20/01/18

A "COPA RÍA DE MUROS"

UNHA COMPETICIÓN NON OFICIAL ENTRE 1968 E 1971

A Liga da Costa empezou en 1964 e a Liga do Sar en 1967, pero en ningunha das dúas figuraban equipos das comarcas de Muros e Noia, a pesar de que nesta zona o gusto polo fútbol vén xa de moi antigo. No noso libro dos 50 anos da Historia do Fútbol da Costa (1964-2014) xa constatamos a celebración dun partido de fútbol o 12 de xuño de 1921 entre o Muros F.C. e o Atalaya del Son, cuxa crónica publicada por Galindo Morales no xornal corcubionés Nerio é a primeira da que temos noticia no noso territorio futboleiro.
É por iso que non era de estrañar que os mozos deste territorio norte do Barbanza non se involucrasen para disputar unha competición oficial. E así foi que no verán de 1968 uns rapaces de Muros deseñaron o que habería ser un torneo, que malia que non era oficial por non estar homologado pola Federación Galega de Fútbol, si contaba con todas as características dunha competición seria. Foi a chamada "Copa Ría de Muros", e disputáronse catro edicións, entre 1968 e 1971. Quen mellor estudou este torneo foi Manuel Torres no seu libro De Esteiro Fútbol Club a S.C.R.D. Esteirana, editado en 2006 polo propio club esteirán. Nel podemos ler os estatutos que rexían a competición, que non se diferenciaban moito doutras, pero tiñan o particular de que estaba destinada tan só a xogadores menores de 23 anos. As condicións que se lle impuña a cada equipo participante era pagar unha inscrición de 250 pesetas e mais un aval doutras 500, dispoñer dun terreo de xogo, unha equipación numerada e dous balóns "de reglamento".
O Esteiro FC campión da Iª Edición 1968 [Foto: Torres, 2006]
Na I Edición, que se disputou nos meses de agosto e setembro de 1968, participaron 8 equipos: Atalaya de Campo de Cortes, Atlético Portugalete de Serres, Esteiro Fútbol Club, Club Lira, Rápido de la Virgen de Muros, Rayo de Muros, Sporting Muros e Volantes de Baño. A competición disputábase polo sistema de copa, a dobre volta, salvo a final, que era a partido único. E a esta chegaron o At. Portugalete e o Esteiro F.C., ambos os dous invictos, pero os primeiros tiñan a vantaxe de xogala no seu terreo de xogo, no campo da Rocha, en Serres. Congregáronse, segundo as crónicas, unhas tres mil persoas o 29 de setembro para presenciar esta final gañada polo Esteiro F.C. grazas a un único gol marcado de David, -que fora o máximo goleador da competición con 8 goles-, non exento de polémica, pois mesmo disque tivo que intervir o alcalde de Muros para refrendar a decisión do árbitro de dar validez ao gol, pois os de Serres reclamaban que houbera unha man previa.
Noticia de El Correo Gallego
A II Edición contou tamén con oito participantes, mais só tres repetían con respecto ao ano anterior. Os clubs participantes eran o Club Deportivo Águila de Noia, Club de Fútbol Carnota, Club Lira, Esteiro Fútbol Club, Monte Louro Fútbol Club, Rápido de la Virgen, Relámpago de Caldebarcos e Unión Cultural Deportiva Muros. Seguiuse xogando polo sistema de copa, con dobre volta, a excepción da final, que se xogaría no novo campo de San Juan, en Serres. Desta edición temos máis información, pois El Correo Gallego contaba con correspodente na vila muradá, José Manuel Sande, que deu conta do desenvolvemento da competición. Así, na rolda de cuartos, o Carnota desfíxose do Rápido de la Virgen (4-0/1-1), a UCD Muros non puido co Monte Louro (1-2/1-3), o Relámpago de Caldebarcos eliminou ao Águilas de Noia (3-0/0-2), e na eliminatoria estrela, o Lira perdera en Portocubelo co Esteiro (5-6), pero en Artón impúxose por 1-4 na prórroga, logo de chegar ao remate do partido vencendo 1-2. Nas semifinais, o Relámpago e o Monte Louro remataron os dous partidos igual (2-2), pero na prórroga xogada no campo do Lago, os de Louro marcaron tres goles e puxeron o 5-2 final; na outra eliminatoria, tamén empate a 2-2 na ida entre Carnota e Lira, e vitoria liracha en Portocubelo por un axustado 3-2. Á final, que se xogaba o 21 de setembro, chegaban, pois, o C. Lira e o Monte Louro F.C.. Nos días previos o xornal compostelán insertara algunha entrevista, como a Ricardo A. Torres, presidente da organización, que afirmaba que os principais problemas eran a falta de árbitros, e non lle vía sentido á polémica que suscitaran as fichaxes que facían algúns equipos de xente de fóra da Ría (en clara referencia ao Lira, que contaba con xogadores federados de Fisterra e Sardiñeiro). Nunha entrevista ao míster dos loureáns, Eleuterio Formoso, opinaba que o torneo estaba moi ben porque fomentaba o fútbol na zona, mais tamén creaba rancores. En canto ao partido da final, non houbo moita historia pois o xa denominado "club dos millonarios", o Lira, gañaba con claridade por 3-0 ao Monte Louro.
El Correo Gallego
A III Edición disputouse en 1970 e, con respecto ás anteriores variou en que se vai disputar polo formato de liga. Ademais modificouse o regulamento, podendo incluír dous xogadores maiores de 23 anos, e permitíanse facer dous trocos durante o partido. Volven ser oito os clubs participantes: Campo de Noia, Club de Fútbol Lira, Club de Fútbol Tambre da Serra de Outes, Esteiro Fútbol Club, Industrial de Noia, Monte Louro Fútbol Club, Outes Club de Fútbol e Unión Cultural Deportiva Muros. Causara baixa o equipo do Carnota, pois ese ano entrou a competir oficialmente na Liga da Costa, sendo o primeiro club da zona en facelo. 
O Lira campión da IIIª Edición, con Manín coa copiña na man
[Foto cedida por Manín]
A experiencia do novo formato foi desastrosa, e os problemas sucedíanse cada semana e o comité de competición estaba sempre en entredito. As crónicas son agora moitas menos que na temporada anterior en El Correo Gallego, que informaba agora desde Noia. As seis primeiras xornadas foron transcorrendo dentro dos cauces normais, mais a aliñación indebida coa que foi castiagado o Esteiro no seu partido co Muros, que gañara 1-4, e a sanción de dous puntos na clasificación, fixo que xa non se presentase a xogar na xornada 7ª e abandonase a competición; por outra parte, e segundo as crónicas o Monte Louro, que xa se retirara na xornada 3ª aos 15 minutos cando perdía 3-0 sen que fose sancionado, acababa moitos dos seus partidos con invasión de campo e intentos de agresión aos árbitros, polo que acabaría sendo expulsado da competición. Xa que logo, a segunda volta, foi esperpéntica, e mesmo nos xornais apenas se publicaban os resultados (tan só as crónicas dos dous equipos de Noia). Con todo, non hai que desmerecer ao claro campión da competición, que foi o Club Lira, que só perdeu dous partidos, curiosamente o primeiro e o último -este cando xa era campión-, e nel sobresaíu un xuvenil fisterrán chamado José López Marcote, pero que todo o mundo coñecía xa por Manín. Fora o máximo goleador da liga, con 19 goles.
Juan Gestal informaba
 para El Ideal Gallego
na IV Edición (1971)
A IV Edición, en 1971, volveu ao formato da copa e contou con só seis participantes, pois os equipos de Noia deixaron a competición: o Campo transmutaríase na S.D. Noia e pasou a xogar a Liga da Costa, mentres que o Industrial competiu na Liga do Sar. Os seis clubs participantes eran o Atlético Portugalete, Club de Fútbol Lira, Club de Fútbol Tal, Esteiro Fútbol Club, Outes Club de Fútbol e Tines D. F. C. Como podemos apreciar volvían competir os de Serres, e creábanse dous novos clubs, un no Concello de Muros (CF Tal) e outro do de Outes (Tines DFC). A final xogaríase un ano máis no campo municipal de San Juan, e a data foi o 30 de setembro de 1971. Alí chegaron o C.F. Lira, o favorito coas fichaxes fisterrás, e o Esteiro F.C., que para contrarrestar o potencial liracho fora buscar ao seu veciño Benigno, que recentemente fichara polo Deportivo, baixo o pretexto de que morrera súa avoa, e para disimular ante o club coruñés déranlle á prensa o nome de Rodri, segundo conta Torres no seu libro. Falan as crónicas de cinco mil persoas, que viron como Manín adiantaba ao Lira, empataba de penalti Paco, e Manín, con dous goles máis, poñía terra por medio; conseguiu igualar o marcador o equipo esteirán con goles de Torres e Rodri (é dicir, Benigno) e levar o partido á prórroga, na que un gol de Fidel deulle o título ao Esteiro.

