-
Non perder e non gañar
O quinto caso foi o máis curioso, pois o Camariñas FC logrou rematar a temporada 1999-2000 sen perder ningún partido, pero non foi quen de gañar a liga. A razón está nos moitos empates que colleitou, pois dos 30 partidos disputados, gañou 17 e empatou os outros 13, polo que a SD Castriz superou aos camariñáns a pesar de perder catro encontros (gañara 21 e empatara 5). Si que sería campión se a vitoria valese dous puntos, pero desde a temporada 95-96 implantárase o actual sistema de puntuación e os homes de Berto perderon a liga fronte aos xalleiros adestrados por García e Mata.
Canda estes cinco poderiamos incluír o UC Cee da temporada 1964-65, que gañara os 16 partidos da Liga da Costa, mais a aliñación indebida no encontro de Fisterra (vencera 1-7) estragou unha campaña inmaculada.
A 2ª Rexional, cando a Liga da Costa se xogaba na 1ª Rexional, tamén deixou dous equipos invictos. Na temporada 1989-90 o Sp. Zas adestrado por Moncho Varela gañou 17 partidos e tan só empatou un (en Laxe), sendo tamén meritoria a campaña do SD Laxe, que só perdeu un partido (en Zas). Ao ano seguinte foi o Muros SD dirixido por José Manuel Blanco quen logrou manterse sen perder os 22 partidos da liga (14 vitorias e 8 empates).
Faltoulles pouco
O Camariñas FC 91-92 que arrasou no Grupo Norte
da Liga da Costa [Foto: XM Ferreiro]
O Corme CF da temporada 16-17 que se mantivo
invicto 26 xornadas [Foto: Santi Soneira]
Estiveron a piques de logralo outros seis equipos, pero tropezaron nos momentos finais. Foi o caso do SD LAXE da tempada 1981-82, que se mantivo 20 partidos sen perder ata caer na x.21ª da Liga da Costa, na súa visita a Cabana (2-1). Na 1986-87, na Liga da Costa da 1ª Rexional, o SD NEGREIRA chegou ata os 27 partidos sen perder, pero na x.28ª saíu derrotado no campo do Cabana (3-2). E de novo foi o Cabana (1-0) o que rompeu a impoluta marcha dun equipo costeiro, neste caso, o CAMARIÑAS FC, que chegou invicto ata a x.27ª da Liga da Costa Norte 1991-92. O MAZARICOS CF da Liga da Costa 1993-94 conseguiu o título ao estar sen perder as 20 primeiras xornadas, caendo na 21ª na súa visita ao Xallas (2-1). Xa neste século, na campaña 2006-07, o CF DUMBRÍA mantívose invicto ata a x.27ª, cando, xa campión, perdeu na súa visita a Zas (2-1). Estes cinco equipos alzáronse ao remate da competición co título da Liga da Costa. En troques, nesta última temporada 2016-17, o CORME CF estivo tamén 26 partidos sen perder, truncando a súa xeira o San Lorenzo (1-2) na x.27ª, e o equipo cormelán remataría a liga na terceira posición sumando ao final catro derrotas.
En resumo, cinco equipos invictos na Liga da Costa (e dous máis na categoría inferior) e seis que superaron a vintena de encontros sen perder. Se nos atemos só ás xornadas invictos, o récord está en mans do Camariñas 99-00, que, a pesar de non gañar a liga, sumou un total de 30 xornadas. O segundo posto teno o Negreira 86-87 con 27 xornadas, e no terceiro figuran cinco equipos con 26 xornadas invictos: Cee 91-92, Camariñas 91-92, Malpica 96-97, Dumbría 06-07 e Corme 16-17.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

CEN ANOS DE FÚTBOL NA COSTA. 5. A CHEGADA DO FÚTBOL ÁS COMARCAS DE MUROS E DE NOIA

  O concello de Carnota: Deportivo Pindo e Carnota Apenas contamos con información de partidos de fútbol neste concello, a pesar de atopars...