Pechábase así a historia deste competición, que só contou con catro edicións, pero por ela pasaron ata 19 clubs de catro concellos da Ría de Muros e Noia: Carnota, Muros, Noia e Outes. O Esteiro Fútbol Club e o Club de Fútbol Lira, con cadanseus dous títulos, foron os triunfadores da competición, sendo ademais eles dous os únicos que participaron en todas as edicións. Os clubs desta zona irán, pouco a pouco, seguindo os pasos do Carnota e do Noia e incorporándose á Liga da Costa: na 1971-72 farao a Esteirana, na 1972-73 o Outes...

25/12/17

AS COPAS DE RASO, AS COPAS DO XALLAS


"A LIGA PARA AS MULLERES, A COPA PARA OS HOMES"

Raso, no Balsiño (1967)
Con esta frase, politicamente incorrecta hoxe en día, resumía Raso os éxitos do Xallas na Copa da Costa despois de obter modestos resultados na Liga. E é que José Suárez Suárez, coñecido como Raso, foi un personaxe peculiar e visionario. Nacido na emigración arxentina en 1918, aínda que retornado de moi novo, foi empresario e funcionario do concello de Santa Comba, pero sobre todo destacou como presidente do Xallas F.C. desde a súa fundación en 1966. Xunto con outros directivos, como Ricardo Capeáns, aproveitaron o campo do Carreiro, construído como moitos outros na Costa co esforzo dos veciños, e fórono dotando pouco a pouco dos medios necesarios para a disputa de partidos oficiais: vestiarios, bancadas, etc. E tamén desenvolveron grandes iniciativas como a de conseguir as equipacións a través dunha marca comercial, como foi no seu caso "Jabones Lagarto", que lles regalou unha equipación con camiseta verde e pantalón negro, que acabaron sendo as cores do equipo xalleiro. Coa escolla do nome da comarca para bautizar o club de fútbol de Santa Comba, Xallas F.C., e as ansias dos rapaces locais por xogaren de forma federada, xa estaban dados os pasos para inscribirse na Federación Galega de Fútbol.
La Voz de Galicia, 23-10-66
E isto ocorreu en 1966, cando xa se levaban disputadas dúas temporadas da Liga da Costa sen que a vila de Santa Comba participase. Entrou a competir na temporada 1965-66, e o primeiro partido oficial do club foi o 10 de abril de 1966, no Carreiro, ante o Bergantiños B, que acabou con vitoria visitante (1-2). Acabou esta primeira temporada no 7º posto (de 11 equipos), moi lonxe do campión Muxía CF que dirixía Eduardo Toba. Pero na Copa xa foi outro conto, pois o equipo renovouse coa fichaxe de dous dianteiros composteláns, Pahiño e Nicanor, e tras librar no sorteo da rolda previa, comezou o seu camiño copeiro nos cuartos de final contra o Soneira. Sentenciou a eliminatoria na ida cunha goleada (4-0), que fixo que a volta fose un trámite en Vimianzo (perdeu 1-0). Nas semifinais tocoulle o Buño SD, que viña de rematar 3º na liga, a un punto do campión. No campo de Xaviña venceron os oleiros (2-1) e na volta no Carreiro os xalleiros tamén gañaron pola mínima (1-0), polo que o finalista decidiuse no lanzamento de penaltis -como vedes, aínda non se premiaba o valor dos goles en campo contrario-. Estivo máis atinado o Xallas na quenda e presentouse na súa primeira temporada na mesma final da Copa da Costa. O rival, nin máis nin menos, era o campión ligueiro, o Muxía CF, que xa non dirixía o futuro seleccionador español, senón o tamén xogador Tito Luaces. O 9 de outubro xogouse a ida en Muxía, e o partido sorprendentemente rematou sen goles. Sete días despois disputouse a volta en Santa Comba, na que o Xallas presentou a seguinte aliñación: Arufe; Varela I, Lema, Paredes; Villar, Castro; Atilano, Pahiño, Nicanor, Durán e Nito (obsérvese a puntuación, pois marca a disposición táctica: 1-3-2-5). Adiantouse o cadro muxián grazas a un gol de Alejandro, pero no último minuto, Pahiño, logo dun lanzamento de falta, logra o gol da igualada. 
La Voz de Galicia 25-10-66
A resolución do torneo tiña que dilucidarse nun terceiro partido, e para iso os dous contendentes escolleron o campo municipal de Vimianzo. Nos días previos puidemos ler na prensa coruñesa declaracións de xogadores e adestrador muxián dándose por claros favoritos, pero o mesmo afirmaba Raso nunha entrevista con Del Valle en La Voz de Galicia [23-10-66]. O 23 de outubro o campo de Vimianzo estaba ateigado de xente, con numerosos autobuses chegados desde as dúas vilas e afeccionados procedentes de toda a Costa. Polo Xallas FC formaron: Arufe; Varela, Lema, Paredes; Castro, Durán; Atilano, Villar, Amarelle, Pahiño e Nicanor. Aos 20 minutos Luaces II consegue marcar para os muxiáns e antes do descanso o xalleiro Varela era expulsado. Non estaban contentos os seareiros xalleiros coa arbitraxe de Díaz Sollozo e mesmo solicitaban que o seu equipo se retirase do campo. Mantívose o sentido común e o Xallas saíu no segundo tempo intentando conseguir o empate, e logrouno cun disparo de Atilano, e igualáronse as forzas ao expulsar o colexiado ao muxián Nené. Houbo que disputar unha prórroga, e mediada esta un balón solto chégalle a Amarelle, que consegue bater a Che e poñer o 2-1 que había ser definitivo. Vitoria do Xallas e primeira Copa da Costa que vai ás súas vitrinas.
Formacións do Muxia CF e Xallas FC, este en primeiro termo, en Vimianzo,
de esq. a der.: Varela, Arufe, Paredes, Castro, Lema, Durán, Atilano, Pintinho,
 Amarelle, Pahiño e Nicanor. [Foto: santacombanamemoria.es]
El Ideal Gallego, 04-10-67
Na temporada 1966-67 o Xallas FC rematou a liga xusto no medio da clasificación (5º de 9 equipos), pero renovou case todo o equipo para a Copa. Volveron Pahiño e Nicanor, xunto con outros xogadores como o portorriqueño Arana ou o noiés Matito, ex-xogador da 1ª División en equipos como o Betis, Oviedo ou Elche. Novamente librou de xogar a previa, e nos cuartos de final volveulle tocar o Soneira, pero este non era un equipo calquera, era o actual campión de liga que aproveitara a baixa do Fisterra para fichar algúns dos seus mellores homes. O 27 de agosto o Soneira impúxose en Vimianzo pola mínima (2-1), pero na volta o 3 de setembro os xalleiros golearon ao seu rival (4-0). Para as semifinais o rival foi o Muxía CF, que quería tomar o desquite da final da temporada pasada; o partido de ida disputouse coincidindo coas festas da Barca no campo da Beiramar, e os muxiáns venceron por 2-1. O 17 de setembro, en Santa Comba, o Xallas non deixou lugar ás dúbidas e varreu ao Muxía do campo (6-1). 
Gol de Matito na final contra o Negreira no Carreiro (24-9-67)
[Foto: santacombanamemoria.es]

Presentábase o cadro xalleiro na súa segunda final consecutiva e o seu rival vai ser o subcampión ligueiro, a SD Negreira. O partido de ida dispútase no Carreiro o 24 de setembro, nunha tarde con temporal de chuvia e vento que fixo que a asistencia fose menor da agardada. Contan as crónicas que foi un partido igualado, pero que a eficacia dos dianteiros locais deixou case sentenciada a final. Xogaron polo Xallas FC: Arufe; Lema. Rá, Puchini; Creo, Ventura; Nicanor, Rivera, Matito, Pahiño e Arana. No minuto 17 Rivera marca o primeiro gol para os locais, pero só tres minutos despois empata Juanciño; no 34 volve Rivera poñer por diante aos seus, e no minutos 40 unha discusións entre porteiro e defensas visitantes con xogadores locais co balón en xogo remata co gol do máis listo, Ventura, para poñer o 3-1 co que se chegou ao descanso. No segundo tempo aumentaría o Xallas o marcador cun gol de cabeza de Matito no minuto 85, dous despois de que o Negreira perdese por expulsión ao central Cartagena. A volta disputouse o 1 de outubro no campo do Cepelo, nunha tarde de verdadeiro verán que levou moita xente a presenciar o partido, a pesar da vantaxe que levaba o Xallas do encontro de ida. E a renda aumentaría no minuto 18, cun gol de Rivera, co que se chegaría ao tempo de lecer; na continuación a SD Negreira conseguiría darlle a volta ao marcador e polo menos acabou gañando o partido, con goles de Vilas (minuto 73) e Tomé de penalti (minutos 78), e poñer o 2-1, resultado co que perdeu todos os seus partidos como visitante o Xallas nesta edición da Copa. Os protagonistas do partido de volta por parte xalleira foron: Arufe; Puchini, Rá, Lema; Creo, Ventura; Chislengo, Rivera, Matito, Arana e Varela.
Equipo do Xallas FC na final da Copa da Costa en Negreira:
Arufe, Varela, Puchini, Rá, Aparicio, Ventura, Amarelle; Nicanor,
Rivera, Matito, Pahiño e Arana. [Foto: santacombanamemoria.es]


El Ideal Gallego, 08-10-68
Na temporada 1967-68 o Xallas fixo unha pobre Liga da Costa, rematando antepenúltimo, polo que os afeccionados tiveron que agardar polo trofeo copeiro. Como se xa fose tradición, o Xallas libra da previa e xoga os cuartos de final contra o Soneira, que non os viu na eliminatoria: 6-0 en Santa Comba e 0-3 en Vimianzo; nas semifinais o rival do Xallas vai ser o Fisterra, e nova dobre vitoria dos xalleiros: 4-2 no Carreiro e 1-3 en Fisterra. Comentaba Del Valle na súa sección "Antena Regional de los Modestos" en La Voz de Galicia: "los vestuarios del nuevo campo de Finisterre están sin techo. Primero la lluvia los sorprendió con las uralitas sin poner, luego la 'ducha' fue a cargo del Xallas de Santa Comba que los 'bañó' en su propio campo. ¡Vaya equipo que tiene el Xallas! Esto se lo oíamos a uno que los vio jugar en plan de campeones como acostumbran a hacerlo en la Copa. ¿Con tanta 'copa' no se marearán los muchachos de Santa Comba?". E é que en catro partidos, o Xallas case lograra os mesmos goles que en toda a liga. Na final o rival vai ser a SD Buño, que acabara 4º na liga, e o partido de ida dispútase o 29 de setembro no campo de Xaviña, con moito público que comprobou asombrado como os oleiros derrotaban sorprendentemente aos ¿mareados? xalleiros cun amplo marcador de 3-0, grazas aos goles conseguidos por Cances (minuto 3), José Luis (minuto 80) e Novo (minuto 85), aínda que a dicir das crónicas a mala actuación do gardameta xalleiro tivera que ver moito no resultado final, ao que tamén lle engade Emilio Amado en El Ideal Gallego os erros tácticos cometidos polo adestrador visitante. Formaran polo Xallas FC: Arufe; Aparicio, Pachini, Arana; Ventura, Matito; Joselín, Rivera, Juan Ramón, Lete e Juanito. A volta no campo do Carreiro o 6 de outubro, tivo, na opinión de Emilio Amado, un protagonista especial na figura do árbitro, o Sr. Cascudo. No minuto 12 concede un máis que discutible penalti aos locais que transforma Santi no 1-0, e tras milagreiras ocasións erradas polos xalleiros chegouse con ese marcador ao descanso. No minuto 62 Matito poñía o 2-0, pero os oleiros tiñan controlado un partido, que ben puido quedar sen algún dos seus protagonistas polas moitas faltas e incidencias que disque houbo. Con isto, chegouse ao minuto 88 no que se produce un dos chamados "goles fantasma" a favor do Xallas, que Amado sinala que entrou claramente pois el atopábase nesa portería. O árbitro non o concedeu e o Buño proclamouse campión da Copa da Costa co mérito de facelo con xogadores da súa canteira, moitos deles aínda xuvenís.
El Ideal Gallego, 07-10-69
Temporada 1968-69, e o Xallas remata a liga na 5ª posición de 9 equipos participantes, pero novamente se renova o cadro de xogadores para a Copa (que xogan 8 equipos por renuncia do At. Bergantiños). Nos cuartos de final o rival do Xallas é o CD Baio, e no partido de ida xogado no Balsiño o "farol vermello" consegue empatar ante o poderoso cadro xalleiro (2-2), pero na volta no Carreiro gaña con facilidade (3-0). Nas semifinais o rival vai ser o Fisterra, que, tras unha boa liga, non vai ver os xalleiros diante, cun baño maior que o da temporada anterior (7-1 en Santa Comba e 1-4 en Fisterra). 
O portorriqueño Arana, o
primeiro xogador de cor
na Copa da Costa
Presentábase o Xallas por cuarta temporada consecutiva na final, e ía ter como rival ao Ponteceso SD, que exerceu de local no primeiro partido disputado no seu novo campo Municipal. O 21 de setembro os da vila de Pondal impuxéronse por 2-0 ao Xallas con goles de Conde (minuto 10) e Ventura en propia meta (minuto 54), en dous despexes errados de Arufe. Xunto a este xogaron no Xallas FC: Puchini, Ventura, Rúa; Mayer, Kubala; Lete, Rivera, Matito, Quique e Joselín; como por vez primeira se permitían os trocos, no segundo tempo Aparicio substituíu a Lete. O dianteiro Joselín fora expulsado na primeira parte por protestar un gol anulado. O encontro de volta xogouse o 28 de setembro no Carreiro, e o Xallas formou con: Arufe; Aparicio, Puchini, Rúa; Mayer, Ventura; Lete, Rivera, Matito, Arana e Kubala. Cun gol de Kubala (minuto 15) chégase ao descanso, e o equipo xalleiro bótase ao ataque no segundo na busca da igualada, pero o Ponteceso creaba máis perigo nas contras, pero Arufe salvou aos seus. Pero será Rivera no minuto 70 o que marque e poña o 2-0 que sería definitivo, polo que se tivo que xogar un partido de desempate. Novamente elixen o Municipal de Vimianzo para disputalo, o 5 de outubro, cunha entrada "ata a bandeira". O Xallas era o favorito, pero os goles non chegaron ata mediada a segunda parte. No minuto 65 un penalti a favor do Xallas é transformado por Mayer para poñer o 1-0, e cinco minutos despois Rivera conseguía o segundo; no minuto 87 Lete certificaba a vitoria. Saíron polo Xallas FC: Arufe; Arana, Puchini, Rúa; Mayer, Ventura; Lete, Quique, Matito, Rivera e Kubala. Era a terceira Copa da Costa para o Xallas en catro finais consecutivas.
Xallas FC na final da Copa da Costa contra o Ponteceso: Arufe, Ipiña (adest.),
Aparicio, Puchini, Duro, Rá, Mayer, Ventura, Rafael; Lete, Rivera, Matito,
Arana, Kubala e Quique. [Foto: santacombanamemoria.es]
E vai ser tamén o final dun ciclo, pois o equipo xalleiro vai deixar de apostar pola Copa da Costa, de transformar o equipo da liga nun novo para este torneo. Atrás quedaron as concentracións en Santiago co presidente durmindo cos xogadores para que non fosen de esmorga, as comidas na casa de Capeáns, a presenza do médico Atomé, as tácticas de Ipiña, etc. etc. Habería que agardar moitos anos para que os loureiros copeiros volvesen ás vitrinas deste clásico da Costa, concretamente ata a temporada 2001-02, e conseguiría a quinta Copa na 2015-16. O Xallas FC participou en 41 edicións da Copa da Costa, con 180 partidos disputados -o que o converten no 5º equipo nesta clasificación-, venceu en 80 deles, empatou 42 e perdeu 58; marcou 336 goles e encaixou 277. Os seus cinco trofeos colócano como o segundo con máis entorchados, por detrás do UC Cee (suma 7), e as seis finais que disputou sitúano como cuarto por detrás de Cee e Ponteceso (9) e Fisterra (8). Esta é a historia do Xallas FC na Copa da Costa, unha historia que empezou un presidente que dixo que a Copa era para os homes... xalleiros.

09/12/17

A (M)ARCA DE NOÉ

É ben certo o dito de que en Fisterra dáslle unha patada a unha pedra e sae un futbolista. E foron moitos os que saíron, e moitos os que triunfaron no mundo do fútbol, chegando algún mesmo á 1ª División, pero ningún deles se mantivo tantas temporadas en categoría nacional como Noé. A súa marca de partidos xogados na 3ª División (591) vai ser difícil de superar, e todos eles no mesmo equipo, o CCD Cerceda. Pero antes disto houbo outros equipos e outras ligas.
UD Corcubión xuvenil 93-94 con Noé man en terra
[Foto cedida por Manín]
Celestino Noé López López naceu en Fisterra o 17 de xuño de 1977, polo que acaba de chegar aos 40 anos. Lonxe queda a temporada 1993-94 cando Noé, como foi coñecido futbolisticamente, debutaba na Liga da Costa sendo aínda xuvenil de primeiro ano. Facíao na UD Corcubión, a onde chegara da man do míster Manín, xunto con outros rapaces fisterráns, do cadete da SD Fisterra. Co equipo corcubionés proclamaríase campión da liga costeira xuvenil, conseguindo subir á Liga Galega nunha fase de ascenso na que mesmo chegaron á final, que perderían co Chapela de Redondela. Noé foi o máximo goleador daquel equipo xuvenil e o seu adestrador definíao nun especial asinado por José Manuel Ferreiro en La Voz de Galicia (18·4·94) como "un xogador hábil, con moita velocidade e de fácil remate con ambas pernas".

Xallas FC xuvenil 94-95 con Noé anicado (2º pola dereita)
[Foto cedida por Manín]
Noé coa SD Fisterra
[Foto: JMF]
Na campaña seguinte, Manín marcha para o Xallas FC, e Noé decide acompañalo. No equipo de Santa Comba alternaría o xuvenil co sénior da Liga da Costa. O Xallas perdeu esa liga pola golaveraxe fronte ao Lira, e os fisterráns abandonan o club rumbo ao Ponteceso SD, onde xogarían esa mesma temporada a Copa da Costa. Continúan no equipo pontecesán na vindeira campaña na Liga da Costa, pero en novembro Manín é cesado, e Noé tamén se vai, no seu caso para fichar polo SD Fisterra, que militaba na 1ª Rexional. Seguiría Noé no club da súa vila natal na temporada 1996-97, na categoría provincial, onde xa destacou como gran goleador. Este mesmo ano o SD Fisterra conseguiría proclamarse campión da Copa da Costa, gañándolle na final ao Ponteceso SD, nun cadro fisterrán con futuras estrelas do fútbol galego como Llanero, César, Pesca e o propio Noé, que axiña abandonarían o equipo en busca de cotas máis altas.
Noé no Bergantiños FC
[Foto: JMF]
O destino de Noé estaba no Bergantiños FC, que na temporada 1997-98 competía tamén na 1ª Rexional. A pesar de que o club carballés non lograra o obxectivo de ascender, o bo rendemento do fisterrán faría que o CCD Cerceda se interesase por el e lle ofrecese estar a proba na pretemporada; superou o exame con boa nota -fora o máximo goleador dos partidos de preparación-, e o míster Carlos Brizzola decidiu fichalo. O 30 de agosto de 1998 Noé debutaba na 3ª División no partido Cerceda-Caselas, xogando os últimos dez minutos. Esa temporada o CCD Cerceda acabou terceiro, polo que Noé xogou a súa primeira promoción de ascenso á 2ªB. Aínda que esta primeira campaña xogou máis partidos entrando desde o banco que de titular, a partir da súa segunda temporada no Roxo xa se asentou no once inicial. Non fora esta unha boa campaña para os cercedenses, que quedaron fóra do play-off, pero Noé xogaría case todos os partidos e foi o segundo máximo goleador do equipo. Peor foron as cousas na temporada seguinte, na que o ascenso do Celta B salvou o Cerceda de descender. Melloraron na 2001-02, pero sería na temporada 2002-03 cando conseguise o primeiro título co Cerceda: campión da 3ª División. Na fase de ascenso logo perderían as opcións de subir. Volvería repetir título co Cerceda na 2003-04, e aquí prodúcese un cambio importante para Noé, pois o míster Fernández Abel pono a xogar de carrileiro, e nesa posición será o que xogue máis minutos do plantel. Novamente se lle negou o ascenso ao Cerceda, quedando fóra na primeira das novidosas eliminatorias de promoción. Esta temporada supuxo o debut do Cerceda, e tamén de Noé, na Copa do Rei; o 27 de agosto o Cerceda recibiu ao Barakaldo no Roxo sen que houbese goles, para despois perder en terras vascas.
Na temporada 2004-05 o Cerceda non cumpre os obxectivos e queda fóra da promoción, con Noé convertido en fixo no lateral dereito para os catro adestradores que tivera o equipo. Nova participación na Copa do Rei, eliminando na previa ao Castillo canario, para ter a fortuna de enfrontarse ao Deportivo da Coruña na seguinte rolda a partido único: xogouse no Roxo o 27 de outubro de 2004, con vitoria coruñesa (0-2).
Burgos CF 05-06 con Noé anicado (1º pola esq.)
Xa que co Cerceda non puido dar o salto á 2ªB, Noé decide fichar polo Burgos CF. Co lucense Fabri no banco, debuta na categoría de bronce en Zamora, o 27 de agosto. Pero a mala sorte cebaríase co fisterrán, pois despois de ser titular nas primeiras xornadas, unha lesión truncaríalle a temporada, non chegando nin a disputar a promoción de ascenso á 2ªA. Volvería para o Cerceda na 2006-07, unha temporada irregular tanto para el como para o club, pois as lesións fixeron que apenas xogase a metade dos partidos e o equipo que era líder destacado en marzo acabaría fóra dos play-off. Recuperaría a regularidade Noé na seguinte campaña sendo o segundo que máis xogou, pero o equipo novamente fracasou no intento de disputar a promoción. Si o conseguiría na 2008-09 ao rematar cuarto, pero a ilusión quedou truncada na primeira eliminatoria co Peña Sport. Noé encabezaría o apartado de minutos xogados no equipo desta temporada e tamén da seguinte, na que o Cerceda sería subcampión e disputaría unha nova promoción. Nesta desfaríase do Costa Cálida CF murciano, do CD Alfaro rioxano e perdería na última eliminatoria co CD La Muela aragonés por un só gol.
Noé pasou no Cerceda de dianteiro a lateral [Foto: JMF]
Na temporada 2010-11, o Cerceda, despois de participar na Copa do Rei -eliminado pola UD Logroñés-, gañaría outra vez a liga da 3ª División, con Noé no podio dos que máis xogaron, mais o ascenso volvéuselle resistir; tras perder na fase de campións coa UE Llagostera catalá, na segunda oportunidade eliminounos a madrileña UD Sanse. Na 2011-12 o Cerceda foi terceiro, xogando Noé menos do habitual polas lesións; iso si, estivo na promoción, na que se desfixeron do Cuarte CF zaragozano, pero non puideron co CF Fuenlabrada madrileño. Esta campaña volveron xogar a Copa do Rei, na que eliminaron a todo un CD Tenerife na primeira rolda, pero caeron na seguinte coa UE Llagostera. A temporada 2012-13 supuxo para Noé volver encabezar o apartado de minutos xogados, mais o equipo fixo unha mala campaña e acabou na zona media. Volvería aos postos altos na 2013-14, a piques de saír campión, pero tivo que conformarse co subcampionato e cun primeiro rival na promoción, o CD Tenerife B, que os deixaría fóra. Similar situación se deu na 2014-15, co Cerceda terceiro na liga, e caendo na primeira eliminatoria, neste caso coa SD Logroñés. Tras xogar menos do habitual nesta, Noé volvería ser segundo en minutos xogados na 2015-16, na que o Cerceda foi subcampión. Na promoción desfíxose do Villaralbo CF zamorano e do CD Azuqueca guadalaxareño, para xogar o ascenso co At. Sanluqueño; tras empatar en terras andaluzas parecía que este ano si se ía dar, pero o Cerceda perdeu no Roxo e escapou unha nova oportunidade. Na última temporada, Noé volveu pasar polo calvario das lesións e apenas puido participar, e mesmo tivo que ver desde o banco a súa undécima promoción, neste caso co Jerez CF estremeño.
18 anos defendendo as
cores do CCD Cerceda
[Foto: JMF]
Poñía fin aquí Noé a unha traxectoria de 24 temporadas competindo como sénior, 19 delas en categoría nacional (18 na Terceira e 1 na 2ªB) e outras cinco a nivel máis modesto (repartidas entre a Liga da Costa e a 1ª Rexional). Disputou practicamente 600 partidos ligueiros en categoría nacional, os que Noé foi titular en case o 93% deles; e os seus 591 partidos de liga co Cerceda -36 deles de promoción- supoñen a mellor marca non só do club (lonxe quedan os 349 de Souto ou os 346 de Toño), senón de toda a 3ª División galega (para ver a magnitude das súas cifras, só 21 clubs galegos teñen máis partidos que Noé na historia desta categoría). Xogou ademais oito partidos da Copa do Rei, o único xogador que participou en todos os encontros do Cerceda nesa competición (e todos os minutos, 780). E poderiamos ampliar o seu currículo falando da Copa Federación, da Copa Galicia ou da Copa Deputación, e tamén dos partidos coa Selección Galega de Afeccionados (coa que foi campión de España na temporada 2009-10 e disputou como tal a Copa das Rexións UEFA 2010-11), co que as cifras do fisterrán aumentarían aínda máis. En definitiva, estes non son máis que os rexistros, as marcas da súa vida deportiva; os recordos vividos en todos este anos tenos gardados Noé na súa arca.

11/11/17

DÚAS PUBLICACIÓNS

Hoxe traemos aquí dúas publicacións que acaban de chegar ás nosas mans nestes días e que queremos compartir con vós. Por unha parte acudimos á revista O Dez, que trae da man de Xabier Maceiras un artigo sobre a famosa eliminatoria da Copa do Rei entre o Bergantiños e o Rayo Vallecano, da que se cumpriu esta semana o 30º aniversario. E por outra parte, achegámonos á Estrada para falar do fútbol neste concello a través do seu campo de fútbol, o mítico Campo da Baiuca, e da implicación do pobo estradense na construción do campo, algo que compartiron tamén con moitos equipos da Costa.

A Copa do Rei en Carballo: Bergantiños-Rayo Vallecano

A revista coruñesa O Dez -posiblemente a mellor revista de fútbol en Galicia na actualidade- aborda no seu nº4 un partido que fixo historia na vila de Carballo, como foi a eliminatoria da Copa do Rei entre o Bergantiños FC e o Rayo Vallecano madrileño. Xa falamos brevemente deste enfrontamento no noso libro dos 50 anos da historia do fútbol da Costa (1964-2014) (vide. pp.188-189), pero agora Xabier Maceiras profundiza un pouco máis nas páxinas 32-34 desta revista baixo o título "Trinta aniversario da 'noite dos transistores'". Este grande investigador arteixán desenvolve o acontemento dos dous partidos e mesmo entrevista ao protagonista da confrontación, o capitán bergantiñán Lucho. O 5 de novembro de 1987 disputouse o partido de volta no vello campo Municipal carballés, o mítico campo do Chorís, ante máis de 3000 espectadores, entre un cadro local que acaba de ascender á 2ª División B e o mítico equipo madrileño que militaba daquela na 2ª División. A resolución da eliminatoria resúmese na frase do adestrador visitante: "Se nos ha aparecido la Virgen", pero este partido quedou para sempre na memoria colectiva do fútbol carballés e costeiro.

A Baiuca. A implicación dun pobo, por Ricardo Terceiro

O campo da Baiuca, na Estrada, é un deses campos que forman parte da historia do fútbol galego e a través del Ricardo Terceiro cóntanos tamén a historia do fútbol neste concello da Estrada. Nun libro financiado polo propio autor, ex-directivo do CD Estradense, podemos ir comprobando o duro que é soster un club de fútbol modesto, que contaba no seu tempo cunhas instalacións modélicas, que foron froito da implicación dos seareiros estradenses.
Principia a obra cun prólogo de Juan J. García Cota, actual xefe médico do  R.C. Celta e da Selección Española, e ex-xogador e ex-presidente do C.D. Estradense. Despois o libro divídese en 11 capítulos, que comeza coa prehistoria do fútbol na Estrada, coa chegada deste deporte nos anos vinte do século pasado, cos primeiros equipos que se formaron. Pasa despois ao período da posguerra para tratar dos diferentes campos que os rapaces estradenses ían acondicionando para xogar os partidos. Ata que chega a idea, compartida desde o Concello, de construír un auténtico campo de fútbol e competir de forma oficial.
En 1959 van dar inicio as obras do que será o Campo de Deportes Municipal, e escóllese a zona da Baiuca para o acondicionamento dos terreos. As obras foron realizadas polo propio consistorio, que conseguiu moitas axudas de institucións públicas, pero que na época eran insuficientes para o proxecto que se pretendía levar a cabo. Con todo, ese mesmo ano xa estaría disposto e listo para a competición o terreo de xogo, que era o obxectivo inicial para poder competir.
Así, logo, ese mesmo ano 1959 fúndase o Club Deportivo Estradense, que vai competir oficialmente na Liga das Rías Baixas. Xogou o equipo no campo da Baiuca, mentres as obras continuaban nel coa construción das bancadas e vestiarios axeitados. E aquí a directiva estradense buscou a implicación das empresas e dos propios seareiros. Significativo foi o que deron en chamar "Operación Bloque", campaña popular na que os afeccionados pagaban os bloques cos que se ía pechar o campo, e así era frecuente nos bares ver frases como esta: "cóbrame tres viños e catro bloques", ou mesmo nas partidas de cartas en vez de xogar as consumicións xogar tantos bloques para o campo de fútbol. A implicación do pobo estradense foi tal que en setembro de 1960 as obras xa estaban acabadas. Puideron logo, pedir os do Estradense o seu ingreso na Serie A Rexional, competición máis ou menos pechada na que era obrigatorio ter unhas boas instalacións (polo menos campo pechado, vestiarios individualizados e duchas de auga quente).
O Campo de Deportes Municipal da Baiuca era xa unha realidade, cunha señorial bancada, e cunha pista de atletismo, que todo hai que dicilo con algún grave defecto (o foxo da auga dos 3000 m. obstáculos foi construído ao revés), pero no comezo da década de 1960 era un dos mellores campos de Galicia. O CD Estradense competíu na Serie A Rexional ata que se regularizaron as competicións a mediados da década de 1970 e pasou á Rexional Preferente. Os anos oitenta trouxeron os peores anos deportivos do club, co descenso á 1ª Rexional e incluso á 2ª Rexional, pero no final da década xa se volveu á Preferente. e despois xa alcanza a 3ª División. Tras sete campañas nesta categoría, volve descender á Preferente na 1997-98, e descender á 1ª Rexional na 2004-05, pero axiña volve á categoría biprovincial. Na 2010-11 volve competir na 3ª División, pero só aguantará dúas temporadas nesta categoría, e baixará de novo para a Preferente, na que se atopa actualmente.
No 2010 deténtase problemas estruturais que fan dunha importante reforma no campo, á que se lle buscan diferentes solucións (a máis insólita, a construción dunha nova tribuna pegada ao campo e a pista de atletismo por detrás dela), ata que se decide en 2012 que o mellor é facer un novo campo. O 18 de maio de 2014 xogouse o último partido oficial no Campo da Baiuca, para pasar a temporada seguinte ao Novo Campo Municipal da Estrada. O vello e glorioso campo foi derrubado en 2016 rematando con el máis de medio século de historia do fútbol estradense e galego.

19/10/17

E NA BANDA ESQUERDA... JUAN CABREJO

Juan Manuel Cabrejo Pasantes naceu o 26 de maio de 1975 en Camariñas, cando na súa vila aínda non había club de fútbol. Habería que agardar ata 1977 para que se fundase o Camariñas FC, e de aí saísen xogadores como os Camuel, Furoco, Gamela, Perucho, Pichurri, os Vigo, Xaviñán, etc. etc. e tamén Cabrejo, pai do noso protagonista e que gañou a primeira Liga da Costa para o Camariñas na temporada 1978-79. Juan, ou Juanillo, ou Cabrejo, ou Juan Cabrejo enseguida se destacou como un gran futbolista e, tras xogar cos xuvenís xa con 14 anos, con apenas 16 anos debutou co primeiro equipo Camariñas FC. Nesa temporada 1991-92 Juan proclamouse campión da liga xuvenil como actor estelar e foi campión da Liga da Costa como actor secundario; cos xuvenís foi o segundo máximo goleador do equipo (10 goles), nun conxunto que, dirixido por Berto Suárez (de só 20 anos), contaba con xogadores como Guillermo ou Tono, que habían chegar a xogar en categoría nacional. Na 1992-93, con Camuel no banco, Juan xa pasou a xogar de xeito sistemático co equipo sénior, na 1ª Rexional provincial, asentado na banda esquerda da medular. Aínda que no equipo había bos goleadores, Juan acababa as temporadas marcando un gran número de goles. Nesa temporada, o Camariñas acabou na zona media (11º posto), pero na 93-94 rematou 3º, e puido ser segundo se non se centrase na Copa da Costa. Nesta competición os camariñáns practicamente arrasaron, pois só perderon un partido: na ida das semifinais, en Corcubión (2-1), ante un rival no que despuntaba un fisterrán chamado Noé que había seguir unha traxectoria semellante á de Juan; ese día aos 5 minutos marcou Noé, á media hora empatou Juan. Na final contra o Laxe tamén marcaría Juanillo, abrindo o marcador de penalti, o que dá mostra da súa personalidade: un xuvenil tirando un penalti decisivo na final da Copa da Costa, cando no equipo estaban os Berto, Vigo, José Marta, Gerpe ou Pepucho. O Camariñas gañou os dous partidos (2-1/0-2) e logrou a súa primeira Copa da Costa.
Camariñas 93-94 na final da Copa da Costa.
Juan Cabrejo, anicado, co balón. [Foto: JMF]
Na temporada 1994-95 o Camariñas rematou a liga na zona media, mais este ano estaría como adestrador do equipo Juan José Vila, que, aínda que foi cesado na segunda volta, terá relevancia no futuro profesional de Juan. O equipo volve destacar na Copa da Costa e álzase co trofeo na final disputada contra o San Lorenzo de Berdillo, con goleada nos dous partidos (2-5/4-1), cun gol inaugural de Juan no encontro de volta, para darlle ao Camariñas a segunda e, de momento, última Copa da Costa. Na temporada 1995-96 o Camariñas tamén se mantivo nos postos medios toda a liga, en boa medida grazas aos goles de Juan, que ese ano destacou como goleador; pero a desilusión veu no trofeo copeiro, onde non puideron ser os primeiros en gañar tres títulos consecutivos. O San Lorenzo desquitouse nos cuartos de final, e impúxose claramente aos camariñáns. O partido de volta disputado en Berdillo o 5-5-1996, vai ser o último que xogue Juan co Camariñas, porque no verán seguinte vai cambiar de aires... e de categoría.
Noticia da fichaxe de Juan polo
Betanzos en La Voz de Galicia
Para a temporada 1996-97 o Betanzos, da 3ª División, contaba co oleiro Ramón Piña de adestrador, e de segundo estaba Juanjo Vila, que axiña irá buscar aquel rapaz zurdo que destacaba no equipo camariñán. A pesar de ter ofertas doutros clubs como Cerceda ou Deportivo B, Juan aceptou a proposta dos betanceiros. O 1-9-1996 debutaba Juanillo na 3ª División, no partido Porriño-Betanzos, entrando no minuto 74. Non xogou moito esta temporada no cadro betanceiro, pero iso non foi óbvice para que se fixase nel o Compostela, que o ficharía para a temporada seguinte.


Juan na SD Compostela
A campaña 1997-98 xogaría Cabrejo no Compostela B, tamén da 3ª División, e aquí si que ía destacar. Xogando en posicións máis atrasadas, foi titular en case todos os partidos ligueiros, incluídos os da promoción de ascenso. O filial proclamouse campión de liga, pero non puido ascender á 2ªB. Non chegou a xogar na SD Compostela ese ano en 1ª, pero si o faría co primeiro equipo santiagués as tres seguintes temporadas, xa na 2ªA. Con Antonio Maceda no banco, debutou na categoría de prata o 30-8-1998, fronte ao Recreativo de Huelva en San Lázaro. A pesar dos cambios de adestrador que tivo o equipo (ata 5 sumou ese ano), Juan superou os mil minutos de xogo no seu debut na categoría. Mesmos números na temporada seguinte, e novo baile de adestradores (esta vez, tres) para un equipo que estivo a piques de baixar. O de Camariñas xogou bastante con David Vidal e con Pichi Lucas, pero perdeu minutos con Ballesta no tramo final. A renovación deste para a seguinte campaña trouxo para Cabrejo un mesmo panorama, con poucos minutos, polo que decide abandonar o equipo no mercado invernal. O seu último partido cos compostelanistas foi en Murcia, no que foi titular e reemprazado despois polo laxense Anxo. 
Coa camisola do Eibar
[Foto: JMF]
Cabrejo fichou pola SD Eibar, tamén da 2ª División e alí si que se fixo dono dun posto no once titular, nun equipo eibarrés no que xogaban cedidos os realistas Barkero, Joseba Llorente ou Xabi Alonso. Co seu bo rendemento continuou a temporada 2001-02 no conxunto vasco, no que foi o xogador que disputou máis minutos do equipo, o que fixo que lle chovesen as ofertas. Decidiu fichar polo Elche CF, que tiña miras de ascenso á 1ª División, pero o seu papel non foi o agardado, pois apenas xogou 15 partidos. Con todo, continuou no club ilicitano a seguinte temporada 2003-04, pero a situación non mellorou e en xaneiro marcha para a AD Ceuta, da 2ªB, en busca de minutos. No conxunto africano tivo a continuidade que necesitaba, pero o equipo non alcanzou os desexados play-off de ascenso.
Co Elche visitando San Lázaro


Celebrando o ascenso co Carta
Para a campaña 2004-05 volveu a onde triunfou, a un Eibar dirixido por Mendilíbar, e que, con xogadores como Iraizoz, Gaizka Garitano ou David Silva, foi a revelación e a piques estivo de ascender á 1ª División (foi cuarto). Cabrejo foi titular toda a primeira volta, pero perdeu o sitio na segunda, na que contou moitos menos minutos. Cos 30 anos cumpridos, o de Camariñas decide aceptar a oferta do FC Cartagena, un conxunto que aspiraba a ascender á 2ª División. Con Ignacio Martínez foron campións de liga, pero serían eliminados no play-off de ascenso polo Vecindario e non puideron subir. Juan foi titular toda a temporada, e seguiríao sendo na seguinte, na 2006-07, onde o equipo non cubriu o obxectivo de xogar a promoción -foi 5º-, pero o camariñán foi o segundo do plantel que máis xogou. Datos que repetiu na 2007-08, pero o Cartagena non saíu da zona media. Para a 2008-09 o Cartagena volveu apostar de novo polo ascenso, e primeiro co galego Fabri e despois con Paco Jémez no banco, o conxunto murciano proclamouse campión do Grupo IV, e conseguiu ascender na eliminatoria fronte ao Alcoyano. Cabrejo foi o xogador do equipo que máis minutos xogou, converténdose en peza básica do equipo, e un dos máis queridos pola afección. Por iso sorprendeu que non contasen con el para a seguinte temporada na categoría de prata.

Co Cerceda volveu a
Galicia [Foto: JMF]
En vista disto, e con 34 anos, Juan decide que é o momento de volver para Galicia, e ficha por un dos equipos punteiros da 3ª División, o CCD Cerceda. No conxunto cercedense faría unha boa campaña, a pesar das lesións. O equipo foi subcampión de liga, e estivo a piques de ascender, pero o La Muela aragonés quitoulle o premio no último partido. Máis problemas coas lesións tería na temporada 2010-11, que só lle permitiron xogar a metade da liga e non puido disputar a promoción de ascenso, despois de proclamarse campións de liga. Xa estaría en plenitude de condicións na 2011-12, e acabaría a temporada como o terceiro que máis minutos xogou do equipo, un equipo que rematou a liga no terceiro posto, xogando unha nova promoción de ascenso, e de novo sen éxito.
Na SD Ordes estivo catro
anos [Foto: JMF] 
Outra vez ser titular indiscutible non lle valeu para renovar, e Cabrejo tivo que buscar a vida noutro equipo, e non foi moi lonxe. Na SD Ordes xogou o de Camariñas as catro seguintes temporadas, e abofé que xogou, pois foi fixo no lateral esquerdo do conxunto ordense esas catro campañas. E como para pechar o círculo, para a temporada 2016-17 a SD Compostela ofreceulle volver ao equipo que lle dera paso ao fútbol profesional, e non puido negarse a retirarse no equipo compostelán. A pesar de xogar a maioría dos partidos de liga, Juan Cabrejo decidía ao final desta campaña poñer fin á súa vida como futbolista, cando apenas conta con 42 anos.

Equipo titular da Selección Galega,
con Juan Cabrejo, anicado, no centro
Remata esta carreira con case 600 partidos en categoría nacional, ou para sermos máis exactos, 598 (xustamente un máis que o seu amigo Noé), divididos entre os 146 da 2ªA, os 148 da 2ªB e os 304 da 3ª División. Foi titular en case o 90% deles, e entre eles incluímos os 17 de promoción de ascenso, tanto á 2ªA como á 2ªB. Ademais deses 598, temos que falar dos 13 partidos da Copa do Rei, competición na que participou en sete ocasións. E outros moitos en competicións menores, como poden ser a Copa Federación, Copa Galicia ou a Copa da Deputación, competicións todas das que foi campión. E, por último, temos que referirnos á Selección Galega, que o 28 de decembro de 2005 volvía disputar un partido despois de moitos anos. No Estadio San Lázaro, onde saltara á fama, Juan Cabrejo xogou como titular no combinado galego fronte á potente selección do Uruguai, á que venceron por 3-2.



05/10/17

GAÑAR A LIGA DA COSTA POR CATRO CENTÉSIMAS (DE GOL)


SD Buño 68-69: Santiago, Martuxa, Chindo, Ito, Gelucho,
Tarabela, Juan Núñez (adestr.), Luis; Pepe, Luis, Novo,
Longo, Americano, Casal I, Casal II (masaxista)
Das 54 edicións que se levan disputadas da Liga da Costa, en cinco delas chegouse ao remate da temporada con dous equipos empatados a puntos no alto da táboa clasificatoria. A primeira foi na campaña 1965-66, na que o Muxía CF se impuxo ao Fisterra SD pola mellor golaveraxe particular, nun emocionante final ligueiro no que tamén estaba implicado o SD Buño e do que xa falamos ao tratar da figura de Eduardo Toba. Estes tres equipos volveron ser protagonistas do desenlace da Liga 1968-69, da que falaremos máis adiante. A terceira vez tivo lugar na temporada 1994-95, e nela o Lira CF acabou empatado co Xallas FC, pero proclamouse campión pola golaveraxe particular. Foi pola diferenza xeral de goles pola que o Fisterra SD lle gañou a Liga 2001-02 á UD Carnota, logo de que os dous sumasen os mesmos puntos ao remate da temporada, e gañasen pola mínima os seus respectivos enfrontamentos. Pola golaveraxe xeral tamén se resolveu a Liga 2009-10 entre Sp. Zas e Xallas FC, que chegaran á última xornada con cinco goles de diferenza máis para os zasenses, de aí a goleada do Xallas ao Lira (8-0), que se viu superada polo 0-10 do Sp. Zas en Louro, o que lles deu o título aos sportinguistas.
Pero centrémonos agora na temporada 1968-69, que foi moi distinta ás outras fundamentalmente polo sistema polo que se aplicaba a golaveraxe xeral, que non era como hoxe en día, que se efectúa restándolles os goles en contra aos goles a favor; naquel momento aplicábase dividindo os goles a favor entre os goles en contra, por iso era máis importante non encaixar que marcar.
Pero vaiamos por partes, porque como dixemos nesta historia hai tres protagonistas: Buño, Fisterra e Muxía. Axiña se viu que eran os máis fortes dos nove integrantes da liga, e tamén que os resultados entre eles eran moi parellos, así que foron considerando a importancia dos goles. E a mellor vítima propiciatoria era o pechacancelas Baio, que viu como na xornada 13ª o Muxía lle endosaba un escandaloso 12-0. Non quería ser menos o Buño, que recibía ao Baio na 15ª, e os baieses foron para a casa quentes cun 13-1, pero máis quente foi o pobre Pepe de Agosto, a quen se lle "ocorrera" marcar un gol que lles podía custar o título aos locais. O caso é que, farto de que o árbitro sinalase sistematicamente fóra de xogo cada vez que un xogador baiés cruzaba a liña do medio do campo, Pepe soltoulle un fungueirazo ao balón desde campo propio que acabou dentro da portería do sorprendido porteiro oleiro, e o árbitro non tivo máis remedio que conceder o gol.
O empate entre Muxía e Buño da xornada 16ª confirmaba a total igualdade entre os tres equipos na golaveraxe particular. Así, chegamos á última xornada coa seguinte clasificación: Buño (26 puntos, 46 goles a favor e 12 en contra; isto é, un cociente de 3'83), Muxía (24 puntos, 48 goles a favor e 14 en contra; cociente de 3'43) e Fisterra (24 puntos, 35 goles a favor e 12 en contra; cociente de 2'92). E nesa última xornada ao Buño tocáballe descansar, polo que os seus rexistros eran xa definitivos. Xa que logo, o Muxía, que recibía ao At. Bergantiños, tiña que gañar por 6-0 para superar o Buño, mentres que o Fisterra precisaba gañar 0-11 en Baio para empatar cos oleiros... e despois muxiáns e fisterráns ir mirando o que facía un e mais o outro.-
Crónica da última xornada da Liga
da Costa 68-69 en La Voz de Galicia
Cando presentamos en Fisterra o noso libro dos 50 anos de historia do fútbol da Costa, un integrante daquel equipo fisterrán confesounos que para facer máis sinxela a consecución do título decidiran que había que comprar o árbitro, cousa que disque todo o mundo facía. Alá foron á Coruña falar con el, pero non viñeron moi convencidos de que fose aceptar o trato, polo que pararon en Baio para xogar sobre seguro. Falaron coa directiva baiesa ofrecendo unha boa cantidade de cartos pola goleada e chegaron a un acordo. Pero o Baio, que só gañara un partido na liga, venceu aquel día por 4-1 ante o asombro de todos, os primeiros os fisterráns que buscaban na directiva local unha resposta ao acontecido. Segundo nos confesara hai tempo o presidente baiés daquel entón, a directiva non lles comunicara aos xogadores a compra do partido convencidos de que se ía perder igual e así quedaban cos cartos para os gastos das fichas da temporada seguinte. Pero... quen contaba?
Co Fisterra descartado, o Muxía tiña nas súas mans superar o Buño marcándolle media ducia de goles ao At. Bergantiños. E parecía cousa feita cando conseguía o quinto a falta de vinte minutos para o remate, pero non foi quen de perforar unha vez máis a meta rival, grazas, segundo as crónicas, ao central dos carballeses Eladio Moscoso, orixinario de Buño, que se esforzou para que os seus veciños gañasen a liga. O 5-0 co que se chegou ao final do partido, supuña que o Muxía rematase cun cociente de 3'79; é dicir, catro centésimas menos que o 3'83 que tiña o Buño, que se proclamou por vez primeira campión da Liga da Costa. Catro centésimas de gol que valeron unha liga!!!


Copa da Costa. Palmarés e partidos xogados por cada club

O xalleiro Arana levanta un dos primeiros trofeos da Copa da Costa      Esta temporada dispútase a edición número 60 da Copa da Costa, que ...